¿Pódese pasar?

-IV-

Novela satírica de Gómez Vilabella

¡Cámaras, acción!

A tal momento na Auditoría Celestial xa non sopra nin a máis leve aura. Aquel Sector entrou nun paroxismo revisionista, nunha retroacción rotunda, acelerada: Tanto o Fiscal, Frei Marcos, coma os Fisgas, están atentos aos vídeos da ánima do tal Litis, concentrados, absortos, sopesando tódalas súas actuacións, as directas e mailas indirectas. Como escena visible, aparece en pantalla un interior da Consistorial de Churiz; bastante cocho por certo suposto que as mulleres da limpeza, coa paga do Concello como única retribución, e sen outro estímulo, reparten o seu tempo entre a Consistorial e mailo pazo do señor Alcalde, así que é doado deducir en cal dos dous sitios prestan máis atención.

-…

-¡Señor Secretario, con permiso! ¿Pódese; pódese pasar?

-¡Pase, Oficial; pase! Casualmente ía chamalo eu porque é propio que nos coñezamos a fondo; ¡cómpre que sexamos bos amigos!

-O que é por min non queda, señor Secretario. Xa sabe que me chamo Ramón, pero como me criei aquí, na propia Vila, e todos me coñecen, daquela dinme, así, nun abuso de confianza, Ramonciño, nada máis que Ramonciño, que a xente élle macanuda: das un dedo e trábanche a man…, toda, enteira!

O Secretario, á vez que lle apertaba aquela manopla, os cinco; tanto, que case lla arrinca; ¡afectuosamente, por suposto!

-Iso será porque lle ven un carís honrado. Ou moito me equivoco, cousa que só me ocorre de Pascuas en Ramos, ou téno; ¡iso, carís; carís e carisma, todo xunto, asemade!

Ramón, que de afagado medrou un palmo, transixiu, humilde:


-¡Tanto coma iso…! O que lle podo asegurar é que cando se presenta a ocasión de facer algún que outro beneficio, digamos, municipal, ¡por min non queda! Considere, señor Secretario, que teño cinco fillos; e como os haberes dan pouco de si para tantos deberes, que o señor abade manxa do que canta…; ¡xa sabe, cada un á súa manxadoira, á que teña máis preto de si!

-¿Como? Non se escorra, non se vaia polas pallas, que Don Manuel faloume de que vostede xa herdou, precisamente do Alcalde anterior; ¡moito, montes e mourelas, leiras e penelas!

-Tiña que herdar, señor Secretario, ¡á forza, por imperio legal que se di! Era sobriño seu, concretamente o da casa, ¡que é como se pon nas notas necrolóxicas! ¡Por parte, afillado! Pero non vaia pensar que xuntou tanto como pregoan eses envexosos do alleo, que naqueles tempos os Presupostos éranlle…, ¡frugais! Por parte, tivo que facer aportacións, cum quíbus, para contribuír ao esplendor de moitos actos, fosen públicos ou secretos, que onde non, daquela…, ¡daquela non houbese chegado a vello, dacabalo desta poltrona, da municipal, tan falsa que é!

Aquel home, ¡ou o que fose!, aquel Litigueiro, polo que se ía vendo nos vídeos da súa conciencia, talmente parecía que o educaran nun Colexio da Santa Inquisición: enxoito do corpo e frío do ánimo; as paixóns íanlle por dentro. ¡Escasas, non; controladas, si!

-¡Querido Ramón, xa me decato de que vostede é humilde; xa! Por exemplo, estase esquecendo de que ten dous lugares, dous casaríos, ¡con caseiros! Aquí, neste municipio, poucos o igualarán…; ¿si ou non si, señor Oficial?

Ramón, bastante intuitivo, a tal intre deu en rever, que motivos tiña, pois, á parte daquel sonsaque inmisericorde, estaba cara ao sol, cara a ventá, que boa precaución tivera o Secretario poñéndose el mesmo de cu para a luz, para o sol, que así lle ensinaran na Escola da Administración Local: “A luz, por cortesía, toda para os ollos do súbdito…, ¡para desintegrarlle a personalidade, que de paso esfarélaselle a dialéctica!”.

-¡Boh, iso pouco é! -Explicouse. -¡Total, o de meu pai e mailo dese tío! Entre os dous caseiros, se non fose o que eu angazo aquí, no Axuntamento, daquela pouco xuntaría; ¡nin para mante-las sete bocas! Sómoslle sete, sete patriotas, señor Secretario-Interventor; téñamo en conta no seu comedeiro…; quero dicir, nas contas desta Casa, desta Casa que só debe ser pública para os de fóra, ¡cousa que sempre se fixo!


-Ben; pois, daquela, xa o sabe: a facer méritos, e a portarse, que un dos meus deberes como Xefe do Persoal é o de velar pola súa moralidade, pola pública; en recta Administración, que se di; por ende, os gaveleiros das gavelas, das outras, das que non sexan gabelas estritas, teñen que ser prudentes…, ¡só perigo dun cese fulminante! ¿Entende este consello tan…, amigable? Nese caso, escriba no seu entendemento, cen veces: ¡Deus débit, Deus ábstulit!

O Oficial seguía revendo, minguando, ninguneándose a si mesmo diante dun Secretario tan excelso, e á vez, tan perverso e tan protervo:

-Iso non irá por min, señor Secretario, que eu, xa ve, cinco fillos; ¡e todos meus, que por aí, noutros casos, pode haber dúbidas!

A todo isto, Aurelio deulle unha finta dialéctica, ¡para que os cravos afondasen nas mans do crucificado, para que as cousas quedasen claras! De paso, aproveitándose daquel intre de debilidade provocada, de confidencia do seu Oficial, deulle outra volta á parafusa do seu sometemento:

-¡Ramonciño, comigo non xogue, non xogue ao galego, que eu, aínda que veño de fóra, estou dentro, que nacín nas Españas! Por certo, falando dos de dentro, que aos de fóra xa os irei coñecendo, cos anos…, ¿que tipo de persoal temos aquí, na Consistorial? A súa obriga, tanto a moral como a material, é informarme, minuciosamente, rigorosamente, ¡sen reserva mental!

Ao Ramón presentábaselle unha oportunidade de serlle simbiótico, útil en definitiva; aproveitouna, feito un cándido:

-Á parte do Chofer, dos tres Gardas e desas mulleres da limpeza…, esas que cociñan na casa do Alcalde, ¿sabe?, estalle o Auxiliar, pero ese…, ¡ese maldito cousa auxilia, salvo na casa da súa chorba!

-¿Como é iso do Auxiliar? -Aquel Secretario, cando interrogaba, máis que preguntas facía imprecacións inquisitoriais, cesáreas.

-Un erro de meu tío, ¿sabe?, que cando morreu aquel Oficial, o Segundo, un home excelente, que ademais era xordo, e por ende, de poucas palabras, pero todas ben medidas e ben comedidas, ordenou convocar oposicións; desas, das libres…, ¡para que entrase o fillo da Porteira! Que non, tío, lle dixen daquela, que o Segundo ten que ser da miña confianza, ¡da miña! Pero el convenceume, ¡de momento!, que me dixo que podía caer Franco, e que viría unha democracia subseguinte, das podres; que había que ir lavando a cara…


¿Caer Franco? Quen caeu, de alí a pouco, foi meu tío, cunhas febres do diaño, que igual foi unha sífilis que lle pegou esa Porteira, a nai dese Xaquín, ¿entende? Xaquín é fillo da Porteira, así chamada porque casou co Porteiro, do Xulgado e mais do Axuntamento; ¡asemade, dous cargos á vez, unha inmoralidade! Neste Churiz, xa ve, a intercomunicación é das catro familias, que o acaparamos todo por…, ¡por dereitos de tradición! ¿Vaime seguindo, don Aurelio? O caso é que esa Porteira, de casada primeiro, e despois de viúva, e meu tío, o último Alcalde, ben sabe, fixéronse favores, ¡recíprocos! Esa maldita pagoulle cun sifilazo mortal, que o estará purgando, ela tamén, terzás e purgacións, no inferno, a base de xofre, ¡que por aló igual non coñecen o permanganato!

O Secretario algo diso tamén sabía; ou máis exactamente, moito: das concomitancias e das endogamias locais, pero seguiu espremendo no seu limón:

-¡Tomo nota! En vista diso, ao Auxiliar recibireino…, ¡mañá mesmo! Ou se cadra, pasado; ¡para que queden marcadas as distancias! ¿Así que ese tío, mellor dito, ese fillo de…, desa Porteira, desa transmisora…, que ata pode ser seu curmán, seu parente, é Auxiliar? ¿Estudou Dereito?

-¡Dereito estudeino eu, pero saín torcido! A miña perdición foi que viñese, co punto, desde Santiago, aquel verán, na época de voltea-la herba…, cando ía en terceiro. Daquela, unha tarde, deume por axudarlle á filla do caseiro a empalla-lo feo, que ameazaba o trono; pois ben, digo, pois mal, que estando niso do feo, alí, no mesmo prado, tronou…, ¡e de impresionados, puxémonos a facer unha porcallada, desas de penetración…!

-Ramón, siga, que eu, entre outras disciplinas que non son do caso, tamén estudei, ¡e precisamente Dereito! Comprendo tódolos siloxismos, á perfección, coas premisas respectivas; tódalas conclusións ab hoc et ab hac; ¡ás dereitas, que meu avó tamén o era, iso, Avogado!

-¿De dereitas, non si? -Aventurouse Ramonciño a preguntar…, ¡non fose o diaño, pois na Facultade tamén os había esquerdosos!

-¿Eu? ¡Xa o ve: ambidextro! -E mostroulle ámbalas mans, algo abertas, formando un cazo. Fodeuno ben, que con aquela “premisa”, absoluta, cortante, ao Ramón éralle imposible seguir inquirindo.

A camaradería do Litis, aparente por suposto, con aquela afinidade, relativa, dos estudios respectivos, fixo o resto; e Ramón, captado, cativo e captivo, espapallouse, foise da lingua, ao completo:


-Mire, con franqueza…, o caso é que se estaba tan ben, alí, naquelas brañas, tombados na herba, nun bo xacer, con ese tufo tan…, acalorante…, que niso, neses praceres pecadentos, co brinquete acelerado, ao máximo…, aquela xeira levounos ao sono, caendo nunha especie de modorra. Daquela…, ¡daquela mesmo comezou a conta atrás, esa dos nove meses! Entre meu pai e mailo tío, seriamente advertidos, ameazados pola familia da rapaza, ¡que tiñan un curmán no monte!, convencéronme para casar. ¡Xa ve! Aquela enfermidade, aquel regadío extemporáneo, fertilizante, da miña propia semente…; ¡a verdade é que outro arranxo non tiña! Meu tío, ante esas circunstancias, e como regalo de voda, fíxome Oficial; así, de entrada, ao directo, pola vía decretal. ¿Que máis lle podo dicir? A vida é como é, ¡unha consecuencia!, que iso que empeza por efe de traducido ao galego…, ¡outra compostura non lle ten!

Como era atendido, ¡que máis quería o Secretario que penetrar nos secretos dos seus ínfimos subordinados para captárlle-los puntos vulnerables!, aquel Ramón, a mais de arar, acadullou:

-Mire, outro caso, antagónico creo que se di, élle o dese perillán, o tal Xaquín, pero ese é un experto, ¡ou está esperto, que nunca se esquece de mete-la marcha atrás! Ándalle martelado coa filla do señor Paco, ese xudeu que din que foi masón e que lle perdoaron, daquela da Lei de Represión, por…, ¡por acusón dos outros! É o dono dos Grandes Almacéns, aí, nese cruce da Ponte. Uns almacéns que teñen de todo; ¡de todo, menos vergoña! O susodito, o Xaquín, a mais de chulo, élle Perito, ¡Mercantil! E para máis chulería, ¡dáse de comunista! Un vaidoso, que presume de saberse, ao completo, as obras completas dun tal Marx. ¡Si, si, o que oe: comunista, pero acompaña unha herdeira, das do número un!

Aurelio mostrouse conforme pero á súa maneira; ¡outro estilo, outra categoría, outra preparación!

