Nunha actuación reprobable, o Alcalde do Concello de Pol debe dar conta da tala de carballos para a ampliación da estrada LU- 750
A Xunta está a ampliar a estrada de Meira a Baralla (LU-750). Quen viva ou pase por alí pode darse conta
do impacto que está a causar a estrada. Non só polo terreo agrícola que ocupa senón tamén polos efectos colaterais. Os movementos de terra para rechear terreos de veciños nas mesmas beiras do río ou regatos é simplemente escandaloso. A necesidade dunha obra non pode xustificar o de “todo vale” e verter toneladas de terra ao longo e ancho das inmediacións das obras.

Hai quen opina que o que sobran son carballos. Quizais habería que dar unha volta por moitos concellos da Mariña ou da costa da Coruña e Pontevedra para decatarnos do falso desta afirmación (xa hai datos de concellos que contan con só unhas poucas hectáreas de arborado autóctono). Pola contra o que si son escasas son as carballeiras de propiedade pública coas que contamos tanto na provincia de Lugo coma no resto de Galiza. É o caso da parroquia de Rioxoán, no concello de POL, onde se conservaba unha carballeira de exemplares centenarios na que, ata non hai moito tempo, se celebraba unha importante romería, aorredor da capela adicada a Santa Petronila e na que se conserva un valioso retablo barroco de mediados do século XVII, incluído, xunto coa capela, no inventario de bens catalogados. Na carballeira celebrababase tamén, -ata o 1947-, unha importante feira quincenal, da que aínda ata non hai moito tempo se conservaban na carballeira alguns peitoriles de pedra usados como expositores. Trátase, pois, dun entorno que, -a maiores de constituir unha área de lecer natural para todos os veciños de Rioxoán e a maiores dos servizos ambientais que, como regulador do microclima e como paisaxe de singular interese, sempre ofrece unha carballeira-, constitúe un elemento inequívoco do noso patrimonio etnográfico e cultural.

En base ao dito dende ADEGA solicitou á Consellería de Política Territorial a modificación do proxecto da estrada de Meira a Baleira que, ao pasar por Rioxoán, propoñía talar, de forma innecesaria, toda unha fila de carballos para camiño de servizo nas marxes da estrada. A través da Delegación propuxemos deixar o trazado actual da estrada como vía de servizo e se deseñase, no seu lugar, unha circunvalación por fora do núcleo rural de Rioxoán e, no caso de non considerarse no momento actual, que, cando menos, se modificase o proxecto reducindo ao ancho da calzada e construíndo beirarrúas (co seu alcantarillado e alumeado público) en lugar das beiravías e gabias que se propoñían no proxecto. Non se solicitaba, pois, máis que unha modificación do proxecto para mellorar a calidade e os servizos que o proxecto anterior podía ofrecer.

E, efectivamente, así o entendeu a Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial que confirmaba que o proxecto tiña sido modificado e que xa non afectaba á carballeira.

Ata aquí viría o proceso normal na mellora de calquera proxecto. Pero apareceu Lino Rodríguez Ónega, alcalde do PSOE en Pol en minoría que considerou que “o seu proceder non tiña nada de estraño”, que “non cometín ningún delito”, que “a tala non suporá un problema na contorna nin carrexará animadversión”, que “coa tala dos carballos desaparecerían problemas de humidade que agora afectaban a casas próximas” e que “a medida contaba co apoio da maior parte dos veciños”.

Estamos convencidos de que, para calquer persona cun mínimo de sensibilidade polo patrimonio natural e cultural do seu pobo, un alcalde debera non só de protexer e conservar esta carballeira, senón tamén de poñela en valor como valioso patrimonio natural de tamén importante sinificado histórico e cultural. Debera ter sido el e o seu equipo de goberno os que deberan de interceder ante a Xunta para conservar o patrimonio do concello

Dende o noso punto de vista, a tala desta carballeira non só demostra unha absoluta falta de sensibilidade por parte do Alcalde que ordena a súa tala, senón un auténtico escándalo que, dende logo, non pode quedar impune porque se trata dunha tala innecesaria, porque se ordena unha tala duns carballos centenarios que non están xa afectados polo proxecto constructivo da estrada e porque, ademáis, se fai sen autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (autorización imprescendible xa que se trata dunha carballeira que ten iniciado os trámites para a súa inclusión no catálogo de árbores senlleiras).

Un Alcalde que se di progresista, que goberna ademais con votos prestados doutros partidos políticos que lle teñen feito reclamacións similares ás que nós prantexamos, debera demostrar outra sensibilidade. Esperamos que a Consellería de Medio Ambiente si demostre a sensibilidade que lle corresponde exercer sancionando exemplarmente esta escandalosa actuación do Sr. Alcalde de Pol.