Á atención do Comité Asesor do Camiño de Santiago

Lugo, 17 de Nadal de 2007

En relación co expediente (…) e dada a imposibilidade por razóns laborais de asistir á xuntanza do Comité Asesor do día 18 como sería o noso desexo, vémonos na obriga moral de someter á súa consideración a seguinte información que coidamos de interese no que atinxe ao patrimonio do Camiño Primitivo verbo da cuestión contemplada neste punto da orde do día:

1º.- A calzada orixinaria do denominado Camiño Francés ou Camiño Vello no alto do porto da Vacariza (límite dos concellos de Baleira e Castroverde) foi destruída unha mañá de mediados do mes de xullo de 1994 pola Consellaría de Obras Públicas da que era responsábel don Xosé Cuíña Crespo.

2º.- O seu firme e toda a superficie dos arredores foron utilizados como entullo e material de recheo para o ancheado da estrada C-630 (hoxe 530), Lugo-A Fonsagrada, sendo cernada completamente a masa arbórea que daba abeiro ao itinerario xacobeo e configuraba o entorno paisaxístico da verea antiga.

3º.- Ao contrario do que puidese parecer, non se trata dunha actuación promovida pola interferencia da estrada co camiño histórico, dado que a mesma pasa a certa distancia, senón do simple desexo de botar mao de material próximo –e, por tanto, cómodo e barato- para o afirmado da estrada.

4º.- Á beira do Camiño erguíase un cruceiro de 1866 coñecido como A Cruz de Pedra, topónimo co que se identifica o lugar no que un camiñante caeu morto cando regresaba para a súa casa na aldea de Fontela da parroquia de Santiago da Fontaneira, en pleno Camiño Primitivo, tráxico acontecemento lembrado na inscrición do cruceiro e na memoria popular: “Año 1866. Aquí murió Juan Neira de Fontela”.

5º.- A Cruz de Pedra, ben cultural de mediados do XIX, foi arrincada de raíz pola escavadora e arrombada sen a menor consideración nun silveiral próximo.

6º.- Con anterioridade a esta desfeita, a Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago puxo en coñecemento das autoridades “competentes” -de forma reiterada e por escrito- a previsión de que o primeiro camiño xacobeo da historia, a Cruz de Pedra e o seu entorno poderían ser destruídos no Alto da Vacariza, cousa que finalmente aconteceu. Non se produciu ningún tipo de resposta nin de actuación sobre o particular, mellor dito, de xeito tácito adoptouse o criterio de “non intervir”.

7º.- No día de autos, quen subscribe acudiu ao lugar para deixar constancia gráfica do que alí estaba a suceder, quedando rexistrado o intre concreto en que a máquina arrincaba o cruceiro para guindalo nun vertedeiro. Ditas imaxes foron recollidas polos principais xornais galegos, coa conseguinte repercusión mediática. (A cruz sería reposta moito tempo despois polos Amigos do Camiño Primitivo galegos e asturianos, cunha pena por peana ou basamento no punto máis próximo posíbel e ante o desleixo das institucións).

8º.- Como resultado da denuncia pública, personouse no lugar o arqueólogo da Delegación de Cultura de Lugo, Sr. Ameixide, sen que se teña coñecemento de ningún tipo de resolución sobre o expediente supostamente instruído.

9º.- A consecuencia inmediata deste asalto ao patrimonio foi o corte e atrancamento da calzada virxe que ao longo de 10 kms. comunicaba os concellos de Baleira e Castroverde desde tempo inmemorial cara Compostela, así como a súa transformación nunha plataforma arrasada que veu servindo como escombreira.

