DÚAS PALABRAS
      
   Interviron,  O Sr. Alcalde de Castroverde, O Sr. Delegado de Cultura e O Sr. Presidente da Deputación de Lugo, Sr. Xosé Manuel Sarille, Sr. Claudio R. Fer, Sr. Manolo Dios que non quixo representar ao Sr. Mayor Zaragoza, xa que este, non puido asitir ao acto debido a unha indisposición, mais puidemos escoitar as súas palabras por medio dunha conversa teléfónica, rematou o acto, Ánxela Gracián dando lectura a un poema do Sr. Mayor Zaragoza.
Actuaron un grupo de gaiteiros de Vigo que interpretou varias pezas e finalmente o Hinmono Galego. 
Salientar a actuación de Mercedes Peón que compuxo unha fermosa peza para este acto.
Non imos reproducir aquí todas as palabras de cada un dos que interviron, salientar que todos eles e elas estiveron moi acertados nas súas respectivas intervencións.

Saúdos

Manolo

ALGUNHAS INTERVENCIÓNS

Mario Outeiro   Mario Outeiro

                                 Delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo
Moi bo día!
Primeiramente quixera agradecer á Iniciativa Galega pola Memoria ternos proposto colaborar na organización deste acto. Hoxe máis que nunca fanse precisas por parte da sociedade civil iniciativas como esta para crear consciencia sobre a recuperación da memoria histórica e a xustiza coas vítimas da ditadura franquista.
Dende a Área de Cultura da Deputación temos ben clara a necesidade de afondar nas políticas da memoria. Temos desenvolvido un traballo arredor da memoria histórica xa dende anos atrás, ben a iniciativa propia con exposicións e eventos de diversa índole ou ben en colaboración con outros colectivos, destacando principalmente o tristemente clausurado proxecto Nomes e Voces. É por isto que amosamos sen dúbidas e dende o primeiro momento a nosa adhesión e colaboración con este acto nacional de desagravio ás vítimas do Franquismo.
Montecubeiro é un símbolo do que ocorreu en Galiza despois do golpe de estado de 1936: persecución programada contra os activistas dunha sociedade civil forte, plural e articulada, na que se tentaban consolidar conquistas sociais e nacionais que levaban anos formulándose. Unha sociedade civil na que as clases populares, as mulleres, os traballadores, tiñan capacidade de intervención e mecanismos para facer valer os seus dereitos. Contrasta isto coas políticas que hoxe se están a aplicar en Galiza e no Estado Español, que eliminan eses dereitos polos que tanto se loitou durante séculos e reprimen os movementos sociais contestatarios.
Aquí morreron, foron paseados ou fusilados os cidadáns máis libres e activos que facían parte da Unión de Labradores e organizaran a Biblioteca Popular. Moitos outros fuxidos, presos ou exiliados. Entre os mortos, quince persoas que representaban un contrapoder fronte ao caciquismo, e entre estes quince, tres mulleres. Especial mención debemos facer á represión sobre as mulleres, invisibilizada nas estatísticas oficiais do réxime: ademais de mulleres mortas e encarceradas, que lles roubaron as crianzas, sufriron violacións, rapas, aceite de ricino e a desaparición da esfera pública por medio dun sistema fundamentado no machismo e no fundamentalismo católico.
Quince vítimas tan só nesta parroquia, 2500 orixinarios ou con veciñanza na provincia de Lugo e máis de 15000 en toda Galiza segundo os estudos de Nomes e Voces, que evidencian que non foi unha loita entre irmáns, nin rifas persoais o que ocorreu despois de 1936, foi a aplicación dunha estratexia programada de eliminación e estigmatización do outro, partindo da negación da condición de persoa, unha aniquilación en toda regra. Esa estratexia programada de persecución política por parte da ditadura entra, polas súas formas, dentro dos presupostos que están definidos internacionalmente para identificar o exterminio e a práctica xenocida. É por isto que debemos acabar dunha vez coa impunidade dos seus perpetradores.
Non debemos obviar tampouco o que significou o proceso da Transición e as consecuencias que produciu en canto á memoria da vítimas. Foi un proceso pactado, “atado e ben atado” polas elites do réxime que supuxo unha continuidade, unha mera reforma do Franquismo en troques dunha creba democrática que demandamos moitos e moitas. Como resultado, a Lei de Amnistía actúa como unha lei de punto final que non permitiu xulgar os responsábeis dos crimes da ditadura.
Por tanto, non é suficiente con facer Leis de cara á galería que despois nin sequera cumpren quen as elaboran. Hai que ir máis alá. Por moito que nos pareza o contrario, a solución é política, e pasa porque as posicións que defenden os colectivos que traballan pola recuperación da memoria histórica sexan asumidas dende o poder lexislativo e levadas a último termo polos gobernos.
Hai unha Galiza mártir, a que debuxou Castelao e que viviron moitas familias de vítimas dun xenocidio que non pode seguir imperando nos lugares públicos. Verdade, Xustiza e Reparación eran as verbas de orde da loita contra a impunidade das ditaduras sudamericanas. Anos despois aínda están tristemente vixentes aquí.
Este acto debe ser un compromiso para facer actuacións políticas en desagravio das vítimas, o cal pasa polo axustizamento dos perpetradores, a eliminación da simboloxía fascista e a lexislación contra as actitudes que supoñan un enxalzamento da ditadura.
Quixera rematar a miña intervención cun fragmento dun dos poemas máis coñecidos do lucense Luis Pimentel, “Cunetas”:
¡Outra vez, outra vez o terror!
Un dia e outro dia,
Sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor ¿que fixemos?
-Non fales en voz alta-
¿Ata cando durará este gran enterro?
-Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran mais que os que aman a Galicia-
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falta
para facer un home!
Teñen que encher ainda
as cunetas
con sangue de mestres e de obreiros
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.
Efectivamente, lama, sangue e bágoas foron semente, e vós o seu froito.

