Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

Cando Afonso II volveu a pasar por Castroverde…

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Para os incrédulos teño varias testemuñas diso, do que aconteceu en Castroverde o día 20 de xuño do ano 1.993, pero unha é de especial e notoria categoría: Xesús García Juanes, que montou no El Progreso do día 22 de igual mes e ano, unha recesión desta efeméride, a catro columnas.

Para os incrédulos: El Rei reencarnouse na persoa de Luis Pérez Fuente, e foi recibido na Vacariza polo entón mordomo do Señor de Castroverde, Xusto Rodil Eiras. ¡Un mordomo de tal categoría, nos tempos presentes non podía ser menos que directivo dun gran Banco! ¿E quen personificou ó propio Señor de Castroverde? ¡Disto gardo o secreto, pois, pola tripa o coñeceredes, que xa a tiña daquela!

El Rei non se perdeu, nesta ocasión, a pesares da broza do Camiño, grazas, entre outros, ó Factótum, ó Polifacético, Ricardo G. Polín, que sementou de estrelas esta Gran Vía do Campus Stellae.

O Señor de Castroverde estaba amoscado pola, aínda recente, designación de don Silo, en Oviedo, sen contar coa nobreza desta parte da Gallaecia, pero…, ¡fixeron as paces, na propia escalinata da “catedral” de Castroverde, que daquela aínda non o era, mais, coma se o fose!

Os da Voz de Galicia (21-06-1.993) naquela ocasión foron algo cismeiros, que se lamentaron de que na comida medieval (Campo da Feira), “¡Faltó el plato de jabalí…!”. ¡O que faltou foi un Obelix que os cazase!

¿Quen dixo que en Castroverde non se venera como é debido esta xoia do noso Patrimonio, cal é o Camiño Primitivo? ¡Envexa que nos teñen noutros Concellos, que por iso inventan Vías onde só houbo carreiros!