A liberdade de expresión
Fai disto 67 anos, ¡a media de vida de daquela!, por estas datas, Carnaval do 1948, na Meda (Castroverde), ¡precoces eles!, estaban ensaiando as Sentenzas, do galo e da Pascua, preparadas, redactadas, por meu pai. Sentían, e querían, dicir cousas que daquela non se podía; por iso acudiron a meu pai, coñecedores, sabedores, de que en toda a bisbarra non había outro que se atrevese a dicir verdades sen dicilas, facendo chiste, facendo comedia.
Para comezar, canto lles doía aos nosos paisanos ter que esconder a lingua materna para falar en público. Obrigábanos a ter vergoña de si mesmos, do que eran e do que foran os seus entregos. Meu pai redactoulles aquelas Sentenzas intercalando ambas linguas, ¡un Tribunal, nada menos!, e eles atrevéronse á representación, coa Garda Civil abaixo, no prado, que seguro se dixo: No le demos importancia, que son cosas de paletos!”.
Así, entre o Xuíz, dándolle ao castelán, e unha das testemuñas, coa súa dignidade ao lombo:
Xuíz.- ¿Jura usted, señor testigo, ser verdad lo que declara, y decir todo lo que sepa con relación a esta causa?
Testemuña, todo fachendoso.- Dici-la verdade hei, e máis aquí nesta Audiencia; vostede sáibame entender, que vou falar en conciencia!
En relación coas mordazas de entón, e as liberdades democráticas, hai que recoñecer que aquela xeración gáñanos en valentía, e tamén en franqueza. ¡Un paisano que se atreve a dicirlle ao, suposto, Xuíz, en propia lingua, que o saiba entender, non é, non era, pouca afouteza.
Meu pai e José Manuel Miranda, ambos comigo…, non, eu con eles, nesta foto, participaron nas arengas, no que chamaban “sermón”. Eu fixera unha pequena introdución temática, pero a miña intervención foi covarde, que falei en castelán.
Ao galo atribuíronlle un machismo condenable, se ben referido ás pitas por prudencia dialéctica. ¡Anticipáronse a Lei de Violencia de Xénero! Á Pascua, lixeirezas escandalosas, igualmente punibles, e máxime na moral farisaica de entón. En definitiva, que aquelas Sentenzas tiñan de suxeito pasivo un galo e unha moneca, pero a intencionalidade era dunha total crítica social e política. ¿Que intención teñen os carnavais actuais? ¡Simplemente un cambio de caretas!
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta