Para comer…, os de Lugo!

Xa sei que o slogan tradicional, o rexistrado, é: Para comer…, Lugo! Pero a min práceme darlle a volta en honor ao realismo, do que sempre fun devoto: Para comer…, os de Lugo! A maiores, este xoves último tiven ocasión de patentalo asistindo a…, pulpada? (os revisionistas din “polvada”) da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Castroverde. ¡Deus, qué saque; iso si que é patrimonial! Foi no Jorge I, e saco a foto do restaurante e non a dos xubilados pois non me agradan as fotografías incompletas; ¡tantos, que non cabiamos nun cadro, nunha foto!

Non faltou ninguén, Alcalde incluído. O noso fundador, Antonio Valiño Carballedo, estaba remozado; quere dicirse, feito un mozo! Pero…, ¡o pero está en que había máis mulleres que homes! E todas guapísimas, da perruquería, enxoiadas, alfaiadas…; ¡é unha sorte non estar viúvo, pois, con tantas mozas, quen se atreve a escoller! O noso Castroverde é verde, ata niso, así que tódolos vellos son, están, verdes, a cal máis!

¡Deus, qué ben mastigamos, todos…, aínda que fose por obra e graza do dentista respectivo! Comezamos pouco despois das dúas, e ás cinco aínda non chegara o café. O “botellón” veu despois, cerca da noite. Non houbo bendición da mesa, que se deu por feita; ¡cada mesa, súa ara; cada mesa doce escanos, as tribos de Castroverde! O primeiriño que se me veu á mente: ¡Se houbese cheas, polvadas destas, viños destes, naqueles anos dos nosos avós, adeus preitos de augas! ¿Verdade que resulta máis barata unha enchedela amigable, veciñal, que unha “vista” xudicial? E logo está que nos preitos os que se enchían eran os outros!

Aínda que non o pareza, aínda que non o creades, estou facendo historia, escribindo para a Historia. Isto vai durar, como moito, un cuarto de século, pois para o segundo cuarto as mesas serán biplazas…, por extinción da terceira idade! Alí estivemos os de media ducia por casa, por parella, pero a seguinte xeración, ¡e Castroverde non foi unha excepción!, consagrou a teoría do fillo único, co cal esperaban exterminar as partillas dos herdos… ¡Xa, xa: o que exterminaron foi a raza, o poboamento! Entre isto, as parellas de feito, hoxe si pero mañá cada quen que cargue coa súa “separación de bens”, e os fillos que sigan en París, os casais só terán de permanente aquel plantío de eucaliptos que fixemos na horta de tras da casa! (Prégovos que recedes para que non se cumpran estas profecías).

Hoxe en día, a aldea, todas, a feito, están tristes, morriñosas, solitarias, que diso damos fe os patriarcas. Fanse as faenas agrícolas con independencia dos veciños, dacabalo dos tractores, e non das eguas! As viaxes realízanse polo asfalto, e non polas corredoiras; como pouco, a cen, sen mirar polas ventás! As misas, ou por mellor dicir, os fregueses, escasean. As feiras redúcense ao súper, e pouco máis. Así que, de quitado os enterros, poucas ocasións nos quedan para a conversa, para a convivencia, para a relación veciñal; de aí que estas comidas, ¡estas cheas!, dos vellos sexan a mellor das festas, uns acontecementos entrañables, cordiais, gratificantes.

Nas mesas houbo de todo, risos, lembranzas, contos verdes…; ¡claro, éramos de Castroverde! En toda a tarde non se me quitou da mente a lembranza daquelas ruadas de mediados do XX, aquelas cociñas de lareira, aquelas lumieiras con estelas de carballo, ao redor das que se xuntaban os veciños do lugar, ¡entre preito e preito, por suposto!, onde se falaba de todo, ¡de todo, menos de política, pois España só tiña un político, Franco, e suponse que parlamentaría con dona Carme, pois o resto, Vox clamantis in deserto! No ínterim, á marxe das nosas parrafeadas, neste Jorge I unha ducia de camareiros suando a gota gorda, que nin que fosen as espalladoiras da Casa Grande.

Non vos escandalicedes polo que digo, pero isto, esta chea, foi un testamento patrimonial, un exemplo a seguir…, ¡se é que volve o poboamento, a colleita xeracional!


Xosé María Gómez Vilabella