Na escaleira

Na escaleira, si; indecisos, si; ¿daquela, a qué vén iso de molestarnos se tal opinan de nós, dos galaicos? ¡Pois eu téñoo a moita honra! Torpes, e ridículos, son eses sabios de vía estreita que non precisan elixir, que non saben dubidar. ¿Haberá cousa máis científica, máis profunda, que dubidar metodoloxicamente ante as circunstancias confusas e difusas, ou inéditas para o actuante?

En cambio pintan a Xustiza representada nunha cega que manexa unha balanza de dous brazos, sopesando… ¡A Xustiza é obxectiva, unidireccional, non comparativa, pois nela non se pode, non se debe elixir entre vara ou metro! A Xustiza é, rotundamente, unicamente, o camiño central, o recto, o correcto, aquel que leva ao premio dos bos e ao castigo dos malos; aquel que indica as consecuencias de extraviarse. Dous brazos son, deberan ser, as posibilidades volitivas: acertar, ou errar!

¿Acertar con respecto a qué, ou a quén? ¿Errar con respecto a qué, ou a quén? Non hai decisión pequena sen grandes consecuencias, á corta ou á larga, para nós ou para o próximo. Tanto é así que, se a cortina está baixada, se non albiscamos as consecuencias mediatas, ¿quen ousa tacharnos de indecisos? ¡Só os prudentes son / están indecisos! ¿Un galego indeciso…? ¡Aí o tedes, aí tedes un sabio, un prudente, un experimentado! Iso non é óbice para que, na ineludible, non dea un paso á fronte, pero disposto a asumir as consecuencias. ¡Iso é responsabilidade!

¿Tanto custa un si coma un non? A saber, porque o custe dirano as consecuencias, e non sempre se coñecen ab initio! Só os pobos inmaturos, ou os nenos mal criados, están prestos a dar zancadas, pase o que pase, teñan ou non o abismo diante dos ollos. ¿E se hai cortinas? ¿Por qué se di que os pobos que ignoran a súa Historia están condenados a repetila? Ou tamén, ¿por qué o home é aquel animal que tropeza dúas veces na mesma pedra? ¿Non será porque soñamos grandezas, logros fáciles, en vez de afianza-las pisadas?

Os italianos din iso de que, “Chi va piano, va sano e va lontano!”. ¡Se van amodo é que dubidan, que elixen, ou tratan de elixir, o mellor camiño, o que leva a…, ¡á meta proposta, por lonxe que lles quede! ¡Prudencia, reflexión, estudio previo, que son a base do edificio da seguridade, das consecuencias positivas! En tódolos ordes da vida, incluído o económico, tan abafante hoxe en día. ¿Que fixemos cos recursos escasos? ¡Deixar de ser galegos e imita-los veciños: tira-la casa pola ventá, darlle un rotundo si á fantasía, ao luxo, a  molicie…, irnos polo camiño cómodo, avanzar antes de ata-los zapatos! Nalgún caso, nin zapatos, que botamos a correr descalzos, descalzos e sen provisións, sen reservas, sen alforxa! ¿Fixémolo polo qué dirán, por iso de que nos chamaban indecisos? ¡Se así foi, é que non somos tan vacilantes, tan prudentes, como de nós se dicía!

Xosé María Gómez Vilabella