CULTURA HERDADA
-II-
Épocas
Cando falemos da Galicia rural, particularmente dos séculos XIX – XX, hai que esquecerse das calendas xulianas e traducir por:
Verán. A Sega e mais Agosto (herbas, segas, mallas, etcétera). Non apetecía o sol da praia xa que se tiña, abundante, na porta da casa. O que apetecía era a sombra.
Outono. Que finalizaba polo San Froilán, unha festa máis que patronal, colleiteira. ¡aquí empezaba o inverno agrícola! Despois do San Froilán pouco se necesitaba dos nenos, eran prescindibles, así que adoitaban mandalos á escola. O Mestre, fose a ferrados ou en cartos, xa se contratara, previsoramente, entre a Sega e o Outono, cando máis tardar, que para despois só quedaban libres os novatos ou secundós.
A primavera proclamábase, propiamente, o Domingo de Ramos, ¡árbores máis que ramos!, caese cando caese, que daquela comezaba a labor dos hortos, as patacas, etcétera, así que facían falta os nenos, a súa colaboración, maiormente se a casa tiña un certo potencial agrícola; de non telo, os rapaces xa non irían á escola.
¿Local da escola? Nas privadas, xeralmente o cuarto do “corredor”, cuarto-comedor das festas. As casas pobres nunca deron local para esas escolas de temporada, e nas ricas sempre houbo un sobrado axeitado, máis ou menos luminoso, pero relativamente digno.
¿O catecismo? O catecismo arrimáronllo os curas ás escolas nacionais, maiormente porque as controlaban eles, incluso en períodos esquerdosos. Lembremos aquí a disputa que se atribúe a Palmeiro de Luaces co seu cura, ao que lle argumentou que o seu eran as matemáticas, e que o especialista en relixión era, debía ser, o crego; ¡así foi fusilado, seica, na horta do Seminario de Lugo, pois o seu cadáver nunca se localizou! Os pais do rural, en familias dun mínimo cultural, sempre ensinaron o catecismo en por eles, e máis ben os avós. A Doutrina era unha disciplina oral, memorística, que xa se practicaba antes de que o neno / a coñecese as vogais. ¡A boa hora ían pagar unha escola para recitar, día tras día, aqueles rezos, aquelas ladaíñas da lareira! Coñecín moitísimos analfabetos das letras, da lectura e da caligrafía, pero, ¿analfabetos en relixión…? ¡Nin os máis curtos!
O de contar sempre se ensinou nas casas, empezando polos dedos das mans. A etapa seguinte, co gando: as vacas, que eran pouquiñas; e despois, as ovellas; por aí adiante. O debuxo dos números adoitaba ser, igualmente, caseiro; nas pizarras de lousa, co pizarrín. Sumar e restar era ben doado cos múltiples exemplos da vida cotiá; algo máis complexas eran as operacións de multiplicar e dividir, que esas si que se cantaban (a táboa respectiva) na escola. Os bos mestres esixían un dominio absoluto das táboas, a tal punto que a “tomaban” do dereito, do revés, e salteada. Coñecín infinidade de labregos que, p. e. nas feiras, efectuaban operacións complexas, mentalmente e con abraiante exactitude, dándolles qué facer aos tratantes.
Para falar de difusión no ensino hai que comezar polos conventuais, e non só en Montecubeiro; tamén algo, pero pouco, moito menos, polo clero parroquial. Os mestres foron máis ben transmisores, difusores, engadindo algo por si mesmos, de xeración en xeración, pero tampouco un milagre; considerados en bloque, quere dicirse, como clase.
En canto á circulación fiduciaria, moi escasa aínda que relativamente pois os vinculeiros sempre tiveron algún diñeiro; o que pasaba era que llelo facilitaba o patrucio subrepticiamente, e atesorábano para merca-las lexítimas aos irmáns, ou para proporcionarlles a dote ás mozas casadeiras. Nunca houbo segredo mellor gardado, obviamente para iso, e para pintarlles a miseria aos minorazos, para que devolvesen a “pasaxe” desde América, para que axudasen ás casas.
No século XIX, para non remontarnos máis atrás, as feiras inxectaron moito diñeiro neste país: vendíase pouco, é certo, pero mercábase aínda menos, que todo era da casa, da casa ou do país, fosen mobles, ferramentas, alimentos, calzados e vestidos. Ese conto de “paga-los foros” tivo algo de conto, pois en xeral eran baratos, e logo que se pagaron máis ben coas aportacións dos emigrantes, coas “letras” dos emigrantes. Iso dos foros foi, en parte, un instrumento político, unha falacia tardía, dos demagogos do 30. O caso é que no ano 1926, Lei de Redención de Foros de Primo de Rivera, segundo os Rexistradores da Propiedade na provincia de Lugo só quedaban unhas rendas censadas por debaixo dos dous millóns de pesetas; das de daquela, por suposto, pero aínda así representa pouco endebedamento para unha provincia eminentemente rural.
O fondo da cuestión era que o Mestre non procedía de casa rica, que nese suposto bo coidado tería de non ilustrar aos seus veciños; nin precisaba paga de ningún tipo, que o cacicato habitual, tradicional, das familias fidalgas proporcionaríalles mellores rendementos. Sempre eran de casa media tirando a pobre: non lles sobraba o froito, e logo que, ao facerse medio señoritos, non adoitaban facer grandes cavadas. Por outra banda, pagar en especie, aínda que logo a revendesen, era o máis normal, incluso nas obras dos rendistas, pazos, mosteiros, etcétera. Os señores podían taxar en moedas, pero á hora de pagar, facíase o troco a cereal, madeiras, gando, etcétera.
…/…
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta