¡Hai
que importar kanguros!
 

 

 





Meu querido, venerable, Rosendo Salvado Rotea, que tantas calamidades pasaches antes de chegar a ser misioneiro en Australia (exclaustración en Santiago; a túa, imposible, ordenación en Tui, que che foi denegada; as molestias de ter que irte para Italia, para seguir o teu imperativo vocacional, onde, ¡por fin!, lograches cantar misa no mosteiro de Trinità della Cava; despois o teu enrolamento na Propaganda Fide, para evanxelizar Australia…), xa que tanto sabes de penalidades, intercede por nós para que podamos volver ás hortas e ás agras de pan levar, pois…, ninguén mellor cá ti para librarnos desta epidemia dos eucaliptos! ¡Do que non, inspira á Xunta de Galicia para que importe kanguros australianos, xa que mal se entenden os teus eucaliptais, esta multiplicación que logo supera á dos pans e dos peixes, sen o seu complemento!



Aquilo de traelos para Galicia, ¡eucaliptos para as nosas pataqueiras, favorecendo a Exipto, que é de onde estamos importando as Solanum tuberosum!, tivo que ser unha tentación diabólica…, cómo non o fixeses para que, cos seus bafos, quitásemos as catarreiras galaicas, que é para o que mellor serven os Eucalytus globulus! Mais ao de hoxe, aquí, volvemos a ter dúas necesidades: Misioneiros e…, hortas! ¡Ai daquelas hortas do meu Castroverde, ai daqueles trigais de Chamoso, que veño de recorrer o meu país…; perdón, que dixen mal, pois este país, esta bisbarra tan nutricia, xa non é a miña, senón unha Australia, outra! Padre Rosendo, apiádate de nós, e intercede para eliminar as consecuencias daquel pecado, teu, pois, ¡xa o ves desde Aí Arriba, desde o Ceo, se é que os eucaliptos che deixan ver o chan!, imos camiño da desertización, do abandono rural, e para os catarros hai pílulas e xaropes na farmacia!

 

Xosé María Gómez Vilabella

 

_____________________

 

¿Damos / recibimos?
 
 
 
¿Damos / recibimos? ¿Queremos / quérennos? ¿Ensinamos / ensínannos? ¿Cobramos / pagamos? ¿Exportamos / importamos? ¿Qué tal andamos, qué tal nos comportamos nestes contrapesos? ¿Qué ninguén nos falou disto; ninguén, nin a nosa conciencia? ¡Ai, logo!
 
Pouco é, pouco vale, aquel ou aquilo que non dá máis do que recibe; se tal fixesen os cavernícolas, todos eles, dade por seguro que aínda viviríamos nas covas, e covas houbese, que non chegarían, non caberiamos nelas!
 
¿Se digo que os nosos avós, poño por caso aqueles labreguiños do meu Castroverde, nados e criados no século XIX sabían máis de Economía que moitos dos Licenciados deste século, do XXI, qué, tomariádesme por mentireiro? Daquela terei que demostralo:
 
Para comezar, no XIX era abafante a carga foral nesta bisbarra; o instrumental, rudimentario; as enfermidades, case todas, incurables, co cal os anos de produtividade efectiva eran poucos, poucos e curtos, que non tódolos días valían para traballar á intemperie naquelas circunstancias, etcétera, etcétera. Con esa carga ao lombo, subiron ao Miradoiro, e desde alí viron Lugo, viron a prosperidade do último terzo do XX!
 
Aqueles avós tampouco estudaran Física, pero dominaban coma ninguén a teoría dos vasos comunicantes: ¡As nivelacións, pois ninguén gastaba máis do que gañaba, do que percibía, e non estes político-economistas do XXI, emperrados en retrotraernos á miseria xeral, aínda que non á particular!
 

Xosé María Gómez Vilabella

______________



Qué solos se quedan los muertos!

 

Baixeime do coche para retrátalo; ao morto, non, ao sartego! Que isto pase no meu Condado, no condado de Flammoso, dóeme. Daquela acordeime do Cura do lugar, pero tamén de Gustavo Adolfo Bécquer: 



¿Vuelve el polvo al polvo?

¿Vuela el alma al cielo?

¿Todo es vil materia,

podredumbre y cieno?

¡No sé; pero hay algo

que explicar no puedo,

que al par nos infunde

repugnancia y duelo,

al dejar tan tristes,

tan solos los muertos!



Bécquer

 

A tal momento daba o sol na cabeceira do sartego…; ¡sería a súa ánima, alumándome para que a foto saíse nítida, expresiva? Mais non, porque a alma deste rapaz / ou rapaza, seguramente teña emigrado, acaso daquela que o Crucificado resucitou, e fixo resucitar aos que o precederon, ¡que este sartego é moi antigo!, pois, en caso contrario, non creo que o Cura da parroquia fose tan…, inmisericorde como para apartar da Igrexa, das dúas, da de maiúsculas, pero tamén da de minúsculas, este relicario. Claro que igual é santo, santo e sabio, que por iso se dixo: -¡Este é un sepulcro baleiro, e compre deixar sitio para outros, para os veciños que aínda estean purgando! En todo caso, ¿quen son eu, un lego, para opinar das cousas sacras?





Xosé María Gómez Vilabella

______________

 

As cartas boomerang
 
 
¡Que si, que ten habido cartas boomerang, e precisamente na miña familia! Hai, houbo, sempre e de sempre, feitos, casos, situacións anecdóticas singulares, case diría que incribles, que non pasan á Historia grande, a de maiúsculas, única e exclusivamente por darse en círculos, en bisbarras, de ámbito minúsculo. Esta é unha desas, e vouna incorporar á pequena historial local, á de minúsculas, porque coido que vale a pena, xa que de pena vai a cousa, e logo que tras de min igual quedan poucos ou ningún que chegase a coñecer, de primeira man, este caso.
 
Aí está a Memoria Histórica para lembrarnos de que en Montecubeiro, fieis, na súa inmensa maioría, á República entón vixente, só que do outro lado da fronte, varios mozos negáronse ao recrutamento forzoso franquista, optando pola xesteira, pola carballeira, polos muíños, polas pedreiras…Un daqueles ¿rebeldes? foi meu primo segundo, Daniel Gómez Carballedo, que levaba os apelidos de súa nai porque seu pai tamén…, tamén desertara!
 
Mandáranlle incorporarse un día 7, que coincidía feira en Mosteiro, e para facer ben o papel foi andando ata a estrada LU-760, pero…, non subiu á Liña, retornando por outro camiño. Súa nai, horas máis tarde, indo para a feira coas outras veciñas do lugar, non se cansaba de sinalarlles o rastro das pisadas do seu fillo: -¡Meu Danieliño, qué nervioso vai, que mirade qué zancadas tan longas deixou nesta lama do camiño!
 
Días despois, que contactou con un bo amigo e veciño que estaba ¿operando? en Tineo, idearon o sistema de mandarlle a Asturias, dentro doutro sobre, cartas do Daniel, para e co aderezo de súa nai, dúas ou tres, nas que o desertor non se cansaba de explicarlle á nai cómo era aquilo da guerra. Esas cartas boomerang recibíronse en Montecubeiro, e servíronlle á nai, todo en regra, cos sobres selados en Asturias, para xustificar que o seu fillo era…, azul!
 
Suponse que algún azul, dos de verdade, ¿ou de circunstancias?, fiel ao cuartel de San Cibrao, puxo en dúbida aquela correspondencia, e como na Zona seguía constando como desertor…, a Autoridade ¿Competente? oficiou a Tineo, ¡rachándose así o pano daquel teatro! Despois dun tempo montaraz, varios meses, en vista de que todos lle facían falta ao Alzamento, e non sobraba xente para perseguir desertores, prometeron unha semi-amnistía aos que se presentasen en Lugo, e foron destinados sistematicamente a Regulares, sancionados con recargo, que os licenciaron máis tarde que aos da súa quinta.
 
¡Se fose a escribirse polo miúdo a Historia de cada bisbarra non habería eucaliptos suficientes para elaborar o papel necesario para referila!
 
Xosé María Gómez Vilabella

_________________



¿Que
vexo desde a miña ventá?

Muchacha
en la ventana. Salvador Dalí
Todos vemos distinto, xa que distintas son as ventás, para
cada sexo, para cada paisaxe, para cada intre das nosas vidas. Pero eu, a tal
momento, nesta ventá do meu ordenador, o que non se me vai da vista son eses
millóns de hectáreas plantadas a eucaliptos cando nunca tanto coma hoxe
precisamos das hortas: leitugas do Lukus, patacas de Egipto, mazás de
California…
¿Qué foi daqueles trigais do noso Condado, qué pasou coa
despensa daquela Galicia grazas a cal Franco mantivo aqueles mouros que
reconquistaron Covadonga?
¿Qué se hizo el Rey Don Juán? Los infantes de Aragón,
¿qué se hicieron?

Las dádivas desmedidas,

los edificios reales

llenos de oro,

las vajillas tan febridas,

los enriques y reales

del tesoro;

los jaeces, los caballos

de sus gentes y atavíos

tan sobrados,

¿dónde iremos a buscallos?

¿qué fueron sino rocíos

de los prados?

Manrique, non te esforces, que todo iso, e máis aínda; iso e
mais o que veu despois, as grandezas e mailos afumamentos, os despilfarros…,
todo pasou, e só nos queda a débeda externa, o paro, a desasistencia social, a
corrupción xeneralizada…, pero non me fagas moito caso, pois, como estamos en
Semana Santa, deume por reflexionar, por reflexionar e por chorar!
¿Qué terá que facer España para saír destes pecados, destes
pecados e destas miserias? Busqueino nos meus libros de Economía, pero están
escritos por señoritos da capital, con total ignorancia das posibilidades
rurais. ¡Deus, cántos Pilatos, e cos Pilatos os Xudas, amén destes cheiros dos
nosos eucaliptos!
Xosé María Gómez Vilabella

 

____________________

¿Cómo chegaron os romanos a Castroverde?
Diana, a cazadora.
 
¿Cómo foi que deron chegado ao Castro do noso Val Verde? ¡Da única forma posible: Cazando, facendo diana, que esa era a intendencia de entón! Así llo agradeceron á súa Diana, pois, nada máis situarse en Lugo, onde temos hoxe unha casa brasonada das da Rúa Doutor Castro, nos seus alicerces descubriuse, no ano 1842 un magnífico mosaico, do tempo de Augusto, ou de Traiano, de arredor do ano 117, que pertenceu a un templo adicado a Diana. É o coñecido Mosaico de Batitales, hoxe no Museo Provincial.
 

 

 
¿De paso, matando celtiñas? ¡E logo, meus pobres, pois eran poucos, e para iso illados, castro a castro, rodeados, cercados por aquelas Centurias, que non podían saír a cazar, que non os deixaban os invasores…, aínda que eles si, con toda clase de armas, desde frechas a venablos!
 
¿Volverán aqueles romanos? ¡Coido que aqueles non, que aínda seguirán no purgatorio, purgando as que nos fixeron pasar, aquel holocausto do Medullius, entre outros, pero os que si están vindo, volvendo, son os cazadores de arco, que seica se está poñendo de moda! ¡A Historia repítese, pero os de agora son benfeitores, que nos van librar deses perigos das nosas estradas, deses animais atraídos polos faros dos autos, particularmente nesta circulación somnolenta da Semana Santa!
Xosé María Gómez Vilabella

____________

Así rin os ríos en Castroverde

O Azúmara ao seu paso pola acea de Bascuas
De personificados, chorarían; neste caso pola vella, decrépita, inútil, acea de Bascuas, pero o Azúmara ten outra natureza: ¡Só se emociona co positivo; o del é fecundar, crear beleza, gozala e facérnola gozar!
Primeiro, decruamos; veu o trigo, trigo do monte, trigo grandal, gloria pura, e daquela tamén rían, aínda que estridentes, os muíños. As muiñeiras non, que esas sempre foron doces. Pero un bo día / ou un mal día, pois iso dos monocultivos non está claro, nin é doado de clarificar, cansados de teixas, cansados da nosa manteiga, importamos pintas, para con iso vender leite e mercar trigo. Para entón xa había boas estradas con Castela, e aínda que desapareceran aqueles camións do E.T. (para as malas linguas “Empresa Tella”), viñeron os Barreiros, e…, trigo importado, que xa somos importantes!

 

Cando en Castela se cansaron de segar, que primeiro utilizaron galegos, e despois máquinas, ¡ala, todos con becas, que España precisa Avogados, que lle temos que pasar diante, niso, a todo o resto do Mercado Común! Os Avogados, léase políticos, tamén comen; ¡boas talladas e pouco pan, que o teñen anoxado! Pero existía un mercado cerealeiro barato, relativamente, en Ucraína, así que: ¡A importar trigo, que seguimos sendo importantes! O problema pode vir agora, pois, coa Ucraína en problemas, a onde imos, de onde o traemos, con qué o pagamos se xa ninguén quere fiarnos?

 

O Azúmara non se preocupa diso, antes ben está ledo, coa esperanza de que volvan a traballar os nosos muíños, ¡os seus muíños! Eles pensan, se é que pensan, que igual si: ¡De eucaliptos non se van manter, así que nos lles queda outra que cear o carro das fantasías, e volver ao campo; chégalles con importar a bencina das súas máquinas…, pois para tornar ás aixadas, xa morreron tódolos ferreiros da rodeada!

 

 
Xosé María Gómez Vilabella
_________________
 
Non é a fonte de Siloé, pero pouco lle falta.

 

 

 

 

 

¡Ai Fonte do Peregrino, se falases, daquela informaríasnos de cantas caras guapas lavaches, e de canta sede apagaches! Non é difícil adiviñar que foron moitas, entre elas esta roiba belísima, tanto de cara como de corazón, e incluso de apelido: María Dolores Amor, que foi Directora da Obra Social cando a Caixa era nosa, séxase, de Galicia.

 

 

 

Sen fontes no camiño non habería Camiño. ¡Que si, Rubén Darío, que estou contigo en que se fan andando, pero andando de fonte a fonte…, para recargar, sexan cabazas ou pelellos, pelellos ou vidros! 

 

 

 

Cando pasou por aquí o Santo de Asís, eu non estaba, ¡aínda non, que me faltaban non sei cantas xeracións!, pero si estaban neste lugar, que aínda non se chamaba Vilabade, ¡porque non viñeran os abades!, os entregos da miña tátara Concordia, Concordia Carballedo, así que foron pasando a tradición de xeración en xeración, cousa que tamén fago eu deixando constancia diso neste relatorio. Cando si estiven foi nesta última ocasión, e daquela tirei de máquina, segundo estou demostrando. 

 

 

 

San Francisco foi un excelso valedor dos pobres, e María Dolores tamén; doutro xeito, pero, tamén! Vellos e xubilados gozaron coas súas atencións, múltiples, amén do seu sorriso, que sempre o tiña, ¡e o ten, pois, grazas a Deus, vive, e faino pletórica de saúde! Con iso e con todo, aínda me falta vela nos periódicos, ou na tele… ¡Explícase: facer o ben, sementar bondades, non produce ruxido, non produce ondas!

 

 

 

¿Cómo podería ser, e chamarse, Verde, o noso Val Verde, o noso Castro, se Deus non nos dotase dun milleiro destas fontes frías, milagreiras? ¿Verdade que non, verdade que non sería exacto, nin exacto nin correcto?
Xosé María Gómez Vilabella

 

________________
 
O que pasou a Marola…
 

 

A Marola é este illote do seo Breoganí. Golfo Ártabro, tamén chamado, de Breogán. ¿Ten algo qué ver con Castroverde? ¡Si, moito! Explicareime:

 

 

 

Antes de que eu coñecese a Coruña, e por ende, a Marola, xa oíra falar dela cen veces, ou máis! ¿Onde, a quén? Practicamente a tódolos emigrantes da miña bisbarra, a tódolos retornados. Todos referían a súa aventura respectiva coa mesma frase: “O que pasa a Marola, pasa a mar toda”. Tan popular se fixo o dito, que despois aplicábase a todo aquel que entraba en convalecencia, ou saía dun perigo importante.

 

 

 

Os da nosa emigración do primeiro terzo do XX tiveron tres atrancos: Non se podía emigrar de entrados en quintas, 18 / 20 anos, que era precisamente cando se estaba en idade diso, de emigrar, amén do medo que se lle tiña á “mili” en África. Había que pasar un recoñecemento médico, sen o cal, nin que puideses pagalo, che daban o seguro da viaxe, que o esixía a Navieira, que era xeralmente a Mala Real inglesa. Pero como, feita a Lei feita a trampa, qué se inventaron os ingleses, para lucro deles e contento da nosa xente? ¡Pois que os transatlánticos da Mala, que neste caso era a “boa”, botaban áncoras nas inmediacións desa rocha, desa illa, onde agardaban pacientemente polos nosos rapaces, que pagaban ás lanchas de Coruña para que os levasen, de auténticos polisóns, ata a Marola. ¡Subían a bordo, e…, adeus ríos, adeus fontes!

 

 

 

Daquela non podían volver antes de non sei cantos anos, por mal que lles fose aló, xa que, de retornados, para África, recargados de quintas! 

 

 

 

¡Ai, Deus, qué pecado tan grave foi iso de malgastar aquelas economías, tan suadas e tan sufridas, que acabaron en dilapidacións dos nosos políticos, dos nosos administradores! ¡A que se vai armar no Ceo, con todo ser Ceo, cando suban, se é que soben, se é que lles deixan entrar, eses mangantes, que de seguro os agardan aqueles emigrantiños, defraudados, na Marola celeste!

 

 

 

Xosé María Gómez Vilabella

 

__________________
 
Andanzas,
chanzas e danzas
O
que cambiamos, nun século, só nun!
Para mostra, catro botóns, e chegan:
O primeiro xa é que a estas alturas do ano, nos prados
castroverdenses, ¡iso, verdenses, verdescentes!, as xeadas daban paso a unhas
alfombras florais tan variadas que nin en Persia eran capaces de imitalas.
Daquela este reloxo invitaba a merendar:
Flores no prado, merenda ao canto! Mais agora, de globalizados, de
¿civilizados? o reloxo cámbiano oficialmente; ¡iso, hora oficial, con mando en
praza, tanto, que o propio meridiano se agacha, acata! E os médicos tamén; para
non ser menos, e iso que estamos en época de vacas fracas, recomendan: ¡Cinco
comidas, cinco, para que o estómago se sinta a gusto; xa que non hai traballo,
que traballe o estómago!
Os bieiteiros (Sambucus nigra) abríanse, estirábanse, coma
quen sae de entre as sabas da xeada, para rirse coa primavera; ¡non da
primavera! Querían chegar a tempo ao San Xoán, para daquela enramallar as
casas…, por se as meigas! (Burros, co guapas que son as meigas, con tal de ser
galegas!). Os xateiros, outros bruxos, outros meigos, que lles trocaban aos
cataláns filetes da nosa raza teixa por pezas de pana, ¡un color parecido, pero
só iso, a cor!, utilizaban as follas do bieiteiro metendo os ramallos polas
correas do cobertor para que non se lles espantase o cabalo, e así negociar,
engaiolar, con calma, ata cansalo, ao labrego!
¡Ah, pero no XXI viñeron os Médicos, eses inimigos da
Facenda Pública, ¡outra meiga!, e advertíronos de que, para alongar a vida dos
vellos, tivésemos en conta que: Os bieiteiros son bos para problemas da pel,
que en infusión calman a tose; son sudoríficos, e tamén serven para lavar os
ollos, as manchas da cara…; en gargarismos para as anxinas, enxivas inflamadas,
etc, etc. ¡Meigallos fóra!
Non para aí a cousa, que tamén se descubriu que as
cabezas florais poden usarse en infusión, dando unha bebida refrescante, moi
usada no norte de Europa, e tamén nos Balcáns. Comercialmente véndese como “cordial
de flor de saúco”.
Outra de Médicos: Con sete pallas e
un nó, curábase o orizó! Pois non, que tamén tiveron que entrar os doutores a
complicar a cousa. Agora receitan, simplemente: medidas hixiénicas que axuden
ao mantemento da limpeza da zona, para prever infeccións, advertindo que coidado
cos antibióticos, que xa os receitarán eles, eles mesmos, tal que en caso de
complicarse con unha conxuntivite.
Outra máis: No XX collíanselle as
dúas mans ao paciente, ¡iso, ao paciente!, e tentábase igualalas, tanto por
diante como por atrás. ¿Qué non coincidían? ¡Paletilla caída: esconxuros e
fregas! Pero nisto tamén acudiron os Médicos, sempre tentados de imitar a Deus,
que pontificaron: os brazos traballadores nunca poden se iguais xa que medra
máis o máis usado, o máis traballado!
¡Diabro de Médicos, que mira que
están emperrados en desterrar as supersticións, co divertidas que eran…,
algunhas!
Xosé María Gómez Vilabella
_____________
 
Reflexiones sobre la caza, de un no cazador gallego.
Xosé María Gómez Vilabella
 
El librito…, el librito, no, el librazo, CAZADORES CONTRA
EL VENENO, de Miguel Yanes y José E.
Gutiérrez
, leído y releído en mi condición de profano de la caza, pero no
de la Ecología, me suscitó unas cuantas reflexiones.
La primera y principal es que está redactado para ser
inteligible, incluso por nosotros los profanos, virtud que no abunda en este
país de los pseudolumbreras. Su difusión debiera ser nacional, tutelada por el
Ministerio de Agricultura, ¡de la poca que nos queda! ¡Afellas que si! Lo dice este gallego, que es de aldea.
Me trasladó a nuestro rural del segundo tercio del XX,
pues hay temas, como este, que son interprovinciales, y también intemporales,
si bien con ciertos altibajos.
En illo tempore yo mismo puse “trapelas” a las
perdices de nuestros trigales, con la única veda de que poco tiempo pude
dedicarles dado el polifacetismo de las tareas de entonces. Había trigales y
había perdices; ahora, somos, nos hemos vuelto, tan importantes, que el trigo
lo importamos de Ucranía…, mientras ellos sigan dedicándose al trigo y no a la
guerra!
En una nevada cacé, con un palo, una gineta (Genetta genetta)…; yo “jineteaba”
(estamos en España, y no en Cuba), en unos zuecos, y ella no los tenía! Mi
primo Sergio aún no era taxidermista, así que la única piel que conservé fue la
mía.
Cuando dejé de vagabundear: Madrid, Ifni, Sáhara,
Asturias…, de mi paisaje sólo quedaban los pastizales, los castaños, los
robles, y poco más.
Cambios que más me impresionaron:
En los Setenta, en una visita al poblado de los Ancares,
Reserva de la Biosfera, y todo eso, en la Oficina de Información, he visto,
disecado, un precioso urogallo (Tetrao
urogallus),
con un letrero apto para miopes, dando testimonio de que lo
abatiera Manuel Fraga Iribarne. Tiempo adelante lo retiraron. Yo le había
perdido a Fraga la mitad de mi simpatía con aquella afirmación suya de que, La
calle es mía! ¿Suya? ¿Y el urogallo, también? El otro cincuenta por ciento se
lo retiré ante el cadáver del urogallo. Cuando repoblé mi finca, pequeño jardín
botánico, me apresuré a plantar dos capudres (Sorbus aucuparia), cuyos frutos son el manjar predilecto de los
urogallos en invierno…, como desagravio!
Lo mío eran las truchas, que en mi primera juventud las
cogía a mano, en las algas, pero han desaparecido entre la cal viva y otros
venenos de los furtivos, así como el “purín” de las cuadras, que no se molestan
en soterrarlo en sus pastizales.
Del
sistema de caza actual
, en la comarca de mi finca me molestan:
El alcance de los rifles y la irresponsabilidad de su
manejo, que no hay año en esta Galicia de mis pecados sin uno o varios muertos,
cazadores o simples labriegos alcanzados.
Que sueltan excesivos corzos, o cazan pocos, lo que me
obliga a ponerles polainas, cual guerreros, a los árboles recién plantados.
Otro tanto pasa con los jabalíes, en las huertas. ¡Vive, pero deja vivir!
Sueltan lobeznos criados en zoos, acostumbrados a la
presencia del hombre, así que circulan por las carreteras, y aún por las calles
de los pueblos, como si fuesen bicicletas.
¡Hay que perfeccionar la legislación, y después
cumplirla, inexorablemente!
Quedo rezando para que os nombren Inspectores de Caza y
Pesca, a “nivel” estatal! 
________________________________

O último capítulo do libro ESPALLANDO IDEAS de Xosé Mª Gómez Vilabella

Este é o último capítulo do meu libro ESPALLANDO IDEAS, que o acabei hoxe e xa está subido a Internet
 
…/…
¿Como farei para levar esta ola a Suíza, có que pesa!
¿Volvemos ao Trinta e seis? ¡Non volvemos, seguimos: azuis contra roxos, e á viceversa; a única diferenza é que agora, en lugar de fusilas, en lugar de soldados, utilizamos xulgados!
Intraflug deixou de levar emigrantes, ¡xa non queren máis!, pero si admiten os nosos fluses, que en definitiva é un retorno de capitais pois, na súa inmensa maioría, proceden daquelas remesas dos nosos emigrantiños, que, pasadas polo coador da Hacienda, desembocaron en Presupostos, e de aí, en ¿supostos?
¿Onde está a cova? ¡As covas! Teñen tantas silvas e tantos toxos por diante, tanta maleza, que nin en todo o XXI se darán limpado, así que moitas quedarán por descubrir, polos séculos dos séculos! No ínterimPer signum Sanctae Crucis, de inimicis nostris libera nos, Domine Deus noster.
Pasado, presente e futuro
Praia de Riazor, unha das grandes dos grandes de España.
Tranquilos, que nunca choveu que non escampase. No pasado botamos a correr, improvisando, chafallando, con pouca previsión, case todo mal feito, e aquí está o presente para demostrar que non minto, mais tamén cabe esperar en que, tras do hoxe, chegará o mañá…, que será feliz, próspero e feliz…, se sabemos utilizar as nosas, dolorosas, experiencias!
¡Todo un símbolo!
Bárcenas, aquí na Coruña, na rúa Juana de Vega. Na dirección que leva igual vai para o Banco de España, ¡o Banco de España, ese monumento dos cartos!, que o ten enfronte, pero a súa cabeza non rexe, segundo o evidencia esta fotografía: Con gafas de sol, a visión acúrtase, non se ve ao lonxe; e logo que sufre o despiste de cruzar co semáforo vermello; se agardase polo verde, polo da xente que é xente, non tería que velarse dos autos; ¡iso, dos Autos! ¡Hai que velas vir, amigo, e para iso compre lembrar que, As trampas trampas se volven, que xa o dicía meu avó! Despois engadía: Non as fagas, non as temas! Pois iso, que hai que andar pola vida camiñando recto, orando e laborando, asemade, pero…, todo, sempre, en positivo!
Xosé María Gómez Vilabella
  

__________________________________

Un abrazo estreito e perigoso, onde se poñen á proba os anxos da garda…, ata que un día se cansen de facelo!

 
A pa coa que se enterrou a Historia está á esquerda da foto, e só amosa a gadoupa…,
pola vergoña do crime!

 

Ten nome pero carece de lóxica, ¡ou si, segundo se mire! Aí tedes, aí temos, a DP 16 11, anoando Castroverde con Pol, no lugar do Mazo de Bascuas. ¿Danse unha aperta, cásanse, nese lugar sacrosanto, os dous concellos? ¡Máis cá iso, pois, de momento, é un sepulcro, o dunha vítima inocente: un mazo, pero a pouco que se descoiden os anxos, na dobre curva inmediata, na desas apertas, sobre unha ponte vella, a mesma do vello camiño veciñal, e por engado rodeada de árbores espesos, tal que as cortinas dun tálamo nupcial, dous ou tres, ¡ou catro!, autos, vanse dar unha chucha de campionato, desas que rematan na igrexa, pero non de voda, senón de funerais! Prefiro non retratala, a curva, quero dicir, a ver se así, pola curiosidade de vela, amosa por alí algún enxeñeiro virxe, e propón solucións, solucións católicas!

 

 

Xa non podo poñer de testemuña a José Seijas Domínguez, que me consta ofreceu daquela o seu prado contigo á ponte vella para que elevasen, ¡para que elevasen!, unha nova, ancha e de curva aberta, como pedían, e seguen pedindo as mentes lúcidas, pero fóisenos ao Ceo, o mes pasado. Se cadra foi mellor así pois agora, que está cerca do Creador, terá ocasión de pedirlle que sopre sentido común aos responsables da obra pública, para que se decaten, a tempo, de que este cruce do río Azúmara esta chamado a ser famoso, dramaticamente famoso pola, ben probable, traxedia, á que está chamada esa angostura.

 

 

Pola miña parte só podo facer isto: rezar para que tal se cumpra, para que tal se faga…, antes deses funerais tan previsibles, nos que teremos que volver a rezar, pero doutra maneira!

 

Xosé María Gómez Vilabella



_______



A PORTELA QUE NOS UNE, Á VEZ QUE NOS SEPARA

 
Miliarios na Portela do Homem.
Marcos
miliários da estrada romana que ligaba Bracara Augusta co Lucus Augusti,
con unha derivación para
Asturica Augusta.
Atopámolos
indo de Castroverde (Lugo) ao Castro Verde (Portugal),
polo
camiño do interior.
¡Abaixo as fronteiras
Hispano-Portuguesas, comezando polas galaicas! Eis aquí a Vía Nova (vía romana
XVIII). As vías unen, non separan; daquela, ¿para qué, ou por qué, nos
separaron aqueles mediocres da Idade Media?
Nestes tempos indómitos, absurdos, en
presenza de tantas desunións, de tantos divorcios, por qué non volvemos a
casar, por qué non refacemos o matrimonio gallaécico, por qué non lles levamos
a contraria ás modas? ¡Coido que ata sería divertido!
¿Cómo, cando e de qué xeito? ¡No lugar
máis axeitado, nesa Portela do Homem, que por algo se chama así: a portela, o
paso comunicativo! Suevos do Norte con suevos do Sur, quif, quif, irmáns,
suevos e suaves, ambos! É doado: suscitar, promover, un achegamento fraterno,
con merenda, gaitas e fogos, coma a mellor das festas. Campo propicio xa o
temos, que quedou feito, feito e sinalado, desde os romanos, nosos predecesores
neste cruce de camiños: Ir, volver á Portela, e dicirlles aos políticos que, O
que Deus xuntou non o separe o home!
¿Que, con isto da CE, xa non hai
fronteiras, nin gardiñas, nin
carabineiros, nin pasaportes…? ¡Non, e si, pois quedan os resaibos de
tantos séculos de illamento, de enfado! ¡Malditas as partillas, e maldito o
perito que as fixo!
O Rei Miro con Martín de Braga
Suevos, avante toda,
polo mar da nosa xeografía
partillada.
¡Reconquistemos a
unión popular,
por terra, mar e
aire!
E que San Martinho,
(aquel de Braga,
aquel do Bolannio),
 nos valga
para desandar o
camiño miliario,
o mesmo polo que el
cruzaba o río
cando ía e volvía,
na súa andaina,
de paso que
cultivaba aos nosos avós
co seu
ilustrativo
De correctione rusticorum!
¡Amén!

 

Xosé María Gómez Vilabella

________________________

 

Facendo
memoria…
Non todo vai ser falar da crise actual, da socio-económica,
que tamén temos, tamén houbo, outras, ben monstruosas por certo, poño por caso,
aquela do 36, que igualmente lle minou a España os seus cementos. É bo, é
saudable, non perde-la memoria, aínda que sexa con base en traxedias, pois a
outra, a pedagóxica, estase esmorecendo con estes libros de texto, cos actuais,
de tantísimos “santos”, tantas ilustracións, e tan pouco texto, a pesares do
seu nome!
Neste condado de Flammoso, un dos 11, suevos, desta
provincia, hai un pobo moi grande, polo menos moi extenso, Montecubeiro, do que
deixara de falarse moito e mal, ata que, no 2013, con iso da Memoria Histórica,
pasouse a enxalzalo, a chufalo, a lembrar a súa heroicidade. Pois ben, isto é da
parroquia máis grande, pero, de postos a rememorar, sequera sexa con categoría
de anécdota, a min vénseme á memoria, á miña, e da miña á do ordenador, que
neste condado, Castroverde-Corgo, hai un lugarciño minúsculo, de catro casas,
hoxe desaparecidas ou en vías de tal, Boelle (de Arxemil), que tamén ten a súa
fenomenoloxía histórica: En dúas desas casas, camiño en medio, dous fenómenos
históricos: Un roxo-roxo, “O Piloto”, José Castro Veiga; e un azul-castrense, o
capelán Pedro Sánchez Pumariño. ¡Dous fenómenos históricos, cada un á súa
maneira!
 
Segundo é público e notorio, confirmado por vinte biógrafos,
¡ou máis!, O Piloto de Boelle foi
capturado en Madrid ao terminarse a guerra, ¡a Guerra oficial, se entende!, e
condenárono a 30 anos, pero foi indultado no 45. No verán do mesmo ano saíuse
dos piñeiros de Chamoso e botouse ao monte, ¡aos montes!, afiliado no PCE, que
así pateou, cheirou, tódolos de Castroverde, Corgo, Sobrado, Pedrafita do
Cebreiro, Paradela, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Noceda, Navia de Suarna…
¡Gradou máis terra que un xitano! Andou con Antonio Crespo de Fuenteoliva, pero
o que non teño claro, nin se me soubo dicir, é, cal deles pilotaba máis.
O 27 de maio do ano 54, nunha refrega, máis acosado que un
zorro, perdeu a maior parte das hostes aí ao norte de Monforte, pero el seguiu
forte, especializándose en atracos. Tempo adiante, no ano 1964, deixouse ver, a
cara descuberta, ¡valentía,             que
nunca lle faltou!, coa mala pata de que no Saviñao foi recoñecido por un antigo
compañeiro da mili, e…, denunciado! Nos idus de marzo, 10 de marzo do 65,
¡finis coronat opus! Cerca da presa de Belesar foi abatido pola Garda Civil de
Chantada. ¡Custoulles traballo, pero, achantárono!
Pola contra, o veciño da porta, Pedro Sánchez Pumariño, o
mesmo 18 de Xullo, daquela no Seminario de Lugo, tirou de sotana para
encasquetarse a camisa azul. De xubilado volveu á camisa branca, que aquí o
vemos, diante do pazo de Tella, á dereita da miña dona, cos meus fillos, e
tamén co cura de Montecubeiro, Benito Castro Piñeira, e con súa irmá Isaura.
¡Toda unha historia na Historia!
 
En síntese, pois a súa biografía non cabe no meu PC: Xa de
Alférez, volveu ao seminario para recibirse de presbítero, ano 1938, e do
seminario outra vez á fronte. Estando de Capelán no Regimiento Inf.
“Guadalajara” 85, cruzou en solitario a fronteira para incorporarse á División
Azul, onde participou, e saíu ileso, milagrosamente, excepcionalmente, na
terrorífica batalla de Krasny-Bor. Recompensas. Españolas: Medalla de la Campaña de la D.E.V., Cruz Roja del Mérito
Militar, y otra de Guerra. Alemanas: Medalla da Campaña, Cruz de Hierro 2ª
clase, e unha KVK.
Despois dun rodamento cuarteleiro na Península, por dúas
veces en Ifni, e na última, ¡outra guerra! ¡Con esta, tres; un récord! Da de
Ifni, do 1957/58, teño dito no meu libro “Cacería de Cicóstomos” que, “…hasta
los moros le tenían una gran estima y afecto, llamándole Al Faqui. Siempre
llevaba ginebra en la mochila, en la línea de fuego, y su licor sirvió de
desinfectante y de anestésico…”. ¿Qué máis podo engadir? ¡Xa dixen que a súa
biografía é desbordante! 
Este servidor, que foi bancario, ten claro que tódalas
moedas teñen dúas caras, e que ata nos mellores rabaños hai ovellas mouras.
Distinguilas, repudialas ou enxalzalas, non é doado, pois todas teñen lá, todas
son de abrigo! Como se dicía naquela película: ¡Que el Cielo la juzgue!
Xosé María Gómez Vilabella
_______________
 
A morte dunha institución: O freixo de Reigosa.
Cansouse de esperar pola dignificación de Montecubeiro, e foise, aos 75 anos, bodas de platino daqueles fusilamentos estúpidos; ¡partidarios, non, estúpidos, ademais de criminais!
Diante do freixo, ou máis exactamente, á súa sombra, que era o único abeiro de entón, o único sitio seguro da parroquia, que alí non se fusilaba a ninguén…, con tal de estar atentiños ás grandilocuencias do Pedáneo da parroquia, Montecubeiro, Dositeo da Cernada, ¡que en paz descanse, pois tamén vai sendo hora de perdoarle!, cantamos, ¡todos, vellos e novos, con tal de que soubésemos falar!, o inefable Cara al Sol. Porén, Dositeo, que era o noso Cid, poñíase de cú para ese mesmo sol, subido, encaramado, na parede do vello cemiterio, que a utilizaba tódolos domingos como púlpito, ¡como púlpito profano, pois o relixioso quedara, deixáramolo, dentro da igrexa parroquial, onde Don Benito tamén nos botara outra arenga, medio relixiosa, medio política: “…, por nuestro Jefe de Estado, Francisco…”
Outro domingo, 13 de Outubro deste 2013, 75 anos despois, no mesmo sitio onde estivo aquela parede do cemiterio hoxe trasladado, outra arenga, pero esta de senso mixto, entre rememoración e conciliación. ¡Ai se Dositeo levantase a cabeza, e vise, ou entrevise, daquela, a nova panorámica parroquial, caíase da parede embaixo! O único parecido entre ambas alocucións foi o silencio: Ao Pedáneo, polo medo; ¡65 persecucións e 15 fusilamentos, algún deles, como foi o caso de José Veiga, “Muiñeiro da Laxe”, con 48 balazos no corpo, que llos contou a familia cando, ao baixalo das chousas de Pena, o revestiron co sudario fúnebre para darlle ¿cristiana? sepultura! Neste acto conmemorativo, de exaltación da convivencia pacífica, o silencio foi reflexivo: ¿Por qué morreron, por “rojos”? ¡En absoluto: morreron por cultos, pois a cultura de Montecubeiro, naquela época, biblioteca circulante, representacións teatrais, charlas culturais, economato, Unión de Labregos e Gandeiros…, molestaba, impedia, o servilismo ao que viñan afeitos os caciques da bisbarra!
Freixo de Reigosa, salvadas as distancias, dun xeito parecido a Simeón, alí no templo de Xerusalén, cando viu ao Neno Xesús, que dixo, “Agora podes, Señor, segundo a túa promesa despedir en paz ao teu servo, porque os meus ollos viron ao Salvador…”, ti tamén pediches, e foiche concedia, a xubilación definitiva: entregaches as túas follas á democracia, á restitución histórica! Descansa en paz, freixo de Reigosa, que ben o mereces…, polas que levas aguantado!
Xosé María Gómez Vilabella
__________________________
Cando os mortos non viaxaban en “Mercedes”
 
 
 
 
Cando facían o seu recorrido desde a súa casa, a ombros dos seus deudos…, si, onte, contábase con pousadoiros coma este, ou parecidos, pero sempre ao pé dun cruceiro. Os nosos pais non tiveron présa por esconde-los seus; máis é, que se detiña o acompañamento para dedicarlles un responso, ¡outro, outro máis!, antes de chegar ao cemiterio, á súa última estación da viaxe terráquea. 
 
¿Hoxe? ¡Sexa da casa, do sanatorio ou do hospital, directamente ao tanatorio, e de alí ao cemiterio, a cen! ¡Hai présa, para isto como para todo, ou, se me apuran, máis aínda! ¿Pranto, prañideiras? ¡Xaora, que para iso están as locutoras da radio, que dan as necrolóxicas a toda velocidade, impresionadas por cada morte anunciada!
 
A todo isto, ¿non será que lles teñamos medo, medo a que nos maldigan polo despego interxeracional que vimos practicando? Non, non o creo: é máis ben o signo dos tempos, que, por facelo todo á présa, pouco ou nada facemos ben. En todo caso, prégolle a quen corresponda que faga, que ordene facer polos cruceiros, que lles teñamos un respecto, sequera sexa en agradecemento por tanto que herdamos, por tanto que lles debemos aos que, in illo tempore, pasaron por diante deles.

Xosé María Gómez Vilabella

__________

Meus queridos frades…

 

Fondeira do convento de San Cibrao.
Chafalladas das sucesivas restauracións.
Meus queridos frades, estaba aberto o portalón das encuastras, e como falta media hora para a misa parroquial…, acordeime de vosoutros e, entrei!
Estou paseando polo que foi a vosa horta, e de paso, pídovos audiencia: ¿Queredes falar comigo, que me sigo considerando fregués de Montecubeiro? Para presentarme: Meu bisavó tivo aquí dous irmáns; por suposto que foi cando este edificio estaba enteiro, que agora, ¡xa vedes!, isto que queda en pé, tan mal restaurado, non é máis que a parte traseira do convento, pois o resto…, o resto tamén descansa en paz!
¿Onde están as vosas almas, almas que non ánimas; e de paso, cántos sodes, cántos fostes, sumando beneditinos e dominicos, por suposto? Xa sei que estades no Ceo, pero, Ceo tamén é aquí, aquí en San Cibrao, pois, como Deus está en todas parte, aquí o temos, e vosoutros con El!
Sendo eu cativo, e dada a circunstancia de que cheguei a saber o Astete, da primeira á última, un franciscano que, a falta vosa, veu predicarnos unha novena das ánimas, emperrouse en levarme para Herbón, pero meu pai queríame de morgado, e como os curas non podían, nin poden, casar…, non se desfixo de min! ¡Miúda decepción se levaría cando lle dixen que, xa que non fun ao convento, iría voluntario para o Ministerio, outro convento, coa diferenza de que en Madrid xurábase, comezando pola bandeira! Agora sigo casado, a Deus grazas, así que, o de Herbón, definitivo! Pero estou disposto a facer un noviciado con vosoutros, meus frades queridos e admirados…, se me aceptades! Se me aceptades virei por aquí a miúdo, que se está o portalón pechado, salto a parede, pois, de momento, aínda estou áxil!
Daquela, ¿por onde empezamos? Se outra cousa non mandades, comezarei polo Credo…, para que vexades que sigo sendo crente, e iso a pesar dos dez anos que pasei en territorio musulmán! Xa sei, xa, que dá igual dicir Deus que Alá, que Deus hai un só; iso si, baixo tres formas, ás que chamamos Trindade. Queridos frades, que guapo é lembrarvos, imitarvos! ¿Imitarvos? ¡Non vai ser fácil, pero, intentareino! O primeiro que vos quero preguntar, se non é pecado: ¿cántos quedan na parroquia con un entrego frade, fose beneditino ou dominico? ¡Nesta soidade, e non caer na tentación? ¡En todo caso temos o antecedente de Rosalía, filla dun cura, e ben boa, ben sa, ben intelixente que saíu!
Outra que ardo por preguntarvos: ¿Qué tal lle foi a Mendizábal no Ceo, perdoásteslle? Como non me contestades, vou calar, mais seguirei falando só; falando só pero facéndome á idea de que estou dialogando con vosoutros, meus queridos frades. Vou falar moito, pero escribirei menos, un case nada, porque este portátil pesa o seu, e os dedos tamén se cansan de teclear. En todo caso xa repican as campás, así que entrarei na igrexa, que logo empezará don Manuel co seu Introibo ad altare Deu! ¿Cómo envexo a don Manuel, e qué feliz sería eu se os curas se puidesen casar, pois daquela, mañá mesmo me ía para Herbón, xa que antes non me deixaron!
Xosé María Gómez Vilabella

____________________________

Pasei a Serra

Pasei a Serra, a miña, a do Pradairo, e baixei a Fonteo, que é igual a dicir, da vertente atlántica á cantábrica; pero xa non os atopei, que non quedan, pradairos, senón pinos, pinos e eucaliptos, ¡material ignífero!, con algún que outro pasteiro… Para gozo dos cazadores bótanse ao monte xabarís, corzos, lobos…; daquela, ¿por qué non plantar igníferas para compracer aos fillos de Lucifer, a eses incendiarios que adoran o lume como adestramento para cando vaian ao inferno? Non o contaría, pois esta vulgaridade está xeneralizada por toda Galicia, se non fose por outra novidade: ¡Os Campos de Montiel subíronse, trasladáronse, da Mancha ao Pradairo! Pero chámanlle Puñago… Non, non é un erro senón un argumento para cando sigan repoboando eólicos, do Pradairo ao auténtico Puñago. ¡Sonche empresarios da luz, e por tanto, iluminados!

¡Se chego a ir dacabalo, e con lanza…! ¿Non chegaba coas alturas para separar, para conter, á xente do Val, que sempre gustaron de casar coas mozas de Castroverde, pero tamén á viceversa? Esta serra xa cumprira unha función histórica, hoxe esquecida, ou case: A de conter a expansión dos bretóns, que cobizaban as terras dos suevos, máis suaves que eran. ¡Todo se esquece, que ata se esquece que Valeira é a terra dos vales, mentres Baleira é unha terra baleira; outra, que non esta!

Sen cabalo e sen lanza, ¿que me quedaba nese Miradoiro dos mil metros? ¡Meditar! O primeiro que se me veu á cabeza foi unha evocación dos evanxeos; aquel pasaxe de Mateo 4, 1-11: “Dareiche todo isto se, prostrado, me adoras”. ¡Vade retro, Satán, que me chega con imaxinar que son xigantes luciferinos, xeradores de luz artificial, que están aquí para asustar á xente, para que os do Val non volvan ás mozas ás terras de Castroverde! O ruxido dos eólicos non me impediu abrir os ollos, ¡dun palmo!, e así contemplar as dúas vertentes, montañas ástures, chemineas das Pontes, rañaceos de Lugo…, pero o mellor de todo é o verde, o verde verdinegro da contorna! Os que din que non hai Deus é que non subiron ao Miradoiro pola pista dos eólicos, pois, se tal fixesen, se tal Natureza contemplasen, compracidos e agradecidos quedarían de que Deus, só Deus, é o ser capaz de tirar da nada tanta cousa, tantas árbores, tantas penas relucentes, de cuarzo purísimo ; ¡contemplando estas, as outras, as outras penas, que as leve o demo!

Xosé María Gómez Vilabella

____________________

O Cruceiro de San Cibrao, se lle falan, responde
Pero hai que dicirlle as cousas con fe, con fe e con respecto, con máis respecto do que lle tivo aquel Cura, Don Benito, cando mandou apartalo do punto central para que non estorbase ás procesións, ás rogativas, dos santos, ¡apartou o Santo para que pasasen os santos! E de paso, como xa tiña borrosos os letreiros do seu cubo central, mandou, ou permitiulle, ao Matías que o enzoufase de cemento raiado en vez de tentar unha limpeza das inscricións; quedáronlle as do cubo superior, esas si, así que, algo é algo!
O seu principal devoto é esa árbore que lle fai de parasol, inclinándose respectuosamente; en canto aos inimigos…, maiormente eses que adornan a casa de Reigosa con anuncios mundanais, anuncios que ninguén le, como non sexa o propio Cristo?
E digo eu, meu querido Santo Cristo: ¿Non estás aquí peor que no Gólgota, pois alí, aínda que rodeado de inimigos, algún amigo tiñas, comezando por túa nai; amigos que te adoraban; aqueles, si. Aquí, como non baixe unha andoriña para retirarche as espiñas desa maldita/bendita coroa! ¿Sabes qué che digo? ¡Que non todo é bondade nas andoriñas niso de quitarche as espiñas, pois, qué mellor tecido para os seus niños có feito coas propias espiñas do noso Redentor?
Nunha cousa acertou Don Benito: No de poñerte Cara ao Sol; ¡claro, fora Capelán daquela da Guerra! Pero o teu sol é outro; o teu é ese que nos veu de Oriente, exactamente de Belén. A nova tróuxonola Santiago, o propio Santiago, que veu dacabalo, ¡dacabalo dun cabalo branco! ¡Claro, estabamos tan lonxe, case na Fisterra! Pero non só iso, senón que, decapitado, cabeza e tronco tornaron ao país dos galegos, a Compostela, nunha lancha daquelas de levar a pedra. ¡Non de pedra, senón das de levar a pedra do Porriño…, para os sarcófagos faraónicos!
Meu Señor Xesús Cristo, permíteme que cho diga así, con absoluta franqueza: ¡Pásaste de bo, pásaste de permisivo! Primeiro toleraches aquela desamortización de Mendizábal, anos 1836/7, que só serviu para expulsar aos nosos dominicos, ¡tanto que nos predicaban! ¿E total, para qué? Os foros pasaron das chamadas “mans mortas” ás avarentas, ás do caciquismo… ¿Melloramos? ¡Ben o di ese vello refrán: “Cambiarás de muiñeiro, pero de ladrón, non”! Certo é que, redimidos os foros, a sensación xeneralizada foi de alivio, pero, o dito: ¡Tras dos foros viñeron os Consumos, que os pagaban os consumidos, e non os consumidores! A continuación, prohibidos os enterramentos no interior da igrexa conventual, fíxose aquí ao lado unha cerca, para seguir recollendo ánimas, contigo, meu Cristo, de Resucitador! Pero houbo un fallo: que te deberan deixar dentro da cerca, cos teus defuntos, e non por fóra, como illado; ¡torpezas humanas, das que tardamos en espertar!
Por diante túa pasáronme, no colo, meus padriños, daquela que me subiron a bautizar. ¿Qué me subiron? ¡Si, polas costas de Ribón, do río bo! ¡Que simbolismo tan grande, Señor: bautizar é subir; bautizar é un chanzo importantísimo para elevarnos, para achegarnos a Ti! Xa sei que tamén se salvan os non bautizados, esoutros fillos teus, igual de fillos, pero, o de ter padriño…? ¡Sempre se dixo que, o que ten padriño, bautízase! Tes que perdoarme que subise tantas veces á Misa, á igrexa do noso convento, e que pasase por diante de Ti sen sequera persignarme; ¡os nenos nacen cos ollos cerrados, e tardamos en ver, que por min o sei, máis agora que vexo, agora que, aínda que miope, aprendín a ler, a ler e a entender, os Evanxeos, grazas, Señor; grazas pola túa cruz, pois con esta caiada non hai coxo que non entre no Ceo!
Cruceiro de San Cibrao, pouco máis che podo dicir, e non porque non queira, senón pola miña curtidade expresiva; pero hai unha verba, que me sae do peito, fervendo: ¡Grazas, señor; grazas pola túa cruz, e de paso, grazas ao canteiro que esculpiu este retrato teu tan…, evocador!
Xosé María Gómez Vilabella
________________________________
Un responso polos cruceiros de Montecubeiro
Cruceiro de San Cibrao
Agora, que non se para cos defuntos para rezarlles un responso
diante dos cruceiros, que todos van a cen, motorizados, xeralmente en
“Mercedes”, compre facerlles aos cruceiros a mercé de responsar por eles, medio
mortos, ou medio esquecidos, que os temos!
Fagamos memoria, sequera sexa sucintamente, aínda que, para
comezar este responso, cómpre sinalar que, inicialmente, eran de madeira, tal
que a propia cruz de Cristo, que aínda acordo algún deste material, entre eles,
o do Zarro Novo (Cemiterio Civil), e mailo de Berlán, dos que tamén falarei,
digo, escribirei, ou ata habería que dicir, en linguaxe actual, teclearei! Na
parroquia os cruceiros atribúense aos beneditinos, fundadores do convento, e
por tanto do século XV para atrás. Despois viñeron os dominicos, e foi no seu
goberno cando se pasou da madeira ao granito, na maior parte deles.
O de San Cibrao: Estaba no medio do campo, do adro, e tiña
de función ritual que as procesións xiraban, tornaban, ao seu redor; cando o
párroco chegaba á súa altura, detíñase a procesión, e funcionaba o hisopo da
auga bendita. Uns anónimos, para que non desenterrasen aos fusilados do ano
1937, cando tocaba a quenda no cemiterio vello, así chamado por máis que o
vello-vello, o antigo, estivo no interior da igrexa, que aínda se conservan os
chantos, furados para levantalos co pico a cada reposición cadavérica, que se
retiraba o osario depositando os restos no pozo da torre do campanario, deron
ocasión para mercar a finca do Freixo, etcétera, etcétera. O párroco de entón,
don Benito, despois de cometer o sacrilexio de vender para travesas os
carballos centenarios do adro, cometeu outro, o de desprazar o cruceiro,
poñéndoo a un lado; naquelas manipulacións estragaron as súas inscricións, así
que lle ordenou a Matías que as revestise…, con cemento!
O do Campo do Val débeselle nada menos que ao Prior que foi
do convento cisterciense de Meira, Ares de Maxide. A denominación “Do Val”,
débeselle á súa proximidade coa casa “do Val”, beneficiaria esta, conxuntamente
coa “do Pereiro”, dun pozo inmediato ao cruceiro. Antes da Concentración
Parcelaria, as fincas desa agra aínda conservaban a nomenclatura de “Campos de
Ares”, en lembranza do seu antigo dono. Este campo, non moi grande, pero si
estratéxico, foi útil para moitas cousas: Sentenzas do galo (fixen mención
delas no meu “Sentenzas, fías e ruadas”); non a coñecín pero teño referencias
familiares de que alí houbera unha misión, un triduo, ou algo así; e logo, en tempos
máis recentes, foi utilizado, nos días bos, como campo de xogos e de expansión,
de recreo, para os nenos e nenas do colexio de Maxide. (Direi nunha paréntese
que alí mesmo, disparándolles ás cancelas con un “cachorrillo”, que os facíamos
co tubo de ferro dun paraugas, culata de madeira, e gatillo dunha punta
curvada, pólvora da canteira, e chatolas das zocas, estoupoume a arma, en mil
cachos, ben exposto que estiven a quedar sen man!).
O das Cavozas, do que moito levo escrito, ¡para nada! Seica
sigue na palleira das Cavozas, e todo iso porque o Concello, titular agora das
“masas” sobrantes da Concentración, non dedica catro metros cadrados para
compensar, se é que se nega a ceder, ao titular da finca actual, á beira da
estrada, onde xa estaba.
A cruz das Louseiras, tamén chamada de Cobula, que foi
testemuña do ¿paseo? daquelas “papoulas” de Montecubeiro.
A da Granda, que a erixiron, inicialmente, os beneditinos,
nas inmediacións da Fonte de Matahomes, para non esquecer a matanza que nos
fixo o Rei asturiano, Silo.
A do Zarro Novo, cemiterio civil para abortos, suicidas, e
demais…, ¿desgraciados?, do que tamén levo escrito, a lot of, que dirían os ingleses.
O de Teixeda, que moitos chaman do Berducedo, camiño do
Miradoiro.
O de Berlán, de madeira, que o repuxo Evaristo de Candal
para captar responsos cando pasasen os defuntos de Maxide camiño de San Cibrao.
¡Morreu Evaristo, morreu o cruceiro!
Ademais da posibilidade de que queden outros, que non me veñan á memoria neste intre, tamén
poderíamos citar o das Veigas dos Feás, que o conservaban, e creo que eles o
retiraron, os Moreira de Pena. Este cruceiro tiña o rol de fito xurisdicional
pois angulaba as demarcacións de Castroverde, Lea e Montecubeiro.
¡Requiescat in pace, nos só aos cruceiros, senón
para aqueles que tiveron a devoción, a ilustración, de poñelos e de
conservalos!
Xosé María Gómez Vilabella
_______________
Requiescat in pace, convento de Montecubeiro
 
 
Se non fose  porque xa teño decidido, decidido e ordenado, outro destino, máis íntimo, máis persoal, como hai Deus que me daría moito pracer, pracer espiritual por suposto, que as miñas cinsas repousasen, despois de tantas fatigas, despois de tantas subidas e baixadas polas costas do meu Monte Cuperio, xunto, sobre, con, de, en, por, ao lado, das daqueles beneditinos, logo dominicos, aos que tanto debo, ¡debe, boa parte da contorna!, prima noctis incluída.
Xa polos anos 1497, recén descuberta América, ¡que xa choveu desde entón!, o Visitador monseñor Alfonso Carrillo de Albornoz, bispo de Catania, premiou aos frades de Lugo, ¡eran de Lugo, e por tanto, de lujo, de máis lujo!, asignándolles, para “subvenir” aos seus gastos, de cera, ornamentos, obrigacións de culto, etcétera, as rendas do mosteiro do meu/do noso Montecubeiro, con todos os seus dereitos, bens e emolumentos. Como este convento seica estaba un tanto abandonado…, ¡que xa era vello, obsoleto, daquela!, e por conseguinte, sen abade, os dominicos posesionáronse inmediatamente, facéndose cargo do edificio, e da igrexa vella, así como do réxime e administración dos seus bens, que en xunto, ¡daquela!, xa producían unha renda anual de ¡setenta ducados de ouro!, segundo investigacións do frade Aureliano Pardo Villar.
    
¡Ah, pero un clérigo da diocese lucense, un tal Gómez Pérez das Mariñas, ¡a Igrexa tamén come pan, e o de Montecubeiro sempre foi de trigo, trigo bo, esgrevio, das cavadas do monte!, queixouse a Roma de que isto lle pertencía, pero non puido ou non quixo aportar probas! Vén de vello iso de cobizar os bens alleos, e se son de dominio público, mellor que mellor.
O caso foi que o Papa León X accedeu ao solicitado polos dominicos lucenses, pero salvando os dereitos da Orde de San Benito se se determinaba a poñer aquí un abade antes de que “surtise” efecto a bula de confirmación, que foi expedida en Roma con data do 9 de Novembro de 1517. Nesta bula impúxose ao convento de Lugo a obriga de ter, sempre, en Montecubeiro, dous relixiosos, que velasen polo culto, e que atendesen ás necesidades espirituais, así como á administración dos sacramentos aos fregueses da parroquia. Daquel ¿privilexio? da prima noctis nesa bula nada se di, nada puxeron, que nin falta faría porque era costume da época, inveterada, que xa viña do medievo, e por tanto, consolidada.
Os de Lugo tamén se estaban beneficiando de Mirandela…, así que, ¡dous choios, e ambos nesta bisbarra!
Do insigne teólogo, abade que foi de Montecubeiro, consagrado bispo en Lugo o 23 de Abril do ano 1845, despois cardeal de Zaragoza, con un longo e insigne etcétera, Fr. Manuel García y Gil, xa teño falado, pero haberá que insistir no “tema”, como agora se di, noutra ocasión, que ben merece a perpetuación da súa lembranza.
Despois de todo isto dicían que os de Montecubeiro éramos “rojos”, todos, a feito, ¡pero se vimos dos frades, primeiro beneditinos e despois dominicos, así que, o que non era crego, neto de crego igual si!
Requiescat in pace, meu convento de Montecubeiro!
Xosé María Gómez Vilabella
 
___________________________
 
EXPORTACIÓN
A HOLANDA
 
Os
vestidos das nenas fíxollelos Pili Carrera.
 

 ¡Deus, grazas, que ía sendo hora! ¡Por fin, exportamos, que xa estivo ben de importar sabas de Holanda co ouro roubado en América, non si, miña Torre del Oro? Se tivese o teléfono da viguesa, miúda aperta telefónica lle ía mandar!Tan só os da aldea sabíamos que, casa que non leva á feira, por qué trae dela? Co noso liño, bo pero mal traballado, as avoas facían calzóns; no ínterim, na Corte, na das vacas, non, na dos Reis de España, deitábanse en sabas de Holanda…, importadas! ¡Claro, España sempre foi importante!

¿Será este un signo de que xa non seguimos predicando co exemplo imperial, aquel exemplo, aquel imperio, que nos levaba ata Deus? “¡Por el Imperio, hacia Dios!”. Ía sendo hora de abaixar a cerviz, ía sendo hora de demostrar que valemos para algo máis que para bailar chotis. ¡Ah, pero foi en Vigo, unha viguesa, que en Madrid, pola trazas, seguen danzando: Uns, por dentro das Cortes, e os outros, da parte de fóra! O seu cheirume é tan grande, meirande có do cortello das cabras, que ata nos chega por televisión. ¡Deus, qué bo esterco para abona-las hortas; en definitiva, para producir…, en vez de consumir!

 

 
 
 
 
 
Xosé María Gómez Vilabella

 

_____________
 
Estaba
tremendo: ¡eu tamén!
 
-¡Soldado,
vostede está tremendo! ¿Co frío, ou é co medo?
-¡Tremo,
meu Xeneral, pero estou no meu posto…, que outros desertaron!
Estaba tremendo, pero eu tamén, aínda que
non son francés. Daquela, ¿de onde son? ¡De onde somos todos: fillos das
circunstancias!
Falando de circunstancias: Á nosa España
debeuna ver unha meiga: Foise Napoleón, e veu don Hermenegildo; foise o
ferrolán e veu, ou por mellor dicir, xa estaba, outro militar, outro Puig y
Moltó por máis referencias, ADN aparte. ¡É o que ten adir unha herdanza sen
facer aceptación a beneficio de inventario! Nesta herdanza herdamos as do demo:
Un sistema de listas cerradas, ou máis que cerradas, pechadas. Un imperialismo
de fatos, daqueles de tira-la casa pola ventá…, aínda que non nos tocase a
lotería! Unha deformación do vocabulario, pois, entre outros desatinos,
enxeñeiros e economistas deron en chamarlles polígonos industriais ao que era,
e resultou…, comerciais! Trocouse a nosa incipiente exportación por unha inxente
importación; ¡claro, dirixida polos “importantes” do país. E logo que, a falta
doutra industria, demos en fabricar fillos para facelos avogados, e con eles, a
imitación dos romanos, pasamos á exportación deses letrados. E menos mal,
¡menos mal!, que nos reservamos un daqueles preceptos justinianeos: ¡Do ut des! ¡Douche…, para que me deas!
Principio básico, fundamental na política hispana: Se me das, recibirás. ¡O
malo disto é que non é mercadoría exportable, pois tamén a teñen os nosos
veciños, particularmente nos países subdesenvolvidos!
Nestas circunstancias, nesta guerra,
neste universo de astros parados, sen rotación aínda que si con translación,
cómo non vou tremer! Calquera día volven os mouros para re-conquistarnos, que
para eles si será Reconquista…, e nós sen un Pelaio, aquel Pelaio, fundador de
Sampaio de Arcos, que nos defenda!
Xosé María Gómez Vilabella
__________________
Saturno devora aos seus fillos…; 
¿soamente o fixo
Saturno?
Veño da rúa, ou para máis precisar, dos
Cantóns da Coruña, onde se instalaron uns grupos de universitarios, formando
corros, nos que se lamentaban de recortes presupuestarios, escaseza de profesores,
saídas minguantes das carreiras, e un longo etcétera. Como vello falador que
son, ¡falangueiro é outro concepto!, despois de escoitalos moito tempo, ¡que
“bastante” tamén é outra cousa!, non me contiven sen pedirlles que deixasen
falar ao vello…, ¡se non os molestaba que o fixese!
 
O “rollo” que lles soltei, máis ou
menos foi este; se non con estas verbas, algo parecido: Rapaces, vosoutros,
como tales, estades na segunda acepción do termo, pero tamén sabedes que na
primeira de “rapaz” están os ladróns, os raspiñeiros, os voraces, os ávidos, os
sedentos…, os sedentos de bebe-la suor do veciño de enfronte, etcétera. E
logo que, a estas alturas da vosa cultura, ninguén ignora aquel mito do
devorador dos propios fillos, tan ben reflectido por Goya. Disto é do que vou
predicar, se me permitides esta intromisión?
 
Algún asentou coa cabeza, outros con un ¡Si, si!, audible, e
a maior parte calaron, situación que se vén interpretando como de asentimento.
En vista diso, larguei, provoquei:
 
Calar cando se debe falar é igual a baixa-la vista cando nos
pisan. Lembrade aquilo de Castelao: Mexan por nós e dicimos que chove. ¡Aí o
tedes, Saturno devorando os seus fillos, e nós, os fillos, dicindo que chove!
¡Necesitamos moito un Goya galego; un pintor, un escritor, un profesor, que nos
represente esta realidade, que nos esperte do noso sono, terra de Breogán!
 
Daquela que a febre independentista de todo América privou a
España dos seus galeóns de ouro e de prata, uns afundidos pero outros
aproveitados, mal aproveitados, ¡o roubado fai pobres, que sempre foi así!, e
diso habería que preguntarlle á Torre del Oro, de Sevilla, deixaron embarcar,
deixaron emigrar, aos galegos, que tamén sabedes que ao principio tódolos
barcos tiñan que saír, e tamén entrar, polo Sur, co cal España conseguiu unha
continuidade de ingresos. Cando se esgotaron as posibilidades americanas, e
xurdiron as europeas, ídem de lenzo: ¡remesas a tutiplén!
 
¿Qué pasou con aquel diñeiro, como se inverteu, púxose a
medrar? Co primeiro, co da Torre do Ouro, entre outras dilapidacións
imperialistas, deixamos de cultivar liño e pasamos a importar sabas de Holanda…
¿Ídesme seguindo?
 
Como calaban, embaleime: Coas remesas dos galegos, ídem de
lenzo: Aquí non había preparación, nin asociacionismo, nin ganas de molestarse
en engadir valor ás cousas, aos artigos exportables, así que, os nosos
imperialistas, os nosos caciques, os nosos…, ¿chamámoslles economistas, ou
seria esaxerar?, deron en presumir de turismo, ¡para disimular que España
estaba desangrándose en crianzas, e multiplicándose en gravatas!, co cal
aqueles aforriños ensanguentados, corazóns rotos, achaques acumulados de tanto
afanarse, ¡que non de afanar!, fóronse ao carallo…, que é unha expresión fea,
pero moi descritiva!
 
Agora, neste impasse
actual, qué? ¿Talar os eucaliptos e volver ás hortas? ¿Matarse a estudar para
que podamos emigrar, outra vez, pero esta con algo máis de acerto, trasladando
os nosos saberes, e cos saberes os esforzos, para que se beneficien de
nosoutros os países más precavidos, máis precavidos e menos faroleiros? ¡Iso
tedes que decidilo vosoutros, que este vello abondo ten con penar polos
remorsos que me causaron, que me causan, aquel votar e calar, cando a miña
obriga era botar, contribuír a botar, a patadas que fose, primeiro a Ditadura,
e despois eses charlatáns de feira que nos venden mazás podres, pouco menos
podres que aquelas da Eva?
 
Nisto, un vello que se achegara ao grupo, ¡outro!,
interrompeume neste punto para dicirme, que ben o oíron os rapaces:
 
-¡Vostede é un anarquista, un revolucionario estúpido, que
está sublevando aos rapaces! ¡Aos nosos anos hai que medir as verbas…, para non
dar mal exemplo!
 
En vez de rebaterlle ao patrón pareceume máis prudente
dicirlles aos rapaces:
 
-Agora que vos fale este señor, e despois, sen a miña
presenza, en plena liberdade, decidide, vosoutros, en por vós, que segundo
sementedes así recolleredes! ¡Dixen!
 
Dixen, si, e funme; saín do corro botando fumes, pero por
dentro, escandalizado que de os da miña xeración tardemos tanto en espertar. ¿E
os mozos? ¡Eses, alá eles! Hai ben anos que, nunha charla que me encomendara
Eduardo Carreira, entón director do Grupo Escolar de Castroverde, prediquei que
non había futuro se non engadíamos valor ás cousas, se non exportábamos…
¿Estamos engadindo valor, exportamos? Moito me temo que, pouco, aínda pouco,
menos do que debéramos. Daquela, que Deus se apiade de nós!
Xosé María Gómez Vilabella
 __________________
¡De
cando o patrimonio tiña amantes,
que
agora todo nos dá igual!
Marabedís
Contoumo o propio avogado, pero fíxoo desde
que se retirou:
-Señor Avogado, aquí lle traio un xamón,
sen prexuízo de que me cobre o seu, porque quero unha ditame que me libre do Xulgado, que ben me dixo un compadre
que a maldición dos xitanos nunca falla, e un deses díxolle, Preitos teñas, e
que os ganes!
O Avogado, despois de pasa-lo xamón á
cociña e de devolverlle o saco a aquel cliente, tan xeneroso que encima lle deu
as grazas por devolverlle o saco, falou:
-Polas trazas, o seu litixio é dos de
maior contía, así que concrete o máis posible, que me esperan no Xulgado!
-Mire, señor, se a cousa é grave: Resulta
que teño un veciño, porta con porta, que aínda é algo parente, e da partilla
dos vellos a meu avó tocoulle a leira seguinte da súa, así que non me queda
outro remedio que pasar co carro polo medio da deste veciño e parente. Aquí lle
traio as partillas onde tal se di, un documento que vai á Misa, segundo creo, e
iso que está encabezado con un sello
de dez marabedís, que seica era a moeda dos mouros, anterior á peseta; quere
dicirse, que vén do pecado!
Dácame
esa escritura, esas partillas… ¡Non hai dúbidas: A ti favorécete…, pero,
déixame ver, para a túa garantía: Si, aquí está, no artigo 567, que di: “Si,
adquirida una finca por venta, permuta o partición…, ¡iso, partición!, quedare
enclavada entre otras del vendedor, permutante o copartícipe, éstos están
obligados a dar paso sin indemnización, salvo pacto en contrario”. ¡O caso é
rotundo!
-¿E non queda máis, iso, no libro?
-Algo queda, pois o artigo seguinte, o
568, remacha o cravo: “Lo mismo se entenderá en el caso de abrirse un nuevo
camino que dé acceso a la finca enclavada”.
-¡Carafio! Iso do camiño novo é certo,
pois a Deputación de Lugo fixo a cacharrada de abrir unha pista por tras da
miña leira, pero o caso é que para levar o carro pola estrada alárgaseme o
traxecto cousa de dous quilómetros, que xa sabe que o señor Cacharro fai as
pistas polos camiños vellos, por tortos que sexan, que así no paga
expropiacións!
-¡Pois, rapaz, -lle respondeu o Avogado-,
terás que mercar un tractor para levar o esterco pois a xurisprudencia é
rotunda, que tamén cha vou mostrar.
Colleu outro libro, e despois de media
hora pasando follas, para adiante e para atrás, soltouse a ler: “… desde el
momento en que el paso concedido a una finca enclavada deja de ser necesario
por haberla reunido su dueño a otra u otras contiguas al camino público, cesa
tamén la colisión de derechos, razón de ser y justificación que la dio vida
jurídica, y el dueño del predio sirviente puede pedir su extinción”, etcétera,
etcétera, que disto teño aquí unha infinidade de casos, análogos. Ti non
agregaches fincas que dean ao camiño, pero é igual, pois o que se agregou, o
que se achegou, foi o camiño, ¡o propio camiño!
-¡Cómaos Xuncras, ao veciño e tamén ao
Cacharro, que ben me foderon! ¿Así que non terei máis remedio que levar o
esterco nun tractor? Neste caso, vostede confórmese co xamón, que xa non é pouco,
e teña piedade deste perdedor!
-O xamón non chega para unha consulta que
evita un preito, así que son…, cen pesos! O que lle dou de balde é un consello:
Para outra vez consúlteme o seu caso, e non o do seu contrincante, que xa
estivo aquí, onte precisamente, e tamén se consultou do revés!
-Mire, señor, facémolo así para coñecer
as armas do contrario, do contrincante!
-¡Pois sigan, sigan, que para algo son
galegos!
-¡E vostede, tamén…, polo acento, que o
descubre!
-¡Home, claro, que de non selo, non sería
Avogado!
Xosé María Gómez Vilabella

_________________________

O
vello que arengaba ás cabras
 
 
 
 
 
 
A culpa, a culpa remota, tivérona os frades… ¡Que si, que
volo digo eu, pois, se non fose pola escolarización, pola cultura recibida
daqueles dominicos, nin o de Maxide nin o de Veiga chegarían a capitán, e o do
Verducedo a tenente, por moita guerra que houbese en Melilla, daquela do 1893,
que si que a houbo, e gorda que foi…, a matanza recíproca!
 
 
 
Os tres, ¡de Montecubeiro!, estaban, coincidiron, ¿servindo
ao Rei? en Melilla cando ao Xeneral Margallo se lle ocorreu a margallada de
amplia-las murallas da cidade ata a mesmísima tumba do venerable, do venerado,
Sidi Guariach. ¡Estaba tan ben informado que, ademais de descoñecer a santidade
dun santón, ignoraba que os nativos do Rif xa tiñan, daquela, rifles Remington,
fronte aos Mauser dos españois! Baixaron os rifeños, a cen, pero fuxiron a mil
por hora, ignorando, tamén, que Margallo tiña, entre outros, tres soldadiños…,
de Montecubeiro! ¿Qué digo: tres quintos? ¡Non, tres enteiros, que saíron da
batalla ascendidos, dous a Capitán e o terceiro a Tenente!
 
 
 
Un dos fillos do Capitán da Laxe de Veiga, Pedro de nome, se
cadra imbuído polas proezas que relataba seu pai, deu na manía, ¡ou no mérito!,
de arengar ás súas cabras. Eu oíra falar diso, e tamén de que era máis xordo
cás Penas da Ferradura, así que, por culpa da súa xordeira e da miña malicia
pasou…, o que pasar non debera!
 
 

 

Un día outonío, que me mandaron leva-las vacas ao prado do
Pozo, así chamado porque tiñamos nel a poza de enria-lo liño, coa consigna de
apaña-las castañas que houbese nos nosos castiros da Bouza de Veiga, para
subilas ao lombo, nun saco, desde que as vacas estivesen satisfeitas. As vacas
satisfixéronse enseguida pero eu non, que me soprou o diabro a mala idea de
escoitar aquelas “arengas” do Pedro de Capitán da Laxe, pero, cómo? Niso tamén
me aconsellou o diabro: “Vaste pola parte de arriba, e baixas engorde ata esa
pedra onde está sentado o Pedro. De posto na súa traseira, el que mira para
abaixo, para as cabras, xordo como é, nin se decatará de que ten mouros na súa
traseira, ¡el tamén, coma seu pai!

 

 

 

A tal intre, excitáballes os ánimos:

 

 

 

-Que non se diga que ides volver para Veiga con só catro
carpazas tendo aí abaixo, mesmo diante vosa, ese souto de castañas dos Gómez.
Se eu fose cabra, onde non atopase castañas no chan, treparía ás polas, e
abanicaría nelas, para que se solten os ourizos! ¡De frente, ar!

 

 

 

Pero as cabras, ¡e iso que eran cabras!, seguían
conformándose con remoer nas carpazas, así que Pedro enervouse, púxose en pé, e
berroulles:

 

 

 

-¡Mira que é covardía a vosa, non avanzar ata o souto! Pero
xa teño a receita: O próximo día veño con esa bandeira que trouxo meu pai de
aló, de Marrocos, a que lles quitou aos mouros, e con ela na man heime poñer
diante vosa…, a ver se tedes cornos para turrar nela!

 

 

 

Non aguantei sen rirme, e iso que o caso era máis ben para
lamentarse; ¡menos mal que non me oíu o señor Pedro! Recuei costa arriba, ata o
mesmísimo carreiro, hoxe estrada DP 16-11, e dando unha revolta grande, para
que non me descubrise, acabei baixando ao río, ao Azúmara, onde deixara o saco
das nosas castañas.

 

 

 

Tempo adiante, eu en África, ¡eu si!, alguén me escribiu
dicíndome que atoparan morto, precisamente no monte, ao señor Pedro do Capitán
da Laxe de Veiga . ¿Seguiría gardando, e de paso arengando, nas súas cabras? ¡O
máis probable é que si! A min castigoume Deus, que tamén me vin metido nunha
guerra de África, na de 1957/58, e tamén me arengaron, a min tamén!


 

 

 

Xosé María Gómez Vilabella


                 ____________________________


 

 

¡Hai que volver ás
mallas!
Mallando e bebendo

De momento vai de
broma, pero…, ¡os mozos ídevos encomendando a Deus, por se
acaso!

 
 
Na miña bisbarra, no
noso condado de Chamoso, daquela da miña crianza aos vagos e maleantes
chamábanlles “acabadores”; agora chámaselles “políticos”, tanto en castelán coma
en galego. ¡Vén a ser a mesma cousa! Pois ben, eu estou arrepentido de pasar
media vida estudando Economía, que maldito falta me facía, aínda que quixese
chegar a Ministro. O outro día en Castroverde coincidín cun paisano que fora
compañeiro meu na escola de Maxide e deume unha lección que nunca mellor a
recibín, nin nos libros nin nas aulas. O meu paisano, e non obstante, amigo,
díxome, despois da aperta por suposto:
 
 
-¿Ti estiveras en
África, non si?
 
 
-¡Dez anos, coa
guerra de Ifni incluída!
 
 
-¡Pois aforraches de
virte, que isto noso, agora, tamén é Marrocos!
 
 
-Home, Franco
devolveu os mouros a Covadonga, daquela que pasaron por Castroverde, pero non se
quedaron…, agás os mortos!
 
 
-Aquí tamén temos
sultán… ¡E logo que todo é estranxeiro, pois ata o trigo nos ven de Ukrania, e
as patacas de Exipto!
 
 
-Non sei se poderá
seguir vindo…, que a débeda exterior está nas nubes!
 
 
-Ti deberas seguir en
África, e eu en Alemaña. Téñome acordado ben veces de cando lle fun á escola a
teu pai, que nos dicía: Desde o século XV España viviu do ouro e da prata
arroubados aos indios de América; coas independencias, pasamos a vivir das
remesas dos emigrantes, e tamén está entrando algo de turismo… Ora ben, se
seguimos importando máis do que exportamos, día chegará no que os da capital nos
teñan envexa aos da aldea, pois aquí, quen máis quen menos ten un horto, e
ninguén morre de fame!
 
 
-¿Sabes que che digo,
colega? ¡Outro tanto aínda non mo dixo ningún dos profesores que levo tido en
Economía, e dábanse de celebridades!
 
 
-O mérito non é meu,
que eu só fago memoria daqueles consellos dos nosos vellos!
 
 
Despedímonos con
outro abrazo; e nos minutos seguintes, nin sei como, pero véuseme a memoria
aquela malla de Insua: Tiñan tres medas de centeo e unha de trigo, así que o día
chegaba a pouco por máis que fose Agosto. De cando en vez daban un anaco de pan
e queixo e un trago de viño; a comida dérona á hora da cea…, e eu, con tanto po,
con tanta sede, amén da falta de costume, collín unha borracheira de campionato;
¡a única da miña vida! Deiteime debaixo dun castiñeiro e non volvín para a casa
ata cerca do día, cando xa se cansaran de buscarme polos camiños dos arredores,
con fachuzos de palla.
 
 
Despois desa
reflexión, pasei á seguinte: As divisas están esgotadas, as leiras a eucaliptos,
troitas non quedan por culpa do purín…, así que os novos volverán a emigrar,
pero, os vellos? ¡Os vellos están morrendo nas salas de urxencias dos hospitais
porque os médicos non dan abasto! Como dicían os romanos: “Finis coronat opus”,
que eu vou traducir, libremente, por, O fin, o fin catastrófico, sempre coroa as
obras mal feitas!
 
 
Xosé María Gómez Vilabella

__________________

Con meu avó, no Zarro Novo

No Zarro Novo ata as vacas rezan por aqueles
que os cregos non deixaron soterrar na igrexa de Montecubeiro
.

¡Pobriños! ¿Qué culpa teñen, tiveron, eles, de que non fosen bautizados? ¿É que non son fillos de Deus, criaturas de Deus, coma os demais? A Samaritana non estaba bautizada, nin era dos del, da clase dos seus amigos, dos seus seguidores, e non por iso a desprezou Xesús… Aquilo de soterrar no Zarro Novo aos abortiños, aos que morrían antes do bautizo, aos suicidas…, ¿cabe peor Inquisición? ¡Iso era, iso foi, aquelas doutrinas do sabio Torquemada, que tanto honor lle fixo ao seu apelido, queimar ao desacreditado!Imos ver:

¿Por qué soterraban no monte ás criaturas abortadas e non á criminal que as abortara indixestándose de follas da ruda, acaso para poderse vender por virxe?

¿Por qué aos nados de mal parto, xerados pero non criados, se lles privaba do Ceo, encima de que a natureza lles impedira nacer á luz normalmente?

¿Por qué a ignorancia daqueles pais que non sabían que a auga de socorro, aplicada con intención de bautizar, tamén era eficaz, tiña que ser penada nas inocentes criaturas, máis inocentes aínda que seus propios pais?

¿Por qué os suicidas, enfermos mentais, sempre, todos, sen excepción, pois do contrario non o farían, nin no peor dos transos, e como tais, irresponsables dos seus actos, tiñan que segui-la sorte dos cans, soterrados lonxe dos que se tiñan por sensatos?

¡Ai, Deus, que che usurpamos a función sacrosanta de xulgar…, sendo reos, reos de alta traizón! Polos inocentes do Zarro Novo, prégoche, Señor; prégoche que non lles deixes vingarse coa Lei do Talión, pois, de facelo, de serlles posible, as tumbas dos inquisidores non caberían nese monte do Zarro!

Xosé María Gómez Vilabella 

________________

Nada
hai máis excelso que render honores aos nosos entregos.

 


Alborada de Rosalía, na muralla de Lugo,
no seu 176 aniversario.

Pablo Castedo dándolles unha serenata aos trogloditas
da nosa Cova da Valiña.


