Participa na IV edición dos concursos de Fotografía, Relato e Curtas polo Territorio
O prazo de presentación dos orixinais remata o 1 de novembro de 2014.
ADEGA convoca unha nova edición dos Concursos polo Territorio, co gallo de ofrecer de novo á sociedade galega unha oportunidade de retratar o estado actual do noso territorio a través da imaxe e da palabra. Por cuarto ano consecutivo, os certames pretenden facer partícipe a cidadanía galega na reivindicación dunha ordenación territorial sustentábel na que se freen as ansias especulativas dos poderes privados sobre o territorio en conivencia coa administración pública, e na que se propoñan alternativas máis coherentes coa defensa ambiental, coa cohesión social e coa posta en valor do noso patrimonio cultural.
Estes concursos enmárcanse dentro da campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio” e están patrocinados pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.
ADEGA anima á participación nesta edición dos concursos, que o ano pasado superou as expectativas acadando 68 fotografías, 65 relatos e 11 curtametraxes. Consulta todas as bases ao fondo deste apartado.
IV Concurso FOTOGRAFÍAS POLO TERRITORIO
Establécense dúas categorías de participación: a xuvenil, ata os 16 anos, e a de adultos/as, para maiores de 16 anos.
Premios: 1º Categoría Adulta; Diploma e 200 euros. 1º Categoría Xuvenil; Diploma e 150 euros.
Cada participante poderá presentar como máximo un total de 4 fotografías cos seus datos persoais e a localización xeográfica das imaxes, que poderán ser enviadas a ADEGA a través do e-mail: [email protected].
O prazo para presentar as fotografías remata o día 1 de novembro do 2014.
IV Concurso de relatos O LUGAR ONDE VIVO
Os relatos curtos poderán ser historias fantásticas, feitos reais ou experiencias propias sempre e cando o eixe do relato xire arredor das visións que a poboación galega ten sobre o lugar no que vive; como é, como foi, como quixeramos que fose, a importancia da súa conservación, as agresións sufridas polo mesmo, etc.
Establécense dúas categorías de participación: a xuvenil, ata os 16 anos, e a de adultos/as, para maiores de 16 anos.
Premios: 1º Categoría Adulta; Diploma e 250 euros. 1º Categoría Xuvenil; Diploma e 200 euros.
Cada participante poderá presentar un máximo de 2 relatosinéditos en lingua galega, que terá que enviar por correo postal ao enderezo de ADEGA-Lugo (Ronda das Fontiñas 180, Entrechán, 27002 Lugo) ou a través do e-mail:[email protected].
O prazo límite de presentación das obras remata o día 1 de novembro de 2014.
III Concurso de curtametraxes E TI QUE É O QUE VES?
Cada participante poderá presentar un máximo de 4 creacións audiovisuais, que terá que enviar, en formato DVD, por correo postal ao enderezo de ADEGA-Lugo (Ronda das Fontiñas nº 180 Entrechán, 27002, Lugo). Tamén poderá subir as obras a algunha plataforma de intercambio de arquivos, (tipo Dropbox,….) e enviar a ligazón de descarga ao email:[email protected]
Establécese unha única categoría para este concurso e dous Premios: 1º Premio; Diploma e 250 euros, 2º Premio; Diploma e 150 euros.
O prazo límite de presentación dos traballos remata o día 1 de novembro de 2014.
Deixa unha resposta