Nunha actuación reprobable, o Alcalde do Concello de Pol debe dar conta da tala de carballos para a ampliación da estrada LU- 750
A Xunta está a ampliar a estrada de Meira a Baralla (LU-750). Quen viva ou pase por alí pode darse conta do impacto que está a causar a estrada. Non só polo terreo agrícola que ocupa senón tamén polos efectos colaterais. Os movementos de terra para rechear terreos de veciños nas mesmas beiras do río ou regatos é simplemente escandaloso. A necesidade dunha obra non pode xustificar o de “todo vale” e verter toneladas de terra ao longo e ancho das inmediacións das obras.
Hai quen opina que o que sobran son carballos. Quizais habería que dar unha volta por moitos concellos da Mariña ou da costa da Coruña e Pontevedra para decatarnos do falso desta afirmación (xa hai datos de concellos que contan con só unhas poucas hectáreas de arborado autóctono). Pola contra o que si son escasas son as carballeiras de propiedade pública coas que contamos tanto na provincia de Lugo coma no resto de Galiza. É o caso da parroquia de Rioxoán, no concello de POL, onde se conservaba unha carballeira de exemplares centenarios na que, ata non hai moito tempo, se celebraba unha importante romería, aorredor da capela adicada a Santa Petronila e na que se conserva un valioso retablo barroco de mediados do século XVII, incluído, xunto coa capela, no inventario de bens catalogados. Na carballeira celebrababase tamén, -ata o 1947-, unha importante feira quincenal, da que aínda ata non hai moito tempo se conservaban na carballeira alguns peitoriles de pedra usados como expositores. Trátase, pois, dun entorno que, -a maiores de constituir unha área de lecer natural para todos os veciños de Rioxoán e a maiores dos servizos ambientais que, como regulador do microclima e como paisaxe de singular interese, sempre ofrece unha carballeira-, constitúe un elemento inequívoco do noso patrimonio etnográfico e cultural.
En base ao dito dende ADEGA solicitou á Consellería de Política Territorial a modificación do proxecto da estrada de Meira a Baleira que, ao pasar por Rioxoán, propoñía talar, de forma innecesaria, toda unha fila de carballos para camiño de servizo nas marxes da estrada. A través da Delegación propuxemos deixar o trazado actual da estrada como vía de servizo e se deseñase, no seu lugar, unha circunvalación por fora do núcleo rural de Rioxoán e, no caso de non considerarse no momento actual, que, cando menos, se modificase o proxecto reducindo ao ancho da calzada e construíndo beirarrúas (co seu alcantarillado e alumeado público) en lugar das beiravías e gabias que se propoñían no proxecto. Non se solicitaba, pois, máis que unha modificación do proxecto para mellorar a calidade e os servizos que o proxecto anterior podía ofrecer.
E, efectivamente, así o entendeu a Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial que confirmaba que o proxecto tiña sido modificado e que xa non afectaba á carballeira.
Deixa unha resposta