Resume do roteiro desde: O Acebo-A Fonsagrada-
A Póboa de Burón- Córneas

Onte, sábado, día 12 de abril, fixemos parte do Roteiro polo Camiño Primitivo e outros lugares, que pasamos a resumir.

Comezamos visitando as seimeiras de Queixoiro, dúas seimeira ou fervenzas (cascadas, ou cataratas), que paga a pena visitar.

Logo fomos ata o Acebo, onde recentemente foron descubertos os restos do Comandante Moreno e outros fusilados. A seguir baixamos a Cabreira e, desde aquí fomos a Barbeitos. Neste percorrido, temos que salientar algunhas cuestións; puidemos percibir que as obras de remodelación da estrada (Lu-530), actual (630) están a afectar ao Camiño Primitivo. Pedimos desde aquí, a máxima prudencia para este Camiño. Outra cuestión que nos chamou a atención, entre Fonfría e Barbeitos, foi a limpeza que está a facer a compañía eléctrica que, nalgún punto afectou ao Camiño. Máis grave vemos a agresión dunha canteira ou areira, que está entre Barbeitos e Paradanova na marxe esquerda e, que recentemente, unha das “balsas”, por mor dunha fuga, afectou a un dos afluentes do río Lamas, en San Martín de Suarna, que é afluente do Navia. Chamamos á atención destas agresións.

Na Fonsagrada, guiados polo noso amigo Tino, a quen dámos as grazas desde aquí, que xa fixo de guía durante a mañá, visitamsos, novamente, o museo da Fonsagrada, que nesta ocasión á parte do que xa tiña de fondos, contaba nesta ocasión, coa exposición de Manuel Monteserín, un pintor que naceu na Allonquiña. Deste autor, chamounos a atención os seus autorretratos, bodegóns e paisaxes. Salientar deste museo o feito de recoller o máis significativo da súa historia, quen nos dera en Castroverde, contar con algo parecido.

Logo baixamos á Póboa de Burón, a antiga capitalidade da Fonsagrada, por onde ía e vai o Camiño Primitivo, dicir que a Póboa foi concello ata 1835.

De volta a Castroverde, algúns queriamso coñecer o teixo de Córneas do Concello de Baleira. Desde A Lastra baixamos a Córneas, pasando por Freixo, que aínda é da Fonsagrada, chamounos a atención a súa igrexa e este lugar que é a cabeceira doutros 16 núcleos, pequenos, de poboación. Son de salientar a cantidade de hórreos ,que aínda se conservan nestas parroquias, e en xeral, en toda a Comarca. Seguimos ata Córneas, parroquia esta, xa de Baleira, que conta cuns vintedous núcleos de poboación, nalgún deles con pallozas ata hai pouco. Salientar de Córneas a igrexa e un dos teixos máis valiosos de Galicia. (Ver fotos)

Nestes días de chuvia, do mes de abril de 2008.
Saúde e terra

Manolo Muñiz

VER IMAXES