Olá amigos e amigas:

Só para facer fincapé na oportunidade das precisións realizadas polo prof. Rodríguez Guitián canto a non confundir as boas intencións voluntaristas cos efectos que producen cando non se basean nunha reflexión demorada, no que atinxe á plantación indiscriminada polo noso territorio, moda moi promocionada desde o ámbito oficial (publicitario e eleitoral) e comercial (beneficios económicos), incluíndo o educativo e cultural.

Desde o Comité Asesor do Camiño de Santiago téñome oposto reiteradamente á prática reiterada de facer plantacións artificiosas no entorno dos camiños históricos, adulterando agresivamente a paisaxe que a Natureza nos proporcionou en cada caso e que significa biodiversidade, a mensaxe da Terra que cómpre escoitar debidamente, como fixeron tradicionalmente os nosos campesiños (AGRI – CULTURA), quen reflexionaban antes de implantar unha árbore nun espazo concreto, valorando as condicións do terreo, orientación, entorno, etc., mesmo lembrando que as árbores medran, non son meros fetiches. (Resultaba curioso ver como a Xunta promovía a plantación de árbores “autóctonas” sobre amplas superficies de monte raso, que está alí porque cumpre a súa función ecolóxica e paisaxística, esquecendo de paso o valor cultural da paisaxe, como diría Otero Pedrayo: “Cultura é paisaxe”).

Ben sendo algo semellante á suplantación da toponimia tradicional, asentada ao longo dos séculos polo pobo que foi dando nome ás cousas, en favor do intento de perpetuación de nomenclaturas exóticas ás que son moi afeccionados todos os grupos políticos, emporcallando así o noso hábitat no plano lingüístico.

Todos temos caído no erro das plantacións indiscriminadas, malia que sexan carballos. Eu mesmo. Humildemente, vai sendo hora de promover outros modos de meditar sobre o xeito en que o propio planeta tende a resolver estes problemas.

Moito ánimo a todos e parabéns!

Ricardo Polín