Das landras ás castañas e das castañas as ostras…

Al-ḥamdu lillāh (Arabic: الحمد لله‎)

Comezamos coas landras…, pero iso témolo esquecido! ¡Cousas daqueles castrexos, meus pobres, que ata facían altares dos seus carballos! Si, si, que non é broma pois escrito quedou, que o propio Plinio, o Vello, deixou un pergameo coa maneira de facer pan das landras dos carballos (quercus robur), de convertidas en fariña; dixo que as secaban e mondaban, tostándoas en cinsa para facelas máis doces. O malo do caso é que este froito é rico en taninos, e tamén en glucósidos, así que a saber cómo as dixerían os nosos entregos.

Din que din que os castiros, ademais do Dereito, nolos trouxeron os romanos… ¡Algo tiñan que traer, que non todo ía ser carrexa-lo noso ouro! Pode ser, pero eu inclínome a pensar que a castanea sativa, por tratarse dunha árbore que require, ou prefire, solos frescos e húmidos, é máis propio que fose á inversa, ¡que tamén a levasen eles! O caso foi que os castrexos, suponse que paulatinamente, pasáronse ás castañas, naturalmente asadas. ¡Listos, eh! Dada a súa toxicidade matinaron que o mellor, a mellor opción, era darlles as landras aos porcos para que as cocesen, para que as asimilasen eles, devolvéndoas en forma de xamón curado ao fume. ¡Ai, diantres, pero nisto deu en haber caciques, e os xamóns…, emigraron!

Coa euforia do último terzo do XX, todo por aquí, ¡e grazas a Deus por telas!, pasámonos ás ostras. ¡Ademais de exquisitas son nutritivas: Axudan ao cerebro grazas a ese aminoácido chamado tirosina, e son boísimas para a saúde cardiovascular porque diminúen os triglicéridos, e non sei cantas cousas máis. Ata hai que di que son igualmente boísimas para vacinarse das engurras, de todas, de toda clase, así que non me explicarei máis!

Pero a todo isto hai unha circunstancia: Que é preferible agacharse para apaña-las castañas que tirar de tarxeta negra…, porque tamén é nociva, polo menos nalgún caso!

Xosé María Gómez Vilabella