Vista da Igrexa Parroquial de Castroverde, 
no día da festa do Santo Patrón, o Señor Santiago
Conducir é arte ou ciencia?
Este caso pasoume na igrexa de Castroverde. ¡E despois hainos que din que esta vida é aburrida; pois non, non señor, que é variada e divertida! Estaba eu na porta da igrexa, na rolda dos asinantes, que como poñen tódolos datos, casa de tal, lugar, e todo iso, tarda en chegarnos a vez, cousa que a moitos lles importa pouco xa que adoitan quedarse fóra, pero no meu caso, se vou, é que vou! O señor de diante miña tomouse a cousa con filosofía, así que, nesta espera, non puiden evitar lerlle por encima do ombro o que estaba poñendo, que foi isto: “¡Fóisenos un condutor magnífico; parabéns á familia!”.
Eu puxen a miña dedicatoria habitual, “Co meu sentido pésame, fe, esperanza e resignación”, pero ao darme a volta observei que o precedente seguía alí mesmo, falando cun vello amigo meu. Saudeinos e permitinme facerlle esta pregunta:
-Desculpe: ¿Vostede coñecía ben ao defunto, pois eu, e iso que mediaba un certo parentesco, non sabía que fose taxista ou camioneiro…?
-¿Dio por iso de que afirmei que foi un bo condutor? ¡Pois, si señor, que por tal o teño: Que mellor condutor que este home que chegou a moito partindo de pouco, e todo con honradez? Pero máis lle digo: conduciuse a si mesmo, que xa é mérito; e logo que foi un bo esposo, bo pai e bo veciño. Un home mañoso, conversador, extrovertido… ¿Isto é conduta, ou non o é?
-Agora comprendo que lles dese os parabéns á familia, pois mandar ao Ceo un parente desta categoría é para celebralo. En canto ao de que foi apreciado polos veciños, tamén o sabía, pero nunca lle din maior mérito porque é o normal vindo de fóra; ¡xa sabe que ninguén é profeta na súa terra!
Seguimos co tema, pero non só iso, pois despois da Misa busquei ao filósofo pero xa se marchara. Pedinlle o seu teléfono ao amigo común, e estou pendente de volver a verme con aquel home, que me pracerá seguir escoitando os seus razoamentos. ¡Atopei un home, e iso que non levaba farol, como facía Diógenes cando os buscaba!
Xosé María Gómez Vilabella