-¡Vaia, vaia; pois, con eses antecedentes, haberá que vixialo de cerca! En proba desta confianza encárgolle a vostede, Ramonciño, ese labor, que agora, ao vir eu, xa queda aliviado de certas responsabilidades; por exemplo, das relacións públicas. Por de pronto, páseme as Normas do Planeamento; todo o que se refira ás Licencias de Obra, que xa vin que teñen tódolos expedientes nese armario, aí, detrás da mesa do Auxiliar. ¡Iso é unha neglixencia grave! E concorre, así mesmo, que aquí o experto en Urbanismo son eu; ¡o único experto, a mais de esperto, que veño casualmente de face-la especialidade! Xa verá vostede, xa verá, qué urbanidade imos ter, de aquí en diante, neste Churiz tan…, ¡tan churro, tan churro e tan desmadrado, á vez que desmedrado! Por hoxe máis nada, rapaz. ¡Ah, si! Que cando alguén lle pida un favor, destes, dos municipais, vostede fale comigo, sempre comigo, sen receo, ¡que por algo son o Asesor deste Concello! De hoxe en diante, eu, que son Avogado, teño a responsabilidade de que esta Santísima Casa, a mais de Consistorial, sexa un templo, ¡un Templo da Xustiza! ¿Moncho, está claro? ¡Aténdame, que non adoito repeti-las miñas consignas! -Engadiulle, petulante e ameazante.


Ramón a todo isto tivo o presaxio, a intuición de que, co novo Secretario, ían cara ao inverno, que se lle caían as follas do seu mangoneo caciquil, tantos anos compartido, se ben en segundo plano, co seu compadre, co Salmonte, así que primeiro falou para dentro e despois para fóra:

-(¡Non sei, non sei…!) … Entón fareino ao seu gusto, señor Secretario; vostede dispoña de min, como lle pete, que xa lle dixen cal é a miña disposición; a miña disposición, e tamén, ¡tamén!, a miña situación…, familiar…, un tanto precaria…, ¡niso da liquidez! ¿Entende? ¿Que si? Daquela…, ¡daquela xa sabe o dito: vive e deixa vivir!

-¿Queee…? -Escapóuselle un cometón violento, reaccionario, que foi parar á mesa de castaño, naquela tampa rebordante de tallas, pero non se mancou, nin el nin a mesa, duros ámbolos dous, a cal máis.

-Non, nada; é un refrán…! -Disimulou Ramonciño, e caro lle custou, de asustado, de claudicante, feito unha eiruga, sen terra mol na que achantarse!

O tirano, pola súa parte, non tiña escrúpulos, que aquel tipo só sentía as molestias e mailos gozos físicos, segundo os casos, así que distendeu as súas falanxes, soprándolles ao disimulo, que algo lle doían. Polo demais, críptico, coma sempre:

-¡Si, claro; comprendo a súa disposición; e tamén está iso da súa situación familiar…; ¿como dixo?, angustiosa! Toda a lealdade que se teña comigo, toda a submisión, libremente aceptada por suposto, terá a súa recompensa, ¡que nunca lle vai faltar trigo ao que semente na miña chousa! ¿Sabe iso de que a Deus rogando…?

– … e co mazo dando, ¿non si, don Aurelio?

-Naturalmente; co mazo e co pau, que as letras…, ¡co sangue entran! ¿Como era o outro…? ¡Ah, si: Quen en boa árbore se abeira, boa sombra e boa cabeceira! Pero o que é niso das gavelas municipais…, niso non sexa seareiro, non se pase na cobiza, Ramoncete, que a muller do César, a mais de honrada…, ten que parecelo! Así que, a bos entendedores…, ¡gaitas do fol! ¿Estamos? Daquela…, ¡achantado, e que sexa por cen anos!

-¡Servidor…, eu, ás ordes; sereino, todo iso, e máis que fose, que teño cinco fillos, a cal máis voraz!

-Ramón, non pérda-los bos costumes, nin que trone, que as arroutadas, ben o sabes, traen malas consecuencias, que este Movemento, o noso, por glorioso que sexa, demóstrase andando, pero con prudencia, con pés de chumbo, sempre á miña beira; ¡sempre á miña beira! -Subliñoulle. -¿Estamos, rapaz; conformas?


Despois daquela carda faltoulle tempo ao Ramón para achegarse á fonte pública, a por un grolo, feito unha esponxa, ¡tanto, que case a seca!