As escaleiras de vida

¿Que facemos neste mundo, nesta vida? ¡Construír escaleiras! ¡Iso, chanzo a chanzo, sempre para arriba! ¿E aló arriba, qué? ¡A despedida da terra, séxase, a terraza!

De materiais, a educación; e coa educación a cultura. A vida é laboriosidade, afianzamentos, boa pedra. Con area non se pode construír, pero sen ela tampouco fragua o cemento. Tantos ingredientes ten a vida que xa son infinitos. O mérito está en combinalos, como fixo este Moisés que ten na man…, que? ¡Polas trazas, parécese a Moisés coas táboas da Lei na man, pero é un simple artista. ¡Iso si, artista! A vida é arte, un arte precioso e complexísimo, unha masa cementérea de ledicias e padecementos. ¿Todo revolvo? ¡Non; todo moído, ben afinado!

Os vagos non viven: vexetan! Os traballadores soben, fan da súa vida unha escaleira. ¿Que destino lles darán no Ceo aos vagos…, se é que os deixan entrar? Deus, o Construtor do Universo deunos exemplo construíndo; por tanto, cabe esperar que nos tome a lección, así que…, a construír!

Eu séntome honrado de ser, como galego, un bo traballador; e por encima diso, nacín na terra dos Castros Verdes. Outros méritos non levarei para entrar, para subir, ás terrazas do Ceo, pero, o que é por vago, tranquilo, que diso é imposible que me acusen, que me fagan purgar.

Xosé María Gómez Vilabella