Diante do muiño de Mirandela
BREVE RESUME 
ROTEIRO VILACOTE-FURIS DE ABAIXO

Moi boa tarde noite!


Neste fermoso día primaveral, do sábado 15 de xaneiro, estrenamos este ano 2011 para rematar o roteiro dos muíños do Nacente; desde Vilacote a Furis de Abaixo, aos poucos metros de comezar o roteiro, sorpresa, puidemos visualizar e sufrir os destrozos da riada, da que xa falamos a semana de Reis e, que grazas ao veciños José Antonio e Pili que estaban tentado limpar o destrozo da riada,  no seu tractor, pasáronnos ao outro lado do río, a quen dámos as grazas desde aquí, logo desta pequena aventura,  puidemos seguir camiño. Este rego-río que baixa de Masoucos e Fogontelle, entre Vilacote e Riomol, tirou as paredes dun lado e outro do camiño, mentendo a parede ao propio camiño e prado colindante. 
Dito isto, dicir que a primeira parada, fixémola na igrexa de Riomol que xa temos visitado noutras ocasións e, non imos describir aquí. Agradecer a amabilidade do Sr. cura párroco, D. Jesús, quen amablemente nos amosou a igrexa de Riomol. Desde Riomol visita á capela de San Roque que pertence a  esta mesma parroquia e, desde aquí a Outeiro de Vellas para subirmos polo Monte de Outeiro desde onde hai unhas fermosas vistas de parte das Terras de Castroverde, seguidamente baixarmos a Mirandela pasando ao pé da súa igrexa, onde puidemos ver a simbiose dun castiñeiro e piñeiro, logo, baixamos ver o muíño de Mirandela ou Macía de Miranda, que puidemos visitar grazas á amabilidade da familia Macía de Miranda. Este é un muíño de cubo, de cantería, de dúas moas. De planta rectangular, ten os muros de cachotería de xisto con granito nos marcos dos ocos. A cuberta, de lousa, é a dúas augas, con trabes e cangos de madeira. Ao lado hai un alboio cuberto de lousa a unha soa auga.
 
Desde Mirandela a Furís de Abaixo, pasando por Lourentín, tendo que desviarnos do propio roteiro, debido tamén ao desbordamento doutro afluente do Río Tórdea, nesta ocasión o río que procede de Furís. Consideramos que este fermoso  val de Mirandela a Furís de Abaixo é un dos máis produtivos de Castroverde. En Furís de Abaixo tamén puidemos ver os muíños de Portela, Cantiz e Cabanela. Aquí tamén puidemos observar os destrozos da riada.
De volta, visitamos o muíño de Cabaleiros que pentence á familia Ferreiro de Riomol, a quen agradecemos a súa amabilidade para que puideramos visitar o muíño. Aquí tamén puidemos visualizar os destrozos que fixo a riada que houbo na semana pasada. Este é  un muíño de cubo, de cantería de granito, con dúas moas. Ten planta cadrada, con dúas alturas. A estrutura dos muros verticais é de cachotería de xisto e granito con marcos de cantería nos ocos. A cuberta, de lousa, é a catro augas, con trabes e cangos de madeira.
Con esta visita rematamos o percorrido deste fermoso día.
 
Saúde, Terra e Lingua. 
Manolo Muñiz