Moitas grazas pola vosa delicada atención!

          Claudio Rodríguez Fer

Escritor e Profesor
PAZ PARA SEMPRE
      
Perseguíronos con saña.
Detivéronos con sevicia.
Torturáronos con sadismo.
Encarceráronos sen causa.
Xulgáronos sen xustiza.
Paseáronos sen piedade.
Así os mataron.
E impuxeron o terror.
E impuxeron a calumnia.
E impuxeron a falsificación.
E impuxeron a censura.
E impuxeron o silencio.
E impuxeron o esquecemento.
E así trataron de rematalos.
Contra o exterminio atroz
das súas vidas desfeitas
e contra o esquecemento inxusto
do silencio cómplice
queremos manter viva para sempre
a memoria galega
das vítimas do fascismo,
en solidariedade
con todas as comunidades do mundo
que padecesen calquera ditadura do terror.
Porque como aquelas vítimas
queremos liberdade para sempre.
Porque por aquelas vítimas
para sempre quereremos xustiza.
Porque a realidade é o desexo,
PAZ PARA SEMPRE.
“Contra el olvido” titulou o poeta José Ángel Valente un escrito publicado no primeiro número da revista Unión libre evocando o tempo no que “o ceo era baixo, rasante, non cabía levantar a cabeza por encima dun nivel entre regulado e sacrosanto, porque os mortos –dicía Luis Pimentel no seu Lugo melancólico– enchían as cunetas”. Pero outro poeta, por certo solidario amigo de Valente e a quen a ditadura arxentina deixou sen fillos e sen memoria da neta roubada, Juan Gelman, recordou máis tarde que “Xa non vivimos na Grecia do século V antes de Cristo na que os cidadáns eran obrigados a esquecer por decreto”. Porque o esquecemento, ademais de inxusto e corruptor, é imposible, mentres que o dereito á verdade, ademais de estar recoñecido como tal polas Nacións Unidas, é xusto, reparador e posible para superar toda clase de odio, de rancor e de violencia.
Contra o esquecemento tamén a Iniciativa Galega da Memoria elaborou o manifesto que tedes nas mans, porque aínda que esta plataforma plural estea composta por moi distintas asociacións pertencentes a diversos lugares, diversas ideoloxías, diversas políticas e diversas sensibilidades, todas teñen algo en común: unha mesma memoria, unha mesma memoria galega, unha mesma memoria antifascista, unha mesma memoria humana, unha mesma memoria humanista.
Por isto trátase dun manifesto en desagravio ás vítimas, pola fin da impunidade e da apoloxía do franquismo, secuela do nazi-fascismo. Porque aquelas vítimas, tras sufrir en diferente grao a represión e a intolerancia -asasinato, tortura, cadea, expropiación de bens, depuración de traballos-, tiveron que padecer logo o silencio e mesmo a aldraxe e a culpabilización. 
“Aquelas vítimas, tras sufrir en diferente grao a represión e a intolerancia -asasinato, tortura, cadea, expropiación de bens, depuración de traballos-, tiveron que padecer logo o silencio e mesmo a aldraxe e a culpabilización”. 
Só grazas ao esforzo civil de asociacións, investigadores e investigadoras foise avanzando no coñecemento e no recoñecemento da brutal represión de miles de asasinados e de moitos máis miles de represaliados doutro tipo dende 1936, mais, como se di no manifesto, “aínda non se conseguiu o merecido respecto xeral á dignidade das vítimas, que non son recoñecidas como tais política e xuridicamente”. E o que é máis absurdo nunha sociedade teoricamente democrática, aínda seguen a ser aldraxadas por quen máis ten o deber de honralas, que son os representantes do pobo. Porque todos, comezando polas institucións democráticas, temos que asumir como propia a dor padecida por decenas de miles de persoas dignas, da mesma maneira que a doutra clase de vítimas, como as dos accidentes catastróficos ou as da violencia machista, que non pode nin debe ser só a dos parentes dos accidentados ou a das mulleres maltratadas, senón a da humanidade enteira.
Cómpre, pois, ser consecuentes coa lexislación internacional, tal como ten manifestado a Oficina de Dereitos Humanos da ONU, e non deixar as vítimas, as asociacións de recuperación da memoria histórica e a quen investiga os feitos sen amparo legal fronte a contrasentidos tan flagrantes como que os consellos de guerra liquidacionistas e xa ilegais no seu día gocen de plena legalidade na nosa suposta democracia. O mundo enteiro está escandalizado de que aquí estea máis penalizado investigar ou xulgar o xenocidio que cometelo.
Como lembra o manifesto, “os réximes democráticos que padeceron o fascismo, adoitan ter no seu ordenamento xurídico normas que eviten que isto lle volva acontecer”, pero tal cautela non acontece aínda entre nós, onde perviven fondos e formas dunha democracia verticalmente outorgada que aínda non deslexitima o totalitarismo do que vén.
“Só grazas ao esforzo civil de asociacións, investigadores e investigadoras foise avanzando no coñecemento e no recoñecemento da brutal represión de miles de asasinados e de moitos máis miles de represaliados doutro tipo”
Dicía Gandhi que non hai camiños para a paz porque a paz é o camiño. En efecto, así ocorre coa paz social, que se fundamenta na xustiza; coa paz política, que se basea na liberdade; coa paz sexual, que se afirma na igualdade; coa paz étnica, que se asenta na diversidade, ou coa paz histórica, que só se logra na verdade. Por iso traemos hoxe a Montecubeiro, por cada aldraxe do pasado, un cantar liberado; por cada tortura pretérita, unha flor de presente; por cada bala caduca un verso de futuro. Por isto, malia perderse unha guerra, que polo demais é algo que sempre se acaba perdendo sen remisión, gañaremos a paz.
Para finalizar, quero ler neste lugar unha vez máis, ante o penedo que lembra as vítimas do masacre de Montecubeiro promovido polo irmán dunha delas, Manuel Sarille Lanceiro, que agora segue vivo en nós, o poema “As tres mapoulas de Montecubeiro” e un fragmento alusivo á infausta matanza da composición “A loita continúa”:
AS TRES MAPOULAS DE MONTECUBEIRO
En memoria da humildísima Virxinia Meilán, das mozas Carmen Sarille e Manuela Graña, e das demais vítimas do masacre de 1937 en Montecubeiro (Castroverde)
Entre as medorras e os castros,
polos ríos e polos regos,
baixo os soutos e sobre as carballeiras,
onde pacen en paz vacas e ovellas,
o canto do estorniño doce entoa
o nome mártir de Manuela Graña.
Co vento dos cereais e a quietude do leite,
coa nabiza dos nabos e o grelo das nabizas,
coas patacas apañadas e as de debaixo da terra,
a conciencia medra como a herba e as árbores
para imporse clamando monte arriba
o nome noso de Carmen Sarille.
As sombras dos ameneiros e os salgueiros
nas ribeiras de flora flotante,
as carreiras dos corzos e dos lobos,
a verea dos xabarís e o voo das vacalouras
debuxan co fume de afumar chourizos
o nome amantísimo de Virxinia Meilán.
Entre os toxos, sobre a neve,
na seca e nas enxurradas,
tres mapoulas iluminan
noite e día Montecubeiro:
Virxinia, Carmen, Manuela.
Eran fermosas como pétalos.
Perduran como penedos.
*
Dende a memoria das mulleres e homes
asasinados na matanza de Montecubeiro
e nos masacres da Guarda e de Tui,
que encheron de sangue toda a terra
entre a montaña e o mar, (…)
contra o odio,
a loita continúa. 
Intervención no Acto Nacional de Desagravio das Vítimas do Franquismo celebrado en Montecubeiro o 13-10-2013

Aberto o prazo para a inscrición da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral

Nesta VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, que terá lugar o sábado 9 de novembro na cidade de Lugo, imos navegar pola memoria e polas historias do mar, baixo o reclamo do título Historias, mitos e monstros do mar de Galicia. Co patrocinio da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, os investigadores/as e especialistas que convocamos van debullar diferentes aspectos históricos, literarios e culturais derivados da longa relación dos galegos e galegas co mar.
Aberto o prazo de inscrición (até o 6 de novembro):
  • O profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título da Consellaría de Educación, deben inscribirse na web da AS-PG
  • Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en [email protected], recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.
Agardando que sexa do teu interese, recibe un ben cordial saúdo en nome do Consello Directivo da AELG,
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente
Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral
Antonio Reigosa Carreiras, vogal de literatura de tradición oral
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua GalegaAvda. 

Alfonso Molina, s/n, Edif. de Sindicatos, 8º
15008 – A Coruña
981 133 233 / 696 581 971
[email protected]

aelg.org
axendaaelg.blogaliza.org
facebook.com/aelg.org
twitter.com/#!/aelg

Próximas actividades da Reserva da 
Biosfera Terras do Miño


A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou este luns a nova programación de actividades gratuítas para persoas de todas as idades, que a institución impulsa dende o Centro de Interpretación Terras do Miño. López
Izquierdo avanzou que esta iniciativa inclúe obradoiros, conferencias e rutas
de sendeirismo, que se levarán por toda a provincia, poñendo en valor a riqueza
natural lucense.


Deste xeito, o organismo provincial levará 15 obradoiros (8 para nenos, 5 para adultos e 2 para toda a familias) a Ribadeo, Viveiro, Monforte de Lemos e Ribas de Sil; celebrará 3
rutas de sendeirismo nos Ancares, Guitiriz e O Courel; e ofrecerá 2 conferencias no Centro de Interpretación Terras do Miño, situado no contorno do Río Rato.


Os 15 obradoiros terán lugar nos seguintes puntos e datas:


- Coñece
o teu entorno
, que terá lugar o 28 de outubro en Viveiro; 9 de
novembro en Lugo; 14 de decembro en Ribadeo e 28 de decembro en Ribas de Sil.



- Economía sostible no fogar, 14 de novembro e 12 de decembro
en Lugo; 29 e 30 de outubro en Viveiro; 27 e 28 de novembro en Ribadeo; 4 de
novembro en Monforte, e 28 de decembro en Ribas de Sil. 



- Achegamento á micoloxía-I, 16 de novembro, Centro de
Interpretación Terras do Miño.



- Achegamento á micoloxía-II, 30 de novembro, Centro de
Interpretación Terras do Miño. 



- Xogando no Centro de Interpretación Terras do Miño, 6, 7 e 8
de decembro.



- O Nadal chega ó Centro de Interpretación, 26 e 27 de
decembro. 

- O bosque dos sentidos, 2 de xaneiro no Centro de
Interpretación. 

- Paseo polo bosque máxico, 3 de xaneiro, no Centro de
Interpretación.


Rutas e charlas


As rutas temáticas son as seguintes:


-27 de outubro: “Augas
levadas”, Serra do Caurel



-24 de novembro: “Augas que furan”, Covas de Furco



- 15 de decembro: “Augas que curan”, Guitiriz




As charlas que ofrecerán recoñecidos expertos son:


- A interpretación do patrimonio como ferramenta de comunicación e xestión en
espazos naturais e bens culturais
, 24 de outubro, ás 19:00 horas,
no Centro de Interpretación Terras do Miño:. 



- Curiosidades micolóxica: 21 de novembro, ás 19:00 horas, no
Centro de Interpretación Terras do Miño.




As persoas interesadas en participar en calquera destas actividades pode obter máis información e inscribirse na páxina web www.deputacionlugo.org 
no apartado de ACTIVIDADES MEDIOAMBIENTAIS ou chamando ó teléfono 982 227 812.


Adxunto remitimos o listado completo das mesmas.


Sen outro particular e á espera de que esta nova sexa da súa interese, reciban un cordial saúdo.


Reserva da Biosfera Terras do Miño