Miscelánea


Paseante en cortes (II)


Achegas de


Xosé María Gómez Vilabella

-II-

A viúva de Mirandela, de ben apertada que estaba, aquela noite non lle tivo medo ao trono; nin ao trono nin aos lóstregos, e iso que parecían laparadas, pois a debaixo das sabas o resplandor non chegaba. E se cadra non era para térllelo pois a casa queimouse…, ¡por culpa dun chisqueiro, que non do raio! Por culpa do chisqueiro e dos toxos que tiña a Beatriz, alí mesmo, no mesmo alpendre da porta, ben sequiños e abeirados para cocer pantrigo ao día seguinte, ¡cando volvese da feira!

Con aquela confusión do lume, non se sabe se Ramiro a colleu en brazos primeiro, ou se primeiro se puxo as cirolas; en calquera dos casos sábese que saíron xuntos, xuntos e ben abrazados, pola ventá de encima do alboio, ¡cando xa dominaba o lume! As enaguas tívollas que prestar unha veciña, pois a Beatriz, só coa saba, aterecía de frío; e como para daquela xa estaban os veciños de Mirandela carrexando caldeiros de auga, e tentando reunir no curral tódalas reses que se botaran fóra ao arder o portal da casa, ¡nin coa laparada viron qué camiño collía a besta do Ramiro, “a besta pardela”, que dicían os de Miranda en malévola alusión!

Cabaleiro a pelo, sen máis agardas nin monturas, perdeuse na noite o que xa perdido estaba. ¡Tal se perdeu, que nin a Miranda nin a Espasande en vida volveu!

Ninguén desconfiou do Brais; ninguén, en toda a bisbarra, agás Ramiro, que aínda que a pelo ía, de burro non tiña un pelo.

Ramiro de Espasande fuxira cara a Seixosmil, que xa sabía el que o cura daquela parroquia saíra carlista, e cabaleiros coma Ramiro…, ¡valen para tódalas guerras, polo guerrilleiros que son! Chegado que foi á reitoral da Esperela contoulles a trola de que collera a egua sen monturas, coma quen a leva á chousa grande, para que en Miranda non sospeitasen que se pasaba ás faccións carlistas, que estaba farto dos liberais de Castroverde, bisbarra incluída.

-Querido amigo, vés en boa hora, que nin caído do Ceo, pois casualmente téñome comprometido co Señor de Bullán, e tamén con Diego Osorio, meu parente meirego, de formarlles unha partida de dez homes que saiban disparar, ¡e maldito se voluntario atopo aquí no Val, que todos me din que as armas de fogo cárgaas o diabo! ¡Canta burremia teño nesta parroquia, meu don Ramiro!

-¿Dixo dez homes, Monseñor? ¡Pois só lle faltan nove! Se me dá a min as provisións, e maila soldada deses dez homes, vou de noite ás terras do Corgo, e xa verá El Rei don Carlos qué arte me dou para converter xudeus en carlistas. ¡É cuestión de predicarlles ao son das moedas!

Coa besta enselada, e coa mula do Esperela ben albardada, alforxas e marabedís, ¡para dez homes, dez meses nas Partidas!, Ramiro de Espasande fixo que volvía atrás para facciosos recrutar, pero onde realmente ceou foi na taberna de Tras das Fontes de Fonteo, que era onde se congregaban os que ían para Meira, ¡e con eles se foi! No convento de Meira tivo unha xuntanza con frei Gregorio e co cura Colmenero, aquel valente de Seixosmil, tan soado como sonado. Presentáronlle decote a don Diego Osorio, que era o Capitán daquelas milicias, ao que informou con sapiencia:

-¿Liberais en Castroverde? ¡Todos, a eito! Desde que non hai cadeas no castelo, e desde que quitaron a Inquisición do Barreiro, toda a bisbarra é un relaxo. ¡Miren como será a cousa, que xa poucos dormen coa súa muller!

