|
Na beira do rego Anguieiro, afluente do Chamoso |
Neste fermoso, sábado día 16 deste mes que corre, saímos pasadas as dez da mañá do Alto do Cruceiro, mellor sería falar de Cruz. Situada entre a Meda e o lugar de Córneas, no lugar chamado o Cruceiro. Cruz de base cadrada de pouca altura, coas aristas redondeadas, sobre a que se asenta a cruz. Toda ela é de granito, esbelta e sinxela con dúas inscricións: Inscrición cara norte: ALONSO MORÁN ANO 1766, Inscrición sur: DE CORNIAS. Mágoa dos plásticos que disvirtúan o lugar.
Comezamos a camiñata e a poucos metros uns fomos ao pé do Monte da Pedra Chantada e Monte da Espiñeira e outros polas Louseiras para chegarmos á capela de Santa María, Marina ou Mariña no lugar de Vilafrío, onde parece que houbo un mosteiro “monasterium Sancti Salvatoris quod vulgo Villafrigidum nuncupatur” en palabras de D. Nicandro Ares Vázquez, in Lucensia, “Toponimia do Concello de Castroverde” páx. 46. Comentar que para chegar a Vilafrío temos que cruzar o río ou rego de Racamonde que é un dos afluentes do río Chamoso. En Vilafrío, salientar a pequena capela restaurada recentemente, lástima que a restauración non fose máis acorde co lugar. Moi preto da capela tamén é de salientar unha fermosa fonte, abandonada, que teriamos que recuperar algún día.
Desde Vilafrío ao Lugar do Pacio onde se conserva un pequeno souto que contrasta coa pradaría da súa contorna. Estes dous lugares salientan pola concentración das súas terras e a súa produción láctea. Do Pacio a Serés polo lugar do Marco da Portela, fondo da Serra de Monciro que, segundo o noso socio Fernando Castedo xa se cita no Catastro de Ensenada, marco que separa as parroquias de Serés e Francelos. Antes de chegar a Serés voltamos a pasar outro pequeno río ou rego do Anguieiro, outro dos afluentes do Chamoso. De Serés a Bolaño por entre Agra da Chousa e o Agro das Sete Fontes para chegar á Cova da Valiña ou Xibil, que algúns voltamos a visitar.
Desde a cova baixamos á aldea de Bolaño para visitarmos, unha vez máis, o quiosco da música e As Lagas de enlagarar o liño que, por certo, alguén continúa a tirar o lixo nese fermoso e especial lugar, denunciamos desde aquí que se tomen medidas contra quen tira o lixo nese lugar que, por certo, xa hai uns anos limpamos membros da asociación xunto con veciños do lugar. Comentar que en Bolaño é onde está o comenzo do río Chamoso. De Bolaño a Castro Verde e, aquí rematou a camiñata de hoxe. Onde reivindicamos que hai que ter máis precaución, mirar onde se deposita o lixo, os restos de plásticos e, ou outros refugallos, xunto coas boas prácticas á hora de facer restauracións.
|
Os camiñantes diante do novo Albergue de Peregrinos de Castroverde |
Pola tarde, logo de xantar, visita ao Albergue de Castro Verde onde puidemos comprobar o acolledor que é, ao mesmo tempo comprobar que chegan peregrinos, aínda que nesta época do ano non sexan moitos os que optan por esta Rota ou Camiño. Reivindicamos desde aquí que se ten que recuperar a traza histórica do Camiño Primitivo. É un despropósito que tiveramos que reinvindicar un camiño que vén dereito ao albergue, mesmo marcado por laxes que indican por onde tería que ser o acceso ao mesmo e, a día de hoxe estea en total abandono. (Ver foto). Aproveitamos desde aquí para pedir que se leve un libro onde se rexistren as visitas e incluso se fagan fotos de posibles visitantes, á parte dos peregrinos que pasen.
Agradecer desde aquí ao Xacobeo e Monse, “a alberguista”, que nos facilitaron podermos ver o albergue.
Agradecemos tamén que nos acompañara no roteiro de hoxe, Álvaro Santos e súa dona Inés, comentar que, Álvaro preside a Asoc. Terras de Lugo, e é deputado provincial. Dicir que xa nos ten acompañado outras veces e agardando que non sexa a última. Grazas tamén polas regueifadas que nos cantou.
Saúde, Terra e Lingua.
Manolo
NOTA:
Irmandamento – Viaxe a Castro Verde do Alentejo Portugal. O vindeiro mes non teremos roteiro, xa que hai o encontro de Irmandamento para a fin de semana do día 23 de marzo. Daquela os que se queiran anotar teñen que comunícalo antes de que remate febreiro. Irán ao Irmandamento as primeiras persoas que se anonten por orde de inscrición.
ver album:
Deixa unha resposta