Homenaxe aos nosos muíños de Castroverde
Inmortalizados xa están, que ben se ocupou diso o noso Presidente, Muñiz Besteiro, visitándoos, retratándoos, ciceroneando neles. Eu só quero, só pretendo, dedicarlles o meu persoal relembro, ao que estamos obrigados tódolos herdeiros, tódolos seus beneficiados; en definitiva, todos! Próximo está o día no que os herdeiros dos muíños esquezan que seus avós participaron neles a título de copropietarios.
Si, muíños de herdeiros, que eran os de réxime cooperativo, a maioría, pois ao ser pouco caudalosos os nosos ríos pouco se prestaban para explota-los seus saltos en réxime industrial. Coido que sería unha boa idea traspasar a titularidade dun muíño ben situado, accesible, de privado a público para mantelo en boa conservación, e que así oficiase de museo, conservándolle, en bo estado, o seu rodicio, as pedras, coa correspondente armazón de madeira, a muxega, as tullas da fariña, o burro de mover / volca-la pedra superior para o seu picado / reposición, etcétera, etcétera.
Estes molturadores fannos evocar aquela mocidade que ía ao muíño coas eguas da casa, xeralmente en fornada dobre, dúas sacas de liño da tea, unha por cada lado da albarda, ben enlobetadas con lazos e contralazos, nós e contranós, dunha longa reata, xeralmente en crin animal, obras dos cordeiros, que tanto abundaron nesta zona; tanto, que incluso orixinaron apelidos. Todo iso para asegurar a carga, un sostemento difícil polos inevitables traspés da besta nos croios do camiño.
O da dobre fornada tiña por intención enche-lo forno, co máximo de pezas, para que o pan se endurecese, dúas ou tres semanas, que así “fundía” (duraba) máis, naqueles tempos tan prolíficos, dun consumo estrito, curto e monótono: pan e patacas, mazás e castañas, con algún que outro torresmo, de cando en vez; os queixos, especialmente os da facenda miúda, máis cotizados, íanse no cesto da feira…, ¡para paga-los trabucos!
Coincidindo, agardando, no muíño, as troulas conseguintes, ¡a muiñeira!, naquelas esperas interminables, gardando a vez, día e noite, porque as aceas non paraban…, ¡mentres quedase un grolo de auga no banzado!
Os patrucios, relatores das historias locais, metade crónica / metade inventiva, inventores / transmisores das adiviñas e das coplas, cuns exercicios de anfiboloxía que apenas pasaron á literatura actual, logrando así un divertimento ameno e retranqueiro, cunha forte carga de erotismo pero sen caer nas chocalladas que se lle atribúen, sen fundamento, ao noso folclore. As chocalladas actuais, particularmente as da “tele”, son cousa dos nosos avances culturais. Con aquel humor, a moralexa leccionante; iso sempre, particularidade que tamén temos medio esquecida. Recuperamos o galego, a lingua, pero máis na forma que no fondo, lamentablemente.
De cando en vez asomaban os sancristáns, co macho, co mulo, do señor Párroco, ou do Prior, para que lle mercasen, no propio muíño, aquelas fanegas recollidas de casa en casa, en pía devoción e / ou por sometemento, antigamente foral, pois cada quen daba do que tiña, ¡e incluso do que compraba!, para satisfacerlle á parroquia os esconxuros do trono, as rogativas da chuvia, os baixamáns polos defuntos da casa, e de paso, polos deudos da familia, etcétera.
En xeral, unha cultura complexa, da que nunca se escribirá abondo pois ese é o substrato deste país, a saiba fecunda que nos foi configurando a partires do mundo rural.
Así, deste xeito, nas chairiñas fronteiras dos muíños, cando non no seu interior, á forza de agardar, noite por día, mañá por tarde, chegábase ás brincadeiras, ás loitas eróticas, aos escarceos de conquista, xogos de namorar…; en definitiva, que tamén para iso se ía ao muíño, lugar axeitado, recollido, máis có adro parroquial, poñamos por caso.
Unha noite no muíño,
unha noite non é nada;
unha semaniña enteira,
¡iso si que é muiñada!
Nunca faltaba quen tocase algo, -que o cantar era colectivo-, cun instrumento sinxelo, ás veces improvisado, que iso de leva-la gaita e / ou o pandeiro ás aceas non era tan frecuente como poda pensarse. O usual, que así o lembramos os rapaces da posguerra, era obter, coa navalla, -que ninguén andaba sen ela polas súas, múltiples, aplicacións prácticas-, un canuto de castiñeiro, unha casca tenra, que era ben doado face-las soar de gloria; así tiñamos, ¡tiñan!, acompañamento rítmico, de fondo.
Nestas concorrencias, cos xogos, os cantos, os urros, a danza…, todo revolto e mesturado, unha ambientación de seu ben suxestiva. Iso de move-los brazos e mailas pernas, propio da muiñeira, nunha especial acrobacia, nun equilibrio gracioso, que tanto chama a atención, non ten outro misterio, na súa evolución coreográfica, que aquela necesidade primixenia de manterse en pé cando se danzaba, cambiando de lugar, nas encostas do muíño, de tódolos muíños de auga, -aceas-, que necesariamente, por pura mecánica, estaban emprazados, case que colgados, nunhas grandes e incómodas quebradas.
A curiosidade, o interese, a petición de datos que adoitan formular os rapaces das escolas cada vez que se achegan a un muíño cos seus profesores para somerxerse neste proceso histórico cultural, é de seu elocuente: Sitúanse, sábense, no cume dun proceso que se iniciou machacando, á man, que xa o di a verba, nesas pedriñas que lles mostran nos libros, e fisicamente nos museos, recoñecendo así os esforzos que fixeron os seus entregos, esforzados a cal máis, para elevalos ao nivel actual dos seus estudios. Sen a natureza, sen os vestixios da propia cultura, os libros pouco máis son que un instrumento etéreo, alleo, e, ás veces, incluso, aborrecible.
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta