Itinerario completo do roteiro |
Abondan os restos e desfeitas dos pendellos e carballeiras en boa parte das feiras visitadas. Na foto, restos en Lousadela |
Este fin de semana, membros da directiva Terras de Lugo, Técnicos e bolseiros da Asoc. Terras de Lugo (GDR – 4), acompañados por un bolseiro da Fundación TIC, fixemos o percorrido do Ruta das feiras. Un percorrido duns 200 quilómetros. Pasando polos campos das diferentes feiras de Terras de Lugo (concellos de Guntín, Friol, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo (zona rural), O Corgo e Castroverde), desde as que desapareceron, mais que permanecen os seus vestixios, ata as que están, minimamente, vivas.
Comezamos na mañánciña do sábado, día 29, en Guntín para cruzarmos polo Cotoroxo e Costa da Ribada, camiño de San Román da Retorta, onde houbo feira. Xa no concello de Friol fomos ao campo de Guimarei, onde se conservan pendellos e construcións ao seu redor. Desde aquí a Friol, unha das poucas que ten certa vida, de Friol a Cotá. Desde Cotá seguimos ata Santiago de Gaioso, xa de Outeiro de Rei, desde o campo da feira subimos a Penas de Rodas (impresionantes moles) , desde esta área de descanso subimos ao miradoiro de Paraños, desde onde puidemos ver toda a Terra Cha, ata o mirador que separa Castroverde e as terras do Cádavo e, se non foran polo eucaliptais poderiamos continuar vendo as Terras de Lugo. Desde aquí baixamos ao campo da feira de Rábade, outra das feiras que continúa viva. Desde Rábade a Ombreiro, onde tamén houbo feira. Desde aquí a Orbazai, sé da Asoc. Terras de Lugo. De Orbazai a Nadela, onde hai outro campo intresante e con mostra de feira anual, desde Nadela pasamos a Terras do Chamoso, concello de O Corgo para irmos ata Adai, outra das feiras que se celebra todos os día 13 de mes, é a feira do 13, con mostras anuais de gando vacún e cabalar. Desde a Adai, seguindo polo val do río Chamoso para chegarmos a Castroverde, onde pernoctamos.
Ao día seguinte, domingo, día 30, comenzamos non campo da feira de Castroverde, sendo un dos campos que mellor conserva os seus pendellos, grazas á rehabilitación que tivo lugar no ano 2006, para ver o que foron estas feiras, achegádevos o último domingo do mes de agosto, aínda que cambiaron moito estas feiras coas que estamos a lembrar. En Castroverde é de lamentar o souto que levou por diante a construción das naves que se levantaron nos anos 1970 e hoxe apenas teñen uso. Tamén é de salientar a zona das polbeiras que, non sei se o dixemos antes, feira non haberá, mais polbo (“pulpo”), cada quince días témolo. De Castroverde, subimos a Vilabade, mais antes fomos ver a serra ou cordal do Miradoiro e/ou Pradairo que separa as augas do Cantábrico e Atlántico cunha altitude de 1.029 m. de altitude, desde aquí puidemos ver as terras dos Ancares, Fonsagrda, Val de Valeira, Serra de Meira, Terra Cha ata as Pontes de García Rodríguez, Terras de Lugo incluído Lugo e o Miradoiro de Paraños no que estiveramos o día anterior ata o Picato, Terras do Páramo, Corgo, Sarria, Becerreá; é dicicir, máis da metade da provincia de Lugo e parte de A Coruña.
En Vilabade é de salientar a feira que houbo do liño, en palabras de Manuel da casa de Xaneiro, a quen agradecemos a súa colaboración. Son de salientar arredor da praza, a igrexa e pazo de Vilabade (que non imos describir aquí). De Vilabade baixamos ata Miranda, onde tamén houbo feira, mais xa non se conserva nada e desde aquí a Agustín para deixarmos Castroverde e voltar a terras do Corgo para irmos po Gomeán e Aseán onde xa apenas se conserva o típico campo de feira e, desde aquí voltamos ao concello de Guntín, onde son de salientar os campos da feira de Lousada, Grolos e Lousadela. Entre Grolos e Lousadela son merecentes de lembrar o mosteiro de Ferreira de Pallares e a ponte Cabalar. Destas feiras eu salientaría, sobre todo a de Lousadela que, debeu de ter unha feira importante, así no lo deixan ver os restos dos seus pendellos e báscula que aínda resiste o paso do tempo. Desde aquí volta a Guntín para pecharmos o círculo deste roteiro ou ruta das feiras.
Saúde, Terra, Lingua e, que polo menos non desaparezan as carballeiras e logremos sinalar este roteiro.
Manolo Muñiz
Deixa unha resposta