Sábado, día 11 de setembro.

Ás 10:00 h. Saída do Camiño Ancho

Ás 10:20 h. Ronda da muralla, frente a sindicatos.

Ás 11:00 h. Monterroso.

Regreso camiño da noite.

NOTA:

-Comunicalo o antes posible, se pode ser antes do día 4 de setembro no teléfono habitual.

-Comida cada un leva a súa, aínda que comeremos todos xuntos.



CONVITE À ROMAXE 2010



Xabier Blanco



Benquerida Irimega, benquerido Irimego. Un ano máis teño o gozo de poñerme en contacto contigo para, como dicimos en Cambados “facerche o acordante” da festa que celebraremos xuntos o sábado 11 de setembro. Si, ese día, en Monterroso, no corazón de Galicia, estás convidada, convidado á XXXIII Romaxe de crentes galegos baixo o lema da vella copla “Se ti viras o que eu vin”. Seica “en normativo” debemos dicir “se ti vises o que eu vin” pero non nos atrevemos a distanciarnos da copla popular precisamente polo respecto e agarimo que lle temos ás xentes que, antes cá nós, construíron esta obra de arte que é a nosa lingua.

Aló na área fluvial da Peneda hannos saudar unha irimega e un irimego de toda a vida e vannos ir contando e compartindo con nós todo o que levan visto ao longo das romaxes: os gozos, as tristuras, as esperanzas, os atrancos que ten vivido Galicia e o Mundo dende o ano 1978 en adiante. A través das cantigas dos nosos amigos de A Quenlla e de diversos textos poéticos da nosa literatura iremos facendo memoria e memorial de todo o acontecido, dos soños algo realizados e dos por desgraza frustrados ou mesmo aprazados “sine die”. Tamén nos han visitar dous peregrinos que seica se perderon e, en vez de estar abrazando ao apóstolo, preguntarannos a nós como vemos a Galicia e o Mundo do 2010 e por onde seguir o camiño para ir bater con lugares de esperanza e utopía e non desviarse cara as cunetas da desilusión, o fanatismo, a desesperanza.

No Monterroso encrucillada de camiños queremos celebrar contigo que, a pesar de tantos pasos de morte e de inxustiza, seguimos atopando motivos para a esperanza e para a ledicia. En Galiza e no Mundo seguimos percibindo verbas, signos, xestos, iniciativas que nos falan de Vida, de vida plena para nós e para toda a Humanidade e a Natureza. Por iso nalgún momento da celebración hannos visitar tamén aqueles dous que camiñaban cara a desilusión e que só vían fracaso no camiño andado. Pero, de repente, uníuselle outro Camiñante que lles axudou a facer “outra lectura da realidade” e que compartindo con eles ideas, inquezandas, confidencias e pan quentoulles o corazón e devolveulles a esperanza perdida.

Si, porque pese a quen lle pese, na Romaxe seguimos sentíndonos seguidores e seguidoras de Xesús de Nazaré, e a Fe e máis a Galeguidade seguen a ser os piares onde asentamos as nosas loitas, as nosas canseiras e os nosos gozos e esperanzas. E todo iso, un ano máis, imos celebralo xuntos no segundo sábado de setembro.

Vémonos, pois, en Monterroso, na área fluvial da Peneda o sábado 11 de setembro a partir das 11:00 da mañá co momento acollida, ao que seguirá a Celebración Irimega ás 12:00; ás 14:00h o xantar; ás 16:00h, festa; e ás18:30 a Oración da tardiña e despedida.

E, para chegar, ten en conta que Monterroso atópase na estrada N-640 entre Lalín e Guntín.

Ata máis ver.

(VER MÁIS)