Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

Os zoqueiros da Gallaecia

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella Certo é que cada xeración se queixou de que a seguinte lle estaba arruinando o “patrimonio”: deixando as leiras a monte, ignorando consellos, desprezando experiencias, inutilizando ou aborrecendo formas e formalismos… Pero mellor empecemos polo fondo, como fan os cesteiros: ¿Que é Patrimonio? Nós, que tan “amigos” somos diso, sabémolo, sabémolo e respectámolo: Patrimonio é toda herdanza aceptada! Isto parece un concepto xurídico, que tamén o é, pero alcanza máis. Cada xeración, desde que o mundo é mundo, recibe, pero, despois diso, acepta ou repele, asume ou abandona, perfecciona ou deteriora; e por último…, testa!

A casualidade de que tamén eu fun zoqueiro, pesou moito en min ó contempla-las zocas daquel colega, na inauguración de Castroverde. ¡Precisamente no mesmo campo feiral onde as teño vendido, polos anos 46/48 do pasado século!

Non se trata de que volvamos a este tipo de calzado, aínda que tampouco estaría mal. O pecado estribaría en que a xente pasase de largo por aquel stand sen reflexionar que podían estar sans, ou vivos, grazas precisamente ás zocas, e por ende, ós zoqueiros! Feitas, normalmente, de bidueiro, de cerdeira ou de amieiro, estas madeiras, de secas, son impermeables a humidade, e por tanto, illantes, unha luva para os pes! O feito de que podan sacarse con facilidade airea a planta do pe, expulsa a suor, permite usar calcetas de abrigo, tal que de la, etc.

Hai quen di que desapareceron porque non eran axeitadas para conducir vehículos… ¿Non sería máis ben por culpa dese autoodio dos pobos cercados, oprimidos, afumados polos avances dos poderosos? É ben certo que a necesidade crea o órgano, o invento…, e se todo por aquí non sentimos ese imperio, esa necesidade de perfecciona-lo noso calzado, aí estaría a explicación, que non a xustificación, de que a ninguén, a ningún dos nosos enxeñeiros, lle dese, que eu saiba, por inventar un pantógrafo anatómico dixital para traballar, mecánica e automaticamente, tanto o interior coma o exterior dos toros, deixándoas á medida do usuario, e co grosor proporcional, axeitado.

Os asturianos decidíronse polas madreñas (que non vén de “madrileñas”, como pensan eles, senón de al-madreñas, da mesma raíz que al-madraque, fundas para encher de material brando, coxíns, almofadas, etc., copiado, por tanto, dos spanois, daqueles veciños do Sur), pero o seu traballo sempre foi máis de oficios que de horta ou lameira.

Para min, que as zocas trouxéronas os bretóns e non os suevos; os suevos todo o tiraban da vaca, da vaca e das ovellas, así que deles máis ben serían os zocos. Pescudando acerca das orixes destas cousas din cun libro do bretón Pierre-Jakez Hélias no que relata que o zoqueiro do seu lugar, Kerveillant, facía as zocas de faia, que tamén é boa madeira, pero aquí por Castroverde só se da nas terras calías, e dáballes moita amplitude para reenchelas de palla, que así non se lles arrefriaban os nocellos! Cando lles fendían, para mellor aproveitalas, na Bretaña francesa premíanas cun arame, ¡igual que as levaba o señor Serafín do Vindiego! E para facelas durar, antes da estrea xa lles cravaban as brochas… ¡Igual, igualiño, que nosoutros, veciños dos bretóns lucenses, tan só coa Serra da Ferradura en medio, facendo a raia!

A zoca, pois, dunha ou doutra feitura, abrangueu toda Gallaecia, terra, clima, que as pedía, que as necesitaba, ¡e que tiña madeira axeitada! Precisamente, tentando delimitar, ou configurar, o mapa das zocas/zocos, achegueime a Chaves (Aquas Flavias), coidando que xa estaría demasiado ó Sur. ¡Pois, non! De alí mandáronme a Boticas, no Baixo Barroso, a onde xa queríamos ir para acollernos ás augas de Carbalhelhos… E casualmente preguntei nunha librería, alí por xunto do castro: “Merque este libro do noso paisano Antonio Lourenço Fontes, que é un especialista en etnografía transmontana…” ¡Díxomo en galego! Pero o libro estaba en portugués, así que lle fago os honores:

Soqueiros

Em toda a provincia há soqueiros, pois o soco é o calçado em uso geral. Mesmo os ricos gostavam do seu par de socos bem feitos, mormente no Inverno. Sâo mais saudáveis, porque mais secos, mais quentes, mais duros. Hoje o sapato feito, em série, tornou-se mais barato, mais elegante, mais usado que o soco. No entanto, o lavrador, ou todo o que vive no campo, prefere usar os socos, em vez das botas. Há as socas para senhora, de verniz ou, simples, de coiro; há os socos abertos tanto de homem como de mulher; o soco fechado é mais usado pelo homem. Todo o camponês sabe o mínimo para pregar uns socos, para fazer os paus respectivos. Mas há os soqueiros mestres. Chamam-se para casa os dias precisos, antes de começar o Inverno, para calçar toda a familia, desde os criados aos filhos pequenos. Os paus dos socos têm de ser no geral de vido, de cerejeira, ou amieiro, (igualiño que en Castroverde!), para serem leves e impermeáveis à humidade…”

Pero, Señor, co útiles que son as zocas, e tantos enxeñeiros que leva dado Castroverde, cando lle soprarás a algún deles para que se decida a inventa-lo pantógrafo anatómico dixital para substituí-los ripeiros, e cos ripeiros, as aixolas, as trades, os legres…?

Galicia, segundo din os Notarios, é a Autonomía con máis Declaracións de Herdeiros, precisamente pola omisión xeneralizada, crónica, de testar.