Vista do val desde a Igrexa de Agustín

Breve resume roteiro

Vilabade – Agustín

O sábado, 12 de xuño, día que logo das chuvias caídas nos últimos días deixaron moitos dos camiños intransitables, así tivemos dificultades para cruzar desde Vilabade a Vilalle e, en Vilalle mesmo tivemos que deixar o camiño e saír á estrada da Fonsagrada. Logo entre Riomol e Outeiro de Vellas e entre Miranda e Agustín tivemos, novamente, dificultades, mais este último tramo de camiño é dos poucos orixinarios que quedan en Castroverde, unha corredoira fonda que comunicaban a zona de Páramo e Agustín coas feiras de Castroverde e Adai. Lugares todos desde Vilabade a Agustín abundantes en auga, cruzando varios afluentes do río Tórdea.

Comentar que este roteiro estaba pensado para ver o camiño “Roteiro das feiras” que se está intentando programar desde a Asoc. Terras de Lugo. Roteiro que viría desde as terras do Corgo, subiría desde Agustín a Vilabade e desde aquí volvería a terras do Corgo por Gracián camiño da feira de Adai. En Castroverde, trátase de que pase polos lugares que houbo ou hai feira, de aí que se pensa que pase por Miranda – Vilabade – Castroverde. Nesta ocasión, como dixemos, partimos desde Vilabade, pasando por Vilalle, Folgueira, onde visitamos o pazo, dámoslles desde aquí as grazas aos donos, pola amabilidade que tiveron en amosárnolo, logo seguimos polo Albardeiro, Vilacote, Riomol, Outeiro de Vellas, Miranda e Agustín.

Non comentamos nada aquí de ningún lugar, porque parte dos lugares xa foron comentados noutros roteiros, xa que parte dos camiños coinciden con outros roteiros, só comentar do interese que tería para Castroverde sinalar este roteiro, baixo o meu punto de vista, xa que une o Camiño Primitivo e a Vía XIX. Pensemos que o Camiño Primitivo, está sinalado “oficialmente” por Vilabade, mais hai quen defende a opción de Vilalle e, incluso quen di que o Camiño Primitivo viría pola Frairía e pasaría ao pé da Capela do Pazo de Folgueira. Deste xeito, quedarían unidas estas dúas importantes Vías con outros roteiros, digo con outros, porque tamén en varios puntos, coincide co Roteiro dos Muíños. Quedando unha boa parte do concello con roteiros por, prácticamente todas as parroquias da marxe dereita da estrada da Fonsagrada, se temos en conta que xa está trazado o Roteiro do Val do Río Tórdea e que pensamos sinalar o Roteiro de Furís- Páramo.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo Muñiz