Matinando na toponimia

Un bo amigo, Médico xubilado por máis señas, e ausente de Galicia por décadas (iso de que, Lonxe da vista, do corazón tamén, non é certo, nunca o foi!), que leu o meu artigo anterior, “A elocuencia da microtoponimia”, fíxome este comentario: “¡Moi ben…, e qué razón tes! Pero xa non queda, coma nós, quen se acorde dos leiros, das penelas, das chousas, das agras, das chairas, dos prados da Porta, do horto de Arriba ou de Abaixo, do Rego das Virtudes…, etc., etc. Saúdos, meu amigo; temos que “asumir” e non padecer polo de outros que nada fan por conservalo”. (Sic).

Pois, querido amigo, non, e non, que levo unha vida namorado da toponimia, da súa elocuencia como fonte histórica, “chapando” a Joseph M. Piel, a Dieter Kremer, e de par deles a uns cantos estudosos do noso país, como para desprenderme destes amores, cos que me sinto tan a gusto!

¿É, ou non é un pracer, por máis que non sexa compartido, ou pouco, analizar os nomes de tantas cousas que nos foron abrindo os ollos desde a caneta? Un botón de mostra: Subindo de Veiga a Maxide está a Veiga do Santo Estevo, hoxe medio achaiada e repartida entre varias fincas privadas, sen o menor letreiro indicativo. Ten un regato que baixa en dirección ao muíño da Casa do Val. Posto que se actuou daquela maneira, cabe pensar que os Técnicos da Concentración non foron advertidos. Un regato, uns valados que evidenciaban paredes antigas, e sobre isto, ese nome! ¿Que outra cousa podía indicar máis que a presenza dun cenobio ou ermida antigos, considerando que a ninguén se lle ocorre dar o nome dun santo a unha toxeira illada? Sabido é, tamén, que as igrexas ou santuarios antigos recibiron o nome de santos antigos na Historia da Igrexa. ¡Perdeuse a ocasión de investigar un misterio tan elocuentemente expresado pola simple toponimia do lugar!

Na nosa bisbarra, a xeito de resume, temos de todo; esta mostra:

Hidrónimos: Riazor, o rego do azor, que algún habería por alí, e concretamente do señorío.

Orónimos: Monte Cubeiro, Outeiro.

Fitotopónimos: Teixeda, a Pumarega.

Zootopónimos: As Covas (covas do raposo, abundantes nunha vaganta da Bouza de Veiga).

Antrotopónimos: Recesende, Vitureiro.

Haxiotopónimos: San Cibrao, Santadrao.

Etnotopónimos: Toldaos.

Hodónimos: San Miguel do Camiño.

Xenéricos de núcleos: Vilar, Vilarín.

Límites e outras referencias: Lence, e Lenza (de Illince).

Pola orixe:

Prelatinos: Azúmara (que por certo nace na Fonte de igual nome, en Sarceda, por máis que os xeógrafos da Xunta o quixesen superpoñer co seu afluente, Ribón).

Latinos: Río Chamoso (que atravesa o antigo condado de Flammossos).

Xermánicos: Tantos, que non temos mellor confirmación de que fomos repoboados polos suevos. Dous rotundos, aquí ao lado: Suegos e Rois (Rois = Xunqueira, nas linguas xermánicas).

Árabes: Ningún, que non lles deixamos achegarse.

Orixe franca: A Granxa de Pena (de Grange)

Construcións: Arcos, Souto das Torres.

Edificacións relixiosas: Cellán, Vilabade.

Condicións meteorolóxicas: O Invernal, Vilafrío.

Institucións: O Marquesado, Os Coutos.

Áreas da metalurxia: Ferreira, O Monte de Ferreira, O Escouredo.

Podíamos seguir, pero, como mostra, xa digo que chega con un botón. ¿Qué; hai, ou non hai elocuencia nos topónimos?

Xosé María Gómez Vilabella