Miscelánea

O NOSO HUMOR

Achegas de


Xosé María Gómez Vilabella

¿Que ten de especial o noso humor? ¡Case nada, pois nada menos que o seu principal tratadista tivo as súas raiceiras no verde do noso Castroverde! ¿Non se di que os chistes fortes, os de maior intimidade, son os “contos verdes”? ¡Pois iso, que con tanto verde neste Valverde non podía ser doutro xeito!

O que pasa é que pasamos por alto o pasamento das grandes figuras, as de máis saiba, as máis enxebres; aí temos o caso, entre outros, dos ilustres Manuel Cordero Pérez, Enriqueta (sen h) Otero, don Celestino…

A don Celestino hai que darlle o don xa que Deus lle deu o don do humor, que tamén é unha heroicidade, ¡e non das cativas! Nado en Friol por accidente circunstancial, exactamente o 23 de setembro do ano 1914, a saiba do noso filósofo, Celestino Fernández de la Vega Pardo, é castroverdense. ¡Por ende, verde, ademais de “Pardo”! Foron seus avós José Fernández de la Vega, natural de Castroverde, cuxa casa natal aínda existe, que todos a coñecemos, e incluso a frecuentamos; e Generosa Pasarín, natural da Fonsagrada. Estes mesmos son, foron, os bisavós de dona María Teresa Fernández de la Vega Sanz (dos Sanz de Valencia), que non precisa de máis presentación. Pero, neste caso concreto, o meu homenaxeado é don Celestino, que viña a ser tío da precitada.

O que resulta de difícil comprensión é que un home de tan fino sentido do humor acabase sucumbindo ante unha depresión inesperada. ¡Misterios da vida! Ou se cadra, non, pois o humor non deixa de ser unha especie de rebeldía ante os avatares deste complexo vivir, un arma secreta da que botamos man cando non temos outras artes para defendernos das agresións, das erosións, do mundo circundante, opresor e angustioso.

Veño de ler, por enésima vez, o seu libro “O segredo do humor”, sempre impresionado pola súa dedicatoria: “Para María Luísa, e para que cando os nosos tres ledos cativos medren comprendan un pouquiño da ledicia e da tristura de seu pai”. ¿Ledicia, tristura…? ¡Precisamente iso é a vida, un cóctel de ledicias e tristuras! O “segredo” está en saber temperalas, axitalas, ponderalas, dixerilas… Hai un vello dito…, ¿por qué esquecemos os ditos, os refráns, tendo, como teñen, tanta sabedoría secular acumulada, concentrada, espremida? “A vida é un tango, e quen non o baila un tonto”. Outro di: “Esta vida non é vida; haina mellor, pero da boa ten a chave San Pedro, e non a regala!”.

Case no remate do libro, don Celestino razoa así: “¿Que pasa co humorismo que se fala tanto del e logo non hai maneira de sinalar onde se atopa? ¿Por que hai esa tremenda resistencia a tomar en serio o humorismo? Eu coido que se non estamos dispostos a tomalo en serio, a averiguar definitivamente o seu sentido, fundamento e estrutura, vai sendo hora de abandona-lo uso tan frecuente desa palabra, sobre todo en contextos tan serios, graves e transcendentes como nos que se adoita usala; vai sendo hora de que se ninguén sabe o que di cando fala de humorismo, teña a honradez de non falar diso”.

¿Que, descubrímonos ante a obra deste gran pensador? Pola miña parte, non sigo: ¡O que non teña sentido do humor que non se chame culto, e para ser culto, xa se sabe: ver ou ler! Se eu tivese nas miñas mans as chaves de San Pedro, ¡xa volo advirto!, non deixaría entrar no Ceo a ningún galego que non tivese lido ao noso egrexio paisano don Celestino Fernández de la Vega. A sorte que tedes é que, en cuestión de “chaves” só teño as da miña casa, ¡que tamén é vosa!