E tampouco hai cousa máis odiosa que ser desagradecidos, defecto que, afortunadamente, non herdamos os galegos, ¡en absoluto! Estas fotografías dan testemuña do aserto.
Tan agradecidos somos que ata lles agradecemos aos romanos esa muralla, esa caixa de seguridade que nos obrigaron a facer para resgardar as súas raspiñadas, e con elas aos propios raspiñadores. ¡Sete mil libras de ouro que, segundo Plinio, se levaban ao ano, en media, arrincadas da nosa terra, por nós mesmos, e lavadas nos propios ríos! Iso á parte dos trigos de Chamoso, os viños de Amandi, etcétera, etcétera. Pero non foron aforrallóns, iso non, que nos deixaron unha mestizaxe ampla; proba da mesma é a cantidade de avogados, de expertos en Dereito Romano, que leva producido o noso Lugh, o noso Lucus. ¡Ah, e tamén nos deixaron o nome propio da capitalidade; iso tamén!A Rosalía debémoslle eses cantares entenrecedores que tantas bágoas lles levan costado aos nosos emigrantes, e que tanto fixeron por facelos volver. ¿Daqueles avós da Cova, qué? Os da Valiña deixáronos, ademais dos seus ósos, os dun rinoceronte! E tamén un Val Verde cultivado, tan verde, tanto, que incluso nos serviu para darlle nome á comarca, ¡que non é pouco!
Xosé María Gómez Vilabella

__________

VOLVAMOS
AO CATECISMO DO LABREGO

Don Valentín, coa venia. (Valentín Lamas Carvajal, fillo do ourensán José Francisco Lamas, e
da luguesa María Manuela Carvajales). Coa venia, meu Profeta, e de paso,
pídoche, humildemente, benevolencia e comprensión polo sacrilexio de
reinterpretar, de actualizar, o teu Catecismo. ¡Xa sabes, a Lei do Péndulo, que
desta vez está devolvendo aos eidos a estes desertores do arado do século XXI
que se creron amparados pola prosperidade urbanícola!
Menos mal que na túa terra, ben querido Frei Marcos da
Portela, nunca faltaron Redentores, tal que aquel ilustre mariño do Ferrol, don
Hermenegildo, noso insigne benfeitor:
. Retirou as mulas de Castela, poñéndoas a arrastrar canóns
en vez de arados, ¡para que así os seus paisanos non tivesen que segarlles o
trigo aos casteláns!
. Ocasionou a morte duns cantos milleiros de rapaces para
que así abundasen as mulleres, e competisen cos homes, tal que facendo
traballos variles, ¡que xa estaba ben de telas coa ”pata quebrada e na casa”!
. Aos mutilados mandounos para a capital cunha pensión, ¡que
así podían vivir, e casar, de man branca!
. Aos forzudos librounos de cavar na touza, ¡dándolles praza
no Exército, na Garda Civil e na Policía!
. Para que as mulleres non malvendesen as leiras, ¡prohibiulles
adir as herdanzas sen permiso expreso dos maridos ou do xuíz!
. A todo isto, un racionamento xeral, ¡para que as labregas
non se puxesen fofas, pois para fofa chegaba a súa asturiana, dona Colares!
. Por se fose pouca menciña o racionamento, requisas de
froitos e gando, a tutiplén, ¡para soste-los mouros, os de Marrocos e mailos do
Pardo, que ben o merecían polos servizos prestados en Covadonga!
Así comezou a súa labor protectora do agro galego, pero como
tales medidas resultaron exiguas en vista de que os nosos labreguiños mataban a
fame estomacal cultivando a testicular, abriulles a emigración, en particular
para Cuba, que era un sitio quente…, ¡do clima, pero tamén das mulatas!
Detrás de San Hermenegildo, que ben se lle premiou o
patriarcado coa medalla de ídem, ademais dunha laureada, ¡un millón de mortos,
que nunca houbo unha condecoración tan merecida!, veu o demo e tróuxonos de graza dunha cracia! Aqueles caciques de uniforme foron morrendo, pero os fillos
disfrazáronse, uns de sociais e
outros de populares, levándose da
aldea para a capital o pouco que nelas quedaba…, ¡coas honras de facernos
lacaios seus! ¡Deu-lle-lo pague. Amén!
Don Valentín, cómo cambiou o noso agro, este agro actual,
ornado de silvas. Aquela escravitude da nosa labranza, ¡por fin!, acabouse, que
non facía falta para nada pois as patacas impórtanse de Exipto, as fabas de
Agadir, o trigo de Ucrania, as teas da China…, así que as nosas mulleres xa non
fían nin cardan, e en vez de zocas, levan zapatos de tacón!  ¡De paso, o teu Catecismo quedou obsoleto!
Isto foi o pasado, pero, ¿de presente? Os pisos,
hipotecados; os mozos, no paro; e as hortas, a eucaliptos! ¿Qué nos queda, meu
profeta Lamas senón volver á lama, ás corredoiras, aos hortos dos nosos avós?
En definitiva, comezar de novo, aínda que cunha diferenza: que agora temos
tractores no sitio das picañas…, mentres a España lle fíen o petróleo!
¿Qué máis queres saber deste presente? Déronos becas para
estuda-los fillos, a troche moche, pero non encarreiraron as carreiras, pois o
que máis necesitaba este país eran técnicos, ¡un en cada casa! Técnicos do que
fose, pero…, técnicos! E paralelamente estimular a produción de artigos
exportables para que, cando deixasen de entrar as divisas dos nosos emigrantes,
compensásemos coas plusvalías dunha exportación abondosa, ¡que é o que fan, o
que sempre fixeron, os países civilizados!
Ninguén nos ensinou a distinguir entre insumos e consumos,
máis ben ao contrario, tal que aquel Alcalde da Coruña que nos predicaba: “La Coruña, ciudad de
servicios”. ¡Servizos son consumos! Aquel nunca vira un mapa; polas trazas,
non: A Coruña é fisterrá, porto de saída, óptimo, para Europa occidental,
América, África… O elemental, o prudente, o humano, era substituír a
exportación de emigrantes pola de produtos elaborados, perfeccionados,
apetecibles, ¡que eses si que son servizos, e non os outros!
Nas conferencias dos…, ¿intelectuais?, predicábase que
sobraba xente no campo; ¡daquela, xubilacións anticipadas, con primas polo cese
da actividade agraria! ¡Xa! E no sucesivo, ¡importación, que é o que fan os
importantes, importar! As papeleiras deron en regalar plantóns de eucaliptos…,
¡para adorna-lo prado da herba verde! E tiñan razón, pois as vacas, mentres
estaban cordas, podían alimentarse con ósos da calaza, e despois, de tolas,
incineralas…!
¿Cómo facemos, agora, para volver á horta? Non é doado: As
leiras que non están a eucaliptos dan silvas, ¡e son tan ricas as amoras!
Concentracións parcelarias de carácter privado non fixemos, e as da Xunta…,
poucas, tardías, e mal arrexuntadas! As ferramentas enferruxadas, o tractor
malvendido, as cortes…, parécense ás de Madrid: moito cemento e pouca riqueza!
¿Quédanos a casiña, ou tampouco? ¡Na casiña, por non lousala, podreceron as
vigas! Daquela, ¿onde estamos, acaso nunha crise? ¡Aínda o preguntas,
catecúmeno inocente: quédannos uns panteóns soberbios, marmóreos, pero o caso é
que tamén escasean os Curas, así que, moito panteón e poucos responsos!
Falando de responsar, meu admirado don Valentín, aí van os
meus:  
É necesario e urxente coñecer as posibilidades das terras de
cada quen para, a partires diso, producir nelas aquilo que vaia dar mellor
froito, pois o presente, se algo é, ben o sabemos, un sopro.
Xa chegamos, xa estamos, nun nivel formativo e técnico
considerable, pero iso non é, non debe ser, unha meta senón o punto de partida
para novas sabenzas.
Producir + producir + producir = igual a pouco, pois a
produción é unha carreira de obstáculos, de velocidades, e daquela a terceira
aínda é unha marcha curta.
Ou avanzar ou recuar, que non hai termo medio, pois se
chegan todos diante nosa, nesta feira global, ¡daquela só teremos as sobras, os
refugallos da economía.
Redimirnos de nós mesmos. Aquela redención dos foros, que
tanto preocupaba a don Valentín, xa a lograron os avós, entre os morgados e
mailos minorazos emigrados, así que á nova xeración, liberada, instruída por
nós, polos nosos cartiños, cos nosos cartiños, tócalle un novo tipo de aforro:
redimirnos da nosa incompetencia, do noso atraso, daquilo que nos foi
inacadable. ¡Xa descansaredes de
vellos…, se a polución vos deixa chegar!
Taxas de produción por debaixo das que se acadan por Europa
arriba equivalen a miseria, pura escravitude.
A boas horas mangas verdes, que di o refrán. Se non
levámo-lo paso, no torreiro dos intercambios mundiais só bailarán connosco as
feas, o Terceiro Mundo.
Cada ocasión perdida…, ¡fentos ao pote! Idiota o último,
nesta carreira de obstáculos. Aviso: ¡Xa empezou! 
Onte coma onte, e hoxe coma hoxe; emparzáronos con eses
veciños da Europa central e norteña, bastante traballadores e ben preparados
por certo, con séculos de avantaxe, así que, ou rebentamos ou levámo-lo rengue.
Nunca é tarde para aprender; nin cedo para levantarse. ¡Upa Galicia! O que sinto
é que os meus cadrís non me permiten acompañarvos nesa brega…, para saír desta
maldita crise! Certo é que a fixeron, que a causaron, uns, e que lles toca
tirar do temón aos outros, pero…, ¡que se lle vai facer, as benaventuranzas
sempre son as que din a última verba! 
Xosé María Gómez Vilabella

_______________________

 

Das penas de
Barredo ás do Rif.
-Ai, Andrés, achégate á casa da Anuncia, que vai ser
mediodía e aínda non veu polas ovellas para levalas ao monte coas súas. Igual
se puxo de parto, que onte vina moi cargada, moi pesada…
-Muller, nese caso imos os dous, que igual tes que
axudarlle!
Anuncia quedara orfa de nena, e para máis cruz, saíu algo
infantil, algo crédula, tanto, que lle fixo caso a un veciño máis esperto cá
ela, que a catou antes de irse para Cuba; aquel fornicador foise sen a rapaza,
e tampouco volveu, pero a semente quedou, tan sementada que aos nove meses
Anuncia non podía coa carga! Petaron á porta, pero ela non respondeu; o seu
cadeliño, si. Non tiña pechadura así que puideron entrar, na mesmísima corte
das ovellas! O can a tal momento lambía no neniño, o cordón estaba sen cortar,
e Anuncia…, fórase ao Ceo, que ben merecido o tiña!
-Ai, meu Andrés, foise, pero deixounos un regaliño!
Precisamente a nós, que non temos fillos, así que vai ser cousa de crialo nos
mesmos, en por nós.
-¡Con tal de que non lle poñas Andrés, que por aquí hai
tantos que cando din ese nome nin se sabe cal ten que contestar!
-Eu poñeríalle Santiago, que seica é hoxe… ¿Non oíche-los
foguetes, aí na Meda?
-Acéptoche a idea, pero, ¿e se nos sae un Matamouros, se nas
quintas o levan para África…, tantos que están levando, que nós igual non
xuntamos para libralo, para pagarlle a Cota?
-¡Déixate de mexericadas e axúdame; primeiro quenta auga, e
despois avisa aos veciños, que veñan botar unha man, que se nos xunta o parto
co enterro; empeza pola Virtudes da Casa Grande, que está de leite, e pídelle
que reparta con este neno…, antes de que sexa tarde!
Pasaron os anos e aqueles protectores morreran, case xuntos,
en cousa dunha semana, dunha epidemia de cólera, tan nefastas que eran.
Santiago, ao igual que súa nai, q.e.p.d., especializouse en garda-las ovellas,
na casiña onde naceu, pois da outra botárao un sobriño dos patrucios, que se
proclamou herdeiro universal deles, e nesas estaba cando se presentou o Casiano
de Castroverde, que facía de Porteiro, tanto do Xulgado coma do Axuntamento:
-Santiago, tes que saír para Lugo, de inmediato, que
entraches en quintas, e tocouche África…
-¡Maldita sexa! ¿Daquela, qué fago coas ovellas, e coas
cabras, a quen llas encomendo?
-Mira, ho, dáse o casual de que teño que pasar polo
Alvaredo, así que podo avisar a ese tratante que chaman o Cego, pero que non o
é, non de todo, para que chas veña comprar, hoxe mesmo, que así levas cartos,
que non che virán mal nesa África do demo, tan careira que din que é!
Xa en África, como o viron forte destinárono a Zapadores, e
nesa consecuencia chegou a noite do 21 de Xullo do ano 1921, atopándose
Santiago, con un Cabo e oito soldados máis, cava que te cavarás aló arriba, nas
montañas do Rif, para facer un fortín de merda…, xa que merdoso resultou!
Presentáronse uns mouros con senllas fusilas, tan mouros coma a noite, e por
engado cubertos cunhas xilabas mouras, así que lles foi doado mata-los españois
daquel blocao, un por un. ¡Un por un, non, que Santiago, precisamente o noso
Santiago “Matamouros”, salvou a vida, desmaiándose! Os mouros, ao velo
espatarrado, dérono por defunto e largáronse, que aínda quedaban máis españois
no territorio, máis blocaos, e Abd El Krim dixéralles aos seus que o “cupo”, o
copo, era de quince mil mortos; para tantos españois eran poucos mouros con
poucas fusilas, así que cargaron coas armas dos mortos e seguiron gadañando
españois, por todo o Rif, para completa-lo desastre!

 

Mortos
no monte Arruit,
a
maior parte deles paisanos nosos,
porque
os pobres non tiñan para pagar “Cuota” que os librase de África.
Cando volveu en si aquel Santiaguiño de Barredo, ao verse
rodeado de tantos anxos sen fusilas, ¡que no Ceo éntrase sen elas!, o primeiro
que pensou foi:
-Ata que veñan recollernos terei que comer do que atope, así
que vou baleirar uns cantos destes sacos terreos para recoller neles tódolos
víveres, e mailas cantimploras, que estes compañeiros xa non os precisan, e
poñerei todo baixo terra…, por se volven os mouros para arroubarnos a auga e
mailo pan, como fixeron cosas fusilas!
Os días pasaban e por aquel blocao non viña ninguén, ¡nada!,
nin mouros nin cristiáns. Nesta espera o noso Santiago observou ao lonxe un
rabaño de cabras, sen trazas de pastor! Foise achegando, e con dúas ou tres
cantimploras que levaba, previsor que era, muxiunas, e tivo leite para
recuperar forzas. Xa máis entoado, botou man dunha baioneta que atopou debaixo
dun morto, e con ela matou un cabrito, que de esfolado e ben asado, ¡iso si, de
día, para que os mouros non visen lume ao lonxe!, púxoo de pé. 
De pé estaba, e non se volveu a desmaiar de milagre ao
achegárselle unha pastora, toda atarapuzada, ¡precisamente a do rabaño!
Miráronse detidamente, pero non houbo reproches. A moreniña, un sol de rapaza,
díxolle, con toda afabilidade:
-Mi estar Aisa. ¿Entá…?
O rapaz, que tampouco se cortou:
-Mi estar…, Santiago. Xa sabía que estaba no inferno, pois
isto outra cousa non é; o que non sabía é que houbese diabros con saias, e
encima cuns ollos…, que nin a Virxe do Carme, aquela de Vilabade!
O mouriña tamén era orfa, así que, máis por xestos que con
verbas, fóronse entendendo, e xa levaban dous anos de convivencia cando Aisa
lle propuxo vender as cabras, e con aquel diñeiro embarcar en Melilla para irse
a España, xa que tan guapa era Galicia, segundo el lle dixera! Así o fixeron,
coa sorpresa de que cando baixaron a Melilla a quinta do rapaz xa estaba
licenciada, quitándoselle de repente os medos a que volvesen poñelo de
uniforme.
Deron chegado a Barredo, e alí tíñanlles dúas novas: Unha,
que naquel tempo o sobriño dos seus protectores fórase para Cuba, cobizoso que
era; e outra que, antes de irse, ao parecer polo medo que lle meteu o Crego da
parroquia, deixoulle ao Cura,  con
carácter de testamenteiro, o testamento de seus tíos, para que llo dese ao
Santiago cando volvese de África, ¡se é que volvía!, que o tivera escondido,
dándose de herdeiro universal. Naquel testamento o herdeiro real, o efectivo,
daqueles patrucios, era Santiaguiño, que con iso volveu aos altares: Casa,
terras, gando… Non se sabe se comeron perdices, pero felices si que foron…, que
ía sendo hora!
-.-
Este caso seino porque mo contou o Carteiro de Francelos,
casado con miña prima, dos Nabal de Vaille, que como lle levaba á Aisa as
cartas que lle viñan do seu Marrocos chegou a gozar da confianza daquel
Santiago, ¡un Santiago casado cunha mora! Este feito considéroo de interese
para a intrahistoria de Castroverde, e por iso o relato aquí, para contribuír á
conservación dos nosos “episodios” máis célebres.
Xosé María Gómez Vilabella

_________________

MEDULLIUS

 

Lagoa grande de Monciro, xeada.
Fotografía de G. Fórneas.
Monciro = Mons Ciro.
Un pouco de lóxica militar
ANTECEDENTES OU
FONTES HISTÓRICAS
Estrabón, que nos chama “Gallaice famae majores populi”. (Como no
conto do Carballeira de Serés e maila bailarina do cafe Mercantil: ¡Ai
Carballeira, árdeche o eixo? E Carballeira berroulle desde abaixo: ¡Pronto me
viches, condenada!). Igualiño pasou con Estrabón; pero aos romanos, ademais da
nosa “fama” persoal tamén lles chegou á dos nosos aurices, a daqueles torques e
fibelas que levaban os Oestrimnios, os Saefes…; os celtas, en xeral!
Floro e Orosio, por
novas que recibiran de Tito Livio:
Floro, L. A. (Rerum Romanorun Epítome, II, 33,50). “En último lugar o
asedio do Monte Medulio, ao que rodeaba un foxo de XV millas sen interrupción
vixiado constantemente pola presenza dos soldados romanos. Cando os “bárbaros”
se decataron da súa ex situación extrema, a porfía apresuráronse a busca-la
morte no medio de banquetes, polo fogo, o ferro, e mailo veleno, que alí se
obtiña das árbores chamadas teixos; así, a maior parte libráronse dunha
servidume que se consideraba peor cá morte para aqueles indómitos loitadores”.
Os teixos (Taxus)
son un xénero de árbores coníferas da familia Taxaceae, propios de zonas montañosas
con ambientes frescos e húmidos; prefiren terreos calcarios. ¿Onde está unha
das principais vetas calcarias de Galicia? Pois, nada máis e nada menos que,
partindo de Castroverde, polos actuais Bolaño (a Croa de Xivil), Serés, a Meda,
Córneas, Suegos…; exactamente o cinto xeolóxico do Mons Ciro, que só abandona o
cal pola parte das Veigas dos Feás. Por se faltaban probas, esta é a terra dos
teixos, abranguendo o monte do holocausto! Coa autodestrución, coa súa
inmolación, aqueles celtiñas libráronse, entre outras servidumes, da
escravitude de arrincar e carretar pedras para a futura muralla do bosque
dedicado a Lugh, auténtica “caixa forte” dos romanos.
Orosio (Historiarum VII, 21, 7-9). “Ademais as partes
ulteriores de Galicia… (¡Logo non son As Médulas, que esas están na parte
interior, de par de Ponferrada!), que abundantes en montañas e selvas
(referíase ás carballeira e aos bosques de bidueiros, claro está) chegan ata o
Océano, conquistáronas os legados Antistio e Furnio, despois de grandes e duros
combates (¡Castro a castro, ben-sei-ora!). Asediaron o monte Medullius, que se
ergue xunto ao Miño (visto polas lexións andaregas, o Medulio, logo Mons Ciro,
ben preto está do Miño!) no que se tiñan refuxiado gran multitude de homes;
escavando un foxo de XV millas (dato que concorda co dito por Floro) en
derredor completaron o cerco”. (XV millas ven a ser o circundo de Monciro
trazado polos vales que forman as súas abas. ¡Recórrano, bordéeno e compróbeno,
que doado é, e accesible, tamén!).
Segue Orosio: “Cando aquela turba de homes vigorosos e feros se decatou
de que non podían aguantar o asedio, nin competir na loita pola súa evidente
inferioridade, decidíronse polo suicidio voluntario, por medo á escravitude.
Así, todos á porfía, déronse morte polo fogo, o ferro e mailo veleno”.
Octavio (que aínda non era “Augustus”), tiña experiencia dabondo
para saber que os inimigos non se deben ter ás cotas, así que despachou para
acó, dez, novas cohortes para sumalas coas vinte que andaban por Levante e polo
Sur, capitaneadas polos xenerais Carisio, Antistio e Firmio. Pero, “oído ao
parche”, que dicía Queipo de Llano, porque temos que leva-lo paso, xa que houbo
dous tipos de guerras:
A primeira, uns cen anos antes do
Medulio, a de Viriato, en Portugal, entre Viseu e o Douro, que foi unha
colisión co groso dos aliados, -lusitanos e galegos fronteirizos-, concentrados
para facerlle fronte a un formigueiro de romanos procedentes da parte de
Mérida, que ameazaban aos lusitanos fronteirizos coa Gallaecia, e por tanto,
tamén a estes. Alí pasou…, “o que pasou”, dito nesta frase tan galaica que fixo
súa Iglesias Corral. Di Orosio que
alí (o 9 de xuño do ano 137 a.
de C.) morreron 50.000, entre lusitanos e norteños. Escravizaron a 6.000, e
fuxíronlles uns 4.000. (Que repasarían o Douro probablemente por onde ten agora
Sandemán os seus viñedos). A “laureada” para Décimo Junio Bruto (“bruto” si que
o foi, con semellante matanza!), consistiu en que Roma lle dese o cognome de
“Galáico”. (“Matagaláicos” lle habería que chamar!).
¿Qué fixeron os romanos a continuación?
Non fai falta que o diga expresamente a Historia, pois é doado de colixir: Os
poucos que quedaron vivos… (Isto hai que entendelo: romanos vivos quedaron
moitos porque as vangardas enfrontadas aos luso-galáicos serían, como de
costume, os terzos de estranxeiros,
que sempre formaban as vangardas), ao mando dos milites profesionais, e con algún reforzo restado a retagarda, non
se detiveron, por suposto que non, que sempre foi de elemental estratexia
explotar a moral da vitoria. Iso de arrefriar un exército vitorioso, como
inexplicablemente fixo Napoleón en Moscova, trae malas consecuencias. Así que,
obviamente, galláronse en dúas columnas para abranguer máis terreo; o mesmo que
se fosen turistas pois a partires daquel nove de xuño o resto, franqueadas as
portas da Gallaecia Sur, sería un paseo militar.
Unha columna iría bañarse á Costa da
Prata, e a outra, seguramente a dos estranxeiros, ou con predominio deles,
refugaron os montes da Bragança, adiantándose polas chairas de Chaves, onde se
detiveron para facer unha ponte, e logo tiraron cara a Verín, pero baixando ao
Lima; máis ou menos pola lagoa de Antela, onde tamén se bañaron, que boa falta
lles faría, de suados que ía, xa por xullo arriba. De cansos, entre que se lles
pasara a fogaxe da vitoria, e co sol enriba, non é de estrañar que se rebelasen
para cruza-lo “río do Olvido, do Esquecemento”, precisamente ese, o Lima, que
para nós é o Limia. ¡E tan Limia, xa que fixo de limiar, de preliminar do seu
achegamento!
Sobre do ano 60 (a. de C.), xa nos
tempos do primeiro triunvirato, viñeron, mandaron, aos legados Caio Antistio Vetus e Caio Furnio. Como era lóxico en tales circunstancias, apresuraron os
adestramentos, pediron navíos a Roma para que lles gardasen as costas
occidentais, e requisaron cabalos, ademais do condume correspondente; ¡toda
unha loxística! Daquela o formigueiro estaba, bulía, entre a Braga (Braccara) e mailo Miño (Minius); namentres, os celtas do Norte
asubiaban na coroza dos seus castros, ou detrás das ovellas no seu minifundio,
na súas castras, na súa independencia castrexa. ¡A forza vén da unión, e á
debilidade vaise polo individualismo, polo illamento social! Os celtas terían
algún mensaxeiro, algún “corre, vai e dilles”, pero o seu sistema de poboados
non era propicio para comunicarse as novas de interese xeral, e menos para
organizarse, para globalizar etnias nos preparativos dunha defensa común fronte
a un inimigo da potencialidade de Roma.
¿Qué plans, que estratexia, traerían, e
seguirían, sucesivamente, os romanos? ¿Reiniciar as operacións na Limia, baixar
a Ourense e rubir desde os Peares á dereita, polas estreituras do Sil, onde os
nativos os podían abater naquelas angosturas con só roular pedras monte abaixo,
e para iso por ambas orelas? ¡Isto non se lle ocorrería nin ao que asou a
manteiga! O traballo que lles faltaba para atenazar esta península tiña que ser
unha especie de blitz krieg, que
diríamos hoxe. O Leste e mailo Sur xa eran deles, e ben sabían, ben se terían
informado de que índose ao interior poderían acabar bloqueados e inmobilizados
nos nós montañosos.
¿Qué podían estar informados das
riquezas auríferas do Sil? ¡Admitido, pero iso non urxía, que primeiro conviña
cercarnos, que foi o que sempre fixeron, por tradicional estratéxica, en cantos
territorios cobizaron! Tamén cumpría facer escravos con antelación, pois eles
viñan a conquistar e non a cavar, que esa función reservárona, sempre, en todo
tempo, en todo lugar, para os nativos, para os sometidos. Por outra parte, xa os
mercadores das zonas costeiras lles terían informado de que ouro, e moito
gando, tamén o había relativamente cerca da costa, en terreos máis accesibles.
É obvio que optaron por orellar o Miño,
sen descartar que pola costa subise, asemade, un exército menor, comerciando,
informándose, e copando os castros costeiros, que tamén tiñan a súa importancia
estratéxica. A ruta para os barcos tíñana ben sabida e ben experimentada dos
fenicios e dos gregos, polo menos ata Noia. Por certo, que de Medulio no Aloia,
en absoluto: nin os nativos tiñan alí ningún desespero, nin podían ser moitos;
nin os romanos precisaban subir ao monte para pasar á Gallaecia Norte, que a
tiñan aínda sen a súa “pax romana”; en cambio, pola parte da Ponte do Lima, e
logo por Monçao, tiraban cara a Ourense con toda facilidade; mentres, en
paralelo, os seus barquiños irían subindo, costeando, e máis ben de noite.
¡Ninguén forza as portas tendo as chaves delas!
As forzas de terra, as lexións, foron
subindo, pois, cara ao Norte, en manobras envolventes, e sen saírse dos vales,
tanto pola facilidade dos aprovisionamentos, esenciais e variados, das terras
chas, feraces, pródigas en carnes, en froitos, e tamén en froitas, como polo
seu clásico orde de formacións para a marcha. Disto poderíase falar, poderíase
escribir, moitísimo, pero estamos en plan de entendelo con un cómodo laconismo.
O “varrido” sistemático de celtas, sen deterse moito na súa escravización pois
un número excesivo de escravos ocasionáballes, ademais dun incremento en
manutención, unha asignación de gardiáns cando o seu plan, e co plan o seu
éxito, estaba en someter a base de asaltos masivos aos castros da terra
cobizada. Tamén hai que ponderar que os celtas fuxidos, aqueles castrexos
evacuados, irían diante dos romanos, buscando os bosques norteños, os bosques
do Lugh, así que cadora os romanos se sentirían máis diminuídos de forzas
atacantes. ¿Escravos? ¡Xa os farían máis arriba, máis adiante, cando tivesen
dominados os puntos clave da xeografía galaica!
As tropas embarcadas tiñan que cubrir
moito terreo, pero non parece probable que fixen grandes detencións ata chegar
ao seo brigantino. Desde as Mariñas de Betanzos subirían algúns infantes en
descuberta, pero tamén era preciso cerrar o copo así que os máis mariñeiros
irían ao Cantábrico, á parte da Veiga do Eo, ou incluso ata o confín, ata o
castro de Coaña, para internarse Navia arriba, que máis aló o terreo era
difícil en grado sumo.  Coas súas
barquiñas, máis non puideron facer, e se deron chegado ao Navia xa foi esforzo,
xa. Unha estratexia para a infantería clásica, sexa por terra ou por mar, non
se pode realizar só a base de ocupar puntos neurálxicos; iso veu co
paracaidismo. ¿As guerras cántabras? ¡Iso veu despois, con ataques polo
interior?
Pero deixemos por un momento os mapas
coas frechas das columnas de penetración, cerco e ocupación, e apuntemos unhas
nocións de intendencia e de armamento e construción:
Temos aos nativos, aos aborixes,
pegadiños ás augas correntes, ás fontes e aos bosques, que eran as súas
divindades, e de paso, o seu sustento. ¿Onde estaba o terreo ideal, de arraigo;
as fontes e mailos prados, as zonas de caza abundante e fácil? Pois,
primordialmente, onde era fácil producir e cazar cos medios de daquela, na
chaira de Lugo e nas bocarribeiras que apuntan contra o Castro Verde, contra
Bolannio, no curso alto do Miño e dos seus primeiros afluentes. Por outra
parte, ¿cantos nativos, cantos habitantes habería daquela nestas terras de
fácil e abundante produción natural? Segundo Plinio, a Gallaecia tiña uns
280.000 homes, de 24 etnias, na bracarense, que xa foran sometidos na primeira
das expedicións, e quedaban libres, insubmisos, uns 160.000, ao Norte, en 16
etnias ou pobos, que eran moitísimo inimigo como para esquecerse deles e
dirixirse primeiro Sil arriba, para abrir o Monte Furado e criba-lo seu ouro, á
parte e ademais das dificultades orográficas xa apuntadas. Ouro tamén había
noutras partes máis accesibles, como demostran os achados posteriores; por
certo, que destes uns foron aos museos, e outros que…, ¡que hai que oír falar
deles aos dos Filipes, (Arias e Senén), e un faise cruces!
¿Gandería? Moitas cabras, coma sempre
ata o XX, nas bocarribeiras; e logo o clásico tamén de sempre de por aquí, o
que mellor se deu nos prados chairegos, nestes vales abertos de media montaña,
de Lugo: ovellas, vacas, cochos, cabalos… ¡Miúda despensa para os romanos!
¿Alimentación, pois? Ademais das carnes
e de algunha hortaliza, que nos castros atopáronse fouciños e aixadas,
esperábanos os trigais de Flammoso (Flamma = chama, que tal lles pareceron de
mexidos pola airexa); e despois as castañas, ¡que non as trouxeron eles, que xa
as había no país!, as landras, o millo pequeño… (O “maíz” veunos séculos
despois, concretamente de América).
¿Explotacións mineiras? Coñecemos a súa
referencia ao traveso de Plinio e de Estrabón, así como, fisicamente, por
restos e pezas atopadas nas escavacións castrexas: estaño, ferro, ouro… En
canto a luxos: fíbulas, torques, etcétera; traballos primorosos. A obtención do
ferro incrementouse notablemente durante a dominación romana, pero máis aínda
cos suevos.
¿Armas? A primeira, o “aturuxo”: forte,
enérxico, sonoro, que xa define unha bravura. E logo os escudos dos nativos,
“caetra”, pequerrechos e redondos, feitos de nervios de animais, trenzados;
cota de liño entretecido; espadas curtas e puñais envaiñados en coiro ou en
madeira, segundo os casos. Xente de a pé, infantería castrexa, e por tanto de
pequenas unidades; máis ben autodefensa circular e familiar, como indican os
castros; neles, nas súas salas, tamén circulares, de consello. Non eran os
nosos celtas xente de agruparse en columnas: eran defensivos pero non
conquistadores, como foi o caso dos atacantes, das lexións romanas. O de
Viriato é á parte, distinto: xente sureña, con outras circunstancias; aló
abaixo foi unha especie de cruzada, seguramente predicada polos druídas.
Quebradas daquela –no 137 a.
de C.- as portas da Gallaecia, o resto, ata o 26, tamén a. de C., foi unha
defensa domiciliaria; e domiciliaria a conquista, por conseguinte.
Con esta información , sucinta e
previa, do inimigo que ían bater aqueles romanos, volvamos aos mapas do seu
“Estado Maior”, ás frechas das súas columnas:
.           Braga-Barcelos,
Valença-Tui, Monçao-Salvaterra,… Dúas bifurcacións de orixe: Pola beira do Miño
ata pasar as angosturas de Portomarín; e pola costa, ocupando paulatina e
sucesivamente as Rías Baixas. Desembarco, ou costeira, no seo de Brigantium; un
faro e todo iso; outro desembarco polas Rías Altas. Pouco despois as columnas
enlazarían así:
.           As
que avanzaron polo Miño arriba foron dominando as cuncas do Neira, do Tórdea e
do Chamoso. O Tórdea e mailo Chamoso nacen en Castroverde, nas inmediacións do
Monciro; e o Neira un pouco máis arriba. Plantan campamentos: no Castro do
Valverde, en Romeán, na Meda… (Meda, o Lugo antigo, o inicial, tradición que
conservaron os vellos deste lugar; Medulla
= médula, meollo, tuétano; o máis interior, as entrañas, dun corpo ou dun
territorio. ¡Medullius!).
.           As
forzas procedentes das rías brigantinas, de superadas as actuais Pontes de
García Rodríguez, ocupan a Terra Chá, e reúnense coas tropas que seguisen Miño
arriba; repoñen forzas coa carne dos rabaños dos castros, hoxe Castro das
Ribeiras do Lea, Castro do Rei, etcétera. Seguramente levaron a peor parte na
loita: unha, porque naqueles barquiños moitos non puideron vir; e logo que este
internamento fíxose por unha zona abundantísima en castros, ademais dos xa
citados; por conseguinte, moito tiveron que rezarlle a Marte. Montaron un
campamento no actual Andión (e puxéronlle Andelón), para desde alí facerse coa
liña de castros que leva ao Mons Ciro, (Medullius): Rois, Trasín, a Graña,
Maxide, Sarceda… Con isto cerraron, e fixeron evacuar, as bocarribeiras do
Noroeste.
.           Se
alguén veu polas vagadas dos ríos Eo e Navia, estes chegarían ás abas do Mons
Ciro con poucos feridos de guerra pero ben cansos de rubir polos desfiladeiros
montañosos da zona. Neste suposto o campamento poderían establecelo no castro
da Pereira (Librán), punto estratéxico para corta-la retirada dos celtas que
fuxisen do Alto Miño buscando a protección, o abeiro, das montañas.
A estas alturas da “blitz krieg”, dito
en parámetros da época, claro está, ¿onde témo-los celtas? Pois, por pura
lóxica, por imperativo xeográfico, upados, arredados os nativos nese monte que
os romanos nomearon co do seu conquistador en xefe, ¡Ciro! ¡¡Mons Ciro!! E por
engado, ao tal Ciro Roma premiouno dándolle as terras contiguas, ¡xubilación
anticipada!, que, por suposto, colleron o seu nome, o nome dun mataceltas: ¡A
hoxe parroquia de Cirio! (Co tempo, os de Ciro coidaron que lles viña o
topónimo dunha vela, dun cirio, esquecéndose do seu matón fundador).
Pero aínda non describimos o célebre
Mons Ciro, o mons do holocausto. Aquí volo presento, na súa aba nordesía, pero
esta vez abranguido pola néboa, e non por aquel vallum, por unha cerca de
estacas; para maior simbolismo, nesta fotografía aparece cuberto, cruzado, por
unhas cantas estelas de condensación dos avións madrugueiros.
Para os fuxidos, para os perseguidos,
este monte prometía converterse na súa última esperanza, con lagoas nos chans
do cume, pero non contaron con que os romanos pecharíanos con aquel vallum circundante das XV millas.
Este monte, tomado en conxunto, semella
un sombreiro alongado e coa curota afundida, que é precisamente onde se atopan
as lagoas. Fácil de subir, aínda que sexa con feridos e con gando. Os vales dos
costeiros requirían pouca trincheira e moitas estacas, doadas de obter nos
bosques circundantes. Cun foxo de seu natural formado polos vales costeiros,
que requiría pouca trincheira e moitas estacas: a depresión natural de Pena e
das Veigas dos Feás; un rastriño natural, no Poste de Folgueiras; outras
depresións pola Agra das Sete Cancelas, Rebordaos e Serés; e tamén unha ladeira,
axeitada para ser vixiada polos romanos, pola parte da Meda, Vilafrío e
Córneas.
Este monte, que ignoramos como lle
chamaban aqueles celtas, posteriormente Mons Ciro, ¡en honra do matón!, era
talmente o que cadraba co sistema defensivo castrexo ao que estaban
acostumados: un castro máximo, un ara grandiosa para aqueles xigantes do valor
e do desespero, roídos pola impotencia fronte a un inimigo envolvente, que os
atacaba, castro a castro, en sintagmas de orde cerrado, e ben escudados. Os
nativos non estaban adestrados nin organizados en agrupamentos axeitados para
enfrontarse a unha guerra xeométrica, de orden pechado, de filas pretas en cada
sintagma de 16 por 16, encabezadas por uns “hastati” que alanceaban de lonxe. A
valentía dos celtas, a súa guerra, estaba no corpo a corpo.
Mais, ¿quen escavou o foxo circundante
naqueles puntos en que lles fose imprescindible aos seus fin de cerco? A
historia triunfal escribírona os romanos, por suposto, pero, as escavacións?
¡Tanto estas coma a muralla de Lugo, os escravos, por suposto, aínda que no
Medullius tiñan poucos; aínda, aínda! Para asegura-lo cerco, a gabia faríana ao
seu estilo, máis ou menos coma a de Julio César ante Alesia: un foxo, co seu
“agger” elevado coa mesma terra, e un valado ou “vallum”. Despois diso, esperar
vixiando!
AUTORES E UBICACIÓNS PROPOSTAS
Houbo varias, porque o feito do Medulio
merece “litis”, pero teño para min, con tódolos respectos ás autoridades que
trataron este tema, que o fixeron na tona, sen descender a análises xeo-estratéxicos,
por meras corazonadas ou filias localistas, o que se di, varrendo para a súa
casa, para o seu pobo, para o seu lugar dilecto.
Amor Meilán, con Vázquez Seijas,
inclináronse por Castro do Rei. Ferreras, quizais por aquilo das Médulas,
explotación posterior, tira por León. Flórez e Macías, tamén se inclinan pola
sonoridade das Médulas. Huerta pensou no Medelo, na Limia. A Schulten
impresionouno o Monte Aloia; non é mal sitio para morrer, pero aquela era só
unha atalaia dos celtas; o groso da poboación lindaba as cabras aquí polo
interior de Lugo, que en definitiva foi onde se fortificaron os romanos,
experimentados do que aquí lles pasara, e do que aquí recadaban! De Orosio xa
falei: Minio flumini inminenten.
Coido que hoxe en día algún destes estudosos,
con estradas e con coches, cambiaría de opinión: o camiño faise andando,
estudando as características do terreo, a estratexia dos romanos, usos, armas,
pretensións, móbiles…, e non só cun mapa esquemático sobre da mesa!
A maiores, por se o antedito lles
parece pouco indiciario, ¿Qué me din da fundación de Lugo, no bosque de Lugh;
do seu “Oppidum”? É unha constante histórica que as defensas, as
fortificacións, construíronse, sempre, como caixas de seguridade para os
tesouros circundantes, alí onde houbo grandes feitos de armas, grandes perigos,
grandes riquezas para apropiar e para custodiar; poderosos ou temibles inimigos
aos que vixiar…, de cerca! Pero esta mesma constante histórica, este
encastelarse, tamén nos demostra que, á larga, non serviron para nada, ou para
pouco; é sinxelo: os tempos, a xente, as armas, os transportes, as situacións
en definitiva, cambian de século en século, e todo aquel esforzo, aquel previr
subxectivo devén estéril…, salvo, se acaso, para incentiva-lo turismo!
Só algún exemplo, aínda que os temos
dabondo; é unha constante, repito:
.           A
muralla da China, despois das primeiras invasións mongólicas.
.           Esta
de Lugo, feita con milleiros de canteiros celtas, que xa estaban adestrados nas
canteiras dos castros. Celtas sometidos na recente campaña; abatidos co
desespero do Medulio, do Mons Ciro, que quedaron tan submisos como, por poñer
un exemplo, os republicanos baixo a férula franquista. ¿Lograríase esa mole
indescritible da nosa muralla sen unha previa “castración e doma” dos nativos?
¡Nin Isabel nin dez Césares! Abatidos os celtas, por suposto, pero os romanos
tamén tiveron as súas pois quedaron horrorizados da coraxe dos nativos, e non
se sentían seguros con só os valados de Andión, de Romeán e da Meda. No bosque
do Lugh, agora talado por mínimos de seguridade persoal, tiñan augas termais…;
e quedáballes céntrico para vixiar o nutricio Flammoso, amén das chairas
inmediatas. Coas chairas, co altiplano dominado, xa podían dedicarse a busca-lo
ouro, a facelo buscar, fose no Azúmara ou máis ao interior, no Sil e nas
Médulas; lembremos aquela cifra de Plinio, de que, un ano con outro, da
Gallaecia mandábanlle á Roma Cesárea, 7.000…, ¡sete mil, libras de prata, ao
ano! O trigo de Chamoso, o viño de Amandi…, e se cadra, algunha galeguiña,
esgotadas as sabinas!
            Outros
casos:
.           As
Torres do Oeste, de Xelmírez, desde que pasaran as incursións vikingas…, ¡por
se volvían!
.           O
Castelo de San Antón, na Coruña, despois do desembarco de Drake.
.           A
Líña Maginot, por onde nunca volverían os alemáns xa que para os tanques
acaíanselles mellor as planicies norteñas.
.           E
aínda onte: Os fortíns españois de Ifni (trincheiras, campos de minas, niños de
metralladora, canóns, morteiros…), desde que pasara o ataque sorpresa de
novembro do ano 1957, que nos colleu tomando whisky  e xogando ao póker no Casino Militar. Cando
se fixeron, e fixaron, aquelas “posicións”, xa pasara o conflito ás canles
diplomáticas.
Non me digan tampouco que esperaron
para face-las murallas ata os séculos II e III: ¡ampliáronas, melloráronas,
ensancharon o perímetro, iso si!
.           Os
romanos, xente práctica en tódolos ordes, que ben demostrado está, e non
simples pensadores como os seus mestres gregos, non deixaban arrefriar unhas
lexións mercenarias, nin asentarse os escravos obtidos, e menos pasarse dous
séculos matinando se sería bo protexerse dos nativos, dos que quedasen sans e
fortes, ¡tanta coraxe demostrada no próximo, inmediato, Mons Ciro, fronte ao
Ciro!, e logo que podían refacerse demograficamente pois ben sabían eles que en
tempos de guerra é cando máis se prolifera, en particular os vencidos, sexa
entre eles ou por violación das nativas. Deseguida mandaron, esixiron, buscar
metais, e custodialos con 2.120
metros de parede. Comparemos tamén o grosor e a altura
das murallas de Lugo cos “valadiños” de Astorga, e decatarémonos do medo que
tiñan en Lugo, e tamén da fondura “medulliense”, recente, deste medo.
.           Tales
obras non se fan nunha xeración, e tampouco nun século habida conta do
instrumental e dos carretos da época: cimentacións, achaiamentos, arrinca-la
pedra, traela, subila, paredar, etcétera; iso ademais dos proxectos,
interrupcións, reformas, e demais avatares propios da época, do mando a
distancia, da atención a outros mesteres, etcétera.
Así, pois, aínda que non tivésemos as
razóns xeo-estratéxicas arriba expostas, só con matinar na causa fundacional
das murallas de Lugo teríamos indicios abondosos, exhaustivos, para crer que os
fantasmas do Medullius están por aquí
cerca. Pero temos máis: ¿Por qué tanta toponimia sueva, tanto rastro dos suevos
nesta zona de Castroverde? Tamén é lóxico: porque co abatemento dos que se
refuxiaran no Medulio, no seu monte central, no Mons Ciro, estes vales herbosos
quedaron sen gando e sen xente. ¡Formaban parte do terzo libre, do asignado por
Roma aos suevos! Os repoboamentos antigos facíanse precisamente onde a terra
era abondosa e produtiva, onde non había que desprazar nin contender cos
nativos porque estivesen desertizados, daquela, tantos castros como había nesta
contorna. Un só exemplo: Rois (do inmediato Pol) tiña, e consérvase regular, un
castro; non obstante, este fermoso sitio, esta “Xunqueira”, que é o que
significa “Rois” nas linguas xermánicas, suevas, colleu a toponimia que lle
deron os novos ocupantes; e así, noutros lugares abandonados, inexplicablemente
abandonados se non fose por efectos dunha contenda histórica, da contorna.
Heroes do noso Medullius, ¡Réquiem
aetérnam dona eis, Dómine: et lux perpétua lúceat eis!
¡Eu, polo menos
eu, non vos esquezo, e iso que teño un patronímico suevo, ou precisamente por
iso, que así serei neutral!
Xosé María Gómez
Vilabella

 

_________________________________

 

ALTA TRAIZÓN

No cemiterio Colón,
de La Habana

¡Traizón, si, alta traizón a que lles fixemos aos nosos,
sufridos, doridos, emigrantes, fose de América, ou máis tarde da mesma Europa!
¿De qué serviu aquel esforzo, aquelas privacións, aquelas remesas en divisas,
do que tiñan, pero tamén do que non tiñan, tan cruamente gañado, para que
librásemos as vacas de cabana, os foros, os xuros dunha secular avaricia, os
colexios doados, e tantas, e tantas atencións que deles, dos nosos emigrantes,
recibiron seus irmáns, os morgados, e con eles, os fillos, e cos fillos, os
netos? ¡Deben estar ollándonos con desprezo e con aborrecemento desde as súas
alturas!
España, e particularmente Galicia, levantou cabeza no
primeiro terzo do XX grazas á emigración; despois veu o eclipse da incivil, e
con iso volvemos ao arado de pau; reaberta a emigración, as dúas, a de
Occidente e tamén a do Norte, outra vez a exportar…, homes, mulleres, nenos!
Volveron as remesas, tráxicas remesas, mans dadivosas e corazóns sangrantes da
morriña, mais, para qué? ¡Fagamos memoria, que doado é: para estuda-los fillos,
os fillos e mailas fillas, para redimilos, para que chegasen a vivir de man
branca, e con eles os netos; para merca-lo pisiño fuxindo da cachopa natal,
pero…, fóisenos a man, e do singular pasamos ao plural, á especulación!
¿Formar cooperativas, fose de produción ou de consumo? ¡Que
vá; fiarnos do veciño…? ¡Non, nunca; non nos fiamos do veciño pero si o fixemos
dos financeiros, deses especialistas en traslada-los nosos aforros para beneficio
deles e das cidades con ímpeto industrial! ¿Mellorar a produtividade dos nosos
predios, estudando carreiras técnicas e poñendo en práctica os coñecementos
adquiridos? ¡Que vá; iso era de paletos, e nós valemos para opositar, para
chegar a dirixentes! Certo é que algúns chegaron a iso, a esa meta, con moitos
estudos e pouca reflexión, con algo de memoria e moito padriño; con pouco
agradecemento aos resortes que os, que nós, elevaron, así que, con man branca,
iso si, pero leváronos, uns levados e outros subidos, aos nubeiros da
prodigalidade, do dispendio, do luxo…, das hipotecas impagables! Mais, como no
pecado sempre vai a penitencia, agora resulta que os hipotecantes tamén
resultaron hipotecados, rodeados dunha globalización financeira que nin deles
se fía, con débedas semellantes a aquelas dos nosos avós, usura absoluta; pura,
non, impura!
Aqueles avós, para elevarnos, traballaron no máis baixo,
criados, criadas, lousadores, enterradores…, pero, nós? ¡Nós dotámonos de
criados, criadas, servidores estranxeiros, así que agora as divisas vanse na
dirección contraria: en vez de entrar, saen!
¡Somos inocentes; foron eles, foron os políticos, que nos
levaron por mal camiño! ¿Ai, si; e logo de qué vos serviron os estudos, esa
medio democracia que tedes, que temos, se tanto vos deixades, nos deixamos,
engaiolar? Non se trata de predicar anarquía, ¡Deus me libre de tal!, senón de
arrima-lo lombo para mellor producir, para mellor administrar, e de paso, para
esixir que nos administren mellor; que nos administren nin máis nin menos que
como o fan para si mesmos, pois demostrado está que o saben facer!
¡Dixen; pero non vai servir de nada, pois o home é o único
animal que tropeza dúas veces na mesma pedra!
Xosé María Gómez Vilabella
 

_______________________

 

ALBO LAPILLO NOTARE
DIEM
 
Esta achega dedícollela especialmente a Manuel Muñiz e a
José Enrique Villarino que tantos anos levan sostendo sobre os seus ombreiros o
Patrimonio de Castroverde, descorrendo veos e chantando fitos; o primeiro,
repisando camiños, fotografando e mostrando os seus valores, e o segundo
creando e sostendo este blog que tanto leva incorporado á historia de
Castroverde, pero…, onde están as pedras brancas, os carteis, uns rótulos que
fagan fisicamente visibles as vosas achegas, as vosas salvagardas patrimoniais?
¿Custa tanto poñer unhas pedras brancas, uns fitos, nos lugares de importancia
histórica? Non estou moi ao tanto diso, pero entendo que serían máis baratas
cás tracas dunha festa, ¡e vaia se é festa conservar un Patrimonio da importancia
do noso, facelo visible! Se me dedicase á hostalaría, en conxunción cos meus
colegas, que en definitiva son os máis beneficiados, economicamente, da
museística local, consideraría gastos de publicidade este cultivo do noso
turismo; ¡claro que se xa mo dan feito…!
Xa que non hai pedras, nin brancas nin mouras, polo menos
que haxa letras, así que hoxe voume referir, nada máis e nada menos que á Fonte
de Matahomes e ao Rego dos Ósos. A orientación témola neste cruceiro, que se
atopa…, ¡no calvario dunha toxeira!, á dereita, mesmo segundo se sube da capela
de Santa Petronila pola pista que vai a Cepomundín. Nas súas inmediacións está
a fonte de Matahomes, que xera as augas que forman o Rego dos Ósos, ¡unhas
augas bautizadas co sangue daqueles heroes…! Indo de Castroverde pola estrada
de San Cibrao, este rego sacro, este Rego Anónimo, ¡que tampouco ten letreiro!,
crúzase nunha curva pronunciada… ¡Pronunciada a curva, que non os ósos daqueles
heroes, daqueles heroes esquecidos!
De onde veñen os feitos? Para entendelos hai que lembrar
que,
“Por los suyos fue asesinado Fruela en Cangas”, di a Crónica
de Afonsus III. Parece ser que este rei, o Fruela, matou pola súa propia man a
seu irmán Vímara; suponse que foi competindo polo trono ástur, amén do seu carácter
violento. O propio Fruela foi seguidamente asasinado polos partidarios de seu
irmán, feito que ocorreu no ano 768, deixando un neno duns catro anos.
O sucesor de Fruela foi seu primo Aurelio, monarca que se
caracterizou polo seu mantemento da paz. Segundo a tradición, porque os mouros
pelexábanse entre si, derrotándose a si mesmos, pero tamén porque el mesmo tiña
loita suficiente para controla-los seus servos. Deixou este mundo no ano 774,
de morte natural.
Ao Aurelio sucedeuno Silo,
casado con Adosinda, irmá de Fruela I, e por tanto, filla de Afonsus I e neta
de Pelaio. Din as crónicas que viviu en paz cos ismaelitas “ob causan matris”, por causa de súa nai, declaración misteriosa
que segue sen resolverse. Este novo Rei, o tal Silo, tivo grandes problemas de
política interior, tendo que aplacar o levantamento de “toda Galicia”. Déixase ver que non se tratou dunha rebelión de
persoas concretas, senón de toda a Gallaecia occidental. Esta loita comezou
arriba do Cádavo (Cádavos = toxos queimados), concretamente nos Campos da
Matanza; na retirada, os de Silo alcanzáronos no Monte Cupeiro, nas Gándaras de
Cepomundín, concretamente no entorno da Fonte de Matahomes, que de aí quedou
este topónimo, xunto co do seu rego dos Ósos. ¡Case nada! O tal Silo estableceu
a corte en Pravia, e levouno o demo, para os “silos” do inferno, no ano 783.
¿Qué, a cousa, o feito, merece ou non merece unha pedra? ¡Só
que eu poñeríaa moura, e non branca!
Xosé María Gómez Vilabella
-.-

______________

 

UN
ESPELLO NO CAMIÑO DA FEIRA
Precisámolo, moitísimo; ¿Para qué? ¡Para ve-lo camiño, para
escolle-lo camiño! Daquela vexamos, ollemos:
“O que non nada, afonda; e o que compra máis do que vende,
afúndese”. Este refrán non entraba nos programas da carreira de Dereito, polo
menos nos do século pasado, pero eu, un cidadán veterano, desde este ordenador
tan desordenado pido e propoño que se incorpore aos plans actuais, agora que
estamos de reformas educativas, e xa que de Dereito veñen gran parte deses
torcidos, deses “entuertos”, como dicía Cervantes, deses que nos están rexendo,
rexendo e mal administrando. ¡Cura, Letrado, ou Secretario de Casa Real!, era o
lema das fidalguías hispanas, pero a xente de agora rise dos refráns pois demos
en dicir que son cousa dos antigos, e por tanto, dos iletrados… ¡Que se lle vai
facer!
Neste país prosperou a crenza de que os noticieiros son o
mellor entretemento dos vellos… ¡Que va: os noticieiros desfanlles os nervios,
toléanos; hai que ir por outros camiños!
 