-¡Pois hai que liberar Castroverde, unha terra santa, unha terra de conventos! ¡Por Deus, pola Patria e polo Rei! –exclamou Osorio, feito un cazador de osos.

-¡E de paso, Pena, que alí están os seus parentes, don Osorio, aqueles cos que vostede tivo preitos de herdanza, que por certo llos gañaron! ¡En Pena, de pena, nada, que todos son ilustrados, afrancesados, ceibes coma corzos! Que digo a verdade xúrollo por Deus, pola Patria e polo Rei don Carlos, noso Señor; ¡amén!

Nisto, de entusiasmados, feitos un enxame, e coa mantenza na mula, o cura Colmenero deu a orde de partir:

-¡Carlistas, a montar! ¡Carlistas, a Castroverde! ¡Carlistas a trunfar!

De momento, trunfar trunfaron, que Castroverde tomaron; e na taberna do vello Escardel, compadre do Ramiro, ben que se emborracharon. Ao outro día, oito de Setembro, era festa en Pena, e pareceulles que mellor ocasión para solta-la pólvora, imposible! ¡Dous, dous foron os mortos que alí se cobraron; dous mortos cos perdigóns polas costas, no propio torreiro, mentres a muiñeira bailaban!

Os do lugar saíron frechados a polas súas escopetas, que as postas do lobo gardadas estaban. Picaron esporas os de Meira, cada quen segundo podía arrear; detrás ía o Ramiro, porque a mula do compango facíase de rogar. Pero aos poucos apareceron os de Pena, ¡coas postas entubadas! Aló nas Veigas dos Feás, en Montecubeiro entrando e ás fontes do Azúmara chegando, Ramiro sentiu unha gran molleira no traseiro: ¡da cor do viño, mais viño non era! Daquela mesmo lle rendeu contas a Deus, ca non a El Rei; e todo iso sen Viático nin Confesión pois tanto frei Colmenero coma frei Gregorio rezando non ían, que tempo non tiñan. Á altura das fontes do Azúmara decatáronse de que non os seguía o cantineiro, pero daquela xa era tarde, así que nin para coller auga se apearon!

Engadiu o patrucio que mo contou que daquela os de Pena non só remataron aquela festa do Oito de Setembro enterrando aos seus mortos, a ámbolos dous, senón que aínda lles sobraron tempo e forzas para soterrar, nun deses pichocos das Veigas, tal e como caera da súa besta, ao piadoso carlista, aquel don Ramiro de tan infausta memoria.

Quen se esqueceu, de seguida, de todo isto, grazas á fraternidade do seu Brais, foi miña dona Francisca, que nunca máis volveu a mirar se baixaba ou subía aquel Ramiro polo camiño de Mirandela. ¿E que máis, se preguntará o lector curioso? ¡Pois…, pouco máis! Cantouse unha copla, outra, de feira en feira, referindo o caso daquel morto, rezagado, das Veigas dos Feás, pero isto non lle preocupou á Paquiña, ¡tan entretida que andaba estreando no seu Brais! En canto á viúva de Mirandela non lle quedou máis remedio que reconstruí-la súa casiña, e abrirlle a saba ao fantasma do seu home…, que ninguén se atreveu a imita-lo seu Ramiro, nin a pé nin dacabalo!

Para casar con seu curmán, a Paca non pediu licencias, pois o novo cura nada sabía da historia do seu predecesor; ¡nin diso sabía, nin falar oíra das fatídicas Leis de Mendel!

Por outra banda, os paseantes en cortes, ao escasear as bestas, nesta bisbarra extinguíronse…, de socato!

O tempora, o mores!, que así se expresou Cicerón lamentando a perversidade dos seus contemporáneos. Os pecados do presente son máis…, máis discretos, e logo que xa non saen nas coplas da feira de Castroverde; se acaso no “Hola”, ou nos telediarios! Por outra parte, ¿quen se lembra de Cicerón, nestes tempos do botellón!