10º.- Cortado o paso do Camiño e ante a inoperancia das institucións, desde entón deixou de ser utilizado o tramo orixinario da rota xacobea entre o porto de A Vacariza e a capitalidade de Santiago de Castroverde, con paso ao pé do castro de Vilalle e próximo ao dolmen de Marrondo coñecido como Cova dos Mouros. Un fermoso treito duns oito kms. de camiño tradicional laxeado coñecido como A Calzada, a través do Monte Vello, contra cuxo abandono de máis dunha década se teñen pronunciado con indignación os veciños do lugar logo de observar estupefactos o que pasamos a relatar:

11º.- Baixo o mandato de dona María Antón Vilasánchez, o Xacobeo aproba unha precaria itinerización do Camiño Primitivo que en chegando á desfeita anteriormente mencionada e no canto de manter a liña recta da calzada antiga e recuperar o tránsito, introduce un xiro de 90º ascendendo pola serra do Mirador do Monte Pradairo, para logo dunha nova viraxe radical montaña abaixo e varios quilómetros de arrodeo por pistas forestais sen a menor relevancia, descender en picado cara a ermida do Carme de Vilabade, obra pía de finais do XVII sen vinculación intrínseca coa rota xacobea.

12º.- Interrogada a mandataria do Xacobeo polos daquela alcaldes de A Fonsagrada (don Bertín Deza) e de Castroverde (don Miguel Rodríguez) sobre tamaño despropósito histórico e cartográfico que agrede a máis mínima lóxica da camiñeiría tradicional, reciben como resposta que a administración apostou por esa vía porque se consideraba que “era un camino de futuro”.

13º.- Nese desvío imprevisto do itinerario histórico do Camiño Primitivo entre Baleira e Castroverde que anula o paso antigo polo burgo de Vilalle coidamos que non estaría demais considerar o feito da implantación na parroquia de Vilabade dunha casa de turismo rural con gran aparato propagandístico canto ao seu asentamento á beira da rota xacobea primitiva, así como a presión de certos intereses agrupados en torno ao seu conxunto monumental.

14º.- Curiosamente, mentres se inventaba un acceso tortuoso a Vilabade e se deixaba inoperante a calzada orixinaria por Vilalle, chama a atención o descoñecemento oficial e mesmo oficioso sobre o chamado “camiño real de Vilabade” desde a vila de O Cádavo, vieiro directo e ancestral a dito santuario “monumento nacional desde 1979”, calzada antiga, fermosa e en bon estado que sube ao biés a serra pola traza medieval, utilizado de xeito habitual até época recente polas xentes de Tras da Serra, seguindo o val de Baleira pola que en 1236 se denominaba Costa de Férbeda, itinerario alternativo e histórico que recollemos exhaustivamente no noso volume titulado “Á Baleira de Camiño” e que desembocaba directamente na igrexa de Santa María de Vilabade, en cuxo documento fundacional de 1457 se pon de relevo o feito de ser un templo dedicado á Virxe do Camiño e de estar na vía que ía do San Salvador de Oviedo a Santiago de Galiza. (Vieiro histórico a Vilabade, completamente desprotexido e actualmente afectado polo proceso de concentración parcelaria das parroquias de A Esperela e O Cádavo).

15 º.- Como conclusión e por enriba do desastre cartográfico que vimos de relatar dun xeito sucinto e que puxo en perigo a rota na última ducia de anos, coidamos que cómpre priorizar e recuperar o paso pola senda tradicional do Camiño Primitivo arranxando a desfeita de A Vacariza, lugar emblemático a 830 m. de altura desde onde se ve por primeira vez na lonxanía a cidade do Sacramento. Un punto de inflexión entre as serras orientais e as chairas lucenses, ideal para unha información non agresiva, onde os camiñantes están a asentar de “motu propio” un ritual consistente en pendurar coroas de flores sobre a Cruz de Pedra. En todo caso, achegar terras que devolvan a suave pendente ao terreo, resituar o cruceiro de 1866 ao emprazamento orixinario e axudarlle á vexetación autóctona a se rexenerar creando unha cortina protectora entre o Camiño e a estrada comarcal. Despilfarrar fondos públicos no arranxo de cunetas e limpeza de pistas forestais sen a menor vinculación coa vía antiga a Compostela mentres aquela languidece debido a reiteradas incompetencias e pasividades, con seguranza non é o que a cultura espera de nós neste momento da historia. (Por certo, sería de interese que os departamentos da administración responsábeis dos atentados ao patrimonio, asuman por si mesmos a obriga da súa recuperación e a responsabilidade dos feitos).

Atentamente,

RICARDO POLíN