O que confortaba aos vellos, moitísimo, era acudir ás
feiras…, non para vender sobrantes, que nunca os tiñan, senón para desfacerse
dunha parte dos seus produtos, pois aqueles si que engadían valor: ¡Do leite
facían queixos e manteiga; agachábanse para recoller as landras, e con elas
eses irmáns tan agradecidos, chamados porcos, que aínda non sei por qué,
traducíanas en unto, elemento indispensable para un bo caldo galego; e máis,
moitas máis! Das catro cadelas así logradas, unha dábanlla ao Acevedo…, para
que seguise tocando a pandeireta, para que cantase coplas de escarnio e
maldicir!
Nas aldeas, a preguiza, ¿ou foron os predicotes dos
políticos, estes sucesores daqueles frades predicadores?, levounos ao
monocultivo: vacas ou eucaliptos! E nas cidades a fantasía…, como din os
mouros, “vesaf la fantasía…, e con ela a barriga vacía!, levounos a montar
servizos, ¡todo servizos! ¿Da fase intermedia, da secundaria, ese precepto
económico, básico, de engadir valores, qué? ¡Nada, cero, vesaf la fantasía! Aló lonxe, mesmo na Fisterra, e por tanto un
emprazamento axeitado para fabricar, para elaborar, para engadir valor ás
cousas exportables, había unha cidade na que o seu Alcalde non se cansaba de
pregoar: “La Coruña,
ciudad de servicios!”. Pois ben, os servizos só teñen venda cando hai ricos, e
non hai ricos onde non se produce, onde non se elabora, así que a tal cidade,
maiormente nas rúas máis céntricas, precisamente nas do servizos, converteuse
nun escaparate monumental onde só se ven uns letreiros que din: “¡Pechamos por
inanición!”.
Xosé María Gómez Vilabella

_____________________

 

ILLAS
AFORTUNADAS
Ídolo
da fertilidade, ou de Tara, emblema de Gran Canaria.
¿Sabedes que os de Castroverde tivemos, ou aínda temos, unha
embaixada nas Palmas de Gran Canaria? ¡E de embaixadora nada menos que Esperanza
Pardo Gómez, ilustre Inspectora de Farmacia, coas raiceiras ás Cavozas
(Montecubeiro); iso ademais doutros personaxes que, por brevidade, deixareinos
para outro día! En honor seu vaia este relembro das Illas Afortunadas, que así
as chamou Plinio, no século I da nosa Era.
Precisamente por Plinio coñecemos a expedición do xeneral
cartaxinés Hannón, no lonxano V a. de C., así como algo da expedición que
enviou o Rei Juba de Mauritana ás Illas, onde lle regalaron uns cans seica
enormes. ¿Afortunadas, as Canarias? ¡Si, pero os peninsulares tamén! Entre
outras achegas e acollidas: ¿Colón daría chegado a América sen a augada, o
descanso, a intendencia, a restauración, o calafateado da “Pinta”, etcétera,
que fixo, que lle permitiron facer, nas Canarias? ¿O hidroavión Plus Ultra
saltaría a Tenebrosa para tomar aires, dos bos, en Bos Aires? ¿Presumiríamos,
por séculos, naqueles tempos imperialistas, daquelas posesións da Guinea e de
África Occidental, sen os portos e mailos aeroportos canarios? ¿Co noso polbo
das rías medio esgotado, qué feiras serían as nosas sen o cefalópodo importado
das illas? E máis, e máis, pero sen esquecer que aquel conquistador, o tal
Fernández, ¡era de Lugo!
Volvendo a Colón, e parándonos no seu diario: O 9 de agosto…
“hicieron de la Pinta
redonda, porque era latina”. O 6 de setembro partiu da Gomera… Segundo o
historiador de Indias, Pedro Mártir de Anglería, a insurrección, a ira, dos
tripulantes, aos trinta días de saír de Palos xa non tiña límites: “Post
tigemunun iam diem furore perciti proclamabant, ut reducerentur ne ulterius
procederet stimulabant homines”. É evidente que sen o alento canario, sen o
respiro canario, Colón retrocedería, e o noso mundo, tanto o Vello coma o Novo,
sería portugués. ¡Miúda diferenza!
Todo isto sábeo ben a nosa Esperanza, tanto que aprendeu e
tanto que ensinou nesas illas que tanto merecen ese nome de Afortunadas.
Xosé María Gómez Vilabella

___________________________

 

Ser e estar. Guerra e paz.
Celebración nas propias trincheiras.
Agardando para comparti-lo pan , na paz de Castroverde.
¡Pero qué ricos somos, en palabras,
polo menos en palabras, aínda que no demais tamén o seríamos…, se
administrásemos! ¿Podería definir, explicar, narrar, transmitir, o que pasou en
Castroverde na nosa XXXV Romaxe, poño por caso, un francés, co seu ambivalente être? ¿Ou un alemán, cun simple sein? ¿Un inglés co seu to be? Responderei en alemán, xa que me
teño por suevo (Gómez vén de Gomá): ¡Nein, mein Herr / Nein, meine Dame!
O noso “ser” é perfecto; en canto ao
“estar”…, por veces! Pero nesta Romaxe, na XXXV, fomos, e tamén estivemos, de
gloria bendita! (Os que non estiveron, nin sequera presentes, grazas a Deus,
¿ou grazas ao diabro?, foron eses que adoitan dicir que o pasan “de puta madre”
nos seus botellóns).
Para min, egoísta que son, ¿ou debérao
ser máis, aínda máis, pois aquel que non cultiva o ego, freando ou acelerando
segundo o pidan as circunstancias, tampouco pasa de ser un átomo, un miñaxoia,
un nada; eu son algo, moito, porque me redimiu un Redentor Omnipotente, así que
son nobre, teño herdanza no Ceo; ¡no Ceo! Daquela son importante para min, por
min, e ante min! Egoísta, digo e sosteño, paseino en grande gozando de vinte,
ou máis, séculos de Historia, nun día! ¡Grazas, Irimianza, por este goce
divino, por este transporte secular, de séculos! Achegueime á carballeira coa
devoción dun druída, aínda que disfrazado de chofer; como alí estaban os
romanos, ¡pouco latín queda, pero algo había!, perdoeilles a nosa derrota
medulliense, irmandándome con eles; e nestas, que din en ver roibos: ¡tate,
tamén están aquí os suevos, e detrás deles, unha merenda de bretóns, centos
deles! Musulmáns non debía haber, pois da parte das merendas cheiraba a jalufo…
¡Que pena foi que aquel Muhammad lle collese tanta aprehensión á triquinose,
tan ricas que están as landras convertidas en bollus preñáus!
Un dos meus netos preguntoume polo
señor Santiago, e o outro foi máis aló, que se acordou de Prisciliano.
-Aí están, ámbolos dous, como bos
irmáns, xa que viñeron polo mesmo Camiño. Santiago deixou a espada na igrexa de
Castroverde, pois hoxe en día non é diplomático, non é político, enfrontarnos
aos árabes…, entre outras razóns porque precisamos que nos vendan petróleo, e
cadora o poñen máis caro! Prisciliano, de tanto que lle gustan as árbores, hoxe
tena gozada, que ata se esqueceu de Tréveris; observade, nenos, canto se moven
as follas destas árbores: é o señor Prisciliano, que treme de gozo, e non
aguanta sen acariñalas…
-¿Para qué? –Dixo un deles.
-Prisciliano nunca esqueceu que a
Natureza é unha das obras perfectas de Deus, que todas o son, pero as árbores
galaicas…, un Paraíso, outro! Iso de sacudi-las ramas, e coas ramas as follas,
faino para que elevemos a vista ao Ceo, pero dándonos a man, que é a única
forma de subir, collidos da man, con todo respecto para as respectivas crenzas,
dándolle categoría ao corazón, “¡Amádevos uns aos outros, como eu vos amo!”
-Avó, pagou a pena face-lo Camiño, ¿non
si?
-Daquela, sigamos, sigamos facendo
Camiño; sigamos dando exemplo de fraternidade, pois esta é a mellor lección
tirada deste irmandamento, desta xuntanza…, inesquecible!
E digo eu; ¿é certo, ou non o é, que
para reflectir estas emocións precisamos dos dous verbos, do ser, pero tamén do
estar? ¡En definitiva, que neste mundo, neste Camiño, neste Camiño da Paz e da
Fraternidade, é preciso, é o mellor negocio,
saber estar!
Xosé María Gómez
Vilabella

____________________________

 

Camiño de ida e volta: 8 de Setembro.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Donga es tu Cova,

Señora,

la más Alta, la más Grande,

esa que me tira del alma,

para dentro y para arriba;

¡al Cielo!

Dondo es el corazón de la mi Santina…,

mi Santina de Covadonga,

tan Dona y tan Señora

que me prometió invitarme al Cielo,

¡a la propia Casa del propio Dios!

Cargado de aventuras, peregrino y macilento,

quise volver a Ti,

sin demora,

¡Santísima Virgen de la Cova!,

para que hagas buena tu promesa;

hoy, mañana,

¡cuando bien te parezca!

Infiel y peregrino soy, tardo y pecador,

que lo reconozco,

y bien lo comprendo,

bien;

desagradecido incluso,

mucho.

¡Todos los “inclusos” que se quieran,

y alguno más,

que por algo tardé en apandar, en acogerme,

a la Mi Madrina

 

Celestial,

esta de Covadonga, de Covadonga la
Real!

Y menos mal que me guió el río,

y la vereda trillada de los peregrinos,

aquellos de Compostela…;

¡tuyos también!

Y la sinfonía del agua, y los avellanos linderos…

¡Menos mal que acerté!

Por tu ruta, a diestro y a siniestro, aquí y acullá,

por do quier,

he visto tus vaques en el pasteru…,

que aquí, en las Asturies, todo está en calma,

y todo abunda…,

¡menos el trabajo cierto!

Hacia Ti me condujo la fe,

¿sabes?,

un resíduo, la que resta de mi descrédito;

¡como mucho, cuartillo y medio!

¿Donde estás, Madre, que de Coruña vengo,

del romano Finisterre?

A mis añus ya me fatigan los andares erráticos,

y las desorientaciones,

 

y las
contradicciones,
y el futuro, incierto, de los hijos de mis hijos,

pero Tu presencia me conforta

y me alienta,

mientras el Camino, bajo mis piés, vuela!

Menos mal, Señora, que te presiento,

que ya estás cerca,

¡mi Dona de la Cova
d´Onga!

Que me estoy acercando lo dice, lo anuncia,

esta música,

precisamente la que procede de tu Cova;

¡angélica y pura!

¿Serán las chirimías de tus pastores,

aquellos de Belén…, recuerdas?

¡No, no es posible, pues el Belén tuyo le tienes,

ahora,

aquí cerquita,

al Occidente, Camino de la Galicia Nueva,

de Luarca, verde y blanca, en su bisbarra,

por más señas,

que por allí pasé…,

ayer!

También oigo tu llamada tierna,

convocante y materna,

¡oh María!,

desde aquí abajo, en el sendero, a ras del suelo;

en los verdes del pasteru,

en la flor del manzano y en el susurro del viento.

¿No serán las burbujas de tu sidrina,

refrescando al Neñu?

Veo tu Cielo, el nuestro,

ya que me prometisteis compartirlo;

mío por Promesa, por Adición, por Redención y por Herencia.

¡Compartido, Madre,

que pongo a Juan por testigo,

de testigo cierto!

Lo veo en el fulgor de tu peña…,

¡Santa Peña

que te sirve de escabel!

¡Oh, Señora, qué trono tan magnífico tiés:

deslumbrante y merecido, como tenía que ser;

ástur, por supuesto!

Y con tu Niñín en brazos,

¡que siempre en brazos nos tiés!

¡Ay, si me tuvieres, Madre, que chiquitín fuí,

y quisiera seguir siéndolo…!

Lo malo del casu es llevar mi fardo cuesta arriba,

que las penas, es decir, las piedras,

¡lo suyo pesan!

Claro, es que son la misma cosa:

¡dureza!

Mi Señora, mi Dona de la Cova D´Onga,

cansado y todo, según venía por tu sendero

en la pomarada subí al árbol,

y cogí fruta,

de la mejor, de la que Tú mereces,

¡Madre!,

que de la podre ya cogió Eva…,

más bruja y más viciosa que abuela,

que es lo único que no fue.

Para ti, Madre, y para ese guaje,

que es un engendro, único, del Único Dios Verdadero,

de parte de este hijo pródigo, que el que suscribe lo es…,

en amor mundano, malo;

¡malo y perverso!

Lo sé, ya lo sé, pero te la ofrezco con amor.

¡Con amor filial, del bueno!

Aquí tiés tus manzanes, que les otres,

aquellas,

las picadas, las de la sierpe,

aquellas nos las tragamos, todas y enteras,

en un descuido carnal, imitando a la abuela…,

¡aquella maldita Eva!

Ponlas, Señora, ahí arriba, en tu regazal de blonda,

mientras contemplo,

como siempre que vengo, y que paso, camino de los Lagos,

la hermosura de tu persona,

poco a poco y desde aquí, desde abajo,

despacio…,

para acostumbrarme a tu galanura de Reina,

¡de Reina Celestial!

Primero subiré a la Gruta,
y después al Lago,

que quiero ver, desde lo alto, tu Casita de Nazaret;

y de paso,

aprender del Carpintero los hijos a criar.

Me refiero a los hijos de mis hijos, que ya empiezan a aflorar,

y por consiguiente,

¡a pecar!

Subiré, si me tiendes tu mano, pues a las alturas

es difícil de llegar.

A la vuelta del Enol, y del Ercina, y de los Picos de Europa,

de visto el mundo, y de visto el siglo,

Madre,

ya me puedes llamar!

¿Me echará una mano tu José bien amado,

ese putativo elegido para santo?

Es posible, que ya le estoy oyendo, siempre exigente,

siempre,

¡como todos los elegidos!

-¡Tocayo, ven, sube, inicia la escalada,

que tendrás que elevarte de roca en roca, de pena en pena,

pero tú tienes aguante, para eso y para más!

No es que lo merezcas demasiado…,

mas,

por tu nombre de pila sea,

¡amén!

¡Por esos dos, que de nosotros prestados les tienes,

y con empaque les llevas!

Gallego y aventurero, aventurero y gallego,

viejo pariente de la vieja Galilea,

¡sube!

¡Sube, ven, que te invitamos a la casita de Jesús el Bueno,

el Nuestro;

colega tuyo en el oficio de la madera,

carpinteiro versus zoqueiro!

 

Ni por un intre
vacilé,
ni lo haré

si otra ocasión se presenta:

-¡Tocayo, -le diré a San José, -ya voy con vosotros,

al Cielo,

sin otra espera,

pero déjame recoger mis herramientas,

aquellas de zoqueiro,

que afilarlas he, presto y bien,

por si vuelven a ser precisas en la próxima invernía;

que las hallen a punto,

aixola, repenico y alegres,

todo ello,

pues yo, decidido y alegre,

yo también,

desde Covadonga quiero ir al Cielo,

al vuestro,

que desde aquí, de esta Cova, bien cerquita nos queda,

y máxime a nosotros,

a los vecinos,

estis gallegos, estis curmáns;

séase,

primos hermanos,

coherederos de igual legítima,

de aquel fundo tan compacto y bien fundado,

de la Hispana
Gallaecia.

 

 

 

 

 

Xosé María Gómez Vilabella


__________________

É
cousa de abri-lo paraugas

¿Qué mellor sitio que Castroverde
para abri-lo paraugas o próximo 8 de Setembro? O escultor reflectiunos así,
xuntos nunha aperta cordial, e co paraugas aberto. ¡Non están parados: están
facendo Camiño, seguen facéndoo, e precisamente nun punto reflexivo do
Primitivo, do de sempre, ou é que non é de sempre aquel mandato divino de,
Amádevos como eu vos amo?
O problema está na memoria, que é, que adoita ser, falible.
Mais para iso son providenciais as crises, invitándonos á reflexión, a volve-la
vista atrás, a lembrarnos do parentesco terreal, e de paso, da nosa filiación
divina. ¿Daquela, se somos irmáns, por qué nos odiamos, para qué nos roubamos,
por qué nos difamamos, reciprocamente? Se non chovese, igual pasaríamos de largo,
oufanos, ignorándonos; pero as tormentas, ¡é o bo que teñen!, dannos ocasión
para estes intres fraternos, para reciprocidades, para estes abrazos, para unha
certa colaboración. ¡A ver se se cumpre o día 8!
Nesas apertas pidámonos perdón, pois moito hai de qué! E de
paso fagamos unha fronte común para desenmascarar aos ladrón, aos abusóns, a
eses que nos dan a paz mentres nos meten man á carteira coa outra. ¡Ai aquelas
irmandades dos primeiros cristiáns, que compartían a auga, o pan, e maila sal,
todo canto tiñan! Na Veiga do Olmo haberá merendas, e compartiremos os filetes,
pero, abriremos a porta do corazón para dicirlle ao próximo que pase, que
entre, que con nós estarán na propia casa? ¡Oxalá!
Tamén será unha boa ocasión para levar con nós aos nenos, e
cos nenos os rapaces, ¡botellón en familia! ¿Non dixo o noso Mestre aquilo de,
Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo privedes, porque deles é o
Reino do Ceo? Despois queixámonos de que esta xeración se estea afacendo a
mirar para a terra… Hai que levala da man, en particular aos mellores sitios,
nas mellores ocasións…, se non queremos ser fomentadores, ou polo menos
cómplices, dos seus desvíos, das súas caídas!
A ver, logo, cantos nenos acollemos ao paraugas de
Castroverde, na xa próxima, inminente, XXXV Romaxe! Ide preparando, de paso, a
merenda, pois o sitio, para comela, para compartila, é mesmamente celestial,
paradisíaco!
Xosé María Gómez Vilabella
 _________________________
A
EMIGRACIÓN
 
¿A
emigración, unha mala fada?
Neste exame de conciencia social ao que nos
somete a crise actual, un capítulo dramático, é, foi, o da nosa emigración: ¿Que pasou cos seus froitos, levounos
Deus ou o demo? Esta análise é de Exame de Estado, que nin aquelas do
Bacharelato antigo. ¡Non fixemos bo uso duns aforros tan suados, tan suados e
tan doentes, así que os levou o demo en cantidades masivas, inconmensurables,
pois sabido é que, a maiores, nos Bancos dábamos o epígrafe de “Turismo” as
remesas dos emigrantes…, cumprindo aquelas consignas ditatoriais! Primeiro, mal
rexistrados aqueles fondos sacros; e despois diso, mal empregados.
A epidemia, a gangrena, víase vir, que a
vimos todos menos os políticos, os gobernantes, máis atentos ao seu que ao
colectivo. ¿Lembrades aquel slogan que dicía: España es diferente? Ata o
puxeron en inglés, Spain ist different,
como para dicirlles aos ingleses que se eles eran raros, nós aínda máis. A
diferenza estivo en que eles administraban, mentres nós presumíamos co noso
orgullo imperialista, ¿virtude? da que aínda conservamos un quintal! Entón, de
qué nos estrañamos?
Para non recaer nos mesmos pecados,
pereza, soberbia, prodigalidade…, coido que non sobra botarlle un repasiño á
meirande fonte de ingresos que tivo Galicia, “ama de cría de media España” nos
últimos cen anos: A nosa emigración.
Esta, coma o seminario, cada cousa no seu
estilo, imprimen carácter; iso é indiscutible. Sempre emigramos pola tona, os
máis fortes, os máis decididos, os máis sufridos, os máis xenerosos; cousa,
circunstancia, que non quere dicir que non quedasen no territorio outros
igualmente válidos, pero con estes, de par destes, queimaron as zocas na
lareira os da friaxe connatural, un lastre, un freo evolutivo, co que resultou
un fermento xeracional morno, por debaixo da clase, da categoría emigrante.
Casualmente, dispóñome a redactar estas
reflexións aquí na Coruña, ao regreso do funeral dun castroverdense case
centenario, coas cinsas retornadas ao seu lugar de orixe; ¡un carballo do mesmo
zume cós do noso Campo da Feira! Este señor, -estou seguro diso-, ademais da
súa fortaleza, física e anímica, ¡era de Castroverde!, chegou a estas alturas,
á súa idade, grazas ao terrón, pero tamén ás árbores deste Cantón da Coruña,
pois por elas, por esta illa verde, atenuáronselle os seus transplantes: Pola
mañá, ou de tarde, chovese ou fixese un sol de praia, era rutineiro atopalo no
seu paseo cotián: -¿Qué fai aquí, a estas horas; non foi almorzar? –Estou de
volta, que non sei saír destas árbores; fanme acordar da nosa Veiga do Olmo…!
-¿Danlle ledicias ou señardades; qué lles atopa? –Mira ti a cousa; é que se non
fose por eses autos que pasan bruando, eu, aquí, nesta carballeira…, feliz!
–Señor, o único que non temos aquí son carballos… -¡Pero están no meu cerebro,
nas miñas lembranzas!
¡Canta expresividade, canta filosofía en
tan poucas verbas, nas dun emigrante!
Pode parecer anecdótico pero no meu
criterio este caso reflicte un amplo panorama das consecuencias
socio-económicas da nosa emigración: Alí, no pórtico da súa parroquial, unha
colonia de ex, de retornados; e seguro que faltaba algún, eses que non len os
periódicos, nin lle atenden á radio por falta duns audiófonos. Multitude, novos
e vellos; unha xente cargada de historia migratoria, raíces e polas. O fillo e
maila nora trouxeran consigo ao patrucio, fai anos; o fillo, nado na emigración
e retornado aos aires da prosperidade española, fartárase do seu ensilaxe e
colocouse, ¡oh ironía!, nunha axencia de transportes. Dous netos do finado, estudantes
perpetuos…, á espera de que os axunten na Xunta. Unha cuñada del, viúva dun
Policía Armada, engurradiña pero sorríndolle á vida, ¡esa vida que a librara de
carretar feixes!
Intercalados entre aquela xente,
coñecidos ou no, “colegas” en definitiva posto que nosoutros tamén emigraramos,
¡alén do Estreito!, naquel regreso funerario viñemos conversando, rumiando, no
tema da emigración, tan fondo e tan amplo que nunca se esgota, de poliédrico
que é!
Aqueles ex non sei se rezarían pois as
igrexas son tan pequeneiras que a xente, ao non caber dentro, quédase no atrio,
¡facendo relacións públicas!, pero o que é firmar…, a feito! ¡E ningún co dedo,
a Deus grazas, que ía sendo hora de que se esgotasen os analfabetos! Todos
tiveran escola; ¡escola e mapas, así que estes, os desta xeración a lo menos
soubemos se o país de destino estaba ao Norte ou ao Sur, ao Nacente ou a
Poñente. Con estudios superiores, daquela, poucos, e quen os tiña só emigraba
da aldea para a cidade; ¡non emigraba, ascendía! Os outros, a inmensa maioría,
coas catro regras aritméticas, a traballar, no que houbese, no que atopásemos,
no que nos proporcionase o parente, ou un veciño predecesor!
Con iso e con todo, sacaron adiante unha
colección de fillos sen taras, tan axeitadamente educados que nun noventa por
cento déronlles estudios universitarios; destes, calcúlase que remataron
carreira superior un vinte; e media, un sesenta, segundo estimacións.
¿Pódeselles pedir máis, a calquera deles?
Esta mostra local, para min, implica
moitas cousas: que estes paisanos partiron dun distrito puxante, pouco letrado
pero de bos enxertos, con boas pugas; que se tratou dunha xente de alta
moralidade pois onde escasea a virtude os fillos tenden a descarrilarse. En
definitiva, que esta clase de persoas, con este vigor, se tivesen oportunidades
no seu propio país, sen os tropezos e mailo desgaste que conleva toda
adaptación a un medio diferente, xeralmente máis complexo, houbesen producido
nos puntos de orixe, de ter unha base industrial local, uns niveis de
prosperidade, propia e participada, que non é difícil de imaxinar.
Entón, partindo desta mostra, ¿hai
meigallo na emigración? ¡Por suposto que si! Desviáronse enerxías; podreceu a
xente coa humidade da melancolía, coas bágoas que choraron; dividiu as
familias; anuláronse os apoios, as interaccións, xerando envexas, malditas
envexas case sempre carentes de fundamento pois o que chegou, ou se estima que
chegou, mundo adiante, algo máis arriba, salvo aventureiros, foino por un
esforzo inxente, invisible para os do país pero desgarrado para o emigrante.
Foron logros indiscutibles dunha austeridade que só coñecemos a fondo os que os
seguimos, os que andamos cerca deles; e se alguén medrou por golpes de sorte, a
sorte é tan tola que ninguén lle pode botar culpas, nin para acó nin para aló
de Castroverde.
Van ríos de tinta, negra por suposto, na
literatura das migracións, particularmente das diásporas xudía e galega, pero
da nosa aínda queda algo no tinteiro: Mentres viva algún desarraigado,
-forzoso, se entende, que tamén houbo, hai, e haberá, emigrantes de purísima
aventura-, mentres nos lembren os fillos e mailos netos, esa dor, esa mala
sensación, ese baleiro do desterro non se extingue. O curioso é que, por un
efecto pendular da nosa demografía, agora que en Galicia van escaseando as
cartas recibidas empezarán a saír outras, para fóra, particularmente para
África e para Hispanoamérica, coa invasión de inmigrados que temos á vista. Son
demasiado boas estas terras para estar a silvas, así que, da teoría do fillo
único, estamos, pasamos, á do criado moruno, o fontaneiro arxentino, a
bailarina cubana, etcétera.
Dixen ao principio que a emigración
imprime carácter. Sempre foi así, que non precisabamos exhibi-lo “haiga”, ¡o
mellor que haiga!, para que se notase, ás leguas, nas roupas, nos xestos, nos
falares, na desenvoltura…, pois paríramos, de nós mesmos, outra personalidade,
non sei se máis aberta ou máis cutre, pero distinta, acelerada, coma de auto
sen freos. Este complexo de emigrante, e/ou de beneficiados da emigración,
levounos a deformacións incribles, aberrantes, como aquela que se conta do que
lle pasou no Carballiño ao senador socialista por Ourense, Celso Montero, que
se lle foi a xente cando empezou a falar das desgrazas que lle sobreviñeron a Galicia
co éxodo migratorio.
É certo que a emigración tivo aspectos
beneficiosos, ¡e non ía ter, con 1.400.837 almas mandando diñeiro entre os anos
1900 e 1970! Tamén motivou, contribuíu, a unha apertura de España, de España
como Estado, cara ao mundo exterior. ¿Quen entrou primeiro no Mercado Común,
España ou os nosos especialistas, maiormente aqueles do washing up? Entre 1958 e 1973, cando Galicia perdeu medio millón de
adultos, ¡previamente paridos, criados e ilustrados!, feita como se dixésemos a
obra morta do barco, de seren outras as decisións do poder político-económico
sobre a localización e mailo fomento de novas industrias dentro do Estado,
orientada debidamente a produción e maila transformación dos recursos agrarios,
Galicia houbese prosperado de seu, sen ter que apelar aos prexuízos e aos
sufrimentos desta exportación humana. ¡Humana, non; inhumana!
Coñecín persoalmente, a primeiros dos
setenta, nunha viaxe de estudios profesionais que fixen a distintos puntos de
Suíza e de Alemaña, algunhas consecuencias daquela invasión dos “Bárbaros do
Sur”, que así nos chamaban, na lingua deses países, e iso que só estiven,
daquela, nas grandes cidades. Máis ou menos: Aglutinados cada dúas ou tres
familias, que así estaban uns que visitei, oriúndos precisamente de
Castroverde, nunhas casiñas que xa non as querían os do país. Traballos en
xeral pouco cualificados, e ata molestos e insalubres. Asadores de polos, que
se tiraban dúas quendas ao día diante dunhas grellas abrasadoras. Unha rapaza,
limpando un hostal, ela soa, que logo lle era mellor pasa-lo día espallando
nunha eira. Pola contra, e grazas a estas transferencias, a estas achegas
laborais, foilles posible aos nativos deses países un notable descenso na idade
do seu retiro, que o gozaban maiormente no Levante español. Nós, negros,
facéndolles o traballo, e eles, mentres, tostándose ao sol. ¡Vaia paradoxo!
A nosa xente foi utilizada como chibo
expiatorio, como ladróns do traballo, xerando, incluso, pero involuntariamente,
un certo racismo: atrancos para a integración social e para a educación de
certo nivel dos seus fillos, etcétera. Dúas familias, tamén de Castroverde,
encargáronme que lles mandase libros escolares, dos de aquí, para realizar cos
seus unha especie de “escola na casa”. Aquí poño un etcétera, porque non sigo
con estas lembranzas para non saca-lo meu paniño das mans.
Porén, e por doloroso que sexa lembralo,
hai que resumir, teño que resumir este panorama de onte mesmo, que case é un
presente, e xa non volva, pois, polas trazas…! De Galicia marcharon:
Traballadores non especialistas, pero tamén intelectuais e técnicos que non
atopaban nesta terra nai unhas condicións mínimas para un traballo profesional
digno. A enerxía eléctrica, aquí producida, maiormente a base de alagar os
mellores prados, os mellores viñedos, que foi render grandes beneficios ás
industrias doutras rexións. O capital e mailos aforros, tanto os propios do
país coma os recibidos da emigración, ¡outros emigrantes, os cartos!, pois aquí
non houbo un despegue empresarial que os absorbese, que os redituase. Todo isto
pagábase por Europa arriba, como deixo enunciado: co amoreamento da nosa xente;
accidentes de traballo a esgalla, tanto pola índole das actividades
–construción, minas, portos, fundición, etcétera- para as que non estaban
capacitados os nosos labreguiños, como por inadaptación climática, postos duros
e arriscados, que era onde se lles pagaba algo mellor. En xeral, problemas
inenarrables polas inmersións da parella en puntos de traballo e/ou de
residencia lonxana, e moitas veces sen contrato, ou sen entende-los documentos,
sometidos ás arbitrariedades do patrón. Inseguridade no traballo pola falta de
documentos de residencia, cousa frecuente que lles impedía acollerse aos
beneficios da Seguridade Social. Horarios semanais superiores ás 48 horas.
Trato, en xeral, ruín, particularmente nalgunhas zonas xenófobas.
Beiras chamoulle a Galicia “pobo
bíblico”, argumentando que sobre nós caeron tódalas pragas e tódalas maldicións
do Antigo Testamento; engadiu que desde un punto de vista ético, a emigración
galega significa a negación constante do dereito máis elemental da persoa: o
dereito á propia vida no propio país. ¡E para iso, ou por iso, dixo del o
inefable Fraga “que estaba tolo”!
Desde tódolos puntos de vista, a emigración
galega supuxo a renuncia á volta. ¿Qué moitos retornaron, particularmente os
que subiron polo mapa de Europa arriba? Si, relativamente: volveron máis ben os
morgados, antes de que se lles enferruxase o tractor; e algún que outro
especialista. Volveron de vellos derreados, unha boa parte deles, xa sen forzas
para gozar dos seus aforriños, pero de moitos, ¡incontables!, perdeuse a conta;
nalgún caso, satisfactoriamente para os morgados, ¡para que non reclamasen o
herdo!
Causas da superpoboación galega, e por
ende da súa emigración: a pouco que afondemos, resulta un rosario de misterios
dolorosos. Para empezar, cando se fale de superpoboación referíndonos a Galicia
en modo algún quere dicirse falta de espazo vital pois temos unha superficie
comparable á de Suíza, que é, desde séculos, un Estado de campaíñas, no que non
emigran senón ao contrario. A superpoboación sempre o é en función dos bens de
uso e de consumo dispoñibles nun espazo concreto. Misterios do caso ao longo da
Historia, e todos eles de efectos acumulativos pois sempre, e de sempre, foi
que o pobre se cargase de fillos, por razóns tan evidentes que sobra
recapitulalas; así foi ata que recentemente alguén lle dixo á muller, ou
viceversa: ¿Facer partillas? ¡Iso, nesta familia, acabouse, pois agora os
emigrantes espelíronse e xa non remesan á casa patrucial, que deron en comprar
para eles co diñeiro que súan eles, así que imos ter un só fillo, e con iso
podemos arrimarlle os tres terzos! O que non matinaron algúns paisanos é que
dese xeito a taxa da natalidade, por debaixo do dous, avellenta o país, e xa
estamos vendo as consecuencias.
Historicamente:
-O espolio de Roma, que só nos deixaron
do noso ouro eses torques, esas fibelas, esas catro xoias desenterradas,
conservadas para os museos grazas a que os seus donos as enterraran, co medo,
daquela das requisas imperiais. A incorporación ás lexións, (cóntase que os
gallaécicos pedíanlle recomendación á emperatriz Teodora para alistarse en
postos estatais), que debeu ser masiva suposto que, nunha terra saturada de
castros, tempo adiante quedou espazo para asignarlles un terzo aos suevos, e
sobrou terra!
-Os nosos pastos multiplicaron a cabana
sueva, e por ende a nutrición dos galegos, producíndose un inzo xeneralizado,
que tivo unha contención expansiva en cuestión de terras ao ser vencido
Reckiario polos seus veciños, polos godos; aí estancouse o noso confinamento
peninsular, que ata foi malo para os propios godos pois, ao estar espallados, a
eles venceunos facilmente Tarik e Mussa, con catro harkas de bérberes. Por se
eramos poucos, pariu a avoa, nin se sabe cantos miles de bretóns, que o ter
unha especie de capitalidade aí na Pastoriza é de presumir que algún deles
chegou a Castroverde, polo menos ás parroquias nórdicas cal indica a toponimia
de moitos lugares.
-Os mouros asomaron por Pedrafita, máis
ou menos polo 714, pero como xa éramos moitos no país gallaécico, á parte e
ademais das xeadas, de aquí recuaron a uña de cabalo. Fose ou non fose aquel
dom Pelaio un nobre galego, -conde de Flammoso, se ten dito-, o caso foi que a
monarquía ástur ceou aos musulmáns grazas ás bisarmas coas que os galegos,
agachados en asturcóns de pouca alzada, lles pincharon os seus, os seus cabalos
árabes, desde abaixo, facéndoos encabritar e retroceder. Aos poucos veu a
revolta dos nobres contra Silo, fartos do centralismo ovetense, pois a falta do
de Toledo remanecera nas Cangas de Onís, pero perdémo-la loita, primeiro no
Cádavo, no seu Campo da Matanza, e seguidamente, xa en retirada, en Cepomundín,
na Fonte de Matahomes e no seu Rego dos Ósos. Con aquela derrota, os galaicos
occidentais non tivemos máis remedio que pagar censos, e por ende, seguir
inzando para face-las decrúas, para que houbese brazos produtivos no país.
¡Primeiro fomos frumentarios de Roma, e coa Idade Media, da coroa
ástur-leonesa.
-Separouse Portugal, ¡partillas de
irmáns!, e con iso a nosa oportunidade de participar no poboamento atlántico,
no reparto das terras do Poñente. Certo que tódolos Reis de León e de Castela
nos utilizaron, sucesivamente, para repoboar puntos abandonados do interior,
desde Estremadura ás Alpujarras, pero iso foi en malas condicións, de caseiros
daqueles…, Grandes!
-Veu Isabeliña, e á parte de que nos
colleu zuna por aquilo de que preferíamos a filla do Rei, con ou sen ADN, antes
que á súa irmá, pechounos a expansión, o reparto de América, canalizando por
Sevilla o comercio das Indias. Con Isabel, ¡tan católica que foi, falsificadora
de bulas do Papa, e máis que fixese falta!, despois dela tamén, estivemos sen
representación directa nas Cortes castelás, encomendándonos, subordinándonos, a
Zamora, cousa, causa, que motivou que os nosos Grandes apostasen a ganador, e
se fosen de calzas carmesís a Palacio, descoidando a administración directa
deste país pero facéndose carrexar rendas pingües, fose para Valladolid,
Toledo, Madrid, Segovia, etcétera.
Aquí meteron caseiros, uns mordomos que
esquilmaban canto podían pero sen mellora-las propiedades, pazos á parte, así
que este casarío chamado Galicia amodorrouse, e non deu saído da Idade Media,
que aquí durou o dobre. Por se os nobres carrexaban pouco, a Igrexa pasou a ser
controlada por abades e por bispos casteláns, así que os carretos ían a pares,
polo mesmo camiño, por dous, por Pedrafita e pola Canda. ¡E os galegos,
daquela, veña inzar…, para ter forza de traballo, pois cantos máis eran máis
traballaban, e máis ledo tiñan ao seu señor, ao de minúsculas!
-Chegamos aos séculos XIX e XX nos que se
acentuou -coas estradas trilladas de tanto carreto- a recadación dos Consumos,
¡que os pagaban aqueles que menos consumían!, e mailos quintos, os quintos de
bens e servizos, ademais das quintas, que isto é o peor! En definitiva, que na
Contemporánea pasou o seguinte:
 
Fomos, emigramos para América, desde que
lles fallaron os indios e mailos escravos aos comendeiros, de orixe, de
procedencia inicial, castelá, ou andaluz – estremeira. Daquela, nesta segunda
ocasión, completamente secundaria, deixáronnos ir, ou máis exactamente,
leváronos, ¡que para iso podían entrar os barcos de ida en Vigo e na Coruña!,
para substituí-los escravos, oficialmente extinguidos. (Lembremos, de paso, que
a Raína María Cristina tivo accións en empresas escravistas americanas, ata o
último momento). Con aqueles pesiños, arrincados coa suor e coas bágoas de tantos
emigrantes, da nosa bisbarra moitos, os avós fóronse redimindo doutra
escravitude, da dos foros, que por Castroverde aínda quedaba algún daquela da
miña crianza.
¿Cómo se chegou á saturación poboacional
con respecto aos recursos dispoñibles? No século XVIII incorporouse moita terra
ao cultivo, máis ben a golpe de aixada pois os arados de ferro, os de
“vertedera”, asimétricos lles chamaban os labregos máis finolis, polo menos
nesta bisbarra de Castroverde, xeneralizáronse, coma quen di, onte, xa no século
XX, e bastante paulatinamente por certo. No mesmo XVIII tivo moita importancia
a difusión do millo e da pataca, produtos ultramarinos, americanos, que
enriqueceron as tullas, e por conseguinte, a dieta. E logo que os téxtiles
rurais, ¡feiras do liño en Vilabade!, evolucionados cos batáns, e a mellora da
construción, ¡canteiros de Pontevedra, maiormente!, axudaron a mellora-la vida.
Cunhas cousas e con outras, para non entrar en detalles, a mortaldade, en
particular a pestilente, foi avagando, así que se mediou o XVIII cun crecemento
demográfico sostido. A mediados do XIX tivemos unha certa retardación, pero
aínda así o censo de Castroverde chegou ao seu record no ano 1940, no que
pasamos dos nove mil habitantes; a partires diso, entre a emigración e maila teoría
do fillo único, en setenta anos baixamos aos 3.000, por tanto con perda de dous
terzos daquel máximo!
Precisamente no intre en que Galicia
acadaba a súa esperada Autonomía, ¡mía, nosa!, a primeira delas, co Estatuto
plebiscitado e un certo nivel de cultura no pobo, -debido en gran parte ás
achegas de todo tipo dos nosos emigrantes-, o que facía esperar un rexurdimento
económico subseguinte, ¡hala, viñeron aqueles centurións, que para máis
ignominia, e non por pura casualidade senón, acaso, porque non tiveran mellores
oportunidades para remonta-lo seu status de partida, eran galegos, uns de
nacemento e outros de raíces familiares, case todos, (Aranda, Franco, Millán
Astray, Sanjurjo, Queipo de Llano, Teijeiro, Tella…), e van e tocan “generala”!
Colleron á vella Galicia, á verde Galicia, en plena recolección de tantos
esforzos, a mediados de xullo, coa meda aberta, mallando coas primeiras
máquinas… Aos mozos fixéronlles cambiar o rodo do gran por unha fusila vella; e
as mozas, algunha delas preñada, quedáronse na propia eira do trigo…, ¡chorando
os desdéns do seu ingrato galán, que neste caso era, foi, o deus Marte!
Castroverde tivo o gran inimigo nos seus
mellores amigos, nas súas circunstancias óptimas: Cunhas terras de aluvión
feracísimas, un feixe de ríos brindados polo seu asentamento no somonte das
serras que flanquean esta bisbarra (Pradairo, Monciro, Puñago…), cuns
excedentes agrícolas que foran considerables nas décadas precedentes, un nivel
cultural por riba da media do rural galego de entón, comunicacións aceptables,
etcétera, etcétera. Lembremos, p.e., que Castroverde foi un enclave avanzado da
Telefónica. Para desvalixarnos de todo isto, os camións das cotas e das
requisas tiñan matrícula “E.T.”, Ejército de Tierra; para vendernos o trigo de estraperlo,
na posguerra, os camións sobreviventes levaban o mesmo “E.T.”, pero agora co
significado de, “Empresa Tella”.
Abarcando todo Galicia, os datos máis
notables son os seguintes: No ano 1797 o Censo de Godoy andaba por 1.345.000
habitantes, e foi subindo considerablemente para dar 1.950.000 almas no 1900,
coa particularidade de que ao comezar o século XX un 87 por cen da xente vivía
no campo, ou directamente do campo. No 1910 subíramos a 2.063.000, seguindo in
crescendo ata o ano 1950, que foi o máximo desta curva, con 2.604.000
habitantes.
Esta eclosión poboacional, secular,
tradicional, en orde á capacidade produtiva, de artesanado ao cento por cen,
naqueles tempos precisaba un aliviadoiro, e iso tivémolo a partires do ano 1853
no que se oficializou, e incluso se fomentou, a emigración, co cal a riada
galega, que se produciu de inmediato, invadiu Bos Aires, Montevideo, a Habana e
Porto Rico; maiormente estes puntos. Concretándonos á provincia de Lugo, saldos
migratorios intercensuais:  De 1901 a 1910, saíron 31.000
persoas; do 11 ao 20, 34.000 emigrantes; do 21 ao 30, 36.000 emigrantes. Do
1931 ao 1940 cambiou o signo, superando os retornos ás idas en 12.000 persoas;
e iso que Arxentina resistiu bastante ben a crise do 29. Entre o 41 e mailo 50
fóronse unhas 36.000 persoas. Entre o 51 e mailo 60, entreabertas as portas da
Europa occidental, as saídas totalizaron unhas 60.000 persoas, pero o boom migratorio tivémolo, ¿gozámolo ou
padecémolo?, na década 1961/70 na que saíron uns 80.000 emigrantes. ¡Emigrantes,
que non turistas!
Calcúlase que arredor dun 70 por cen dos
emigrantes que se foron para América nos últimos cen anos, aló se quedaron,
pero algúns con ida e volta. O relevo da Arxentina como meta preferida fíxoo
Venezuela, por culpa, ou por beneficio, do seu enriquecemento petrolífero.
Outros datos significativos: Entre 1964 e
1973 desde a provincia de Lugo saíron para outros puntos de Galicia,
principalmente para Coruña, unhas 12.300 persoas; para outros puntos de España,
maiormente para Cataluña, 24.400 habitantes. No mesmo período: Da provincia,
para Suíza, uns 9.500; para Alemaña, uns 2.600; para outros países de Europa,
3.300. En cambio baixaron notablemente as saídas para países transoceánicos,
calculándose estas en 5.200 persoas.
É curioso un informe do Ministro
Campomanes, redactado en Madrid o ano 1764, que estuda a emigración galega cara
a Portugal, “y las formas de combatirla”, no que, despois de dar unhas
receitas, e de insistir nelas, entre outras suxestións propón que se nos dese un
consulado de comercio, a situar na Coruña, “concediendo a Galicia, como lo
tiene pedido, el libre comercio a Indias…” ¡Aínda estabamos así! Conclúe con
este resumo, que evidencia o que profundou no tema: “Galicia está muy poblada y
tiene a la verdad sobra de habitantes porque carece de artes (productivas), de
comercio y de navegación en que ejercitarse”. ¿Está claro? ¡Nin nos daban, nin
o esixíamos, nin…, nin facíamos por telo de propia iniciativa!
Xeralmente emigraban os minorazos, e
dentro deste grupo, os máis fortes, de corpo e/ou de espírito, co cal a perda
subseguinte, creadora, potencial, neste país foi grandísima, inconmensurable, e
do máis lamentable.
Non se coñece o número, nin hai unha
estimación, que eu saiba, do número de fuxidos das quintas, que tamén foi outro
móbil, seguro que importante, da nosa emigración. Antes da guerra ¿civil? os
desertores, os evadidos ou non incorporados, do Norte (Lugo e Coruña)
acollíanse a unhas lanchas que os levaban a embarcar augas a fóra, pola zona da
Marola, onde os esperaban os barcos norteños, que de aí vén o dito de que, “O
que pasa a Marola, pasa a mar toda”, querendo significar que, embarcados na
Marola, xa se podían dar por incorporados a América. Da emigración anterior ao
36 eludiron as estatísticas, ademais dos quintos, aqueles que lles temían aos
controis sanitarios, que tamén se embarcaban alén da Marola; con isto, ademais
deses controis, aforrábanse os 320 reás que tiña que depositar cada emigrante
declarado. O de fuxir das quintas, aínda que por outros procedementos, volveuse
a dar despois da guerra, especialmente nas saídas para Brasil entre os anos 48
/ 60.
Con todo, á parte destes continxentes tan
importantes, moitos deles incontrolados, calcúlase que Galicia perdeu no século
XIX, oficialmente, un millón de mozos. No XX máis aínda xa que as mulleres e
mailos nenos non deron en saír, masivamente se entende, ata comezos do mesmo.
Pouco corazón e pouco cacume se precisa para valora-la situación: drama humano
e minoración de recursos e de esforzos pois malográbanse, con estas saídas,
todo o gasto e todo o esforzo das crianzas, ¡das crianzas logradas, que esa é
outra dada a gran mortaldade infantil de entón! Cando empezaba a render
plenamente, aquela mocidade íase dá-la súa forza de traballo, medio regalada,
enriquecendo aos países de destino.
O gran fracaso de Galicia, e neste saco
estivemos os de Castroverde, ¡maña fora, librarnos do meigallo!, tamén foi o
fracaso daqueles que nos dirixiron, século a século; dos que controlaron e
consumiron as nosas plusvalías, coa súa incapacidade, e mala vontade, en moitos
casos, para non dá-lo paso á industrialización in situ dos nosos
recursos, propios e/ou recibidos, daquelas transferencias, daquelas letras bancarias, contando, ademais,
cunha man de obra sufrida e progresivamente mellor preparada, que houbese
botado os fígados no traballo, no esforzo, con tal de non verse obrigada a
pasar, ou a repasar o charco. ¿Qué eran, qué foron os caciques, senón uns
lambecús dun centralismo absorbente, ausentes para todo o que non fosen as súas
comenencias? De feito, en parte considerable, aínda seguimos con esa negra
sombra ríndose de nós aos pes do propios cabezais.
Seguidamente vou recapitular o que lles
dixen aos rapaces do meu Castroverde, fai disto uns vinte anos, nunhas charlas
que me encargara o entón Director do Grupo Escolar señor Carreira, coa
intención de axudarlles un pouco a abri-los ollos; non sei se eles o
esquecerían, pero eu conservo aqueles apuntes, que en gran parte seguen de
actualidade; aquelas informacións, quero dicir. Díxenlles daquela:
“…
Cunha parte considerable do excedente da nosa produción de enerxía eléctrica
beneficiamos a alúmina en San Ciprián…, para que despois se leven os tochos
limpos, do aluminio, a beneficiar, a manufacturar, fóra deste país.
Temos
unha refinería na Coruña e carecemos dunha industria química que complete e
desenrole a gama dos derivados do petróleo, que son, ou podían ser, un cento
deles.
Afundiron
eses estaleiros do Ferrol sen unha reconversión que levase esa man de obra
altamente capacitada e que custou tanto, tantos anos e diñeiro, preparala, a
producir outros produtos, tamén exportables por suposto.
Exportamos
granito para que o pulan en Carrara (Italia) e o comercialicen como propio.
Pizarra para que a pulan en Francia, en Inglaterra, etcétera, e aquí aínda
cubrimos algunhas construcións con plaquiñas de uralita, ¡sabendo que é un
tóxico!
Co
noso leite tivemos unha adecuación tardía, pois non fomos capaces de acadar
unha industrialización óptima, con capitais propios, que debía estar exportando
á chegada do Mercado Común, e por conseguinte frearíamos as presións das
internacionais deste sector tan importante para Castroverde. Coa carne, ídem de
lenzo, pois nin Frigsa, nin Mafriesa, nin Abella, nin outros, acadaron no seu
momento propicio o imperio exportador e transformador que se esperaba delas.
As
nogueiras desta bisbarra, tan abundantes e exuberantes, frutíferas, maiormente
nas terras calcarias deste municipio, e por certo pouco recuperadas nos últimos
plantíos, acabaron nas culatas daquelas armas que fabricaba Santabárbara na
Coruña. ¡Nin noces, nin mobles de talla, exportables!
En
mel, eu cómproo no Norte de Portugal, na zona de Soajo, ¡outro Santadrao, pero
aquel ben explotado!, boísimo e perfectamente presentado, con rexistros de
Sanidade e todo iso…, ¡desde que tivemos certa experiencia, nun lugarciño deste
municipio, que nos venderon, e para iso como de compromiso, un litriño, ¡que
máis non tiñan!, caro e mal coado, tan líquido que logo parecía que lle mesturasen
melaza.
Despois
desta mostraxe, rapaces, non sigo, pois con isto tedes abondo para xulgar o mal
uso, ou o non uso, que fixemos dos cartos procedentes da emigración… Só vos
direi que confío nas novas xeracións, en vosoutros, en que fagades un mellor uso
dos nosos recursos, tanto materiais como humanos, neste inminente XXI,
comezando por especializarvos en cooperativismo, que é a mellor empresa que
poden acometer os pobres, mellor dito, os ricos-pobres!”
Volvendo a vista atrás: Cadalso, no
século XVIII, ¡onde vai!, nas súas “Cartas Marruecas”, dixo, coma quen nos
colga un sambenito: “Los gallegos van por la Península a emprender
los trabajos más duros, para llevar a sus casas algún dinero a costa de tan
penosa industria”. ¡Pasan os anos, pero non escarmentamos!
O rural de Galicia non se pode medir, por
exemplo, coa vara castelá: Aquí cada parroquia é, foi, un mundo, unha esfera,
de problemática singular; tanto así que nin os Concellos conseguiron, nos seus
cento e pico anos de existencia, dar carácter unitario ás terras e ás xentes
que os integran; houbo que esperar ás Unidades Escolares, que esas si que están
facendo moito e bo neste senso, pero son institucións de onte mesmo, xurdidas
cando o despoboamento xa era pouco menos que inevitable.
Cordeiro, ou Cordero, que é como el
escribía, aquel ilustre, ¡e tamén esquecido!, castroverdense, cando defendeu o
voto das mulleres nas Constituíntes do ano 1931, bo coñecedor, directo
coñecedor, das cargas laborais e das responsabilidades que a emigración trasladaba
ás mans femininas, deixou plasmado no Diario de Sesións un discorrer, un
coñecer, un recoñecer, unha constatación, que merece estar en letras de ouro;
¡xa que non llas puxeron nas Cortes, aquí menos! Díxolles Manuel Cordero a
aqueles recalcitrantes que pretendían escamotea-lo voto feminino baixo
pretexto, ¡baixo temor!, de que os curas torcesen ás mulleres no confesionario:
“Hay una tierra, ¡que bella es!, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia
y a la sociedad más esfuerzo que el hombre. Este, sugestionado por la leyenda
del bienestar de América, unas veces, e impulsado por la necesidad, siempre,
vino emigrando, dejando a la mujer al frente de la hacienda y de la familia. Y
cumplía su cometido con tal heroísmo, que bien merece nuestra admiración…”
Con isto, coas verbas daquel emigrante, ¡que tamén o foi, de Castroverde para
Madrid!, coido que está insuperablemente especificado o papel das nosas
mulleres, tanto na emigración como nas consecuencias da mesma.
Cartos da emigración. Non hai cifras fiables,
e iso por varios motivos xa que moitos trocos declaráronselle ao IEME co código
estatístico de “Turismo”; remesas que viñeron como pesetas convertibles desde
orixe; xente que situou capitais no estranxeiro trocando aló con certos
intermediarios a cambio de cheques en pesetas ordinarias; pisos transferidos,
etcétera, así que as que vou mencionar hai que tomalas como mínimas, e nin
sequera son aproximadas. En 25 anos, do 60 ao 84, os nosos emigrantes
remesaron, en cifras traducidas a millóns de dólares: 2,8 ¡dos de daquela!, de
Venezuela; de Arxentina algo menos; 27, de Alemaña; 77, de Francia; 73, de
Suíza; etcétera.
Compulsando diversos datos, que difiren
bastante segundo a fonte utilizada, tentei aproximar estas  cifras, nunha ponderación que estimo
prudente, e redondeando por abaixo a miles, resultoume que acabamos o decenio
dos oitenta con: 400.000 galegos por Europa arriba; 600.000 en América; 8.000
en África; 3.000 no Oriente Medio; e uns 11.000 entre Oceanía e Australia. Ao
noso lado, o éxodo xudeu foi insignificante.
En canto á emigración americana dos
italianos, gregos, ou mesmo portugueses, sempre, ou case sempre, contaron cun
goberno que non os esquecía, e que mesmo lles pagaba pensións; por veces,
incluso, a repatriación, freando de consuno as saídas masivas. En Galicia, ata
datas recentes…, boca aberta, esperando a pitanza, coma os pitiños no niño!
Vergoñento, pero certo, tamén foi o caso
non infrecuente de burgueses galegos que se enriqueceron, aquí, pero tamén aló,
pois iso de que o galego sempre foi unido fóra de Galicia é relativo;
zugáronlles aos seus concidadáns ata a última peseta aforrada, sacándoos pouco
menos que a lazo das súas aldeíñas, dándolles o calote na pasaxe, e arroxándoos
á intemperie no mesmo porto de Bos Aires, que iso ten ocorrido.
Emigrar, en frase atinada de Carlos Xohán
Díaz, “era unha necesidade para sobrevivir, ben por falta de traballo, ben por
falta de perspectivas”.
Os que se internaron en Europa, a
diferenza das outras fases migratorias, saíron, sempre, coa idea clara dun  prazo fixo de retorno; fixo, ou polo menos
previsto. Destes, en xeral, aforraron; con moitos sacrificios e penalidades
pero, aforraron! Os seus retornos producíronse principalmente despois do ano 1975.
En Xenebra, por exemplo,
aquí ao redor do lago Lemán, maiormente
nos fins de semana, chegaba con pararse no medio dunha rúa, maiormente na
estación de Cornavin,
para verse rodeado de tantos galegos coma
se estivésemos na feira de Castroverde, precisamente de onde procedían dez ou
doce daqueles emigrantes. Na mesma estación amañábanlles os papeis, pasaban o
recoñecemento médico, e poñíanse nas mans de vellos amigos e/ou parentes, que
saían a recibilos co choio, coa oferta de traballo pescudada e obtida, mellor
ou peor pero compensatoria.
En canto á emigración interior, Madrid,
Euskadi e Asturias incrementaron moito a entrada de traballadores galegos dos
anos 60 / 62 en diante. En “traslados”, por aqueles mesmos anos, algúns
retornados de América, en particular de Brasil, reasentáronse directamente en
Suíza e en Alemaña, atraídos polas novas que recibían dos seus paisanos.
A audacia daquela xente, daquela
xeración, foi incrible xa que se meteron, obrigados polas circunstancias, en
ocupacións para as que non tiñan a menor preparación, que así correron riscos e
soportaron complicacións, reprensións e molestas inenarrables. Co idioma
tronzaron de oído, no seu desespero por entender e ser entendidos. Como moitos
traballaban a dúas quendas, ou por horas, un peón algo sufrido viña a levantar
uns emolumentos cinco ou seis veces superiores aos que rexían aquí en España.
O retorno, a colleita daqueles esforzos,
sen dirección e sen canalización axeitada, sen formación e sen asesores
documentados, foi catastrófico, marxinal e recesivo; poucos foron capaces de
organizar e/ou participar en empresas produtivas, de futuro, quedándolles os
cartos submisos, no mellor dos casos na compravenda de pisos e de solares,
bares e pequenas tendas. Aínda hoxe é frecuente ver rótulos que denotan estes
retornos, nun agradecemento que os honra.
Case todos fixeron desde a Europa
continental unhas vacacións anuais, ou polo menos bienais, e desde
aproximadamente os 80 incluso os houbo que viñan no verán, e volvían no Nadal,
xeralmente nun “haiga”…, de segunda man!
¿Cabe unha conclusión para esta odisea?
¡Si, rotunda: esforzos e cartos evaporados con respecto ás bisbarras de orixe,
pois foron parar, en particular os da emigración europea…, a onde non debían,
por culpa, maiormente, duns cantos dirixentes incompetentes e/ou inmorais! ¡De
pena, e menos mal que hai purgatorio para os maléficos pois atoparse con eles
no Ceo, de segundas, daría grima!
Xosé María Gómez Vilabella

_______________________________________

O
BOSQUE ANIMADO
Unha
merenda de vellos verdes, en Castro,
no
outro castro, no das Ribeiras do Lea.
Grazas, meu douto e ameno don Wenceslao, mestre
do humor, pois nesta terra dos filósofos, dos introvertidos, non é un título
fácil, por prestarme este cualificativo, tan axeitado se é que da nosa Galicia
falamos. Daquela tentarei facer bo uso do mesmo para non devolvercho minguado,
senón, e antes ben, expandido, polo menos ao plural.
Dado que Galicia é, ou máis ben era, con
perdón dos eucaliptais pois eses, en vez de árbores antibióticos, son pantasmas
cheirentos, que por algo non lles nacen as herbas debaixo, bos tan só para
fervenzas, para bafos abafantes, unha especie de universo universal das
caducifolias, ¡paraíso dos druídas!, falar dun bosque animado pode ser unha redución, ou unha sinécdoque. Aquí os
bosques, sempre e de sempre, estiveron animados, poboados, e incluso macelados,
¡oh alcaiotas de densa follaxe, cantas cópulas non se abeiraron ao abeiro das
vosas cúpulas!, pero a estas alturas da civilización, con tantas esquinas
propicias para a ligazón do ligue, para ese amasado que precede ao enfornado,
as parellas que optan polo bosque con plena euforia, sabendo o que se traen
entre mans, son os vellos; ¡máis ben estes! Tentarei demostralo, pois na miña
gravadora vivos están. Non os trinos do paporroibo, nin as garabetas da rula;
non pensedes mal pois estoume referindo aos arroubos dos vellos…, ¡tan
inocentes eles!
A carballeira deste episodio tédela en
Castro, no outro; no de Chamoso, non, no do Lea. Foi, e segue sendo, campo da
feira. Dado que me entendo bastante ben cos vellos, ¡cando non hai novos ao
redor!, adoitan invitarme ás súas festas-merendolas, a esas do Terceiro, ¡que
non de terceira!, e vou sempre que o tempo, ¡o tempo e mailos tempos!, o
permiten, particularmente cando se celebran nas carballeiras. Neste caso levei,
ad hoc, a miña gravadora de peto,
imitando aos periodistas. ¡Aos periodistas ou aos xuíces, que así pasa, que bos
desgustos lles ocasionan!
Este
aparello, a gravadora, é máis sensible cás miñas orellas, ¡cansadas de
escoitar burremias! E despois, que non ten fallos memorísticos: ¡un Notario!
Isto foi o que me captou nesta ocasión:
-E logo, Maruxiña, ¿qué tal o vas
levando? ¡Non me refiro á crise, pois diso xa falan, falan e farfallan, os
políticos!
A rapaza, unha rapaza duns setenta, pero ben levados, loura, sueva, de pura raza;
máis cuona que unha teixa, e con ubres de concurso, escostrexouse de mala
maneira, ¡de boa maneira!, na súa cadeira branca, e iso que o sol, cribado por
aqueles quercus robur que tiñamos
mesmo ao lado, ou máis ben enriba, encima, con forma de cúpula catedralicia,
maldito se as pilas lle cargaba:
-Mal, meu Manueliño, mal, que ata se foi
sen despedirse, nesa maldita curva da estrada de Meira… Todo se me fai que
baixa a miúdo para roñarme porque cobrei aqueles cartos do seguro, en vez de
derreterme en bágoas…, para debilitarme e acompañalo! Téñoche os meus remorsos,
que che foi tanto como dalo por despedido, por despedirme del, e de paso, da
mala vida…, e iso que estamos en crise xeneralizada…, polo que din!
O paisano era ocorrente, que non se
cortou nin tanto así:
-Muller, ¿ti cres na reencarnación dos
espíritos?
-Nos espíritos si que creo, pois alma
témola todos, salvo se acaso eses administradores de aló arriba…, pero de
carnes non me fales, que as miñas, por veces, póñenseme de galiña. ¡Estouche de
loito!
Ata non sei como a gravadora lles daba
gravado, ¡co á presa que falaban!
-Maruxiña, é que tiven un balbordo, así,
de pronto, que se me fixo que ao roce desta saia túa, que se non é de seda
paréceo, ao dar co meu calzón, saltaban chispas, tal que se viñese a min, por
mediación túa, o espírito do teu Atilano. Algo así como se me dese unha orde,
un poder; o poder de quitarche esas penas, xa que non o loito…, por se en algo
che poden axudar as miñas verbas, que ben sabes son as dun bo amigo…, dos dous!
-Manueliño, ti sempre fuches de moito
parágrafo, que aínda me lembro daquelas trolas coas que me pretendiches, daquela,
antes de que me pedise Atilano. ¿Lémbraste…? Pero as verbas sonche coma as
sabas, que estorban no verán, cando fai calor; e non abrigan no inverno, coa
terra vestida de loito…, como estou eu, de presente! Cando esperto, ¡tantas
veces que o fago ao longo da noite!, coa cama baleira, fría, sen outros pelos
xunta a min máis cos do cobertor… Por moito que escoite na radio, aquelas
pernadas, aquelas apertas do meu Atilano…, no
hai parola radiofónica que mas devolva!
A gravadora, que seguía disimulada no
peto da miña “parka”, colgada no respaldo da sela branca, deulle cinta á
espera, que por certo non se fixo agardar demasiado pois aquel Manuel, no que é
cortar e cambiar, outra radio! Tanto captaba as ondas directas coma as
indirectas.
-¿Qué me dis? Ai, muller, parece mentira
en ti que te deixes aconsellar por eses da radio, unha xente nova, sen
experiencia, téndome a min a golpe de teléfono, que aquí che vai esta tarxeta,
pois por ter, ¡crises á parte!, ata teño móbil…; e logo que, favor por favor,
tamén a min mo fas, de viúva a viúvo, que así non lles terei que falar ás
sabas, ¡eu tamén!, que igual están máis frías cás túas…, de tanto mollalas!
A ¿moza?, fixo que se escandalizaba:
-¿Non me digas que choran os homes! ¡Ai,
logo, témola boa! ¡E eu que pensaba que os bois soltos ben se lamben!
Na escoita deste punto rebobinei un
pouco, que me pareceu oír un fru-fru, outro, coma eses das saias, pero nin sei
se foi do tear ou telúrico pois non fun quen de distinguir con certeza se se
trataba dun roce persoal, ou carballal, mais inclínome polo primeiro porque o
vento estaba mainiño, e as follas daquel carballo que nos facía de cúpula
conxugaban outro verbo.
-¿Maruxiña, non repites á paella…? ¡Xa o
di a palabra: é para ti!
-Manueliño, sempre oín que no repetir
estrágase o gusto…
-Muller, se o dis pola paella non creo
que acertes; e se vai por min, eu para ti non son ningún prato de segunda mesa,
que me deixaches se proba-lo teu sabor! ¡Coma quen di, na porta do adro! Casei
con outra, iso é certo, e fillos fíxenlle, que por aí andan, rexos e fortes,
pois os cachos tiran ás olas! Eu souben cumprir, e non outros…!  Con iso e con todo, para ti estou virxe, pois
aínda conservo aquel retrato no que me bicas castamente…, a catro dedos das
miñas fazulas!
A paisana era precavida, que ás verbas me
remito:
-Ai, Manueliño, que diaño es! E menos mal
que esa comadre que tes polo outro lado está máis xorda cós meus zapatos, pois
do que non, vaia traxe que nos ía cortar!
Aquel ¿ligón? avanzaba, ao galope, que
non ao trote:
-Muller, ti e mais eu xa non estamos para
indireutas. Se daquela non fose tan
infeliz, tan mirado, se me atrevese a cata-la colmea, a quitarlle o tapón, a
túa lúa de mel sería miña, e non daquel Atilano, que por ter ata tiña nome de
guerra, que volvía da de Ifni…
-¡Meu pobre! –Suspirou a moza –Érache bo coma as pesetas, que
moitas gañou trafulcando nas vacas…, e deixoumas todas, moitas, nunha cartilla!
¡O malo foi liquidar en Hacienda…!
-Muller, o que é por peseteiro tíveno sempre, pero no de sementar igual lle gañaba eu,
¡que mira ti que non sacar froito dun fondal tan fondo coma o teu…! ¡Ou araba
mal, ou é que sementaba nos cómaros!
Aquí non sei se habería un belisco, pois
algo chiscou na gravadora.
-¡Ai, cómate nunca o diabro, qué pícaro
saíches!
-Maruxiña, non te poñas de roibén pois,
para perde-lo tempo, pícaro, infantil, xa fun, ¿e de qué me serviu? Ao de hoxe,
mentres poda enche-los pantalóns coa ferramenta, outro Atilano a ti non te
atila, que non lle deixo!
-Bromas son bromas, pero, ¿e se volve,
tal que para despedirse, e me atopa espida, ou debaixo…, dun carballo? ¡Doutras
sabas, quero dicir! Lémbrate que foi xateiro, e sempre dicía iso de que, res
marcada res tratada…, de por vida!
-Nese caso que te houbese levado consigo,
pero o pasmón, e dígoo con todo respecto, de curvas, cero! Por fiarse das da
estrada deixou as túas á intemperie!
-¿E se o fixo para darme os cartos do
seguro, do seguro do outro coche? ¡Sempre foi xeneroso comigo!
-¡Tamén, que tamén puido ser! Mais, polo
si ou polo non, non deixes de chamarme a tempo, antes de que se che arrefrían
as sabas; ¡as sabas e mailas pernas! E non te fíes deses da radio, che repito,
pois eses son de todas, asemade! De min pódeste fiar, que ámbolos dous
precisamos quenta-las sabas, e non precisamente coa música dun aparello de
pilas!
A tal intre, ¡que tamén foi mala pata!,
non sei se por culpa das pilas do meu aparello, da gravadora, o caso foi que se
acabou a conquista. ¡Caeu Granada! ¿Caeu na cama? Iso non o sei, pero si sei
que ela, aquela viúva tan enloitada sorría dunha orella á outra cando se subiu
ao turismo do tal “Manueliño”. No bus da Asociación, ao regreso da romaría, a
praza daquela Maruxa veu baleira, desocupada; é que non se pode estar en dous
sitios á vez!
Cando me sentei ao ordenador para
transmitir esta cinta, véuseme esta dúbida á cabeza: ¿Farei ben en publicar
aquel idilio? ¡Mira que se lles dá aos de “Gran Hermano”, de aquí en diante,
por copiar, por espreitar nestas reunións, nestes ágapes da Terceira…!
É boa verdade que o turismo, por de cercanías que sexa, estira na xente,
membro a membro, asemade que acurta o mundo circundante, haxa ou non haxa
crise! E logo que as follas dos carballos…, arrolan! Pero non digo máis, por se
me entenden, que agora din que os bos escritores son os inintelixibles! ¡Vivir para
ver! Os que opinan que este mundo é dramático, equivócanse: ¡tamén é divertido,
maiormente para os vellos, que son os únicos que saben parrafear!
Xosé María Gómez Vilabella

_____________________

XXXV ROMAXE EN
CASTROVERDE

Reflexións
preparatorias

Seguimos facendo Camiño

 

Seguimos, seguimos e sigamos, facendo Camiño,  a imitación do Miño, noso
modelo exemplar, que por algo, alguén, tivo a feliz idea de comezar, coma o
Miño, da Irimia no seu Pedregal. ¡XXXV, trinta e cinco anos, trinta e cinco
pasos, trinta e cinco pegadas, pero aínda faltan máis! Daquela, coma o Miño,
somos criaturas a medio criar. ¡Sigamos, pois, que é moito o que nos queda por
andar, moito o que temos que ensinar, o que temos sen regar!

 

¿Qué nos ladran os cans no Camiño? ¡Razón de máis para seguir, para abri-la
vereda…, se á nosa Meca, á nosa meta, queremos chegar! Camiñante, non hai
camiño: ¡Faise ao andar! Daquela, andemos, andemos con soltura e con decisión,
que niso temos a quen imitar, e imitando, imitarannos, como fixeron aqueles
doce…, aqueles doce menos un, pois traidores tampouco faltarán!

 

¡Xa; e desde que chegue o Miño á fronteira de Portugal? Para comezar, non hai
fronteiras, que todo é dos fillos de Adán; e de chegados á final, as augas
seguirán vivas, máis salgadas aínda; de chegados á mar o noso camiño seguirá
vivo, marcando estelas, trazando rutas…, para quen nos queira imitar!

 

As nosas vidas son os ríos… ¡Que si, Xurxo Manrique, que xa o sabíamos, pero
fixeches ben lembrándonolo, pois, por veces, detémonos, outeando horizontes de
grandezas, de riquezas, de apropiacións indebidas…! ¡Espellismos, bastos
espellismos, miserias humanas, miopía…, tendo aló adiante, á fronte, no sitio
das trinta moedas o tesouro inmarcescible da gloria eterna, testada co sangue
de Cristo nada menos!

 

Ide e predicade o Evanxeo… ¡Non te pases, rapaz/rapaza, que iso incúmbelles aos
apóstolos! ¿E ti qué es senón un apóstolo, o enésimo, un seguidor, un
beneficiado da Boa Nova, pero tan egoísta que nin transmites o recibido;
sequera ben nolo dixo a nosa Enriqueta, e iso que a tiñan por descrida: “Moito
recibimos, así que temos a obriga de deixalo en herdanza, pero, mellorado, que
tamén o fixeron os nosos predecesores!”. O Mestre dixo que El era o Camiño, a
Verdade, e a Vida; daquela, con tal guía, ¿qué facemos aquí abaixo, parados,
atendéndolles a eses cans que nos ladran? E xa que o Miño, noso padriño, vai
parar ao mar, escoitemos ao capitán da nao, que a tal momento estanos ordenando
desde a ponte vital: ¡Avante toda!

A
Veiga do Olmo, un bo lugar para renacer

 

 ¡Un bo lugar para renacer, tanto en cristián coma en galego, non si señores
teólogos?

 

“Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e
árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente conforme á súa especie. E
así foi. A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que
daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. E así
completouse o terceiro día”. (Xénesis 1
, 11-13). Despois veu o pecado, e
tras do pecado o diluvio, etc., etc., ¡pero o Castrum do Vallis Viridis
salvouse, e os de Castroverde replantamos un olmo, un ulmus minor, deses que
requiren un chan fresco e fondo, para mostrarlle ao Creador dúas cousas: o
agradecidos que lle estamos pola súa Creación, e tamén polo feito cordial de
salvarnos do diluvio universal, que así, nosoutros, por tan singular privilexio,
seguimos tendo en herdo un cacho inalterable e inalterado daquel Paraíso
Universal. ¡Deo grátias!

O lema da XIX Romaxe (no Rosario, Vilar
de Donas, A Ulloa), foi: “Polo camiño verde”. Nisto estamos, que polo Camiño
Verde seguimos, aquí chamado “Primitivo”, porque o é, porque arranca de tempos
remotos. E no de verde, xa o comprobarán por si mesmos os asistentes á Romaxe
do próximo setembro. ¿É ou non é Castroverde?

 

Iso nos propoñemos: ¡Renacer! ¡Volver a nacer! Volvernos nenos…, ¡pero co
sabido, sabido! Daquela será cousa de bautizarnos de novo, outra vez, que auga
temos, e cotra para lavar…, algunha! “Deixade que os nenos se acheguen a
min; non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus.
Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará
nel”
(Lucas, 18, 15-17). Xa que nos puxemos de camiño aló arriba, no
Pedregal de Irimia, sigamos, baixemos, acollámonos ao Primitivo, á Igrexa
Primitiva, sinxela, fervorosa, valente, disposta ao martirio se preciso fose.
Dixo o propio Xesús: “Dádelle ao César o que é do César”. Daquela o
boato, as presuncións, as vaidades, son do César, ¡e hai tantas e tan mal
adxudicadas! Por iso, algúns, queremos renacer, tornar ao bo camiño.

¡Do
Pedregal á Veiga do Olmo todo é Miño, todo é noso!
O pecado está neses eucaliptos do fondo,
que por algo lles dan as costas esas beatas da fotografía. A virtude está nas
rochas da morena do glaciar, do glaciar de Irimia, nacemento do Miño, nacemento
das nosas Romaxes. Estas son as pedras grandes, aquelas coas que non puideron
as meigas da Serra de Meira cando as tiveron que utilizar para defenderse dos
cistercienses, que seica as querían pasar pola pedra…, iso, antes de pasalas
polo altar! Un problema: ¡as meigas querían casar, e os frades, cos seus votos,
cos seus hábitos…, o eterno dilema da carne!
Aló van TRINTA E CATRO ROMAXES, que se di
pronto! Para o ano próximo a XXXV, e  tócanos esta honra aos de
Castroverde: ¡a ver cómo nos portamos!
Por estas romaxes desfilou a honra e
maila prez da nosa Gallaecia: sabios e santos, teólogos e discípulos, mozos e
vellos…, que honraron a Deus coa sinxeleza e coa verdade, dous atributos
escasos, pero non nestas celebracións, e por ende, na nosa terra! ¡Qui te de paradísi fonte manáre fecit, et
in quátuor flumínibus totam terram rigáre praecépit!
 

Para comezar, eu xa recollín unha pedra desas da Serra de Meira para levala comigo
á Veiga do Olmo e presentala nese día, como ofrenda. ¿Que por qué e para qué?
¡Moi sinxelo: Para facerlle un exvoto ao río Chamoso, ao Flammoso, que é ese
fillo do Miño ao que debemos que o noso Castro sexa o máis Verde de toda a
cunca! Con isto heille pedir que conserve verde o meu país, pero só o país, sen
prexuízo de que madure, cal trigo flamexante, aquel que o precise, se é que
quedan almas verdes!

Xosé María Gómez Vilabella
___________________________________________

 

Sigo de defuntos …
Aquí
xace, soterrada, a Valga do Santo Estevo
Sigo de defuntos, e iso que non estamos
en Novembro; ¡nun cemiterio, si! Uns enterran, e outros, cal arqueólogos,
desenterramos…, desenterramos as lembranzas, o único que podemos facer a estas
alturas, de retornados a este país da destrución oficial, sistemática, e case
diría que, aplaudida!
Neste caso os enterradores foron dous,
dous equipos: Os chamados “Técnicos da Concentración Parcelaria”, e con eles os
seus…, que ata non sei cómo chamarlles aos ilustres membros da Comisión
Parroquial! En todo caso, cos feitos feitos, e coas desfeitas irreversibles, só
me queda a posibilidade de aconsellar aos que veñan detrás, nas outras
parroquias do meu Castroverde, pedíndolles encarecidamente que, onde non
saiban, pregunten, pois as omisións tamén son, ou poden ser, gravemente
pecaminosas, e por ende, irreparables.
¿Qué ve o meu lector na fotografía deste
encabezamento? ¡O único visible, perceptible, é unha selva nunha vagada, nunha
valga, e para iso nin sequera é virxe!
Para virxes, suponse polo menos, aqueles
eremitas da Valga do Santo Estevo… ¿Chamábase así esta Valga, coa toponimia dun
Santo? ¡Xaora! Aínda que outra información non tivesen aqueles… técnicos?, con
só preguntar o nome do lugar xa lles diría abondo a súa denominación, e
daquela, con iso, as súas pás irían padexar a outro sitio, a calquera que non
fose histórico, respectable, evocador. Deus perdoaríalles, pero a min cústame
facelo.
O lugar é, ¡era!, unha valga, e por tanto
cun rego, hoxe soterrado. Neste punto, con boa auga, abeirado do Norte, co río
Azúmara alí abaixo, que daquela era abondoso en troitas e anguías, pero aquí
non vou falar de cloruros nin de puríns, os
repoboadores do Monte Cuperio
terían
troitas,
castañas, pastos para o seu gando, e un longo etcétera. Con estas
circunstancias, propicias para todo asentamento, aí por xunto da fonte oraron e
laboraron aqueles eremitas, por días de vida. Tras deles, acollidos ao seu
amparo, viñeron os campesiños que andasen escasos de terra noutras comarcas de
mellor servizo, tal que na Chá. ¿Un punto tan sacro e tan singular non merecía
un respecto, e co respecto un cartel evocador, deixando libre un espazo,
sequera uns metros, un sobrante asignado ao Municipio como ben de interese público?
-.-
Nesta indignante indignación, outras
desfeitas da mesma parroquia:
-O Castro da Graña, que foi traspasado,
inicialmente, por unha pista da mesma
Concentración. ¿Confundírono cunha montaña rusa?
-A Fonte das Augas, no alto da Serra, nas
inmediacións dos límites de Montecubeiro, Gondel e Caraño, frecuentada en
tempos para recoller das súas augas ferruxinosas, tan acreditadas para as
inapetencias, anemias e demais padecementos daqueles tempos pre-farmacéuticos.
Onde cabía esperar que algún día se asentase unha embotelladora de augas
minerais, a Concentración…, pista; unha pista con abondoso entullo, como para
sanear un pantano! ¡Adeus ríos, adeus fontes…, algo parecido ao que fixo a
Deputación de Lugo en Sarceda, coas fontes do río Azúmara!
-En Maxide, cruceiro e pozo dos Campos de
Ares, lugar de celebración de numerosas foleadas, “Sentenzas” do galo, e todo
iso, antiga propiedade daquel Ares de Maxide, famoso Abade e Comendador do
Mosteiro Cisterciense de Meira, que os meteron dentro dunha finca privada,
aínda que, posteriormente, alguén, algún sensible, debeu protestar, e abriron
un acceso, aínda que cativeiro.
-En Berlán, nas “Faladoiras”, tamén
meteron a pista exactamente por encima doutra fonte mineral que, de analizada,
dera máis de 1 mg de ferro por litro. ¡Adeus, miña fontiña, que tan útil me foi
nas anemias perniciosas da miña crianza!
-Ás Cavozas: Non deixaron nin un metro
para apartar do cruce o seu cruceiro milenario, así que o recolleu un veciño, e
seica o ten na palleira. ¡Será para que madure!
-En Cepomundín: O cruceiro da Granda,
evocador da guerra do Rei Silo contra a nobreza desta parte do país, que o
deixaron na beira da pista, sen letreiro nin terreo circundante axeitado. Un
pouco máis abaixo, inserta nunha finca privada, quedou a histórica fonte de
“Matahomes”, que conservaba o seu topónimo evocador da batalla antedita. Desta
fonte orixínase o Rego d´Ósos, que non dos osos, pola cantidade de restos
humanos que nel se atoparon. Máis abaixo, o regato cruza a estrada de Castroverde,
pero…, ¡nin un mal cartel evocador!
-Nos Campos da Eiladrán achaiaron, para
facer pasteiros, un campo de mámoas, ben visibles que estaban. ¿Sería para non
atoparse coa Santa Compaña?
-Entre Maxide, Berlán e a Graña, deixaron
por rotonda un triángulo de terra, abundante en maleza, que, ademais da
estética, encerra un perigo de visibilidade.
-O Muíño dos Frades, nunha finca de
asignación privada.
-A Cruz do cemiterio civil, no Zarro
Novo, onde se enterraban antigamente os abortos, os suicidas, e “demais persoas
de mal vivir”, noutra finca de asignación particular!
-En Sagaruxe medio soterraron a fonte
pública…; en Berlán, a “Grande”, tamén pública, da que se podía elevar un auga
boísima, quedou introducida nunha finca privada. Coa do Escouredo, algo parecido.
-No lugar do Castiñeiro, abaixo de
Berlán, ademais de cargarse un castiñeiro centenario, emblemático, desviaron as
augas da Regueira, que baixaban directas ao Azúmara; cortáronlles o paso
natural, tradicional, e forzáronas facendo un ángulo recto, pola cuneta
adiante, para metelas, aos cen metros…, polo medio dun prado asignado a un dos
copropietarios do lugar, que llo trasladaron, de feito e con este feito, sen
minoración de valores, ás lagoas de Ruidera!
-En San Cibrao, na Picota, no Barreiro (que
é onde estivo o cárcere xurisdicional do convento), outras omisións e
mesquindades!
Non continúo para non fatigar ao lector,
que lle levaría unha hora le-las desfeitas, e logo que precisaría un mes para
comprobar in situ tal cúmulo delas.
¡Só Deus lles pode perdoar pois con tales pecados…, nin Roma!
Xosé María Gómez Vilabella

 

____________________________




Réquiem
por unha escola

Ao noso… panteón? non lle faltan flores: ¡nada menos que de sabugueiro, Sambucus nigra! Por se isto fose pouco, as hedras, Hedera helix, abrázanse cariñosamente, devotamente, á súa fachada. ¡Toda unha simboloxía!

Como inscrición aínda campa, no alto das escaleiras, sobre desa porta, ¡a porta da educación, dos saberes e dos faceres!, oval, enferruxada, a insignia oficial: Escuela Nacional Mixta de Sagaruje. Iso pon, que así naceu, e así agonizou, estando en Maxide! Ao político Julián Besteiro pasoulle algo parecido, pois naceu en Franqueán (Corgo), pero seus pais regresaron a Madrid, co neno, no seu carromato, onde o inscribiron días despois, para…, para libralo do sambenito de ser galego e xudeu, dous pecados gravísimos naquela época; o de xudeu disimulábase cun bautizo, e o de galego cunha simple inscrición nos rexistros da Villa y Corte! A partida de nacemento da miña escola tamén tivo o seu aquel pícaro: José Trashorras, (Tellado), de Sagaruxe, reunido con Evaristo de Candal, de Maxide, e meu pai, acordándose de que estaban exercendo de paters familias, acordaron solicitar unha escola pública, provisoriamente. Evaristo ademais de fillas tiña cartos, ¡cartos cubanos!, e non era cousa de manda-las nenas polas corredoiras da bisbarra, así que se ofreceu para construír un edificio escolar, que de paso serviríalle, nos baixos, para cuadra da egua, leñeiro, etcétera. O leñeiro, aberto, tamén serviría para que se abeirasen os nenos no recreo e/ou nas esperas. Trashorras dábase de progresista, así que se adiantou ofrecéndose para redactar a solicitude pertinente, que xa a firmarían ao domingo seguinte. Dito e feito, pero coa particularidade de que Trashorras presentouse en Maxide cunha instancia na que se pedía, en efecto, unha escola, pero…, para “Sagaruje”, que era o seu lugar! ¡Isto non foi o acordado!, protestaron os outros dous, pero o redactor, Tellado, convenceunos: Mirade, ho, foi co costume que teño de facer documentos na miña casa, para o meu lugar, pero o caso é consegui-la escola, que despois situámola aquí mesmo, neste edificio que vai construír Evaristo… Era o último folio que me quedaba de papel de barba, así que, outra solución non temos, e mañá mesmo vou a Lugo, presentala. Firmade, pois os acordos acordos son, pacta sunt servanda, e non haberá problema! Firmaron, e presentouse a solicitude, en tempo, que non en forma. Evaristo contratou uns canteiros de Luaces, e o Goberno da República aprobou a escola de…, de Sagaruje, segundo se pedira, designando un Mestre. ¡Todo en cuestión de meses!

Aquela, ¿argucia, distracción? documental non foi a causa da súa morte, non, pois morreu dese parto múltiple, xeneroso, feliz, das Agrupacións Escolares, nas propias vilas, que absorberon, ou inutilizaron, as escolas parroquiais. En canto aos edificios primixenios, polo menos algún, ben puideron dedicarse a actividades culturais do seu circundo, tal como museos de utensilios agrícolas obsoletos, pero…, “el vivo al bollo, y el muerto al hoyo”. ¡Destes mortos só se acordan as hedras, as hedras e mailos sabugueiros!
                                               Xosé María Gómez Vilabella

_________________________________

AS
CADEAS, AO MUSEO!
Nesta España dos nosos pecados somos
maiores en idade, dignidade e goberno? ¡Qué si? Daquela, a qué esperamos: ao
Museo coas cadeas da escravitude!
Corenta anos de noite de pedra, e outros
corenta comungando con rodas de muíño. ¡Xa está ben; xa está ben de que os
poderes, os poderes públicos, sigan sen distinguir as cabras das ovellas! E
nada de listas cerradas, eses cortellos lastrados de palla; ¡eu quero listas
abertas, campo aberto, pois, aínda que me tomen por ovella, e aínda que o sexa,
qué menos que elixir un pastor que me caia simpático, polo menos simpático,
pois a competencia, se non ma demostran, non llela arrendarei por máis de catro
anos!
¡Abaixo as cadeas, abaixo os contistas,
os indocumentados, os tiranos, os…, os ladróns! ¡Os ladróns, tamén! Non só en
Grecia se es     queceron de que,
Democracia é o outorgamento, a delegación, parcial e periódica, nos mellores,
nos mellores de cada lugar! ¿É que, tanto en Grecia como en España, xa non os
hai mellores? ¿Emigraron, xunto cos técnicos, os de conciencia limpa e formada,
maduros en definitiva? Eles, os…, chamémoslles tan só mandantes, téñense por
especialistas, ¡iso si, de carreira longa!, pero eu, e coma min un montón de
indignados, vounos descubrir: a súa carreira, a que exercen, é a de AD
CAPTANDUM VULGUS, a de capta-los vulgares! E se algún, se algún excepcional
queda, eses tales ben que se coidan de completa-la lista con ignorantes…, para
encadealos! ¿Aos seus? ¡Si, tamén aos seus, canto máis pétreos mellor, pois con
pedra bruta é como mellor se cimentan as torres!
¡Vellos da miña xeración, nós, que
nacemos nunha monarquía esfarelada, e nos criamos nunha república inmatura,
pasando por aqueles corenta anos de “mili”, de “mili”, ¡Firmes, ar!, para
celebrar unha demo…, ¡iso, unha chafallada do demo!, alcemos as nosas caiadas e
proclamemos unha insurrección: ¡O levantamento dos indignados!
Se non o saben facer mellor, uns e
outros, que volvan á escola, que xa lles ensinaremos os vellos, pois se algo
nos sobra é experiencia; e se son tan listos e tan preparados que o fan mal
adrede por aquilo de que, A río revolto, ganancia de pescadores, convertamos os
polígonos industriais en Campos de Concentración…, pois para almacenar
mercancía importada, en lugar de dedicalos á exportación, sobra a metade deles!
Propoño que o noso berro, o noso clamor, sexa: ¡As cadeas, ao Museo!
Xosé María Gómez Vilabella
 
__________________________
QUERO SER ANDRAGOGO
Na miña (imposible) reencarnación quero
ser Andragogo. ¡E menos mal que é imposible, pois, de ser factible, a
revolución que ía armar! Morrería de fame, ou fusilado, pero, no entre tanto,
ía predicar a voz en grito: ¡Humanos, humanizádevos, aprendede a ser persoas!
Nas tarxetas, simplemente:
Profesor de Ética.
Os periódicos falan de crise económica… A
presente é sociolóxica; unha das súas consecuencias, unha das súas secuelas,
acaso a máis visible, foi o derrube económico, iso si, pero o mal, a raíz de
todo estivo na velocidade. ¡Si, si, na velocidade, na velocidade do século XX,
que demos en tragar á présa, sen mastigar, e así nos foi coa dixestión! Nun
abrir e cerrar de ollos pasamos: do analfabetismo á cibernética; do sacho aos eucaliptais;
daqueles avogados das silveiras aos políticos con carta branca e diñeiro negro;
dos matrimonios por días de vida ás noites de alterne; do xamón curado ao fume
á bazofia enlatada; da egua e do carro das vacas aos jets; etcétera, etcétera.
¡Así non se vai a ningures, ou si: ao inferno!
Botamos a correr antes de vestirnos, sen
arroupa-lo noso espírito, e así nos foi: ¡inmoralidade absoluta! Sequera
tivemos un bo exemplo en Adán e mais en Eva, que con todo ameazalos o arcanxo
con aquela espada de lume, non se foron a correr mundo sen a precaución de
arrincarlle unhas follas á parra do Edén, e con elas cubri-las súas vergoñas!
¿Vergoña? ¿Iso, qué é?, preguntará máis dun lector. ¡Vergoña é precisamente o
que nos falta, pois pasamos, nun tris, de sobrarnos a faltarnos! Os vellos
dicían, Vísteme amodo, que teño presa! ¡Aquilo era entende-la vida, unha vida
equilibrada! Competitiva sempre foi pois a humanidade está chamada a avanzar; a
avanzar si, pero a demandarse, non!
Tamén se dicía: A avaricia rompe o saco!
¡E cumpriuse, ao cento por cen, que non só se rompeu o saco das economías
senón, incluso, a esperanza de volver a ter saco! Se ata o dicían os Curas, e
iso a risco de quedarse sen clientela: No pecado vai a penitencia! ¡Claro,
home, claro, vaia se vai, pois daquelas tormentas viñeron estes lodos! ¡Veña
engulir, veña acaparar, veña papa-los pasteis coa suor do de enfronte, cando o
mandamento era, Gañarás o pan coa suor da túa, ¡da túa!, fronte.
Co pouco que levamos reflexionado,
entendo que ninguén terá dúbidas do moito que se precisan os andragogos, eses
profesores dos adultos, para que nos devolvan á infancia, á inocencia da
infancia, ensinándonos a camiñar pasiño a paso, e non ás carreiras, sen
deglutir, sen asimilar, sen lavarnos a cara… ¡Maldito progreso desafogado,
maldita néboa que nos leva a circular sen faros, sen conciencia, sen…, sen
sentido da prudencia, na vertixe dun presente ególatra e ofuscado!
Xosé María Gómez Vilabella
________________________________________
Contos
da miña lareira
 
-VII-
Xudeus e maragatos
Carro maragato, diante dunha casa de Castrillo de los Polvazares, amigos
meus.
¡Que pronto esquecemos as lareiras,
e con elas, a cultura dimanante! Meu padriño, desde a súa cátedra lareiril,
moito leva falado, ¡e seguro que xa está esquecido!, dos seus admirados amigos,
tanto xudeus como maragatos, ambos pobos, ambas razas, notables benfeitores do
condado de Chamoso. ¿Qué tamén foron ben recibidos e ben aceptados? ¡Iso é
certo, cousa, circunstancia, que souberon agradecer, que non sempre pasa!
Dos xudeus contaba que chegaron ás
terras do actual Corgo expulsados, fuxindo, daquela raíña que falsificou unha
bula papal para casarse aceleradamente con seu primo, aquel Fernando de
Aragón…; non lle urxía o matrimonio pero si montarse no resto de España, que
ata se inventou un lema inexacto: “Tanto monta, monta tanto, Isabel como
Fernando”. ¡Mentira cochina pois os que a coñecían deixaron testemuño de que,
por riba, ela, sempre ela! Para non pagar as débedas contraídas cos xudeus, e
de paso aferrollar á clerecía, outro invento: ¡Expulsalos da península! Claro
que, como a Península é moi grande, e daquela incomunicada, os xudeus, ¡listos
eles!, agocháronse na distancia, tal que en Ribadavia, no Corgo, etcétera.
Os do Corgo pronto destacaron no
comercio e na ciencia, que en definitiva era o seu, a súa herdanza. Lonxe das
montañas, esa barreira que nos une, ¡ou separa!, con León, ao chegar ao que é
hoxe a legua dereita, deron en dicir que viñan retirados das guerras de
Granada, das hostes da propia raíña, que foran besteiros…, co cal a xente
creunos e acolleunos, dando orixe incluso a un prolífico apelido “Besteiro”,
derivado do ¿seu? oficio. Con esta picardía incluso se deron a valer, e foron
moi respectados, polos séculos dos séculos. Pero a súa verdadeira sabedoría
estaba na medicina, que deles, dos seus descendentes, contaba meu avó que
aprendera o básico dos seus coñecementos de albeite. Aínda hoxe perdura no
Corgo, entre outros, o apelido Jacob, que o ostenta en Madrid, actualmente, un
médico de fama peninsular, ao que coñecín e tratei.
En canto aos maragatos, deben a súa
historia mercantil á circunstancia de asentarse en Astorga, punto notable do
segundo Camiño Francés, do Interior. Hoxe discútese se a súa orixe é árabe ou
asturiana. ¿Árabes ou asturianos? ¡Tamén pode vir de galegos retirados,
daqueles que interviñeron na toma de León, pagados con terras en Astorga,
segundo viña de costume desde os tempos romanos!
O caso foi que, sen mouros no
camiño, os franceses deron en vir por Astorga, aforrándose as montañas
cántabras, e naquelas circunstancias os fillos dos guerreiros, cambiando de
oficio, deron en carga-las mulas, ¡os camiños de carro viñeron despois, máis
tarde, que incluso deron lugar ao apelido “Carro” que tomaron para si os do
“carro”, boa parte deles hoxe asentados en Lugo, igual que se dicía no pasado
século, “Bonifacio, o do Coche”!, en carga-las mulas para abastece-los
peregrinos, que xa lles tiñan o camiño aló por Castela, e seguían tras deles,
coas recuas, ata o mesmísimo Santiago. Á volta cargaban peixe salgado,
maiormente bacallau, que de aí vén o de que as principais salgaduras coruñesas
fosen dos Arredondo, Bonjoch, Salafranca… Tamén se especializaron en recoller
ultramarinos no porto da Coruña, azucre, café, especias, que despois
distribuían por media España; nesta actividade descolaron os De la Puente e os Nieto.
A trifulca da mula
Foi en Castroverde, un día de feira,
na taberna do Escardel, que como viñera do Corgo era alí onde paraba a xente
desa parte de Chamoso. E foi trifulca, que non trafulca, pois o debate era
tripartito: un xudeu do Corgo, un maragato, e Brais de Bergland. Verbo: unha
mula; suxeito, o Brais; do predicado, alternativo, encargáronse o xudeu e mailo
maragato.
Segundo Brais, a mula vendéralla ao
xudeu, pero, en vista de que se acababa a feira, e o Besteiro non pasaba a
pagala, e por tanto a recollela, Brais ofreceulla a un maragato que viñera
traer uns pelellos de viño de Rueda ao Escardel, por certo que en dúas pesetas
máis de que acordara co xudeu.
-¡Primeiro no tempo, mellor no
dereito! –Argumentaba o xudeu. Pero Brais:
-A entrega da mercadoría faise en
tempo e forma, e nunca máis tarde da posta do sol, pois, de noite, séxase,
entre lusco e fusco, xa non é día de feira! ¡Eu tiña a mula libre, ou máis
exactamente, desprezada!
O maragato:
-A mercadoría que non está marcada
non está vendida; ¡eu cheguei a tempo, pois a mula aínda non está marcada, e
ofrecín…, o que ofrecín, así que, Valenti
non fit injuria
, non se lle fai inxustiza a quen consentiu, e aquí o
consentimento estivo en quen non tivo a palabra de volver! ¿Estamos?
Aquilo foi precioso, un auténtico
preito entre romanos.
-¿En qué rematou a cousa? –Lle
preguntei a meu padriño.
-¿En qué rematou? ¡En que o Brais
tivo que volver para a casa coa egua e maila cría, que se lle fixo de noite, e
unha discusión entre xudeus e maragatos soe durar, como pouco, unha semana, así
que os gaños foron para o Escardel, que lle pagaron cea e cama!
Xosé María Gómez
Vilabella
_____________________________________
 
 

 

Contos
da miña lareira
-VI-
OBRAS
DE CARIDADE
O periodismo tamén se perfeccionou e
cultivou nas lareiras pois os informes parciais, as novas oídas ou comentadas
aquí e acolá, fose no adro, na feira, no muíño, ou mesmo nas coincidencias
agrícolas, se eran incompletas ou nesgadas tiñan a súa “mesa de redacción”, o
seu contraste de datos e/ou pareceres, nas paroladas e nas ruadas fogareñas,
diante da lareira, sen présas, sen frío, cos patrucios das casas como
moderadores. A seguinte historia non fixo falta contrastala pois chegounos
directamente, así que o único que fixo meu avó foi cambiar nomes e lugares para
non quitarlle a sona de benfeitora á Manuela, por máis que o merecese, pero,
segundo dixo o padriño, que a xulgue o Ceo, que para iso está! 
Chamábase Manuela, pero meu avó, segundo
queda dito, cando refería o caso, para conservarlle a honra dicía que se
trataba dunha muller de Pol; meu pai e mais eu sabíamos que se criara, vivía e
actuaba, no condado de Chamoso. Nunca se debe levantar o pano antes tempo, pero
neste caso abondo encubrimos sen encima subila aos altares.
Manuela estaba casada, con…, un, dous,
tres, catro…, ou máis, pero o seu amor de toda a vida chamábase Herdanza, e o
alcume que comezaban a darlle era o de Muxe Homes, pois acreditou esa arte…, en
cuestión de catro anos!
Saíra do país con poucas letras, pero
neses mundos de…, ¿de Deus?, aprendeu algo de todo, maiormente a nadar e
garda-la roupa, que xa é mérito! Volveu con algún cartiño e casou cun rapaz de
boa familia, dunha familia de avoengo, o tal para disfrazarse de irmá da
Caridade. Ensaiou cun vello do seu lugar, para daquela viúvo, atacado dunha
tose que facía presaxiar un transo inminente da terra ao Ceo, pasando polo
cemiterio da parroquia. O señor tiña dous ou tres fillos en América, e deles
recibía, de cando en vez, “letras de cambio”, pero o cambio que precisaba eran
coidados domésticos pois aínda que colleu unha criada, aquela rapaciña estaba a
medio criar, sen arte e con pouca  maña
para coidar dun vello; ¡menos mal que acudiu Manuela coas súas proposicións..,
deshonestas!
-Véñase connosco, agora mesmo, para a
miña casa, que o vou atender coma se filla súa fose, que vostede merece boa
cama, e mellor comida…
O vello encantado, e tan ben atendido foi
que xa ao día seguinte lle traspasou á Manuela a bulsa dos cartiños así como o
mellor prado da casa; isto último coa promesa de que, no suposto de que lle
pasase algo, ¡que Deus non o queira! –lle dixo-, ela gardaría aqueles cartos
para as honras fúnebres, e o sobrante, íntegro, sen quedarse cunha peseta,
xiraríallelo aos fillos do defunto.
Como aquel vello tardou catro meses en
morrer, deulle tempo para facer catro ventas, a catro veciños, de canto tiña,
menos a casa, pois chamaría a atención venderlla, ademais dunha perigosa
impresión. Aquelas ventas negociábaas cos veciños o home da Manuela, alegando
sempre que o vello estaba desasistido dos fillos, que nunca un peso lle
mandaran, etcétera, etcétera. Para escriturar chamaban a meu pai, que o ían
buscar con dúas cabalerías, como se facía cos médicos, e de xustificación
dicíanlle que o levaban a el, aínda que vivía lonxe, porque sabían da súa
honradez  e non querían que os veciños
pensasen mal daquelas vendas.
Tras daquel vello, outro, e outro…, de
tal xeito que a casa daquela…, ¿daquela monxa da Caridade?, logo parecía o
Asilo de Lugo. E meu pai veña facer escrituras, cousa que xa o tiña mosca, e
non só pola cantidade de vendas senón, e máis ben, porque lle dicían unhas
cantidades mínimas, desproporcionadas co valor real das leiras. A cousa íalle
coando, coñecedor como era de que os contratantes sempre dicían e poñían
pouquiño para que Hacienda non os apertase, pero un día, aquel home:
-¿Cómo me di que non está Manuel se onte
me dixo o mesmo, que volvese hoxe, que aínda estabamos en prazo? ¡Pois dáse o
casual de que hoxe é o último día deste préstamo, que aquí traio a escritura,
disfrazado de “venta con pacto de retro”, e como me falaron de que o seu home
adoita ausentarse nestas ocasións, por favor, non me fagan trampa, que me
afunden…, máis do que estou!
Manuela, ao recén chegado:
-Señor, eu diso nada sei, pero podo
asegurarlle que non haberá perigo, que pode volver mañá, pero eu os cartos non
llos collo, que diso non entendo, nin sei ler, así que non me vale ese papel!
Meu pai, casualmente presente, que
percibiu tres contradicións: A primeira, que el mesmo, segundo se achegaba á
casa, viu ao Manuel atusmando por unha ventá das do sobrado, e despois ela
dábao por ausente! A outra, que estaba mentindo, que meu pai ben sabía que ela
lía, periódicos que fosen! E a terceira, que xa lle chegara algún rumor de que
o Manuel, cos cartos que lles pispaban aos vellos facendo que os coidaban
xenerosamente, facía préstamos usurarios por toda a bisbarra disfrazados de
“ventas con pacto de retro”, e que tiña o bo costume de ausentarse, ou de
facerse o ausente, aos vencementos, co cal íalles enriba ás fincas aos
debedores! Meu pai, que sempre tivo pouca saúde, ía vivindo de poñer escola e
de facer escrituras, así que para el era un luxo perder un cliente, mais, por
encima de todo, a súa honradez, que era pública e notoria. Sen preocuparlle as
consecuencias, rompeu a falar:
-Señor, vostede, o debedor, aínda que non
o coñezo…, ten unha solución para estes casos, e dígolla se me proporciona unha
besta, pois ata aquí trouxéronme nunha desta casa…, desta casa da Caridade, que
agora xa sei que o é!
-Besta colla a miña, que eu fágome con
outra en tres minutos… ¿Qué temos que facer?
-De momento, saír desta santa casa…,
antes de que baixen os diabros por esa escaleira! O resto xa llo direi polo
camiño.
Desde que se foron da casa:
-Os cartos da débeda tenos enriba, no
peto, non si?
-Si señor, peseta a peseta.
-Daquela meta espola, que eu farei outro
tanto, pois imos a galope, sen parar, de aquí ata Lugo, que temos que chegar
antes de que pechen o Xulgado. Vostede, con esa escritura, vai deposita-los
cartos, en tempo e forma, co cal, adeus venta, adeus venta falsa!
-¿De verdade? ¡O peor é que teño a
cantidade xusta, que busquei outro prestamista, e non me quedará con que
pagarlle a vostede…!
-A min xa me pagará Deus do Ceo, que ese
Señor é bastante máis legal có Manuel, e xa non digamos a Manuela! E logo que
se lle fose a cobrar, moito diñeiro sería, pois no meu caso trátase de lucro
cesante e dano emerxente…, que a partires de hoxe nunca outra escritura me
encargan!
-.-
Seguiu habendo “ventas con pacto de
retro”, por moitos anos, pois os estafadores tardan en descubrirse, que Deus
ten moita paciencia cos pecadores, pero…, acaban caendo, sempre, que no pecado
vai a penitencia!
Xosé María Gómez Vilabella
__________________________________
Contos da miña lareira
 
-V-
OS LOBOS NON QUIXERON INTOXICARSE
Aqueles lobos da Ferradura estaban
esfameados, pero non obnubilados. Era xaneiro e aquel ano nevara con
abundancia, tal e tanto que deixaron de verse as penas da Ferradura, na Serra
do Pradairo, e iso que eran ben altas, de cuarzo purísimo. En consecuencia, as
ovellas e mailas cabras vivían de presebe, herba seca, uns feixes de hedra
arrincada nas árbores dos arredores, e pouco máis.
Xaneiro, mes de amores para os lobos, e
por tanto de gran desgaste, pero a nutrición da época, coellos do monte,
lebres, ovellas, cabras…, estaba resgardada, abeirada! Tiveron o seu conclave
nos campos do Miradoiro, que pola súa altura, arriba dos mil metros sobre a
costa de Alacante, que é a máis serea de España e por iso se toma como
referente, desde alí podían abesullar toda a contorna. ¿En dirección a Meira?
¡Os vales estaban descargados, máis derretidos, pero quedaban lonxe! ¿Baixar ao
Cádavo e rexistra-la estrada da Fonsagrada? ¡O peor de todo, cunha saba
branquísima e interrupta!  ¿Cara a
Castroverde? ¡Non era o peor, pero había tantas casas, algunha con escopetas, e
xa non fosen fusís! ¿Qué lles quedaba? ¡Cruza-las Veigas de Pena e pasarse ao
Monciro, ao Mons Ciro, pois nas súas lagoas a neve, coa humidade, derretíase
pronto, e polo menos terían cunicultura…, a falta doutra cultura, doutros
abastecementos!
Non se podían ter descontentas as femias,
as lobas, que logo se poñían de cara, e daquela daban por rematada a festa. O
caporal pegou un ouveo de regulamento, e botouse en dirección suroeste,
saltando por riba dos toxeiras, invisibles coa neve. Tras del, toda a tribo
lobona.
De chegados ás Veigas dos Feás viron que
se lles cruzaba nada máis e nada menos que Ovidio da Porteira, que o pillara a
nevada en Pena, na casa de seu irmán Darío. Afoutado que era, decidiuse a
camiñar polas beiras do Azúmara, para baixar a Pol, que de alí lles viña a
estirpe porque súa nai fora Porteira na Casa do Concello, etcétera, etcétera.
Do Ovidio dicíase que era máis empeitado
cós lobos, e ata sería certo pois a Falanxe víñao utilizando para…, para o que
non se atrevían eles! Pasada aquela época das sacas e das mazaduras, aínda que
quedaban fuxidos por toda a contorna, Ovidio entrou no paro; iso si, un paro
parcial pois cando alguén quería atacar polas costas, seica con pagarlle ao
Ovidio…! En todo caso, a súa ocupación foi a menos, e dicíase que de cando en
vez subía para visitar a seu irmán, cal fillo pródigo. No día de autos
cheirárono os lobos antes de que os vise el, alí polas faldras do monte de
Cobula, e agacháronse nunha campela para tomar decisións:
-¿Qué facemos, papamos ao Ovidio? ¡Está
fraco, e tocaremos a pouco! –Foi o razoamento do lobo caporal.
Nisto, a loba avoa, experimentada ela,
argumentou:
-Ese fillo de…, ese fillo da Porteira,
adoita pasearse co couceiro de dous canóns ao lombo, e como lle dea por
disparar, dúas pezas vainas cobrar! O mellor plan é que o lobo grande lle ouvee
de lonxe…, de forma tal que marre os tiros, e despois, mentres el recarga, nosoutros
atacamos!
Houbo acordo unánime e dispuxéronse para
actuar, pero nisto chegoulles unha fetidez atroz, que os desanimou: ¡Ovidio
puxérase a baixa-los seus calzóns ao lado dun xesta, que así tería medios para
a limpeza subseguinte!
-Maldito porco…; cheira a cadáver…; será
dos crimes nos que din que participou?
A loba grande:
-Son do mesmo parecer, así que propoño
seguir agochados ata que ese tipo chegue a Sarceda…, por se dispara…, e despois
subimos ás lagoas do Monciro!
Así o fixeron, e proba diso houbo pois
aquel ano, ao abrirse a veda, maldito un conexo, ou unha lebre, atoparon os
cazadores nas chairas de Monciro! ¡Papáranos os lobos a cambio de deixar en
liberdade ao Ovidio da Porteira!
-.-
Se ese Ovidio deixou fillos, ou netos,
seguro que son boas persoas, pois de parecerse ao vello serían famosos, cousa
da que non vexo trazas, que nada oín falar deles! A casa de seu irmán, do
Darío, leva moitos anos en ruínas, alí nas Veigas, cerca da DP-1611, así que
agora os lobos xa poden cruzar tranquilos, por invernía que faga!
Xosé María Gómez Vilabella
_______________________________________________

Contos da miña lareira

-IV-
O COITELO DA CARME DA LAXE
Este episodio non ocorreu, non me foi
relatado, diante de ningunha lareira, senón nunha fragua, ¡un inferno de carbón
vexetal!, na forxa do Caetano de Bascuas.
Meu avó e padriño levara a calzar un par
de aixadas, a grande de meu pai, e miña a pequeneira, indo eu con el porque mal
podía atenderlle ao saco das aixadas e de paso á súa caiada de coxo da dereita.
Achegábase a decrúa do nabal, e as aixadas quedaran meladas dos croios, dos
seixos, do monte da Ferreira. Tiñamos xente diante, así que tivemos que
esperar, lo menos unha hora.
No intre da nosa chegada, Caetano estaba
aceirando un coitelo delgadiño, coma dunha cuarta de longo, pero cunha
particularidade que nunca víramos, nin sequera meu padriño, coa de mundo que
levaba recorrido: ¡púxolle dobre fío, pois cortaba tamén pola cota! Alí ao
lado, na mesota das ferramentas, eu xa vira un mango mareliño, de buxo, e ao
seu lado, un anaco de cana, desas de andar ás troitas. ¡Cousa máis rara!
Caetano, despois de temperar e temperar,
non sei cantas veces, pois aquel coitelo se non ía para barbeira pouco lle
faltaba, mangouno no toro de buxo, en quente, perforando primeiro cunha broca
que mesmo tradeaba as pedras. Acto seguido…, ¡enfundou o coitelo naquel anaco
de cana!
Meu avó notoume intrigado, así que apoiou
a súa caxata na miña zoca, nun signo evidente de esixirme paciencia, que xa
falaríamos! Carme da Laxe, que resultou ser a destinataria do famoso coitelo,
meteu a man na faldriqueira, obviamente para pagarlle a Caetano o seu encargo,
pero este, retirándose para atrás, díxolle:
-¡Son ferreiro e non armeiro, así que
Deus me libre de cobrar polas armas, e menos polas de defensa persoal!
Ela fixo ademán de achegarse para bicalo,
supuxen que en agradecemento pola súa liberalidade, pero non acabou;
seguramente contivo os seus afectos ante a presenza de terceiros. Deulle a man,
iso si, e foise. Apenas traspasara o soarego da forxa cando meu padriño, tan
intrigado coma min, pero máis discreto, comentoulle ao Caetano:
-Ese coitelo…, como moito para matar
coellos! ¡Iso si, é unha peza de museo, digna dun ferreiro da túa categoría!
Meu avó non era policía, nin da secreta
nin da outra, pero dominaba a arte de interrogar sen apertar.
Caetano caeu na rede, e foise da lingua:
-Esa Carme da Laxe, tan boa cociñeira
como é, vai facer feliz ao Cura de Suegos, que a colle de Ama…, pero non en
todo!
Non debeu ser preciso dicir máis nada
pois meu padriño calou, retirando do saco as nosas aixadas, con estas únicas verbas:
-A do neno cálzaa en fino, que aínda ten
pouca forza…, e cando se faga home, un home de pelo no peito, xa che encargarei
outra.
Con estas fintas dialécticas a cousa
quedou arquivada, pero só ata o camiño de volta:
-Padriño, non sabía que se precisase un
coitelo de dobre fío para mata-los coellos!
-¡Depende, pois hai coellos e coellos!
Ese coitelo non é para matar, senón para castra-lo Cura de Suegos no suposto de
que faga coma o de Serés, co que estivo ata agora esa Carme.
-¿Capouno; atreveuse a capa-lo Cura de
Serés?
-¡Din que faltou pouco! Pero a min
explicoumo Queimadelos, ese médico de Castroverde… O Cura de Serés é sonámbulo,
e de noite levántase e deambula. Nunha destas equivocouse de cama, e non volveu
directamente para a súa, senón que entrou no cuarto da Ama… Queimadelos díxome
que aquela mesma noite se lle presentara o Cura, en Castroverde, espertándoo,
cunhas dores atroces nas súas partes, que ata tivo que poñerlle cloroformo! A
Carme, como non tiña un coitelo á man, fixo uso das súas mans e retorceulle o
paquete, todo incluído, así que pouco lle faltou para castralo! Como é unha
muller precavida, pensou en novas armas, agora que vai para Suegos…, e por iso
se aconsellou co Caetano, que entre ambos descorreron esa arma defensiva, a que
viches facer, por…, por se acaso, por se tamén é sonámbulo!
-.-
Por algo meu avó exercía de albeite na
nosa contorna, ¡por algo! Sempre creu que a medicina preventiva era mellor cá
operativa!
Xosé María Gómez Vilabella
__________________________________________

Contos da miña lareira

 

-III-
A VELLA QUE ACENDÍA O LUME A PEIDOS
-Xosé, o soprón! ¿Non ves que se apaga o
lume, e están a chegar os que foron á Misa de tarde, co seu xaxún ao lombo?
 
-Muller, a culpa é túa por non escoller
na leña; ¡trouxéchela mollada, habéndoa sequiña debaixo do hórreo! Como o
volvas a facer, vas soprar ti…, como facía a vella do Foxo!
 
-Non era do Foxo senón da Gulpilleira,
que estaba eu diante cando cho referiu meu irmán.
 
O cativo:
 
-Padriño, iso nunca mo contaches…
 
-Non é un conto decente, pero…, qué hai
decente neste pícaro mundo? Voucho contar se me prometes non dicirllo a
ninguén.
 
-¡Prometido!
 
-Daquela, aí vai: A xente deixou de crer
nas meigas, pero haber hainas, que levo coñecido unhas cantas. O seu poder
venlles dos pautos que fan co diabro…, mais a culpa vén dos romanos, que sempre
dicían, Do ut des! ¡Douche para que
me deas! O diabro dálles poderes a cambio de que lle entreguen a alma, polos
séculos dos séculos! ¡Mira se é cabrón!
 
-E as mulleres, unhas inocentes… -Intentei
defendelas, pero meu padriño:
 
-¡Déixaas en paz, pois elas deféndense
soas! Tratándose de mulleres, ou xenerosas coma as desta casa, ou egoístas coma
algunha que eu sei! Van ao trato con picardía, contando que as salvará o crego
da parroquia, que non deixa a ninguén sen responsos, pero, ¿engana-lo diabro…?
 
A vella da Gulpilleira, como naceu fea,
propúxolle ao diabro que, xa que non casaba, lle dese poderes para vingarse de
cantos mozos a desprezasen. Eses poderes a Xoana fíxoos públicos precisamente
na noite de San Xoán, que era costume face-lo lume novo no curral da Pereira,
que alí hai moito espazo para correr e saltar, entre a Casa Grande e maila do
Pequeno. Pois ben, xa brincaran por riba do lume tódolos presentes, menos a
Xoana, así que a desafiou o Manuel do Pequeno para que saltase ela tamén, ou
qué clase de covarde era! ¡Saltou, vaia se saltou, pero con tódalas
consecuencias, pois iso serviu para descubrir que era meiga, que antes non se
soubera!
 
-¿E logo, padriño, as meigas non poden
saltar?
 
-¡Saltan, ho, saltan, pero fano peidando!
Xoana, mesmo ao verse enriba do lume, seica soltou unha traca de foguetes, un
tras outro, a cal máis estrondoso, co cal o lume algarafuzouse subíndolle polas
pernas arriba. O escándalo estivo en que a peste que houbo non era precisamente
da súa saia de liño, medio queimada, senón…, ¡terei que dicircho!, de pelos
queimados, máis que se queimasen tódolos caídos ao chan nunha perruquería de
mulleres! A partires daquel intre, Xoana quedou acreditada, aínda que outros
din, desacreditada! Despois diso houbo outros incidentes, públicos e notorios,
pero todos dentro da súa profesionalidade de meiga, de meiga maior!
 
-Padriño, eu xa teño oído dicir, e
precisamente nesta cociña, iso de, “Eu non creo nas meigas, pero habelas
hainas!
 
-Rapaz, parece mentira en ti: unha cousa
é dicir e outra contar, por máis que siga habendo xente que di, “Voucho
contar”, aínda que non se trate dun conto! Os contos, contos son, e levantar
contos, lerias, descréditos, é unha peste que non se dá ido. A Xoana da
Gulpilleira era fea, ¡fea para os homes, pero máis lista que un raio!, así que
as veciñas do Val, boa parte delas, tíñanlle unha envexa do diabro, e
precisamente como era do diabro deron en inventar que tiña pauto con el, con
Satanás. Para dar testemuño diso, fabricáronlle o conto do lume…
 
-¿Pero, peidaba, ou non peidaba?
 
-¡Aí está o punto de apoio desa
difamación, que si, que peidaba, incluso en público, pois non era capaz de
conte-los seus gases…, produto dos arrefríos, que nunca braga levou, nin braga
nin calzón, e tamén dunha mala alimentación, pois, ¡miña pobre!, traballaba
para as casas de fóra, mal mantida e peor pagada!
 
Con isto, remato; o que cómpre, a túa
lección, ten que ser que cando traballes por conta allea, fixa ti, de antemán,
as condicións, pois, do que non, encima de mal pagado serás inxuriado!
-.-
 
O que non lembro é se lle din as grazas
pola súa enésima lección, pero se non o fixen daquela, doullas agora, con
réditos, ou sexa, infinitas: infinitas grazas, avó!
 
Xosé María Gómez Vilabella
 _________________________________________

Contos da miña lareira

-II-
O CAL DA MEDA
As caleiras da Meda teñen o seu aquel,
pero unha das máis gordas foi aquilo da incineración dos catro santos,
concretamente, exactamente, na agra de Cabos Anchos. ¡Tan ben os queimaron, tan
ben os incineraron, que nin o seu nome quedou, pero a historia oral sobrevive
ás xeracións, e meu padriño non deixaba pasar unha, en catro leguas á redonda!
Así foi como me contou este episodio da
Meda:
-Por algo que se lle escapou a teu pai,
seica te quedaches a durmir na Meda despois de predicar na Corrida do Galo (era
certo: foi na Pascua do ano 1948), e precisamente na casa dunha moreniña que
che botou o lazo… ¡Ten coidado coas lazadas da Meda, e máxime se teñen os ollos
mouros, que te-los ollos mouros na terra do cal algo quere dicir!
-Padriño, esa rapaza gústame, a verdade é
que si, pero xa tivo noivo, así que ben sei que corro o risco de que pase a
unha terceira fase…, que me dixeron de súa nai que é moi negociante, e por
ende, esculcadora!
-Ti, alerta, pois os mozos intelixentes,
¡e téñote por tal!, antes de ser deixados deixan eles! Pero vou ao caso:
Veña falar do Lugo romano pero esa cidade
non naceu nunha noite, como fan os fungos; houbo unha conquista, uns
campamentos, unha elección…, e por descontado, unhas ganas de bañarse en auga
quente, nas termas, que seguramente foi a causa principal da decisión. No entre
tanto, despois do Medullius, as guarnicións asentáronse nos Campamentos de
Andelón (Andión), de Romeán, e maiormente na propia Meda, segundo a tradición.
A Meda tiña canteiras e fornos, así que lles resultou perfecta para os
abastecementos das infinitas toneladas de argamasa que lles fixeron elaborar e
transportar aos nativos.
Para comezar: ¿Quen fixo a muralla de
Lugo? Eses de Lugo presumen de que llela fixeron os romanos, pero é porque non
queren admitir as humillacións do caso: ¡A muralla de Lugo fixérona…, os de
Lugo! Os romanos planificaron, e seguidamente déronlle ao látego. ¡As verdades
son as verdades, meu neno, por dolorosas que resulten!
De todo isto dedúcese que na Meda
estiveron, e déronlle ao látego, durante séculos. Pois ben, en certa ocasión
presentouse Santiago, e fíxolles razoar a uns cantos, entre eles catro irmáns
que acolleron o seu Credo, fundaron un oratorio e consagráronse a desasnar aos
xentís, aos outros romanos. Pero unha cousa é predicar e outra dar trigo, así
que o Centurión da praza pronto se cabreou de que aqueles irmáns, ¡catro
mozos!, ensinaran a rezar en lugar de decrua-los montes: ¡trigo, trigo para
Roma, unha Roma insaciable, que sempre viviu á conta dos seus conquistados!
Chamáronos á orde, pero eles non se
moveron do seu retiro, da súa agra de Cabos Anchos, así que o Centurión mandou
para aló un Decurión, con dez lexionarios e dez cabalos cargados con sacos de
cal viva! Primeiro alanceáronos, e desde que os tiñan no Ceo, ¡que subiron coma
foguetes, santos que eran!, os lexionarios fixeron unha foxa común para os
catro cadáveres, cubríndoos de cal viva coa finalidade de que non quedase
rastro deles, que ninguén os venerase, pero fodéronse aqueles romanos pois a
sona dun santo é indeleble…, para canto máis a de catro!
Xosé María Gómez Vilabella

________________________________________

Contos
da miña lareira
-I-
A VALGA DO SANTO ESTEVO
Esta
é a pista da Concentración que sube
de
Veiga a Maxide
tronzando
a Valga de San Esteban.
Aquela noite, despois do rosario, miña
nai e miña avoa baixaron ás cortes para acabar de muxi-las vacas, e meu pai,
que tiña que poñer escola, como de costume, foise para o cuarto novo coa luz de
carburo, seguramente para prepararlles aos rapaces os problemas do día seguinte
pois el, a diferenza do avó, non improvisaba cousa algunha, preparando as
leccións meticulosamente, que incluso escribía no encerado as que ía propoñer,
e resolvía as contas nunha pizarra, para logo non equivocarse cos…, ¡cos nenos,
non, cos rapaces, porque incluso lle viñan mozos e mozas casados!
Naquel aburrimento, e máis ben para
rompe-lo silencio en que se quedou a nosa cociña manifesteille ao Avó a miña
estrañeza de que aquela tarde viñera á casa do Ferreiro, cunha vaca para o boi,
un rapaz para min descoñecido, que dixeron que era de Rois, da Casa Nova de
Rois. ¡Boa a fixen, pois dedicoulle media hora á súa explicación! Sempre pasaba
o mesmo con meu avó e padriño, que comezaba cunha verba, e tras desa outra,
outra…, máis co Cura nun sermón da igrexa!
-Meu neno, tes que saber que, entre
parentes, os servizos son gratuítos, aínda que tampouco é cousa de abusar… O
touro do Ferreiro, que lle chamamos boi e iso que non está capado, é de boa
raza, teixo, mesmamente coma aqueles que trouxeron en tempos os nosos
fundadores, os suevos, que xa che dixen máis veces que este lugar de Bergland
foi unha das súas fundacións…
Por aquí cerca asentáronse en varias
parroquias, como nos evidencia a toponimia de moitos lugares pois daquela,
Roma, no foedus que lles concedeu,
permitiulles aos suevos poboar tódolos lugares baldíos con tal de que non
pasasen dun terzo deste país…
O lugar de Rois, o dese rapaz da vaca, en
lingua xermánica, que era a dos suevos, significa xunqueira, que aínda o é! Aí
si que non cambiaron o nome, como pasou coa súa parroquia, que de Ciro pasou a
Cirio, por culpa de Santiago, que cando veu por aquí díxolles que se ben era
certo que esas terras llas adxudicou Roma ao seu xeneral Ciro, ¡en
agradecemento porque acabou cos celtas da contorna naquela batalla do
Medullius, que de aí vén igualmente o de Mons Ciro…
Como che ía dicindo, Santiago propúxolles
facer un cirio, ¡de cera!, tódolos anos, por Pascua, e acendelo devotamente, co
cal se irían esquecendo daquel cabronazo de Ciro, e a parroquia collería un
novo nome, derivado pero distinto!
Do que che levo dito pasouse ao costume
de celebra-los maios nos Campos de Cirio, ¡nos que foran Campos de Ciro!, e
acender, non un velón, senón unha gran pira, e tirarlle flores ao lume, para
escorrenta-las meigas, e coas meigas a maldita lembranza daquel matón, daquel
Ciro… ¡Pero non te durmas, que aínda queda moita historia!
Non sei se un bo día, ou un mal día, pois
as cousas malas, por veces, traen boas consecuencias, que mesmo o fai Deus para
ensinarnos a distinguir o bo do malo, uns de Rois, a Ermesinda de Soutullo e
dous rapaces veciños dela, concretamente ao pasar polo monte de Arroxós…
-¿Arroxós? ¡Pois vaia nome! –Lle comentei
ao avó, interrompéndoo.
-Non ten nada de particular, pois unha
arroxa é a queima dun monte para despois arrincar os torgos ou cádavos dos
toxos, que son unha especie de carbón para o inverno. Como agora non deixamos
medrar as toxeiras, que o monte precísase decruar a miúdo, nas cavadas, para
logra-lo trigo… Pero volvamos ao caso, pois os coudullos sempre se deben arar
ao final. ¡Toma nota para outra vez!
Ermesinda, non se sabe se por inocente ou
por golfa, alí mesmo nos Arroxós, díxolles aos dous rapaces, asemade:
-O outro día mandoume miña nai leva-la
Cachorra ao boi a Xerbolés… (Ermesinda era orfa de pai). E sabedes que me
pareceu? ¡Pois que a Cachorra sentíase feliz co boi enriba, e iso que debe
pesar por dúas vacas! ¿Por qué non me facedes o mesmo, un despois do outro…?
¡Que máis querían os rapaces, pero o
drama veu despois, cando se lle foron as regras á Ermisinda! Súa nai chamouna a
capítulo:
-¿Cando, onde, e cómo foi?
-Nas Arroxós, vindo dos Maios dos Campos
de Cirio, Manuel e Evaristo, ámbolos dous, que me sementaron os dous, pero non
me lembro cal foi o primeiro!
-¿Cal mollou máis…?
-¡Como se me pregunta cal mollou menos,
pois ámbolos dous parecían os canos da nosa fonte…, tanto ou máis co boi de
Xerbolés!
Nese dilema, ningún dos veciños aceptou
pasar pola vigairía, así que, entre nai e filla, acordaron dicir en público que
fora cousa do seu criado, do Estevo, pero Estevo, que non estaba disposto a
cargar con culpas alleas…, fuxiu!
-¿Avó, emigrou?
-¡Non puido, que daquela aínda non se
descubrira América! Veuse para aquí, cerca de nós, aí entre Veiga e Maxide,
nese rego que agora chamamos A Valga do Santo Estevo, pois aí estivo de
ermitán, ata que Deus o levou ao Ceo. Que eu saiba, foi a única persoa desta
parroquia que chegou a Santo…, ben demostrado polos milagres que se atribúen ás
augas do seu rego! A ermida construída polo Santo, co tempo, chegou a ser parroquia,
con convento e todo, aínda que os frades dominicos quixeron un sitio máis alto,
que o puxeron baixo a devoción de San Cibrao. Con eses cambios foise perdendo a
devoción do Santo Estevo, do Santo e das súas augas, pero eu sigo téndolla pois
o primeiro dos Estevos foi apedrado, pero este foi repudiado, exiliado, e todo
iso, que non é pouco! Deus te libre dunha mala muller, pois, igual que Eva,
gozan tentando aos homes, e os homes, como somos de barro, escachizámonos,
deseguida. O Estevo de Rois, non, pois ese resistiu a tentación de casar cunha
muller rica…, pero golfa!
-.-
Tempo adiante, séculos despois, eu tamén
caín por Rois, buscando moza, pero a miña, a miña “Ermesinda”, non era golfa,
nin rica en bens, aínda que si en feitos; tan santa ou máis có propio Estevo de
Rois! ¡Nunha “xunqueira” non só se dan as rás!
Xosé María Gómez Vilabella
____________________________________________

PASAMOS DAS LAREIRAS Á

CULTURA GLOBALIZADA
 
en
cousa de medio século. ¡Xesús, qué cambio, qué evolución, que se non o vivira
non o crería!
Non é certo que fosen os romanos os que
trouxeron as lareiras, que xa as tiñan os nosos castrexos, co seu pote nas
brasas, ¡de carballo as brasas, e de barro a ola, que é o material máis nobre,
e se non, que llo digan a Deus, que o utilizou para face-lo home, e así saímos,
que cocemos canto nos meten, sexan verdades ou mentiras! O que trouxeron os
romanos, para abeiralos cabe dos nosos tizóns, foron os seus lares, e cos
lares, os manes, e tamén os penates, que non se atreveron a deixalos fóra, no
bosque, á  intemperie…, por se llelos
exorcizaban os nosos druídas, tan poderosos eles!
As lareiras serviron para moitas cousas,
sendo as súas principais funcións quenta-lo corpo e estimula-lo espírito, ¡a
universidade xeral! Das lareiras, e sen case transición, pasamos ao televexo,
que vén a ser a universidade global, fría e caótica. Con iso e con todo, pouco
se leva escrito delas, e pouco sitio se lles reserva nos nosos museos,
etnográficos incluídos, así que teño para min que, onde tanto queda por dicir,
algo poderei engadir, apoiado, documentado, nas miñas vivencias persoais,
patrimoniais, e por tanto, transmisibles.
Daquela comezarei as lembranzas con esta
evocación da cociña da Olga, fogar daqueles antepasados meus, os Gómez de
Neira. Cociña de pazo, e por ende, con campá de pedra, pero as labregas, as
casas do común, tardaron en ter extractora porque situaban a lareira medio a
medio da casiña, sen sobrados enriba, que deste xeito cumprían coa función
polifacética de: rodearse das cortes do gando, quentándose reciprocamente, o
gando á xente e a xente ao gando; evitar perigos de incendio, aínda que se
atizase con toxos; de paso, tódalas habitacións do sobrado recibirían
calefacción nas súas cabeceiras, e luz exterior nas fiestras. ¡Non se me diga
que estaba mal descorrido!
Outra función das lareiras da que pouco
se ten falado, acaso por un pudor mal entendido, é que tamén fixeron de sala de
partos. ¿Si; e por qué? Lóxico e sinxelo: Nas cociñas estaban as cambariñas dos
avós, de par das cambadelas, dos presebes do gando, cerradas e coas táboas
afumadas, pero abertas pola dianteira. O seu xergón era o mellor da casa, de lá
branca, pura e ben escarpullada. Nese sitio discreto e cómodo recollíase a
parturiente tan pronto comezaba coas dores; por saba baixeira, pelicas de
ovella. Ao tempo, os homes da casa saían en busca da parteira, coa egua
aparellada se vivía lonxe; no ínterim, a patricia acendía o lume, se non o
estaba, para que o neno atopase un ambiente similar, e non se arrefriase no
intre de apertarlle o cordón umbilical co conseguinte fío de liño. ¡Así nacín
eu, eu mesmo, que llo preguntei a miña nai a primeira vez que vin parir unha
vaca!
-¿Mamá, tamén me lambiches, como fai a
nosa Teixa?
-Non, filliño, que a ti lavoute con auga
morna a señora Manuela do Rego; precisamente desa pota, da grande, da que temos
nas trepias!
Os afortunados tivemos dous templos para
unha mesma relixión: O familiar e mailo parroquial. No meu caso concreto, por
te-la fortuna de ser pobre, mentres vivín na casa patrucial gocei do altar
familiar, ¡a lareira!, con meu avó de oficiante. A outra sorte foi que en
Montecubeiro viñamos dos frades, ¡dominicos, nada menos!, así que nacín co seu
signo na fronte: ¡Ora et labora!
O templo familiar, xa digo, esfargallouse
co plaxio dos ricos, ¡dos chamados ricos!, que contaminaron o país importando
cociñas bilbaínas con mesa marmórea, e daquela, ¡adeus lareira, adeus mesa de
levante! Baixa-la mesa, mesmo diante da cociña, e poñerlle os manteis, era ben
parecido ao que facía o noso Párroco na igrexa, na outra, pero máis nosa era a
fogareña, limitada ao grupo familiar. Os da parroquia tamén eran irmáns, tamén,
pero cun ADN distinto, máis…, diverso!
A veces é bo comeza-la casa polo tellado,
e neste caso teño a tentación de comeza-la cociña na nosa mesa de levante, pois
dela conservo a inveterada costume de meu avó, ¡avó e padriño, dous títulos
excelsos!, de bendicir a mesa: -Señor, acepta estes froitos, que da túa man nos
viñeron, e a Ti chos ofrecemos para que, fortalecendo o noso corpo, teña bo
asento o noso espírito. Amén.” ¡Deus, qué aperta lle vou dar cando volvamos a
vernos! Pero iso será se chego á súa altura, que a del era moita, e coido que é
imposible que encollese Aló Arriba; antes ao contrario, pois dou por seguro
que, de albeite, ascendérono a…, Cura de Almas! Aquí Abaixo, a diferenza de
dous tíos, non chegou a ter coroa peluda, pero Arriba seguro que lla deron de
estrelas.
Naquela mesa, na de levante…, que? Pan
nunca nos faltou, aínda que na guerra, ou máis ben despois dela, por culpa das
cotas e das requisas, houbo que engadirlle patacas á fariña para que as
fornadas chegasen ata a nova colleita, que sempre se facía esperar; ¡nunca veu
antes do mes da Sega! Co que levo soutado, de landras e de castañas, entendo
que podíamos logra-la ceba sen quitarlle o salvado ao noso pan de cada día,
pero viña así, de costume, que ninguén nos dixera, ¡e menos o muiñeiro que
cobraba a maquía en fariña, nunca en farelo!, que o pan integral é…, máis pan!
O peor foi que a madriña, ¡sería de tanto parir fillos, de tanto compartir o
seu calcio!, quedouse sen dentame de moi nova, que xa a coñecín desdentada, e
para roe-los codelos do pan víase negra, sendo roiba! Menos mal que o avó lle
aconsellaba botarlle as rafas ao caldo, e así, máis que mastigar, a pobre
engulía.
Xa que falei do caldo, volvamos ao pote.
¡Ai caldiño, caldo, patacas, fabas, verzas ou grelos, e…, unto! O unto era,
tiña que ser, debía estar, curado ao fume, pois o outro, aínda que unte, non é
unto! Caldo ao xantar, e papas á cea, porque o xaxún rompíase cunha cunca de
leite…, desnatado! Xa o dicían os de Ortigueira: O que papa a nata, non ten
sorte coa manteiga. As deces e mailas merendas, comezaban coas flores de Maio…,
indispensables para cavar, fose no monte ou na chousa, pois, sen unha
talladiña, quén resistía o resto do día!
Tres clases de potes, tres: O propiamente
dito, que tiña tres tetos, tres saíntes do mesmo material, tamén chamados pés;
a pota, que se era pequeneira asentábase nas trepias; de aí viña aquilo de
chamarlle “trepia” a muller que non se conformaba co apoio do seu marido, e
buscaba un terceiro…; diso nunca faltou desde que Eva se namorou do seu guapo,
do seu Lucifer! As da terceira clase tiñan asas, e nas asas o colgadoiro, para
penduralas do guindais, ou guindastre, ou gramalleira, que eses nomes tiñan,
ademais dun lugar preferente tras da lareira, onde recibían a calor, pero afastadas,
que así non se queimaba o seu madeiro xiratorio, xeralmente de castaño ben
curado.
Na pota cocíase de todo, desde os
cachelos á tiriña de touciño, complemento natural dos cachelos, maiormente
daquela que escaseou o pan. Pero o que máis me gustaba da pota eran as fretes,
ese residuo que queda ao derrete-la manteiga. A manteiga, artigo de luxo, para
unta-los ricos urbereños, volvía na pota ao seu estado líquido, ao inicial,
pois doutra forma non podía entrar na vexiga porcina, onde, solidificada de novo,
aínda que doutro xeito, xa se facía conservable, e por ende, vendible nas
feiras. ¡Pobre vaquiña, que seguía pacendo e pacendo, mentres o xato aprendía a
facelo co feo do presebe, destetado antes tempo…, por culpa de mante-los
larpeiros!
Santa Teresa deixou dito que Deus tamén
andaba entre os potes, ou máis exactamente, coa xente dos potes, que daquela
eran mulleres, a feito, pois aínda non chegara o día de vesti-los homes de
negro para convertelos en cazoleiros da hostalería. ¡E tería razón, pois non
hai mellor gloria cá duns potes ben atendidos! ¿Como se atenden, ou atendían,
os potes? ¡Como ía ser, con estelas de carballo, a ser posible sequiñas, sendo
as mellores as que secaban debaixo do hórreo, ben aireadas! Ao unto dálle, ou
dáballe, toda a graza da súa graxa aquel afumamento nas táboas da cociña vella;
e para o resto, igual, que por algo se destapaban as potas cando rompían a
ferver. Disto hai que deducir, tamén, que non era exacto, que non era correcto,
aquel dito que dicía que, -“Xente nova, e leña verde, todo é fume”. ¡Mentira
parcial! No da leña é certo, pero no da xente nova…, grazas sexan dadas a Deus
que os afuma, pois, para apagados, para cinsa, chega cos vellos!
O rosario, diante do crucifixo, pendurado
no sitio máis visible da cociña, rezábao meu pai, ¡el, para darlle exemplo á
xeración seguinte!, e sempre despois da cea. ¿Por qué despois? Advertencia do
albeite, do avó: -De grandes ceas, están as sepulturas cheas, así que compre
comer pouco, pouco e cedo, para deitarse coa dixestión feita; e de froita, á
cea, cero, que non lle convén ao corpo converte-los azucres en alcohois.
¿Entendido? Entendido, pouco, pero, palabra de Avó, palabra de Deus!
Despois do rosario aínda quedaba
atizarlle ao caldeiro dos porcos, ¡dos irmáns, que así lles chamaba un veciño,
Sidro de Brais! -¿Por qué?, lle teño preguntado. –Meu neno, por dúas razóns
potentísimas: Primeiro, porque dan a vida polo home…, no mellor dela, na ceba!
E segundo porque, de esfolados, as súas vísceras son idénticas ás nosas. Día virá
en que os cirurxiáns as utilicen para substituír as que se nos avaríen”. O
albeite, meu padriño, dicíame que niso non lle fixese caso ao Sidro porque,
aínda que hai humanos que son verdadeiros irmáns dos porcos, nunca un porco
quererá ser irmán de certos humanos.
O latín de meu pai daba xenio oílo, e non
o dalgún Cura, pois el pronunciaba amodo, vocalizado. A súa memoria prodixiosa
permitíalle repetir o Misal coma se o tivese diante, e logo que, ademais de
latín galeguizaba, traducía directamente, para que llas entendesen os nenos
todas e cada unha das invocacións da Ladaíña, cousa que nin o Párroco facía.
Moi ben o deberon recibir no Ceo pois non había rosario dos seus nos que non
pedise polos defuntos da casa, do lugar, da parroquia, de Galicia, de España,
de Portugal…, deténdose particularmente nas ofertas por aquelas benditas ánimas
que non deixaron no mundo cartos para pagar responsos, ou parentes que diso se
ocupen! Tampouco se esquecía de rezar polos emigrantes…, “eses orfos que están
en terra de infieis, e por tanto, en perigo de contaminarse…” A el cobrábanlle
as bulas, pero as súas ían gratis, coreado polo resto dos presentes.
Co aumento do gando viñeron dúas
innovacións: Os cortellos exteriores, comezando pola corte da egua; e no
interior a descentralización da lareira, que se levou para un curro da casa, co
cal tiveron/tivemos unha ventá, e coa ventá, un vertedoiro, amén dunha luz
directa pois a cenital das bufardas era farto exigua, tendo que suplila cun
consumo enorme de leña, que ademais de quentar alumaba.
O vertedoiro exterior supuxo un gran
avance, un gran confort: hixiene, comodidade…, e incluso para osmar pois a súa
ventá tamén servía para espia-la xente que pasaba, as andanzas dos veciños, as
mudanzas do tempo… De par da pía, nun dos lados, a sella, que só foi de aros
amarelos nas casas que tiraban a potentes; nas outras seguiron sendo de ferro
remachado, por séculos. Dunha das asas colgábaselle a ferrada de extrae-la
auga, que xeralmente servía para beber directamente; un luxo era colgar da
outra o “bote”, que ultimamente viñan de aluminio.
O vasar, ou alzadeiro, pendurábase do
outro lado da ventá, servindo para colgar, para ter á man os utensilios do
comedor, á vez que de escorredoiro. As mulleres da casa, atreveríame a dicir
que sen excepción, dábanse unha maña encantadora para repenicar grandes tiras
de periódicos, ¡desde que comezou a habelos!, que lles facían uns calados
primorosos, e servían de fondo e de adorno para o andel daqueles adminículos:
cuncas, pratos, coadores, culleres e culleróns, garfos, etcétera. As casas de
media magnitude evidenciábana colgando, tamén, pola súa asa, a chocolateira. O
“chiculate” era cotián, preceptivo, nas reitorais, e optativo nas de segundo
orde, salvo no caso das parturientes que o tiñan de precepto, xunto coa
manteiga que lles levara a comadre, as roscas da feira, os ovos fritidos,
etcétera, etcétera, pois non hai tanto tempo que se extinguiu o costume, a
obriga recíproca, de levarlle o cesto á parida: unha, como celebración; dúas,
para que aleitase ben; e tres, para que non tardase en volver a menstruar pois
facían falta emigrantes para que mandasen algo de prata, e con iso librarse,
entre outras minguas, das vacas de cabana, e paga-los foros, os consumos, os
réditos do usureiro…
O fregoteo era cousa das mulleres pois os
homes, torpes que somos, aínda non aprendéramos. E como o xabón tardou en vir,
nada mellor que fregar coa cinsa da lareira, un deterxente insuperable…, e
barato, que tanto servía para as cuncas como para a roupa branca!
¡Ouh Santa Lareira, que, despois da
matriz de miña nai, fuches o núcleo da miña crianza, e coma min, o de media
España, comezando por Galicia, terras de Santiago, nas que, tendo o noso Santo
Patrón entronizado e venerado, non fixo falta utilizar a súa espada porque só
Al Mansur se atreveu a visitarnos, e para iso, non podendo levarse o noso Credo
só cargou coas campás!
Rosalía despedíase dos ríos e das
fontes…; ¡eu tamén, pero máis ben da miña lareira, lareiriña na que me criei,
que todo o demais xiraba en torno ao lar familiar! Na lareira, cabe da lareira,
choraron os meus ollos por primeira vez, pero daquela só foron bágoas de fume!
Cabe da lareira puxeron o meu berce, non para terme quentiño co lume, pois era
Agosto; ¡foi para quentarme coa calor familiar, voltos cara a min, esperando de
min que seguise, que mantivese, o prestixio, a dignidade familiar, que é o máis
grande que pode facer unha xeración, tódalas xeracións!
¿Cómo lle puxestes ao neno?, era a
pregunta inicial. Se era guapo ou feo iso resultaba secundario pois o
importante era darme o seu apego, a súa relación, e non podemos relacionarnos
co próximo sen coñecer o seu nome! Acordándose de Belén, ofrecéndome á Sagrada
Familia, puxéronme Xosé, con María; non omitiran o de Xesús pois a Xesús, ou
máis exactamente a Xesús Cristo, tíveno desde o primeiro día, cravado naquela
cruz de madeira que presidía a cociña, tódalas cociñas. Non sei por qué sería
que non me asustou ver crucificado ao propio fillo de Deus, e iso que daquela
aínda non sabía que o seu sacrificio fora iso, voluntariamente aceptado, pois á
forza non hai sacrificios senón torturas. Cristo estaba diante miña, presidindo
a familia, e aínda que as tiña cravadas,
o neno sempre tivo a impresión de que me collía no colo, coas mans máis
agarimosas que se poda dicir e pensar; ¡máis aínda cás de miña nai, que xa é
dicir!
Cando as visitas se facían numerosas,
natalicios, festas dos avós, a patronal, ruadas…, e tamén nas labores
colectivas, rogas de cavar, gadaña, sega, malla, fía do liño, e por aí adiante,
caber diante da lareira facíase complicado, así que, se a banca, ou bancas, non
chegaban, e como o par de cadeiras era privilexio, ¡trono!, dos avós, aínda que
os meus habitualmente non as ocupaban, non había casa que non dispuxese,
gardados na palleira ou no hórreo, duns cantos mesotes, fosen de tres ou de
catro patas. Os cativos e mailos solteiros, mesote, por suposto! Canta máis
xente, máis calados os rapaces: unha, por obediencia debida, e outra porque…,
porque ao lado daqueles experimentados, qué íamos dicir!
Os dicires eran…, o que xa dixen:
universitarios! Pero cunha particularidade que hoxe consideraríamos obsoleta:
cando falaban as mulleres, calaban os homes, ¡todo galantería! E cando falaban
os maiores calaban os nenos, mozos incluídos. Non se lle negaba a palabra a
ninguén, fose cal fose o seu sexo ou idade, pero…, por tempos, sen
entremeterse! ¿A cultura avanza? A cultura pode que si, pero o respecto e maila
prudencia…, están de vacacións! ¿Cando pensan volver? ¡Farano cando a
humanidade se decate de que tódolos atropelos son nefastos, e non só os do
tráfico rodado!
¡Que intelixentes aqueles castrexos ao
face-las estancias redondas! O pan, redondo; a mesa, redonda; ¡todo menos a
cama, que sempre foi, e debe seguir, rectangular, de dúas prazas, salvo para os
curas, pois eses adoitaban usar as de praza e media por…, barrigudos! O propio
lume é redondo, por cadrada que fose a lareira. Aínda que as estelas, de
asentadas no trasfogueiro ou murillo, formasen unha ringleira rectangular, viña
o lume e redondeábaas, acabando nunha mámoa, e por tanto redonda, de brasas.
¡Deus, canto simbolismo podemos tirar dunha lareira, de tódalas lareiras, pois
nelas, rodeando os trepedes, esa trindade de apoio xeral, viña o resto da corte
celestial, que iso é un fogar!  
¿Meu padriño co soprón? Co de soprar, se
entende. ¡Nin un corneta da Lexión, avivando, aclarando tódalas brasas do
braseiro, que nin que se preparasen para toma-lo Gurugú! A propósito do Gurugú,
conservaba, e leumo varias veces, este recorte do periódico A. B. C.
, que
llo trouxera seu tío Manuel para que vise que aquel quinto contaba verdades, e
non trolas, como facían outros, así estivesen gozando da claridade dunha
lareira:  VIERNES 6 DE AGOSTO DE 1909.
EDICIÓN i. PAG. 6. “¡Vengan pronto los refuerzos últimos; caiga sobre los rífeños
un castigo duro, implacable; corra por las vertientes del Gurugú cien veces más
sangre mora que la que han vertido nuestros soldados!” O tío Manuel, en
compañía duns mouros axudara á recolle-los mortos e mailos feridos que os
soldados españois ocasionaron ao inimigo. Máis tarde foi presentado ao caid da tribo, cuxo nome descoñecía, quen
lle prometeu conservarlle a vida á cambio de loitar nas filas da súa harca contra las tropas de España… Pero
o tío Manuel fíxose cunha gumía, e de
afeito que estaba a matar “jalufos” esfolou aos catro indíxenas que o retiñan;
nisto oíu unha corneta española ao lonxe, e orientándose con aquel son volveu
cos seus, coa súa Bandeira. ¡Tan meniño eu, e xa aprendín unha lección de
Historia…, grazas á nosa lareira; quen me ía dicir que, vinte anos despois,
viviría eu mesmo dez, dez anos, cos netos daqueles que cautivaran ao tío de meu
pai!
Por culpa da guerra do 36 pouco faltou
para ter que volver aos tempos en que se obtiña o fogo refregando dúas estelas
de carballo. No meu Bergland teñen vido á nosa casa en busca dunhas brasas, que
as levaban nunha tixola vella para acender o lume; nós non tivemos ese agoiro
por obra e graza de meu avó materno, que tiña un estanco, e nunca le faltaron
mechas para os chisqueiros de pedernal, ou pedras para os de bencina.
A leña tampouco sobraba, a pesares do
arboredo galaico, pero…, uns cantos peros! O primeiro se cadra era porque o
cabrún goza cos grumos arborescentes, que son os seus pasteis! As árbores, en xeral,
delimitaban as fincas pois o interior precisábase, e non chegaba, para os
cultivos, fosen hortícolas, cereais ou pastos. No monte abertal non era cousa
de deixar medrar as toxeiras, nin as xestas das chousas. ¿Por qué? Elemental,
rapaces: o toxo da mariña había que picárllelo ás bestas, e o arnal facía falta
para roxa-lo forno do pan, e para a cama das cortes e dos currais. A terra
ácida é insaciable cos estercos, que os dixire en tres meses, maiormente nas
nosas invernías, frías e húmidas. En canto ás xestas, ¡que boa rabia merecían
pola abundancia das súas carrachas!, facíanlles complemento aos toxos, así que
poucas chegaban a ter un furco de diámetro.
¡Que razón tiñan os druídas no seu
adora-las árbores, ese maná permanente que Deus nos concede, eses madeiros que
son, e foron, cara e cruz da vida, co propio Xesús Cristo deixándose soster, e
incluso agonizar nun deles! Eu comezaría polos castiros…, diante, debaixo, dos
que tanto me axeonllei, e non todos eran da miña casa, pois, de tanto que soutaba
os nosos chegábanme a pouco! Tamén é certo que foi o único roubo que cometín;
iso si, reiterado, ano tras ano! Era cuestión de madrugar, e con iso, un
cestiño e mais un saco, veña soutar! Cando se levantaban os veciños, o Pepiño
de Gómez xa volvía para a casa arrastrando no saco, cheo, pois eran tantas que
non podía con el ao lombo. Daquelas castañas: As dos bullós pelábaas de noite,
a carón da lareira, coa luz das brasas, que xa tiñamos un cestiño de táboas da
medida calculada para que nos chegase para os seis, ao xantar do día seguinte;
mentres, o resto da familia facía as outras labores da casa. As asadas, nunha
latiña que furara meu pai cunha punta de piso, e sobre das brasas, ¡bendita
lareira, que non me cansarei de lembrarte!, pasteis, pasteis de castaña,
castañas asadas nas brasas, os únicos doces que coñecíamos a maioría dos nenos
da miña bisbarra! Coas castañas unha trampa, necesaria pero trampa: ceba-los
cochos…, para despois matalos!
Landras non roubei; landras, non, que
tiñamos abondas na nosa carballeira. Se aquelas castañas foron o meu confeito,
as landras dos porcos facíanos felices…; axudáronlles a engordar antes, e por
tanto, a morrer antes!
 De
froitas, ¿qué? ¡Infinitas! Viñan deseguida os amorodos bravos, que se
reproducían anualmente, sen outro coidado, no valado do fondo das cortiñas de
Abaixo das casas. Unha vez tanto me acheguei á beira do valado, ¡non se podía
desaproveitar ningún, nin sequera os do valado, por ortigas que os escoltasen!,
e cos ollos cravados naquelas xemas preciosas, os pés, descoidados, esvararon,
así que a caída foi de antoloxía, tres metros de alto, ou máis! Como o sitio
estaba illado e solitario, os meus berros chegaron ao Ceo pero non ás casas,
así que me valeron os anxos, e non as persoas, de tal xeito que en cousa dunha
hora de queixas xa estaba o neno buscando unha escarpadura livián pola que
agatuñar, pola que gañar altura para volver á mesa morotal. ¡Morotal, pero case
mortal!
Tras dos amorodos non tardaban en chegar
as cereixas, comezando polas enxertas. Nunca gabeei ben, nunca fun un bo
trepador, ¡nin trepador nin trepa!, así que me valía dunha panca das de
varexa-los castiñeiros á que lle atei un fouciño pequeneiro, e con esa artimaña
os rubís baixaban do ceo, do extremo sollío das ramas, mesmo á miña boca. Con
iso, e por iso, creo que o maná dos israelitas, ¡eran cereixas!
Logo viñan as ameixas, que tiñamos dúas
árbores moi agradecidas xunto da caseta da herba de miña tía María; e digo
agradecidas porque ao comeza-lo inverno meu padriño arrimáballes unhas
picañadas de esterco, cunha cesta de excremento das pitas, do noso poleiro, co
cal as ameixeiras, ledas e agradecidas, melloraban, ano tras ano; en cantidade,
pero tamén en calidade. ¡Morreron de vellas, pero deixaron coias esparexidas,
así que, de fillos, e netos, e bisnetos…, deben ter un a lot of, que din os ingleses! Tras das ameixas viñan as mazás e
mailas peras… Daquela os mozos contaban unha canción picaresca, que tardei anos
en entendela, ¡torpe, ou inocente, que era aquel rapaz! Esta noite, de madrugada, abalei unha pereira, que nunca fora
abalada…;  tra-la-ri, tra-lará!
En canto ás mazás xa me estou cansando de
repetir que o pecado da Avoa, o de Eva, non foi de mazás, que niso o Xénese
botoulles a culpa por non escandalizar: ¡O pecado de Eva foi que se namorou de
Lucifer, Príncipe da Luz, e púxolle os cornos ao seu Adán por…, porque era iso,
un adán! As mazás son manxar celestial, crus, asadas, ou en sidra, así que nos
lles botemos culpas que non teñen; ¡sempre se acusa aos inocentes, por…, por
indefensos!
¿Peras? Para asar, e para compota, as
“pardas”, pero esa raza, a forza de enxertos, multiplicárona, clonárona,
tirando unha descendencia espuria que non se lle iguala ás do meu Bergland.
Non se me esquecen os figos, en absoluto,
e iso que lles debo unha caída encima dunha colmea; daquela as abellas,
enfadadas comigo cando debían anoxarse coa figueira quebradiza, puxéronme a
cara feita un globo, un cabezudo, precisamente o día da festa do Santo, para
máis INRI!
Por último, e non por desprezalas,
estaban as amoras das silvas, das silveiras, que se vendían caras porque había
que pagalas cunhas rabuñadas espiñosas do máis doloroso.
Está claro que a natureza neste país é
prodiga, e por tanto, seguramente por iso, témola desprezada, esquecida, aburrida.
Sería cousa de reunir á xuventude actual, tan descridos e tan desagradecidos
que adoitan ser, en torno a unha lareira, para explicarlles aquelas
xenerosidades gratas, e…, gratuítas!
-.-
“¡Miña casiña, meu lar…!” ¡Pero qué
intuición a de teus padriños; qué ben apreciaron que bautizaban, máis que unha
rosa, unha roseira, unha Rosalía! As túas espiñas ían por dentro, ¿non si? E
con iso e con todo, aínda non te subiron, aínda non te subimos, aos altares.
¡Eu, si, e outros moitos, tamén; case diría que todos, menos os curas…, con
todo se-la filla dun crego, ou precisamente por iso!
Galicia ten unha bandeira e dous patróns,
Santiago á parte: Santa Rosalía e San Castelao! Cada un á súa maneira, pero
ninguén coma eles tivo tan fundido, tan refundido, o corazón coa cabeza.
Ámbolos dous foron devotos, uns devotos excelsos, “da casiña”, e “do lar”.
Limitándome ao meu rural, á miña casiña e
ao meu lar, os propios, os familiares: Despois dos clásicos, elementais, “pai”
e “nai”, o primeiro dos vocábulos que impactou nas miñas orellas foi o de
“soprón”, que así lle chamaban a aquel canón de escopeta, co extremo taponado a
excepción dun orificio polo que nin case cabía unha agulla de calcetar.
-Xosé, dálle ao soprón, que se nos vai
apagar o lume, e aínda non ferveu a pota dos cachelos!
Repetía miña madriña cando o padriño se
distraía cos seus contos, que sempre os fabricou sobre da marcha pois nunca un
repetido lle oín. Daquela o padriño levaba o canón aos seus beizos, e sopraba
con tal forza que alporizaba os rescaldos da lareira, nun santiamén. Para
facelo tiña que contraer fortemente os seus beizos porque non lle xuntaban ben
debido a un cáncer que tivera, de fumador lle chamaron, que lle fora
cauterizado, eliminado, cun ferro roxo, aplicado sen anestesia, pois aínda non
se coñecía na nosa bisbarra.
Previo aos sopridos, un feixe de leña,
así que, entre a resurrección do rescaldo, o aire comprimido, e mailos efectos
da cambota, o lar volvía a ser lar, resucitaba!
“¡Miña casiña, meu lar…!”. Versos
parecidos aos teus gustaríame sopralos se con eles puidese resucitar a meus
avós…, pero tampouco fai falta xa que pronto, por lei de vida, os terei dándome
a man para axudarme a subir. ¡Eles me bautizaron, eles me darán a man cando
chegue ás portas de San Pedro! ¡Amén!
Contistas, ou máis exactamente
educadores, eran os dous, o materno e mailo paterno, pero o da casa…, nin que
fose un catedrático, e iso que case sempre se sentaba, como un máis, na
cabeceira da banca. En cambio eu, que ía para bancario, aínda que daquela sen
sabelo, a miña preferencia estaba na mesota pequena, das tres patas, lixeira e
movible, circunstancia que me permitía colocala fronteira de meu avó, co cal
non só escoitaba senón que lle apreciaba a xesticulación correspondente a cada
unha das súas leccións.
A transmisión oral, esa cátedra infalible
das lareiras, viña directamente de Adán, de avós a netos, e por iso era
permanente, bíblica, certa, sen posibles erros, sen florituras de redacción
pedantesca coma a que adoitan conter os libros de texto.
Pero non todo foi cousa do avó pois miña
madriña, ¡anxo ela!, foi a que me ensinou a persignarme; ¡iso antes de aprender
a manexar a culler! “Anxo da miña vida, miña doce compañía, non me desampares,
nin de noite nin de día, pois eu só perderíame. Amén”.
Non hai avós, non pode habelos, salvo que
estean endemoñados, que lles ensinen mentiras aos netos; ¡nin mentiras nin
cousas mal sabidas! ¿Cabe, existe, mellor certificado de boa conduta que o
feito de ser avó, e se a iso se engade o apadriñamento do bautizo, cátedra
absoluta, de omni re scibili!  Por Lugo din que, -O que ten padriño,
bautízase; pero mal dito, ou mais exactamente, maldito, porque estanse
referindo ás recomendacións, os enchufes. Os padriños de bautizo son outra
cousa, son as chaves que nos abren a primeira porta das sete que ten o Ceo!
Os pais son cousa á parte, pois a súa
preferencia está en asegura-lo pan de cada día, iso que, ademais de pedilo no
Paternóster, hai que sualo, traballalo, merecelo… Se tivesen que suplir aos
avós, nin nas vinte e catro horas! Pobres son os nenos que se crían sen pais,
ou sen pais bos, pero desgraza infinita é criarse sen avós, pois tales orfos
dificilmente atoparán neste mundo un amigo que lles supla deficiencia, carencia
tal.
Despois das lareiras viñeron eses libros
de contos, de contos ilustrados, que din que valen, que están editados para
desenrola-la imaxinación dos rapaces. ¡Son un sucedáneo! A imaxinación normal,
natural, sa, sempre a cultivaron os avós, no colo, cabe da lareira, tan
completa e tan perfecta que aqueles rapaces nunca tiveron antollos de droga,
ese veleno da imaxinación que seica ensina a ver visións, pero nunca
realidades. ¡Ou si, a realidade do auto envelenamento!
No primeiro cuarto do século pasado as
lareiras seguían de primavera: Florecían os contos, as ruadas, as visitas dos
esculcadores… A cultura de entón aínda era absolutamente intra, intra e oral,
primordialmente oral, con poucas excepcións, entre as que se atopaba a casa dos
Gómez de Bergland, con dous tíos curas e outro escribán. Precisamente por boa
letra, catro regras e algún problema, na quinta do 17, no Rexemento Zamora,
daquela trasladado a Ferrol, para “pacificar” Ferrol, un Ferrol que aínda non
tiña Caudillo pero si Tejeros, un DionisioTejero con fábricas e barcos para o
que traballaban centos de obreiros que comezaban a abri-los ollos, a sentirse
persoas, e por tanto dignos de ser pagados e tratados con dignidade, meu pai
foi elixido Director da súa Academia de Analfabetos, e ascendido, ipso facto, a Cabo…, para que tivese
naquel…, ¿cargo?, autoridade demostrada; demostrada, e por tanto, acatada. En
consecuencia tocoulle levarlle o pulso a máis de medio Rexemento…, que aínda
non fixeran o “o”, nin sequera cun canuto!
Entre o que levaba sabido da súa lareira,
aquelas escolas de Montecubeiro que tanto “oraban et laboraban” coa herdanza
recibida do seu convento de dominicos, o estímulo de seus tíos, xunto cuns
libros de Dalmau Carles que lle mandara súa tía Ramona, a muller de Nicolás
Salmerón (fillo), teño oído, -e non preciosamente a el, que era a humildade
personificada-, que conseguiu, naqueles dous anos de “mili”, poñe­-los
analfabetos, todos eles, sen excepción, a escribir cartas de namoro para as
mellores mozas do lugar de cada quen; o problema foi outro, ¡que non todas
foron lidas polas destinatarias xa que, entón, eran as mulleres as máis
iletradas; séxase, de profesión, “sus labores”!
No segundo cuarto do antedito, do XX,
coincidindo precisamente cunha fase de desenrolo económico, veu o desenrolo
cultural. ¿Non sería á viceversa? Naquelas lareiras, sen deixar de “estar” a
contos, pasouse a falar de política, e tanto se falou, tanto se razoou e tanto
se espeliu a xente que, no 31 déronlle “jaque mate” ao Rei, de paso que lle
abrían as portas a unha república democrática. O noso paisano, o castroverdense
Manuel Cordero Pérez, respaldando nas Cortes Constituíntes a iniciativa da
santanderina Clara Campoamor, saltouse a disciplina do seu partido e,
utilizando a exemplaridade da muller galega como referente, non pediu, esixiu,
que se lle dese o voto á muller…, e lográrono! ¿De onde saíron aqueles bríos do
señor Cordero? ¡De onde ía ser, da súa lareira de Riomol, cuxas pedras e cuxa
ventá tiven a honra, ¡si, eu, servidor!, de bicar devotamente, en agradecemento
polos froitos daquela calor, daquela ilustración!
En xullo do 36, ¡adeus paz fogareña,
adeus lares, adeus manes, adeus penates, e de paso, adeus despensa! No seu
lugar proliferaron as migrañas; ¡e nada de jaquecas,
nada de media cabeza, senón a cabeza toda, enteira, conmocionada, extraviada,
aterrada! Os fillos deixaron de emigrar, deixaron de producir, deixaron de ser
unha esperanza…, na desesperanza de que non volvesen, nin da guerra nin do
monte!
Naquela catástrofe, naquel terremoto,
para máis drama, para máis crueldade, non se podía saír da casa sen que te
obrigasen a berrar, ¡Arriba España! ¿Arriba España, a voz triunfal dos
emperrados en afundila? ¡Non eran voces humanas, non eran desexos humanos,
senón ouvidos do Canis lupus, unha
praga deles, que nin a lagosta africana! ¿Africana? ¡Si, claro: viñan de
África; non foi que volvesen a Covadonga; trouxéronos a Covadonga! ¿Para qué,
para ter que comezar outra Reconquista de oito séculos?
Entre lusco e fusco pechábanse as portas,
coa tranca por dentro! Mal conselleiro é o medo pois en lugar de pechalas era
mellor abrilas, aínda que só fose para descubrir aos que adoitaban escoitar da
parte de fóra, ou para darlles cun tizón nos ollos; os covardes apuntaban de
día…, para non perigar eles! De día facían as levas, levando lonxe aos
denunciados, canto máis lonxe mellor…, para dispararlles impunemente, lonxe das
casas, lonxe do lar protector!
¿A quen levaban, e quen era o matador?
Caín mataba, e Abel morría, que sempre morren os mellores, os bos e xenerosos.
A Historia repítese, pero…, ¿onde están agora, segue Caín no inferno? ¡O máis
probable é que si! ¿Eran roxos os perseguidos e azuis os outros? ¡Teño para min
que roxos – roxos eran os sanguinarios, roxos que non azuis; os acusados eran
os da alma branca, que claro está que así eran pois claro resulta a pouco que
analicemos os seus antecedentes, os seus cumprimentos. ¿Os outros? ¡Os outros
xa foron xulgados polo Xuíz infalible, sen apelación posible; a min só me queda
engadir: que os coma o demo!
As visitas de casa a casa, de lareira a
lareira, escasearon, foron a menos, e tan só se producían canto un veciño
precisaba dos outros, tal que por unha enfermidade do gando; meu avó era,
seguía sendo, o albeite máis acreditado da bisbarra. Nin dicíamos nin nos
dicían; o lume seguía acendéndose día a día, pero as conversas apagáronse…, por
anos! ¿Quen era o ousado, ou por mellor dicir, o incauto que se atrevía a
formular o máis mínimo comentario, fose do que fose, expoñéndose a unha
acusación inmediata no cuarteliño máis próximo? Uns delataban por medo, outros
por estúpidos, e algún por…, proselitismo, que nunca faltou unha ovella moura
en ningún rabaño!
Aos nenos seguiron ensinándonos a rezar,
e o rosario duplicouse, alongándoo para pedir polos que morreran aquel día, fose
na fronte, nas tapias dos cemiterios, ou na corredoira da igrexa do lugar. Do
resto…, mutis! Cunha excepción: Meu padriño, que ao visita-los veciños co gando
enfermo algo aprendía, de algo se decataba. Despois, na súa sinceridade e na
súa afouteza, así como na confianza que sempre puxo en min (¡grazas, Avó!),
algo me refería, algo me foi explicando; algo que daquela, dito en público, era
causa suficiente para un fusilamento inmediato. Cando remataba as súas
referencias, adoitaba persignarse, á vez que musitaba un enfurecido: ¡Vade retro, Satana!
En canto á tristura do pote naqueles anos
non sei qué será mellor, se lembrala ou esquecela definitivamente; pero, de
repensado, mellor será tela presente…, aínda que só sexa para ser económicos,
aforrallóns, pois guerras, sexan frías ou quentes, sempre podemos volver a
telas, e como individualmente non se poden evitar, polo menos que nos collan
con aforros na despensa!
O pote estivo triste, pero descansado non
pois, ao escasear o resto do condume, moitas pataquiñas, verzas e fabas foi
cocendo, día si e día tamén. Non tardaron en vir as cartillas do racionamento,
así que… ¡Vouno contar! Na taberna de Vitoria de Rioxoán, valéndose de que o
marido era mutilado de guerra, e os irmáns conducían, nunca faltaron tentacións
detrás da tenda, así que, mentres Camilo entretiña aos gardas na cociña
“económica”, ¡e tan económica, que nunca unha peseta lles cobraron!, a súa
muller si que as cobraba despachando no reservado…, ¡ás amigas!, un litriño de
aceite, medio quilo de azucre, cen gramos de café…, e pouco máis! ¿Divertido,
non si?
Ao comezo da guerra fomos vivindo das
reservas pois había algo de todo, cos “ultramarinos” in crescendo; ¡iso,
ultramarinos, de consumo cotián! Pero despois, cos mozos de caqui, ou envoltos
nunha manta a saber en que chousa, a produción foise ao “carajo”; ¡nin mozos,
nin abonos minerais, nin case ferramentas pois o ferro precisábase para
fabricar instrumentos mortíferos en detrimento das vitaminas! O trigo de
Castela tamén se resentiu da deserción do seu mular, que foi requisado para as
“necesidades” bélicas.
¿Requisas? ¡De todo, a feito! Alemaña e
Italia mandaban instrumental, que o probaron aquí minuciosamente, como ensaio
para a súa festa de holocausto; pero o condume para a fronte ía de Galicia; de
onde, senón, pois o resto ou era campo de batalla ou territorio comanche!
¿Haberá algo máis triste que unha cociña
baleira, baleira de xente, de xente e de potas? A pouca xente que quedaba
nelas, choraba, e non soamente polo fume. ¿Eran lareiras, ou cemiterios?
Para lembrar aquelas lareiras do loito
bélico pouca memoria se precisa, fose en vangarda ou na retagarda. (¡Que mo
digan a min, que participei, e sufrín, coa muller e co neno evacuados nun avión
militar, excombatiente, somatenista, da guerra de Ifni, 1957/58, e tamén a teño
presente, que nin preciso cerra-los ollos para rememorar aquelas escenas
dantescas!).
Para comezar polo de pouca importancia:
Aquela pizarra, de lousa, cun fío de liño pasado polo seu furadiño para colgala
da espeteira. ¿E logo, o papel…? ¡Do higiénico, nada tan fresquiño coma unhas
herbas daquelas do horto! E do outro, nin de barbas nin de trapos; trapos non
había, do ben que se aproveitaba a roupa; e as barbas, como moito unha vez á
semana, que non tiñan tempo nin humor para rapalas, pero tampouco facía falta
pois o que cumpría era que as mulleres os repudiasen, que non eran tempos de
criar fillos para a Patria, que bastantes estaba tragando. Naquela pizarra:
letras, contas, conxugacións…, de todo un pouco, ou máis ben, pouco, que non
había humor nin para culturizarse. ¿De qué lle serviu a cultura á xeración dos
30? ¡Serviulles para aprender a esixir en vez de pedir, e con iso os caciques,
asustados ante a caída das súas prerrogativas, botaron man da escopeta de cazar
coellos para…, para cazar insubmisos!
Meu pai ameazado, durmindo na pedreira
das Carballeiras, simplemente envolto nunha manta, rodeado de silvas e de
serpes. Pero como todo o malo ten algo de bo, naquelas noites de vela púxose a
pensar que era unha idiotez molestarse en cultiva-las patacas para que despois
as comesen, fritas, catro mangantes da fusila: ¡Eureka! Cunha peta, unha aixada
e unha pá, fixo unha foxa como para enterrar catro vacas; a continuación foise
ao palleiro e carrexou palla ata que lle deu o sono, que seica foi ao riscar o
día. Unha sonata de nada, e a continuación levanta-las patacas…; ¡levanta-las
para soterralas de inmediato naquela foxa da cabeceira da leira, enriba das
pallas! ¡Estouno vendo, estouno lembrando coa mesma nitidez que vexo nesta
pantalla o fluír das letras pulsadas! ¡Fodéronse os da requisa, pois aquel ano
requisáronos de todo, de todo menos patacas, que xa era algo!
Unha noite petaron á porta, tan forte que
ata o neno espertou. Baixaron abrir, tremendo:
-¿Quen vai; quén chama?
–Abride rápido, que non hai perigo; son
Pepe, o Pepe do Taberneiro…
Pepe do Taberneiro era o único irmán de
miña nai, por certo que moi querido dela e de todos nós; un artista, que sabía
de todo e facía de todo, pois ata dominaba o verbo dos arxinas. Sabía de todo,
menos o camiño do altar, que xa fora unha vez e esquecéraselle: viúvo e con
dous nenos que aínda non ían á escola, pediulle a unha cuñada que retornase de
Cuba para axudarlle a crialos; ela asumiu o seu papel con tanta plenitude que incluso
se amancebaron. Chegado o Alzamento, un dos que primeiro se alzou foi o Cura de
Luaces, que se apresurou a reclamar dos gardas e dos falanxistas que lle
eliminasen aquel pecador, sen sequera levarllo ao confesionario, onde o
atopasen, pois o mal exemplo, segundo aquel carca, debe erradicarse
instantánea, definitivamente, aínda que os nenos volvesen a quedar orfos, que
iso era o de menos comparado co escándalo parroquial. Meu avó viunos vir desde
lonxe, e avisou ao fillo, que se tirou pola ventá oposta á entrada e deu en
correr polo rego dos Corzos arriba…, máis que un corzo, que xa é dicir! No
camiño de Sarille había unha castiñeira oca, e non dándolle tempo para máis
fuxir, meteuse no seu podrico, coa boa sorte de que os perseguidores, ofuscados
no seu correr nin da castiñeira se decataron! Cando pechou a noite, seguindo
polo mesmo rego ata Maxide, e de Maxide a Bergland polo rego da Pasaxe, chegou
á casa de súa irmá sangrando polas cen feridas que se fixera ao cruzar
rectilíneo por cantas silveiras lle taponaban a ruta da súa fuxida. Sen sequera
quentarse, pois o lume xa se apagara, con catro panos para estiñar as feridas,
e unha manta para envolverse, dixéronlle da pedreira onde se escondía seu
cuñado, e aló se foi, a por máis silvas!
Deixando outras moi gordas para non
acabar coa paciencia do amable lector, ¡antes dicíase así!, relatarei tan só
aquela mañá na que saín á eira a por un brazado de estelas para acende-lo lume,
e face-la parva. Nisto, que non sei como ollei para a casa de enfronte, e, ¡ouh
milagre!, as lousas tornáranse camisas azuis, co couceiro apuntando á nosa! Rodeárona, e nin precisaron petar á
porta pois meu padriño, avisado polo neno, saíu para fóra, apoiado na súa
caxata, como de costume:
-¡Qué salga o desertor, que saia Daniel…!
Esixiron con voz tronante, vinte voces infernais.
Daniel era fillo de moza, sobriño de meu
avó, que vivía coa nai na casa partida dos Gómez. Seu pai…, ¡seu pai un cara,
do mesmo lugar, que se negou a recoñecelo, así que non merece ser recordado!
Daniel, espírito culto e avanzado, alumno que fora de meu pai, seu primo,
negouse a incorporarse cando os alzados recrutaron a súa quinta: -“¡O Goberno é
legal, máis ou menos atinado, pero legal, xa que foi elixido democraticamente;
e se a maioría non está conforme, moción de censura, e novas eleccións!”.
¿Verdade que razoaba ben?
Aquel día non estaba na casa; nin na casa
nin na palleira, que ben se fartaron de cravar galletas na herba, e de pegarlle
tiros a miña tía, por xunto das orellas, para que o fillo dese a cara, e coa
cara o peito. Certamente non estaba. Meu padriño, ao ve-lo martirio de súa
irmá, alzou de caxata e deulle un garrotazo con ela ao Cabo da Garda Civil,
Jesús González, do Corgo, segundo aquel lle daba ao gatillo; ¡outro que estará
no inferno, salvo que Deus premie aos malos e castigue aos bos!
A escena de Daniel foi como para levala
ao cine, pero dáse o casual de que miña prima, e tamén prima do susodito
Daniel, Mercedes Cora  (Mercedes
Carrodeguas Gómez), despois de deixar filmadas oito películas, levouna un
cáncer de peito, daquela incurables, ou pouco menos. ¡De seguir viva, qué ben
se lle daría face-lo papel de nosa tía María; eu pediríalle para min o de meu
padriño, pois aínda que non coxeo, conservo a súa caxata!
-oOo-
¿Queda alguén que negue, que se atreva a
negar, que as lareiras constitúen un herdo importantísimo na nosa cultura, na
propia, e por tanto, un patrimonio transcendente? ¿Qué xa estamos inmersos niso
que chaman cultural global, ou globalizada, contaxiada, mundial, nesta do nudismo,
por veces, e outras na dos calzóns caídos, estilo Cantinflas? ¡Certo que o
hábito non fai ao monxe, pero tampouco o desfai pois non se chega a monxe sen
unha herdanza cultural, do bo e do malo! O Seminario da vida é, ten que ser,
debe ser, ou estaremos retrocedendo, un coador que nos sirva para depura-lo
groseiro, de paso que se aproveita o líquido, as boas ensinanzas, a experiencia
aquilatada. ¿As débedas tamén se herdan, non si? ¡Pois a principal das nosas é
a de recoñecer, agradecer, e asumir, todo aquilo que fixeron de boa fe os nosos
entregos en ben da súa descendencia!
Xosé María Gómez Vilabella

