FACENDO A EUROPA DOS POBOS
Por
Xaime Félix López Arias
De Irmandade Sárria-Guerlèdan
Cronista Oficial de Sarria
Participo na celebración desta xuntanza dos Castroverdes da Península Ibérica, sen maior autoridade , e só dende a experiencia que dan os dez anos de intercambios entre a vila de Sárria e a Comunidade de Comunas de Guerlèdan , na Bretaña francesa, que ininterrumpidamente se veñen celebrando ano a ano , de maneira que un bon número de familias de Galicia e de Bretaña, abrimos as nosas portas e os nosos afectos na recíproca acentuación dos mellores sentimentos individuais e colectivos.
¿ Por que os irmandamentos entre cidades e pequenas comunidades encontran tan bon suceso na Europa actual ?.
Sen dúbida porque despois de tantos séculos de enfrontamentos, de reservas, de temosías , de alzar barreiras e fronteiras, de demonizar actitudes , de persecucións relixiosas e ideolòxicas, de vivirmos de costas uns aos outros, de sufrir masacres e holocaustos , imperios , secesións, destruccións … os pobos, a xente sinxela, aqueles que desexan a paz e a concordia , dixeron que xa estaba ben de baños de sangue, de aferroallamentos e de diplomacias de luva branca, e apostaron por ver no viciño as virtudes , tamén os defectos, como reflexo das virtudes e dos defectos propios.
Houbo que deixar atrás alianzas revanchistas, ententes desestabilizadoras , políticas de equilibrio, politicas de castigo e de ignorancia activa , e as secuelas do militarismo e os totalitarismos, para , recobrando a esencia da liberdade abrirse á colaboración sincera, aínda que dificultosa, e esquecendo as vellas fendas e feridas, empezar o labor de descubrir ao viciño, compartir co viciño, camiñar co viciño….
Non é labor doado , porque os moitos séculos de constantes confrontacións , daban unha imaxe distorsionada e estereotipada das diferencias, cando ningunha de esas diferencias era por sí mesma obstáculo para o camiñar xuntos.
Pasada a II Guerra Mundial moitas cidades e comunidades europeas , cando aínda moitos campos de labor tiñan fresco o sangue das loitas fratricidas, abriron xenerosamente as súas portas, derrubando as murallas do receo e da incomprensión, asinando cartas de Irmandamento nas que apostaban pola concordia, pola colaboración, pola amizade, polo mutuo coñecemento.
Moitas e variadas foran as motivacións que levaron a establecer estes intercambios nos que ademáis dos membros electos dos corpos de goberno se implicaron as asociacións cidadás, as familias e moitas persoas a título individual, dando lugar a un fluxo de visitas, de aprendizaxe en común, de apertura a outras formas de vida,… e así grandes e pequenas comunidades locais foron tecendo un tapis de milflores que fai que nesta Europa de soños e accións comúns , os cidadáns non sexamos suxeitos pasivos , senón actores principais á hora de fortalecer a conciencia común europea.
Europa é un conxunto de comunidades e de cidadáns libres, que deixando atrás o vello tapis das Penélopes que na escuridade da intransixencia destecían o que os pobos ilusionados facían á luz do día, encaran o século XXI con retos e desafíos de paz, convivencia e tolerancia.
¿ Como e por que unha comunidade escolle a aquelas coas que pretende facer labor común de mutuo coñecemento ?.
Son moitas as razóns, unhas históricas, outras económicas , outras de vocación , mais entre elas , quero agora destacar que unha motivación frecuente é a de unir en accións abertas a comunidades que teñan a mesma ou semellante denominación ou topònimo, tal é o caso dos Castroverde de Castela-León e Galicia e o Castro Verde de Portugal.
Semella que unha cuestión meramente fonética , filolòxica ou de tradición histórica isolada non é un grande motivo, mais a curiosidade humana non ten lìmites, e o mesmo que cando alguén presenta o mesmo nome e apelidos ca nós xa o miramos con certa simpatía como un “eu” diferente, pero que ten algo en común con nós, resulta interesante que despois dun labor de consulta para o “descubrimento “ dos Castroverde e o Castro Verde luso , xurdise a curiosidade por saber máis encol deses “alter ego” , entes e comunidades vivas, en escenarios xeográficos ben diferentes, con diferentes concepcións poboacionais, con diferentes medios de vida, con línguas diferenciadas… e unha vez coñecido todo iso, xurde a seguinte cuestión :
¿ E por qué non establecer vínculos de irmandade ?
¿ Por qué non recuperar o espìrito daquelas cartas de hospitalidade que na antigüidade levaban aos habitadores dos castros a ofrecer recíproca axuda entre eles asinando e reafirmando , en placas de bronce , ese espìrito de colaboración e de amizade ?.
Certamente ese propósito abre moitas posibilidades, tanto a título colectivo como individual.
Ademáis do mero coñecemento das realidades xeográficas, a colaboración entre entidades públicas, colexios , asociacións, etc. permite ao longo dos anos entrar nunha dinámica altamente enriquecedora.
A participación en eventos deportivos, lúdicos, recreativos e formativos permitirá ás novas xeracións de unhas e outras comunidades o descubrimento de outras culturas e xeitos de vidas , a posta en contraste dos valores propios, a ilusionante tarefa de saber que por riba da lonxanía se poden tender liñas de experiencia compartida e comunicación, altamente enriquecedoras.
Desde a propia experiecia, como un dos responsables da Irmandade entre Sárria e Guerlèdan, podo dicir que ademáis da colaboración entre os Concellos de Sárria e a Comunidade de Comunas de Guerlèdan, na actualidade están consolidadas liñas de irmandade entre colexios, institutos e liceos das dúas localidades , que seguimos uns e outros o quefacer cultural das respectivas comunidades, que as asociacións culturais colaboran entre elas, e que cada ano familias de unha e outra rexión acollen nas súas casas a persoas , ao tempo que rapaces e rapazas se desprazan para o estudo dos respectivos idiomas, ou que unha Biblioteca Galicia, enriquecida ano a ano, abre as súas portas en Mûr-de-Bretagne para apoio dos moitos guerlediáns que seguen cursos de lingua castellana ou asisten a sesións onde coñecen as producións cinematográficas galegas.
As estancias de traballo para xoves , a colaboración con sindicatos e outras institucións fan posible que o irmandamento , a traveso do mutuo coñecemento, potenciando o orgullo diante dos propios valores, permita coñecer outras realidades .
¿ E todo isto que ten que ver coa construcciòn de Europa ?
… A vella Europa , fronte ao panorama de confrontación belicosa e de prepotencia , sempre cultivou o xesto da acollida.
Somos froito dos camiños percorridos por xentes de todas as linguas, froito do comerzo e do traballo, froito da acollida de exiliados, froito da expansión das ideas… todo iso , máis gozoso e productivo ca os actos da diplomacia de luva branca, o militarismo de cruces negras, ou o totalitarismo negador dos dereitos humáns, fai que a Europa las comunidades locais, a Europa dos pobos, reclame o seu lugar fronte á Europa dos Estados…
E é aquí onde un labor tan sinxelo e tan complicado á vez como é o de irmandar pobos, nun mundo no que as distancias non son obstáculo para o coñecemto, un mundo no que as linguas serven para comunicar e non para aillar, no que os movementos de poboación e o turismo botan por terra toda actitude de endeusamento ou soberba, os cidadáns libres, as comunidades de homes libres, estén a facer a nova Europa , camiñando sempre por diante dos que dende os altos cumes das decisiòns políticas ou economicistas, queren sinalar as follas de ruta , que, en definitiva, acaban escapàndoselles das mans, porque os cidadáns, os pobos sempre teñen motivacións máis sinxelas e menos alambicadas.
Tede a seguridade de que o irmandamento dos Castroverde españois e o Castro Verde portugués é importante á hora de facer a nova Europa, esa Europa na que , sen renunciar a todo o máis íntimo e conformador das respectivas esencias, bota por terra as fronteiras mentais , as fronteiras do enfrontamento e a intransixencia.
Cando se fai o xesto da hospitalidade e a acollida, cando se abren as portas das casas para compartirmos o pan e o sal da amizade, cando os electos das comunidades intercambian experiencias, cando os nenos e nenas descubren outras linguas e outros xeitos de vida… estamos a facer o novo tapis da tolerancia, da comprensión, da colaboración, estamos erguendo a branca e limpa bandeira do traballo e do quefacer común.
Aprendemos que as diferencias non son bandeira arredante senón a expresión de camiños semellantes para tecer o diálogo e non a confrontación.
Os miles de pequenas comunidades e de grandes cidades europeas que van asinando cartas de Irmandamento andan con paso decidido no camiño de facer a nova Europa, na que comunidades ben diferentes, con historia e orixe dispar e con linguas , usos e costumes diferentes, son capaces de botar cada día abaixo as vellas teimas ,e ir facendo todos xuntos os camiños novos , riba de terras que durante moitos séculos foron campos de confrontación e de mutua ignorancia e desprezo.
Nestes días os Castroverde de Castela e León, e de Galicia, e o Castro Verde de Portugal, por riba dos formalismos, facedes destacar o sentimento de amizade, a sinxeleza do xesto de acollida, e poñedes así unha pedra máis no labor de facer una Europa unida, un espazo común para todos os europeos.
Castro é sinónimo de fortaleza, e o Verde é cor de gozosa esperanza.
Este irmandamento nace, sen dúbida, baixo o signo da Fortaleza e a Esperanza.
Un paso máis na construcción da nova Europa.
Castroverde, agosto de 2007.
Deixa unha resposta