Inaugurouse na sala de exposicións da Deputación a mostra de cerámica de Lolo Fernández



Antón Bao inaugurou esta mostra de cerámica creativa, que utiliza materiais propios da artesanía tradicional galega combinados con unha visión innovadora do mundo

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, inaugurou na sala de exposicións do Pazo de San Marcos a mostra de Manuel Fernández “Lolo”, “As cores da terra, as cores do ceo”, que consta de máis de 150 pezas que se mostrarán a partir do vindeiro luns na sala de exposicións da Deputación de Lugo. Á inauguración asistiu, ademais de Lolo Fernández, o artista, Aurelia Balseiro, directora do Museo de Lugo.

Na súa intervención, Antón Bao manifestou que esta mostra é diferente e innovadora por varios motivos. Explicou que Lolo é un creador que se move na delgada liña que separa a arte e a artesanía, “mestura os conceptos de terra e tempo: utiliza materiais propios da artesanía tradicional galega combinados con unha visión innovadora do mundo”. A terra convértese no eixo fundamental da súa obra, “pero non só a terra no sentido das arxilas e cinzas que utiliza para crear as súas pezas, con técnicas que van dende as olarías de raigame popular ata as máis depuradas técnicas orientais, senón tamén no significado da paisaxe e a atmosfera galegas”. Constrúe deste xeito Lolo no seu obradoiro do Corgo novas pezas que conectan o mundo tradicional co contemporáneo, “que nos fan descubrir novas formas de imaxinar o mundo, novas cores para o ceo e para a terra, a través dunha das artes máis tradicionais de Galiza”.

A exposición que se inaugurou hoxe permanecerá na sala de exposicións da Deputación de Lugo ata o sábado 31 de xullo. O oleiro “Lolo” Fernández está asentado en Anseán do Corgo e inspírase no rural para realizar as súas obras, baseándose na contemplación do mudo que o rodea. O ceo é un elemento importante na vida rural e está moi presente na obra, que tamén mostra vermellos, verdes e demais cores propios e representativos da paisaxe. Tamén está presente na súa obra a retranca e o carácter galego, segundo el mesmo afirma. A súa obra é innovadora, mesturando unha tradición moi valorada por el como é a alfarería, con un deseño e montaxe expositiva vangardista.

(Fonte: Páxina da Deputación)