A XERACIÓN DOS 30,

SILENTE OU SILENCIADA?

San Pedro é un maleducado, que deixa pasar primeiro aos homes; ¿será por aquilo de que tivo sogra…? Nesta década están chamando, principalmente, aos da xeración 30 (1930 / 1940), que se están indo tan ao caladiño como viñeron, ou incluso como viviron, a maioría deles. Algunha necrolóxica, pero ata poucas pois os fillos teñen abondo con ir quitando da crise aos netos. ¡Nada, que foi, que está sendo, a xeración do silencio!

Un repasiño: Aquela depresión, coñecida como a Gran Depresión, xestouse nos Estados Unidos no lonxano 1929. ¿Lonxe? Xeograficamente, si, pero as consecuencias non tardaron en chegar á miña bisbarra, con unha avalancha de retornados, decepcionados polas dificultades que tiveran no seu “face-las Américas”. Os petos baleiros, pero as cabezas espertas, do moito que por aló viran e observaran. ¡Revolucionaron a bisbarra!

Entre a socioloxía dos retornados e as repercusións, mundiais, da crise económica, España tremeu, pasando da Ditadura á Ditabranda, e desta, á República. Concluída a etapa dos foros, pasárase á dos rendistas, vacas de cabana, etcétera, pero chegaron aqueles retornados revolucionados e implantaron a Revolución. ¿A do 36? ¡Non, esa foi unha contrarrevolución, unha sublevación dos caciques! Auténtica revolución foron as cooperativas, aquelas Sociedades de Agricultores e Gandeiros, iniciativa, fomento, principalmente, dos emigrantes retornados, portadores, ansiosos, de progreso e de liberdade. Durou uns cinco anos, que pronto deron en tremer os caciques, ¡non hai elemento máis covarde có diñeiro!, e…, subleváronse!

Os nenos que estaban / que estabamos nacendo polos 30 arriba, xa non tivemos ocasión de protestar, de vocear, pois a incivil desmangou os brazos e tapou as bocas. ¡E así quedamos: mudos, definitivamente mudos! Nin aos fillos lles berramos porque, cobizosos de preparalos para un mundo mellor, para unha etapa máis…, civilizada, mandámolos ao estudo, coa consecuencia subseguinte de que, aos poucos, eles xa sabían, ou pensaban saber, máis cos pais, así que, quen se atrevía a corrixir? Despois, por lei de vida, viñeron os netos, e deron en rompe-los calzóns, que ata niso nos levaron a contraria, así que, quen se atrevía, quen se atreveu, a pararlles os pés, nin os pés nin as perneiras?

Se alguén opina que aquela xeración non foi muda, que mo diga, que mo demostre, que nunca é tarde para aprender.

Xosé María Gómez Vilabella