“Los labios de los sabios”

Rogelio Reigosa, cronista de Castro Verde, corenta anos despois

Los labios de los sabios”

Era o seu cronista desde 1970 e proxectou con elegancia a Castro Verde no tempo. Agora a súa delicada figura e os valores que defendeu en vida son vítima da amnesia colectiva. Fican dispersas e esquecidas un cento de valiosas entregas da súa persoal achega documental “Haciendo historia”, doentes de un arquivo municipal que os acolla e dea brillo.

Sobre as valgas dese antigo señorío, asoma a obra social que don Rogelio puxo en marcha e non hai recuncho na comarca que non garde a lembranza das súas pescudas manuscritas nas décadas centrais da centuria en que habitou este prócer entregado a ilustrar a veciñanza.

Mais a luz naqueles ollos foise  cegando e a tardiña do 27 de novembro do 75 púxose escura na cruz do Empalme. Aquela sobria voz quebrou no duro asfalto e as campías verdes do seu reino ficaron orfas do seu canto, permanente desde aquel último ano do mil oitocentos que felizmente o encarnara aos pés do Monte Pradairo.

O día do sepelio, xusto hai corenta anos, El Progreso distinguía ao seu pertinaz colaborador co derradeiro traballo inédito: “La boda de Carlos II y María Luisa de Orleáns y su repercusión en la obra pía de Villabad”, en recoñecemento ao seu labor de divulgación histórica de Castro Verde, e das terras irmás de Chamoso, de Lugo e de Luaces.

O selo oficial do municipio, depositado en 1870 na sección de Sixilografía do Archivo Histórico Nacional, era para el o símbolo de toda a enerxía acumulada en séculos de historia testemuña dos tempos. Por iso lamentaba que nos termos de CASTROVIRIDIS xa non se tirase proveito deste emblema, tratando de remembrar nos documentos oficiais un pasado de avoengo, simplemente “porque aprendimos y enseñamos en la Escuela, que los libros son los labios de los sabios y los santos”.

E tiña para si que o aspecto tristón dos paredóns do priorado de Monte Cubeiro (“el pueblo de nuestros afanes”) eran a funesta expresión do decreto de incautación que Mendizábal promovera en 1836 para engordar o tesouro do Estado liberal, reclamando como propiedade de dito monacato a cadea coas súas farropeas que falsamente se atribúe aínda hoxe ao carismático castelo medieval.

Don Rogelio déixase levar da señardade cando o declive do XIX arrastra o esplendor das casas insignes dos Páramo-Montenegro, de Pardos e Osorios que campeaban por Vilabade, por Pena ou por Cellán. Chora piadosamente a demolición da capela de San Martiño de Bolaño “como milenario recuerdo histórico” do ancestral Condado de Chamoso e confesa humilde que non puido saber da rota do camiño francés da que falan os dominicos no XVII, aínda que traza con exactitude o camiño de Santiago “que viene de Fonfría, Montouto, Fontaneira, Gondar…” e que catro décadas despois é patrimonio mundial.

O eximio cronista acreditaba con fervor na parroquia como primeira comunidade orgánica, de aí a súa frustrada teima por descubrir a localización do primitivo templo de Pena, aínda que nesa andaina atopase como recompensa a Diego Osorio e Santiso erixindo o soberbio pazo de Carballedo.

Mestre oficial e párroco de Santa María de Monte, o maxisterio permitiulle sobrevivir en Madrid nos anos da guerra, cando -como o poeta e crego chairego Crecente Vega- tivo que ocultar a roupa talar. E lembra con certo pesar que “estando yo en Madrid, en tiempo del dominio rojo” asistiu á saída do famoso ouro de Moscú e como en 1937 se abortou a súa programada viaxe a Rusia acompañando nas colonias escolares ao seu inspector e dramaturgo Alejandro Casona, aquel que proclamaba que as árbores morren de pé. Logo resarciuse erguendo unha escola na súa aldea natal do Alvaredo e un novo templo con reloxio na torre que presidía o val de Outeiro onde cada alba abría unha porta ao futuro sobre os alicerces seguros da memoria.

Fillo dun popular galeno e familiarizado co quirófano, coidaba don Rogelio que os reflexos de calquera ser humano son os mesmos frente á enfermidade e lamentaba que ficasen vacantes os postos de médico na sociedade rural, mostrando a súa constante vea humanitaria e solidaria, profundamente comprometida co desenvolvemento de Castro Verde aínda máis nos seus derradeiros textos.

Como ben conclúe, “Al cerrar este comentario, juzgo benemérita labor toda obra que se haga para reponer lo que Castroverde encierra de sus tiempos pasados…”. O Castro Verde “duerme-vela de unas piedras” onde don Rogelio adiviñou a dura loita que nos dan “unos vestigios, símbolos de honda preocupación de unos hombres en aquellos tiempos por el bienestar de un pueblo”.

O domingo 29, nesa fatídica hora, don Rogelio Reigosa, o historiador, o cronista castroverdense, o crego, o educador e o veciño amigo, terá un verso na súa cova “ad perpetuam memoriam”, e con el a certeza de que a influencia dun mestre pode ser infinita.

Ricardo Polín

Opinión.Rogelio Reigosa.docx