DISCURSO NA IGREXA
Miñas donas e meus señores:
No ano 1911 uns galegos traballadores e emigrantes na Habana, coa parroquia de San Vicente de Caamouco como un lugar común de orixe, únense para proceder á fundación dunha sociedade cuxa única finalidade era construír, dotar e poñer a disposición da xuventude unha escola moderna con idearios e métodos pedagóxicos de vangarda, integradora e exenta de partidismos.
Se baixo as arcadas desta Igrexa volvemos a mirada atrás e valoramos o que supuxo a fundación da Sociedade e construción da escola, atoparémonos cunha fermosa historia chea de entrega e sacrificios, que no ano 1915 permitiu poñer en marcha o soño de moitos dos nosos devanceiros: ter en Caamouco unha escola moderna e digna, como foi a Escola da Tenencia. Agora que transcorreron cen anos e que pasaron polas súas aulas moitas xeracións de veciños de Caamouco, das que algunhas xa non están con nós, só nos queda render homenaxe a todos os que fixeron posible que a ignorancia marchara destas terras, que a cultura chegase ás nosas xentes e que a formación e a prosperidade que a Agrupación Instrutiva achegou a todos nós se manteña no futuro, como recoñecemento ós que, hai agora tanto tempo, traballaron para facer daquel soño  unha realidade.
É o día de hoxe unha ocasión para mostrar ó mundo que ás persoas que dedicaron parte da súa vida e patrimonio a facer realidade a Agrupación Instrutiva, tanto no momento fundacional como no século transcorrido dende entón ata hoxe, non serán esquecidos e que o seu exemplo permanecerá vivo entre nós. Como xente de ben que somos, o agradecemento que lles expresamos hoxe será a forza que nos mova para que estean presentes entre nós sempre. Manteremos entre tódolos veciños de Caamouco a súa obra erguida como símbolo de unión, de entrega e de altruísmo sen limites.
Moitas grazas.
DISCURSO NO CEMITERIO
Donas e señores:
Hoxe, un século despois, atopámonos reunidos no cemiterio de Caamouco para lembrar e honrar ós homes que dedicaron parte da súa vida e patrimonio a fundar e manter activa a Agrupación Instrutiva de Caamouco. Cen anos pasaron dende entón, nos que a nosa Agrupación pasou por diversas etapas que puxeron a proba o firme compromiso dos homes e mulleres desta Parroquia, que asumiron a responsabilidade de xestionala para que fora útil ós veciños.
Estamos aquí antigos alumnos e mestres, socios, veciños de Caamouco e amigos de diversa procedencia, unidos neste acto para manifestar a nosa admiración e agradecemento pola obra que un día, alén do mar, emprenderon os nosos devanceiros e que aínda hoxe se mantén activa.
Gustaríanos ser exemplo de respecto e agarimo, a imitar por todos os que como nós teñen preto deles unha institución como a Tenencia e deixan que esmoreza cuberta polas hedras e a desidia máis inxusta que se pode imaxinar. Galicia e os galegos e galegas teñen unha débeda cos homes e mulleres que os libraron do analfabetismo cando os poderes do Estado os tiñan abandonados. Unha débeda que aínda non se pagou, pois o descoñecemento do seu labor e existencia é notorio entre as xentes do noso país.
Fixeron unha escola integradora na que alumnos, mestres e pais souberon combinar esforzos para acadar ese ideal no que o ensino, medio e familia formaron un todo único no que se cultivou a instrución das xeracións da época. Por esta e outras moitas razóns, nós hoxe sumamos o latexo do noso corazón ás verbas que un día pronunciou un dos  nosos poetas máis senlleiros, Curros Enríquez, cando dixo aquilo de que “Para eles non haberá estatuas en vida, porque non as piden nin haberán de aceptalas aínda que llas concederan; pero haberá sempre un altar nos corazóns patrióticos e bendicións de gratitude na posteridade e na Historia. ”. Dende Caamouco promesa de gratitude e honra eterna, no día no que a nosa Sociedade cumpre cen anos, ós nosos devanceiros que fundaron e traballaron pola Agrupación Instrutiva de Caamouco.
Moitas Grazas a todos e cen anos máis de escola e cultura.