 

____________________________________________
AS
PITAS E MAILO GALO

¡Hai que atalo curto!
Desde
Caín, a parte débil da sociedade, os sinxelos, xustos e prudentes,
viron no galo a personificación, a imaxe, o símbolo, da afouteza, da
tiranía, do mangoneo, e incluso, comparativamente, esa lacra á que
chamamos, dun tempo a esta parte, “violencia de xénero”. Por todo iso,
sempre se tivo ao galo como un mal necesario para o sostemento do
poleiro, básico na cadea da alimentación humana, pero no resto…, un ser
odioso, un ser que cacarexa antes de asomar o sol para que se levanten
os traballadores mentres el segue de fachenda no seu harén, co seu
harén, diante do seu harén!

Por todo iso, nada máis asomar a
democracia, naquel querer e non poder, máis concretamente na primeira
metade do século XX, na comarca de Castroverde, Pol e Baleira, aínda que
non só nesta, xurdiu unha literatura popular emblemática que deu
teatralidade ás “Sentenzas”, tamén chamadas “Corridas” do galo, nas que o
pobo raso, farto de humillacións, deu en atribuírllas ao galo, e
ditando “sentenza”, o tirano purgaba aqueles excesos colgado dun trelo;
etcétera, etcétera.

Redactor de innumerables “Sentenzas”, que se
executaron na bisbarra antedita, foi meu pai, aquel incansable mestre de
a ferrado que tanto se esforzou por fomentar, por cultivar, a dignidade
dos seus coetáneos, José María Gómez Lombardero. Vaia en memoria súa esta…, chamareille “actualización”, do simbolismo do galo.

-oOo-
Na taberna do lugar, de calquera lugar, simplemente con botellas de licor e unhas xerras de barro nun andel.

Nunha
mesa auxiliar, de tapete verde, catro rapaces xogan ás cartas, e tres
ou catro miran, intervindo na conversa de cando en vez. Xerras de viño e
cuncas de barro. O máis afoutado:

Afoutado.- O caso é
que demos en chamarlle “Galo” …, por iso de que traballou en Francia,
pero tamén o merece polo alborotadas que ten as pitas do lugar…, ¡e
menos mal que cando volveu, miña irmá xa casara!

Xogador 2.-
Se te refires a ese que acaba de saír, eu discrepo: Non son as pitas as
alborotadas, pois elas, miñas xoias, polas trazas ben que lle agardan,
que só lles falta poñerse en fila para que as atenda… ¡Os alborotados
somos nós, os outros, polo medo que nos entra de que non teñamos onde
escoller; todas elas, ou a maior parte, xa galeadas, e eu, que por min
falo, unha pita galeada non a levo á casa de meu pai! ¡E con isto, as
corenta!

Xogador 3.- ¡Canta, canta, que antes cá ti cantou
ese galo, que din que durme cada noite nun poleiro, e que ao espertar
vaise das casas todo oufano, antes de que o descubran, pero nunca sen
despedirse delas, que por iso cacarexa ao amencer!

Un oufano.-
Se eu me vise solteiro, e se competise comigo, xúrovos polo as de
bastos que lle ía esperar na mesma porta do poleiro, cun trelo de pita, e
daquela, colgándoo polas patas das árbores de xunta a casa, ía izalo
ben alto, para despois montarme no cabalo, como se facía antes, no
século pasado, e coa espada que conservo de meu avó…, unha paella!

Un dos miróns da partida,
que se tiña por amigo do galo.- Vosoutros atendede ao xogo, e deixade
ao galo por imposible, pois con el non puido…, nin o capitaine francés!

Afoutado 1.-
¡Os franceses son…, franceses! ¡Quere dicirse, xente de braga, pero non
da Braga portuguesa, que estes son caralludos! Eu son de brega, que non
é o mesmo…, ou deixo de ser galego! De min non ía escapar…!

Afoutado 2.-
Eu…, ¡eu, vinte en ouros! Pero volvendo ao tema: ¿Non será que lle
chaman “O Galo” por iso de que estivo en Francia, e non pola sona que
lle atribúen de beneficia-las pitas?

O mirón de antes.- A
historia seina eu, que comigo tivo a franqueza de contarme a súa
peripecia: En Perpignan dedicábase a repartir bombonas de butano, que
alí seica hai grandes maisons de campagne, pero frías…, as mansións, non
entendades mal! En certa ocasión, que de aí lle veu a presa do seu
retorno, levoulle unha bombona á muller dun Capitán, que estaba…,
bombón! ¡Iso, unha bombona para un bombón! Pero o Capitán, que se
supoñía de manobras, volveu impensadamente para a casa, que llas
suspenderan por culpa do mal tempo, atopándose…, coas manobras do noso
“galo”, no propio leito conxugal!

Afoutado 3, que para de
xogar en vista do crú que se está poñendo o relato.- ¿Isto que dis…,
dilo, ou cóntalo? ¡Un Capitán que volve de manobras…, volve coa pistola!

O mirón.
Pistola tamén a tiña o galo, ¡montada!, pero non chegou a facer uso
dela, que a devolveu, de inmediato, aos calzóns… Non, non o conto ben,
pois el díxomo doutra maneira! Nin tempo tivo de garda-la súa arma nos
propios calzóns, que saltou pola ventá…, sen eles! ¡E menos mal que,
casualmente, a tal momento non había xente na maisón de enfronte, así
que alí mesmo roubou roupa…, e coa mesma seguiu fuxindo, en busca da
fronteira española!

Afoutado 3.- ¿Daquela…, onde lle visaron o pasaporte? ¡Se non llo visaron, é que segue en France…, oficialmente!

O Mirón.-
¡Que pasaporte nin qué pasaporte! Cruzou polos montes, polos Perineos,
roubando canto atopou, fose roupa ou comida. Pero non hai mal que por
ben non veña, pois as pitas deste país ao parecer tamén precisaban galo,
e débeno facer mellor cás francesas pois a min xuroume que nunca á
France volve, nin que o encadeen!

Afoutado 3.- Será mellor
que sigamos xogando para terminar pronto coa partida, que non é cousa
de estar aquí parados, ausentes, atendéndolle ao naipe, mentres ese galo
lles atusma aos nosos poleiros!

Afoutado 2.- Eu, a tal
momento, co oído oído, non as teño todas comigo, que teño dúas irmáns…, e
polas trazas, virxes! Veña, ao xogo, que tamén quero ir á casa, por…,
por se acaso!

Escena segunda

Seguen na taberna, pero sen o Afoutado 2, que non volveu, que se supón está gardando de súas irmás.

Afoutado.- Seica seguimos todos menos ese Antón, así que cabe supoñer que segue gardando nas pitas, gardando en súas irmás!

Mirón 2.-
¡Eu teño a receita! Ao galo…; quero dicir, ao Narciso, hai que facerlle
coma o lobo en xaneiro: ¡casalo! ¡É a mellor solución, así que teremos
que pensar nunha treta que o leve á trapela…, tal que…, tal que coa
Casilda, que esa seica é das que están máis namoradas do susodito Galo!

Neste
intre, outro parroquiano, que estaba na barra apurando a súa cunca, ao
oírlles iso da “treta” achegouse aos de antes e díxolles:
-¿Queredes unha receita de médico? ¡Dígoo por facer unha obra de caridade…, xa que estades nese plan!

O Afoutado.-
Doutor, ben sabe que o temos por bo médico, pero nin Daniel o Capador
sabe capa-los galos, para canto máis vostede, así que, como non lles
aplique a ruda ás pitas do lugar…, segundo se facía en tempos coas
mulleres!

Médico.- ¡Que mal me coñecedes! ¿Cando receitei
abortivos, por máis que algún dos presentes tenmos pedido? ¡Nin o
fixen, nin o farei…, mentres Deus me dea cordura, pero teño outra
menciña, que vola digo se me xurades gardar o segredo desta conversa…,
polos vosos defuntos!

Todos a unha: -Xuramos, e que mortos nos vexamos o día que a esta palabra faltemos!

Médico.
Neste caso…, diréivolo: Esa Casilda ten problema de ovarios, e visítame
de cando en vez alarmada polos retrasos da súa regra. Eu fágolle a
proba da rá, que sempre lle foi negativa, así que ela reincide, pois
segue atendendo os requirimentos do galo, pero na próxima voulle mentir,
¡unha mentira piadosa, por suposto!, e cando me oia dicir que desta vez
si, se non se me desmaia voulle propoñer falar eu mesmo con Galo,
ameazándoo se falta fixese, para que case con ela, pois, de non facelo,
aplicareille á criatura, no seu día, o correspondente ADN, co cal, o
irmán da Casilda, que é un Tenente mutilado da Lexión…, etcétera,
etcétera.

As verbas do galeno son acollidas cunha ovación
unánime, e móstranselle agradecidos pois, quen máis quen menos, viña
receando das accións do empoleirado, pero, ¡ouh casualidade!, naquel
intre entrou o Galo pola porta, -¡bo tipo, alto e forte, cheirando a
colonia!-, que se mostra sorprendido daquel conciliábulo co galeno do
lugar. Un dos presentes, máis pícaro cás cobras, reacciona de inmediato,
e para evitar suspicacias déixalle a súa sela ao Galo, de paso que lle
dá unha palmada no ombreiro
: -Vén para aquí, Narciso, que entras moi
oportuno porque o Médico estábanos propoñendo quedarse no lugar,
connosco, definitivamente, se lle axudamos nas obras desa casa que está
facendo no Campo da Feira…; como non hai quen non lle estea agradecido, e
por tanto, obrigado, acabamos de aplaudirlle a idea, porque así,
poñendo nós algo da nosa parte, tamén el se acordará do favor cando…,
cando precisemos receitas!

O Galo, que se incorpora de boa fe ao acordo local:
-Por min…, eu podo aporta-las trabes, que as teño de castaño, e ben
curadas por certo…, que contaba con facer casa cando volvese de Francia,
pero…, as que quero non mas dan, e danme as que non quero, séxase, feas
e pobres!

O Médico, en agradecemento, pide e paga unha rolda. Seguidamente cae o pano para pasar ao

ACTO II

Escena primeira

Nunha
perruquería de señoras: Dúas ou tres cadeiras en plena función, e
varias rapazas con revistas, ao redor, agardando pola súa quenda.

Clienta A.-
Manuela, sinto ter que dicircho, pero esta vai ser a última vez que me
tomes o pelo…, se non retiras da porta ese letreiro de “PERRUQUERÍA
UNISEX”!

Perruqueira A.- ¿E logo, muller, se aínda o puxen
onte, e ninguén o leu, que seguen sen entrar; non irás a dicirme que es
desas que repelen aos machos, ou si? ¡Faino a competencia, e neste
oficio, coma en todos, hai que adaptarse aos tempos! ¡É, ou non é,
propio das mulleres tomarlles o pelo aos homes?

Clienta A.-
Manuela, eu tíñate por máis lista! Os homes van vir, ¡claro que van
vir!, pero a cambio diso irémonos as mulleres. Lémbrate que eles sempre
dixeron, “Non busques muller na perruquería; búscaa tras do pote e
vestida de cada día!”. Non viñan ás nosas perruquerías porque tiñan
vedada a entrada, pero se lles abres a porta van querer vernos co xampú
posto, e daquela, adeus conquista! Por se non o sabes, vou camiño dos
trinta, así que non estou para perde-lo tempo; por máis que me declare,
ao altar non me levan… ¿Qué será de min de aquí en diante, trintena, e
sen peitear?

Perruqueira A.- Iso ten arranxo: poño un pano en medio, aí diante, na entrada, que así resultan dúas salas.

Clienta A.-
Non hai cousa máis fea que ver un home afeitándose, que iso vimos
dicindo deles, así que o do pano en medio non me serve, pois, sexa ao
entrar ou ao saír, terei que velos no aseo, e tampouco me apetece!

Casilda, que está na quenda das que esperan.– O outro día vinte de ganchete co Narciso, e maldito se peiteada ías, que máis parecías recén levantada da cama…!

A clienta A, levantándose da cadeira e arrebolando co pano que tiña aos ombros, toda celosa, ¿ou sulfurada?.-
¡Mira quen vai falar, ti, unha folgazana, que vas para os corenta, e
nin maña te deches para atrapar un mal polo, así que agora terás que
cargar cun galo vello, e para iso, se te quere!

Casilda.-
Se non foses tan inculta saberías que o meu nome, Casilda, vén do árabe
“qasida”, que quere dicir, “canción ou poema”. Se eu non caso, sendo
canción, ti menos, pois, con peiteado ou sen el, non pasas de ser unha
burra peluda, unha burra orneando!

Póñense en plan de tirarse
dos pelos, unha da outra, coma dous galos arrincándose as plumas, pero
acaban por separalas as dúas perruqueiras. A clienta A, de anoxada,
recolle o seu abrigo, e vaise; ¡vaise sen peitear e sen pagar!

Escena segunda

Ao saír a airada, séntase unha das que estaban en espera, chamémoslle Clienta B.

Perruqueira A.- ¡Ai, muller, ti tamén estás de pluma caída, que vaia pelos que traes! ¿Ves directamente do poleiro…?

Clienta B.- Non é así, que lavei a cabeza na casa para que me saia máis barato, pois agora, de casada, hai que facer polo euro!

Perruqueira A.– ¡Boa pena me dás, agora con dous ingresos, o teu, de coidadora de vellos, e despois o do teu marido…!

Perruqueira B, que se lle viña notando que ardía en gañas de darlle á palleta: -¿E logo, casaches? ¡Hai tanto tempo que non ves por aquí…, que pensei que emigraras?

Contesta por ela unha das sentadas, chamémoslle Clienta C., que deixa a revista para participar no cacarexo:
-¡A emigración da Felisa coñézoa eu, que me quitou o rapaz, e encima
diso tivo a cara de invitarme á voda, pero díxenlle que estaba coa
regra, que a min non se me quitan así como así, e de solteira, menos! Aí
a tedes, casada cun lexionario, deses que atacan coa baioneta calada,
segundo é público e notorio, pois esta non foi a única vítima!

Clienta B, que se levanta encarándose coa cismeira:
-¡Segues tan parva como cando eras amiga miña! O meu é un simple Cabo,
pero ataca como é debido, ¡con baioneta!, mentres ese que agora te
pretende, ese Tenente de Artillería, por referencias que teño é deses
dos canóns sen retroceso… ¡Para que vexades, un canón sen retroceso nin é
canón nin é nada!

A Perruqueira B. -Estou vendo que ten
razón aquí a miña Xefa niso de amplia-la perruquería, pois dou por
seguro que cando comecen a vir homes, as vosas trafulcas acábanse. Para
daquela ides estar caladiñas, co pico pechado, disimulando, para que non
vos teñan por pitas chocas!

Prodúcese algo de silencio, pero dura pouco, porque unha das que están lendo alza a vista e comenta. Clienta 4.
-Vén hoxe un caso parecido a aquel da Duquesa de Alba: unha vella de
diñeiro que casa cun xixolo duns trinta anos, que o tiña de chofer!
¡Eses si que saben mete-la directa; a directa, e tamén a marcha atrás!

A Clienta 5. -¡Nunca falta un roto para un descosido!

Clienta 4. -Aquí nesta Vila, si, que xa me dixo o señor Cura que está disposto a cambiar de parroquia…

Clienta 5. -Pois non sei onde atopará mellores fregueses: ¡cobra o mesmo e traballa pouco!

Clienta 4.
-¡Diso se trata, de que traballa pouco! ¿Confesar; unha vez ao ano,
como moito! ¿E casar; desde que casa o Alcalde, o Cura ten relevo: de
cada dous, un, ou menos! Díxome que quere pedir misións, pois alí seguen
casándose os homes coas mulleres, e sempre de por vida. Falando disto
ata me fixo rir, pois afirma que chegou o día en que os infieis son máis
fieis cós fieis, e que vai sendo hora de chamarlle a España, Terra de
Misións, e non de Crentes!

Nisto entra un home, así que hai cambio de escena.

Escena terceira

Home.
-Boas. Aí fóra pon que sodes unisex…; iso qué quere dicir, que non
tedes sexo definido, como lles pasa aos anxos, que seica teñen os dous,
asemade?

Perruqueira A. -Déixese de bromas, que non están
os tempos para trangalladas; e se quere que lle acariñemos a cabeza,
daquela deu co sitio axeitado!

Home. -¡Iso está ben, que boa falta me fai, que estiven tres meses embarcado, e só vin rapazas na tele!

Unha das que están agardando pola quenda. -Séntese comigo, que eu sonlle a última, e mentres aquí a Xefa non poña un pano separador, teremos que estar xuntos.

Home. -Muller, es ben amable, pero, se fas o favor, non te achegues tanto, ¡que me vas incendiar!

Rapaza. -¡Pois vostede a gasolina non cheira, que máis ben o fai a…, a macho!

Home. -Por
tal me teño, e para máis datos, viúvo. Agora que o sabes, se che
intereso comeza por facerme unha oferta. ¿Estás libre, tes piso…, pois
do que non, voume a outra perruquería de mulleres…, ricas! ¡Boh, é un
dicir, pois ricas estades todas, pero non todas o sodes!

Rapaza.
-Xa noto que vén do barco, que trae ganas de falar, así que podíamos
facer unha cousa: Como ve, teñen baleira esa cadeira, e eu, que en
tempos, mentres viviu o meu home, corteille sempre o pelo, e ben
fresquiño que o deixaba, se aquí me prestan unha máquina desas de pilas,
eu rápoo, e vostede fálame, que neste trato o servizo vaille saír de
balde!

O señor accede, e a Xefa alárgalle unha máquina. A
muller comeza a pasarlla polo cocote, de abaixo arriba, pero o home,
mirándose no espello de enfronte, asústase:
-¿Qué me estás facendo; ou queres deixarme calvo? ¡Non afondes tanto!

Rapaza.
-¿E logo qué quere, que llo deixe a estilo punk? ¡Pois para iso váiase a
unha perruquería do sexo contrario, que de aquí as mulleres temos que
saír máis mulleres, e os homes…, os homes teñen que saír máis homes!

Home.
-Unha muller así é a que me convén; unha muller bragada, decidida, con
criterio. Autorízote para seguir…, xa que é o teu gusto facelo desa
maneira…, se con iso che demostro que, se casamos, voute deixar mandar!

Rapaza. -¡Ai, si; e por cantos días?

Home. -¡Muller, por días de vida, e dígocho diante de…, dez mulleres, que para testemuñar nun preito son abondas!

Fai
que segue rapando nel, e aos poucos vanse, xuntos, sen agardar ela polo
súa quenda; o Home pregunta polo prezo e a Xefa dille que, como o rapou
a compañeira, polo aluguer da máquina nada lle cobra. Quédanse
comentando:

 

-Vedes como teñen unha función social as perruquerías unisex,
pois grazas ao letreiro, un viúvo e unha viúva van entrar no Ceo, no Ceo
dunha segunda experiencia.

                                                             Cae o pano

ACTO III

Escena primeira

Consulta do Médico. Entra Casilda.

Casilda. -Boas tardes, Doutor, e alédome de velo tan forte; claro, sendo médico, ten que dar exemplo de boa saúde!

Médico, co fonendo colgado do pescozo.
-¿E logo, muller, qué novidade tes, aínda que non preciso preguntarche,
que xa vexo que quitaches da carteira un deses regaliños que lle traes á
miña rá de cando en vez!

Casilda. -¡Que pronto se decatou
do meu mal, por máis que, de ben pensado, igual é unha sorte, que vai
sendo hora de que as teña! Vostede xa sabe o que lle deixo facer ao meu
pretendente, sempre ao natural, sen protectores, para ver se o meto nun
compromiso, e daquela me leva ao altar, antes de que eu seque, pero a
súa rá parece que está na miña contra, que sempre me di que non!

Médico. -¡Muller,
hai que ter paciencia, que París está lonxe, e os nenos tardan en vir,
pero…, á forza de pedilos, acaban chegando! Dáme logo ese frasquiño, e
mentres eu falo coa rá, ti reza un Paternóster, que volvo enseguida…

Aos poucos retorna o Médico refregándose as mans.
-Querida Casilda, albízaras, que traio boas novas, pois te-lo ovo
choco; o que non se pode, de momento, é sexalo, que tanto pode ser un
polo como unha pola… ¿Ves como deu resultado a túa oración?

Casilda. -¡Ai, Deus, qué leda me sinto, pero agora vén o seguinte paso! ¿Cómo llo digo ao meu rapaz?

O Médico tarda en contestar, como facéndose de rogar, e por fin, poñéndolle unha man no ombreiro, todo agarimoso:
-Creo que cho podo arranxar! Vou chamar ao Narciso para pedirlle que se
pase por aquí, que temos que falar dunhas vigas que me ten prometido, e
despois, de paso…  -Colle un móbil, marca, e fai que fala co Narciso…

Casilda. -Daquela, vaillo dicir; atreverase a facelo?

Médico.
-Muller, tamén el se atreveu contigo, e iso que á súa idade xa debería
saber…, que nesta vida sacarás, o que metas e nada máis! Eu, por ti,
unha muller tan decidida, merécelo todo!

Casilda. -¡Ai,
si, decidida si, que mire que ata lle dixen, a primeira vez que pasou
por diante da miña casa para achegarse á dunha veciña: -Á volta, se con
ela non preas, párate aquí, comigo, que ve vou invitar…! El preguntoume:
-¿A qué? E eu respondinlle, de inmediato, -¡A gananciais, rapaz, que
teño seis vacas, e nesta casa ninguén tivo que emigrar! Pero volvendo ao
caso: Xa que Deus se ocupou das miñas preces, vou pedir por vostede,
para…, para que lle saia unha moza de xeito, pois o que é merecer,
merécea!

Médico. -Faino, Casildiña, que cho agradezo, pero non pidas unha médica, que non che hai peor cuña cás da mesma madeira!

Bícanse amigablemente, e despídense.

                                                Escena segunda deste Acto.

A pouco de irse Casilda, entra Narciso, e danse a man cun forte apertón de vellos amigos.

Narciso.
-Aquí me ten, que esta mesma tarde lle levo as vigas, no remolque do
tractor, pero ten que estar nas obras o seu contratista para indicarme
onde as deixo.

Médico. -Terás que deixalas diante da de Casilda…, para cando arranxedes esa casoa…

Narciso.
-As vigas son para vostede, segundo quedaramos, e se despois llas quere
regalar a outra persoa, alá vostede, pero eu á Casilda o único que lle
regalo son os ollos!

 

Médico. -Algo máis lle regalaches, que o sei eu, eu e tamén unha rá que teño aí dentro, no laboratorio.

Narciso, botándose as mans á cabeza. -¡Cómame nunca o diabro, esa lingua de trapo…! Falas felices, e encima levántanche calumnias!

Médico.
-De calumnias, nada, que a miña rá non minte, e máis che digo, agora
que se demostrou que o ADN é infalible, tan pronto naza a criatura vou
poñer no periódico que ti es o pai!

Narciso, ríndose do Médico. -Non pode, que está suxeito ao segredo profesional…; iso ademais do seu xuramento hipocrático!

O Médico, dando unha puñada na mesa.
-¡Iso impórtame un carajo, pero máis che digo, que Casilda, unha moza
que cose e que cociña canto quere, é a mellor Ama de chaves que podo
atopar para a miña casa, para esa que estou facendo, e se ti canalleas,
caso eu con ela, mañá mesmo!

 

Narciso, que o toma en serio, dá en pasear pola sala, coma un lobo engaiolado, coas mans á cabeza. -¡Xúreme que é capaz de facer iso!

O Médico colle un libro, e pon a man encima. -Xuro por esta Biblia que Casilda non vai quedar solteira.

Narciso, derrotado, dándolle a man ao Médico, en son de pacto.
–Daquela, caso, pero coa condición de que vostede sexa o padriño de
voda, e dentro de sete ou oito meses, apadriñará a criatura, que así
teremos médico gratis, sen pagar iguala!

Médico.
-Aceptado; e agora imos falar co Cura, agora mesmo, ti e mais eu, en
precaución de que non te volvas atrás, pero…, ante o perigo de que se
che vaian os ollos, de aquí á Reitoral, tras das rapazas coas que nos
crucemos na rúa, que ti naciches con predisposición á poligamia, vouche
vendar os ollos!

Narciso, resignado. -¡Imos logo!

Médico. -O dito: primeiro vouche poñer esta venda nos ollos…, por se torces a vista camiño da Reitoral! Ponlle unha venda, e vanse, collidos do brazo.

Cae o pano ao son dunha marcha nupci

                                   Xosé María Gómez Vilabella

 ________________________________
10 mayo, 2012
  
MISCELÁNEA
De Castroverde, boa madeira

 
De Castroverde, boa madeira, sempre, e por veces, as ramas mellores aínda có tronco. Vouvos presentar unha rapaza que, nos seus días, alá polos corenta/cincuenta, revolucionaba as feiras de Castroverde nos veráns, de tal xeito que non había mozo que non se parase para ollala, en posición de firmes, e iso porque poucos se atrevían a falarlle, aínda que ardesen en desexos de facelo. Nesta fotografía, de Xulio do 53, leva de brazo, en Madrid, á súa dereita, á miña dona, Estrella Josefina.


Estrella, de nome, a miña, pero estrella de cine, ela! Pasaron tantos anos que xa quedarán poucos no país que a lembren: Trátase de Mercedes Cora, bautizada como Josefina Carrodeguas Gómez; filla de Ermitas de Gómez, de Berlán, e nada en Cuba, naquela Cuba que aliviou a fame a tantos emigrantes do noso país. Mercedes Cora morreu en Madrid, recén casada, dun cáncer de peito, que daquela non tiñan cura, ou pouca.

Ademais da súa estilosa beleza, foi un portento de saberes: Licenciada en Dereito, cando poucas se atrevían co Código, fixo oposicións a Oficial de Prisións, pero colleu de inmediato a excedencia para dedicarse ao TEU (Teatro Español Universitario), que foi a fonte de maduración de todas, ou case todas, as figuras españolas do Sétimo Arte na posguerra. Non se lle daba mal o teatro, pero optou polo cine, participando como segunda figura en varias películas da época, entre elas: Horas inciertas (1951), Gloria Mairena (1952), El pórtico de la Gloria, rodado en Santiago, co Padre Múgica (1953), La moza del cántaro (1954), Sangre y luces (1954), La ciudad de los sueños (1954), Señora ama (1955), e Río Guadalquivir (1957).

Consciente de que o idioma inglés era imprescindible para abri-las fronteiras españolas, foise para Londres, onde coñeceu, precisamente na Embaixada Española, ao exiliado Alberto Costas, que fora Comisario del Etat Catalá, co que tivo que casar en Perpignan porque a el non lle deron pasaporte, cando o seu desexo, que mo ten expresado repetidas veces, era casar en Vilabade, igrexa que a tiña por catedral. Tiveron unha filla, que vive actualmente en Madrid, profesora de idiomas.

¡O zume de Castroverde, sempre frutífero; si, ou non si?
                                                

Xosé María Gómez Vilabella
 ________________
06 mayo, 2012

MISCELÁNEA

Sartegos
ESQUECEMENTOS
IMPERDOABLES

En canto á elocuencia dos sepulcros cabe afirmar que non hai sepultura que non fale, aínda que non teña lápida, se queremos escoitala, ou entendela. Aprendino de meu avó e padriño cargando toxos por xunto da Cruz do Zarro Novo de Montecubeiro, onde se enterraron, por séculos, os abortos e mailos suicidas da parroquia. Daquela díxome o patrucio: Se queres entender os comportamentos da xente de cada época, párate a analizar os seus enterramentos.Desde aquela data nunca entrei nun cemiterio que non me parase a ler no libro aberto das súas foxas: o único que non serven é para distinguir ricos de pobres, pero si se diferencian os cultos dos incultos, aínda que neste caso o nivel cultural apreciado é o dos fillos ou herdeiros pois adoitan ser os que encargan as laudas, pero hai un caso, ao que por certo estou bastante vinculado, no que foi o propio interesado o redactor da arenga lectiva. Refírome á tumba de Ben-Cho-Sei, cemiterio de San Francisco de Ourense, onde se pode ler:

“D. Xosé Ramón e Fernández Oxea (Ben-Cho-Sey). Colector de Barallete. Preboste de Tangaraño. Ten o gusto de lles ofrecer ós seus amigos o seu novo domicilio no cumio do cemiterio de Ourense, onde os agardará ata que o boten dalí os ediles de turno. A súa dona e a súa filla préganlle encomenden a Deus a súa ánima. Nota: Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ó seu tempo ou non se fan”.

Cando asistín ás súas charlas no Centro Gallego de Madrid, entón na calle San Quintín, varias veces de par da súa sobriña Carmina Cerrada Algarra, e por tanto coa miña atención dividida, pero aínda así admirado da súa amenidade, da súa ironía e non menos daquel patriotismo afoutado que o levaba a falar galego diante do entón Presidente, o xeneral Constantino Lobo Montero, ¡en pleno franquismo!, ben me decatei de que o seu nome merecía letras de ouro, e non só de mármore.Por aqueles tempos, este servidor, entre servi-la Patria e estudar algo, andaba ben ocupado en facer un bo uso do “Carné de Investigador” que me conseguira o neto de Martínez Campos, tamén xeneral, para desempoar legaxos no Archivo Histórico Nacional, que me servirían de base para redactar, e seguidamente editar, o meu primeiro libro, “Castroverde. Bosquejo histórico-geográfico”. Este libro saíu cunha lagoa, a de non coñecer, aínda, a obra do Miguel García Teijeiro, que fora alcalde de Castroverde. Por aqueles tempos a principal das lousas puxéraa o franquismo sobre as foxas históricas, así que ninguén se molestara, ¡nin se atrevera!, a falarnos aos nenos da labor cultural do susodito. Este artigo de hoxe quere, e pretende, sinaladamente, render unha modesta homenaxe ao citado don Miguel G. Teijeiro, pois, levándolle nisto a contraria a Ben-Cho-Sei, “as cousas”, as débedas, hai que facelas, hai que pagalas, aínda que sexa postmortem!   

Localicei o libro de Teijeiro, “Migajas histórico-arqueológicas. SARTEGOS de la comarca de Castroverde”, baixo a referencia F 6471 da Real Academia Gallega, e práceme compartir este achado cos meus lectores para que á súa vez gocen desta lauda posta por un asturiano aos sartegos dos nosos entregos castroverdenses.


                                              Xosé María Gómez Vilabella 

 _______________________________________________

 06 mayo, 2012

MISCELÁNEA

Veciños
que se foron sen despedirse:
Edelmiro
Bascuas López
 
Chámolles así aos que, contando con volver ao seu Castroverde, fóronse inopinadamente, desde outros lugares, desde outras residencias, e neste caso cando cabía esperar deles unha frutificación máis completa, aínda que no do noso Edelmiro non foi pequena.

Naceu na Meda, e da Meda a Mondoñedo, onde se converteu nun douto profesor de grego, amén dunha cultura xeral ampla que admiramos cantos tivemos a honra de coñecelo, se ben no meu caso, supoño que polas múltiples actividades respectivas, pouco chegamos a tratarnos (só estivo de visita na miña/vosa casa, coa súa esposa, nunha ocasión, fai agora dous anos). Morreu precisamente aquí na Coruña, o ano pasado, concretamente o 10 de febreiro do ano 2011, onde vivía, na rúa Médico Rodríguez.

Iso de que a Meda sega pertencendo ao bispado de Mondoñedo é un anacronismo, que trae como consecuencia unha desviación biográfica dos seus seminaristas, que acaban ignorados polos veciños da súa contorna lucense, e neste caso, do seu propio concello. Encontrábase, segundo me dixo naquela entrevista, ben atarefado nuns estudos sobre hidronimia, -non sei se chegou a terminalos-, que titulaba: Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, e, Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia. Algunhas das súas publicacións son:

En Paleohispánica: Aquis ocerensis, diosa “Ocaera”, monte “Ugeres” y O gerês: ¿oger- o uger?. Etc., etc.
En Estudios Mindonienses: La diosa Reve y los trasancos. Zoñán y Cinxe: dos cambios fonéticos excepcionales. Bretoña, tierra de Britones. Britones, Biortos y Chavellas. Mondoñedo y Valoría. Nuevas aportaciones a la toponimia vivariense. Etc. Etc.
En Veleia: Rego y Requeixo: Una pervivencia hispana de la raíz indoeuropea er- “moverse”. Ulla, Veleia y otros derivados de la raíz indoeuropea wel- “hacer girar”. Adrados y otros topónimos gallegos, derivados del lat. “hedera”. Etc., etc.

¡Cómo para non esquecelo, non si? Castroverde non se cansa de parir eminencias.
Xosé María Gómez Vilabella
______________________________________

05 mayo, 2012

MISCELÁNEA

A
RELIXIOSIDADE NO CONDADO DE FLAMMOSO

 

Primeira
procesión en Montecubeiro coa imaxe da Virxe Milagrosa, 
fai medio século diso o
próximo día 24.

Primeira procesión en Montecubeiro coa imaxe da Virxe Milagrosa, fai medio século diso
o próximo día 24.
Ora et labora foi o lema monástico dos frades dominicos, pero no noso condado é evidente que esta vocación vennos de atrás, se cadra da propia Cova da Valiña. Non sería aventurado opinar que comezaron os druídas dos nosos castros, tantos que temos, os castros, e druídas igual queda algún, aínda que medio esquecidos uns e outros.
A nosa particular idiosincrasia tamén ten algo, ¡ou moito!, de priscilianista, pois adoramos a natureza, o verde, que así os entregos bautizaron o noso castro, o principal, o central, a cabeceira do que logo sería Condado de Flammoso. Pero xa fóramos discípulos do apóstolo Santiago, ou de onde veñen os padroados de Santiago de Castroverde, da Meda, de Miranda, de Adai…, anteriores ao século IX, e por tanto anteriores ao Camiño, anteriores ao Afonso II?
Nesta vocación, ¡seguimos facendo camiño! Seguimos, estamos, preparándonos para o gran evento anual, cal é, cal será, a XXXV Romaxe de Crentes Galegos.
Isto non precisa retórica para a súa evidencia, para a súa demostración, pois chega e basta con deternos ante os pórticos das igrexas deste condado, comezando, se acaso, por Soutomerille. Por riquezas que atesourase a Igrexa, século a século, ¿sería posible levantar os monumentos que aínda conservamos, cruceiros, petos de ánimas, capelas, igrexas, conventos …, a cal máis traballado, sen unha fe arraigada e transcendente nas sucesivas xeracións do noso país? É un orgullo e unha satisfacción inmensa vir de onde vimos, ser de onde somos, e seguir exemplarizando coas nosas celebracións. ¡Miúdo patrimonio o da nosa herdanza!

                                           Xosé María Gómez Vilabella

____________________________________________