¿Pódese pasar?


-XIII-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella

-o0o-

Na terra dos cegos o que ten un ollo…


Aquela Revisión ía lenta porque a análise anímica do Litis, dado o seu polifacetismo, por outra parte tan arrevesado, mesturábase coas visitas, in situ, de tódolos lugares onde actuara ou repercutiran as súas compoñendas, as súas manipulacións, os seus chanchullos. Aínda que aqueles Inquisidores pasasen con celeridade por certas pasaxes, as outras eran de detención obrigada para ponderalas axeitadamente, con rectitude crítica á luz da verdade, pero buscando posibles atenuantes, piadosas atenuantes, comprensións e tolerancias paternalistas. Nun daqueles episodios:

-¡Eh, rapaces; parade ese proxector e dádelle á reversa!

-¿Que pasa, Tío Marcos; hai algo divertido, eses galaicos contaron algún chiste? ¡Nos non nos decatamos…!

-¡Chiste o teu, querido Fisga, que non estamos para bromas! Pareceume enxergar que podemos ter, nesas secuencias, nas últimas, unha testemuña das de cargo, perfectamente válida; iso á parte e ademais de que se trata dun tipo simpático, un rara avis, que en Churiz, coa desfeita que teñen, tipos así xa non quedan.

O que hai nesta Vila, ¡o que había, en pretérito!, é unha temerona de espanto; ¡cantidade! Para empezar, o Bieito ese, que lles promete o inferno, un inferno seguro, eterno, se non cumpren con rigor o xaxún da Coresma, ¡así estean cavando na bouza! E logo está ese Aurelio, que pasa nun tris, mutatis mutandis, dos seus camelos xurídicos ás ameazas máis onerosas, ¡e tan teso!

-¿Ameazas onerosas, tipo cazo? ¡Nunca tal oín, pero tampouco me estraña, acostumados como estamos ás grazas celestiais, gratis datis! -Afirmou Fisga Nove.


-Onerosas, si, que eu entendo aos galegos, perfectamente, así falen en castelán; ¡mellor que vosoutros, por fisgas que sexades! Resulta que este Cubano, ese do Café, empezou a notar que lle deran instrucións, ¡verticais!, ao Cabo da Garda, ao Municipal, para multa-los autos que aparcasen alí abaixo, nas inmediacións do seu “Centro”. De entrada coidei que as “dignísimas autoridades” querían ter un vao, un reservado permanente, gratis, para os seus vehículos, pero como, daquela en Cuba, tamén se lle deran casos similares coa xente do Batista, nada, que ensaiou a perdoárlle-la minuta das consumicións; receita eficaz pois a partires daquel día o Cabo tivo outras consignas: No sucesivo dedicáronse a molesta-la clientela das outras rúas, devolvéndolle os favores ao Cubano. ¡O que non se lle ocorra ao mangante, ao Litis…; nin que estivésemos en Chicago, daquela da Lei Seca!

-Frei Marcos, ben sei que o encoraxan as estrapuxas prevaricatorias pero faga o favor de calar por un intre con iso do Cubano, que volve a saír en pantalla aquel rapaz do Pelo Pincho, o Simpático. Arestora pregunta polo señor Alcalde…

-¡Atentos, que esta escena promete; promete e vai cumprir, coido que si!

-…

-¿Pódese…? ¡Oia, escoite; díxenlle que se podo entrar! É para falar co señor Alcalde, ¡en persoa!

-¿De qué lle quere falar? -Preguntou Ramonciño, medio levantando a vista duns papeis; un tanto avinagrado, feito un Ramonzón desde que seu compadre deu en mandarlle daqueles xamóns, dos sobrantes, dos rancios, á vez que lle retiraban o despacho directo das visitas paganas; ¡das pagadas en efectivo, séxase, clientais!

-¿Pero qué de que…; qué pregunta? ¿Oia, é que vostede fai de San Pedro neste vilorrio de Churiz? Xa lle direi ao Xefe o que teña que dicirlle, pero eu mesmo, directamente, en persoa, que non preciso tradutores…, por máis que veño da Alemaña, que alí élle outra xente, outra lingua, outra honradez, outra eficacia!

Ramón refungou ante a coraxe daquel emigrante:

-¿Ten hora, ten cita…; pediuna?

O Simpático deixou de lado aquela simpatía habitual que o caracterizaba para poñerse ao nivel das circunstancias locais:

-¡Non; nin a teño nin é preciso, que non estou na consulta do Médico!

Ramón volveu a farfallar en vista de que o Emigrante, xa desafeito daqueles abusos caciquís, rurais, seguía sen mete-la man no peto das corruptelas, séxase, no das moedas, ¡máis ben en papel, en billetes do B.E.!

-Daquela preguntareille ao señor Secretario se pode, ou se o quere, recibir…, ¡pero non se pase!

O Simpático peiteábase para atrás; diso xa facía tempo:

-¿Ti es funcionario, funcionas, páganche por funcionar?


-¡Oia, un respecto, que eu son Oficial, Oficial Maior deste Axuntamento, o que se di unha Autoridade, así que non se propase, lle repito!

-¿Axuntamento? ¡Agora falaches, que trazas diso hai: un axuntamento homoxéneo, ben axuntado e ben conxuntado, tan recadador coma a pá dun croupier! Mire, eu sonlle un cidadán honrado, que saín polo mundo, descantiá, e traio tódolos meus aforros para este país tan rico e tan miserento, á vez, asemade; ¡polo mal administrado que o tedes! Daquela coido que non sobran as miñas remesas… ¿Vai entendendo, ou prefire que lle fale en alemán? Sprechen Sie Deutsch? ¡O que queira, mais, se tampouco entende o noso, o galego, daquela dáme igual, que lle podo parlar en italiano, nun italiano fresquísimo; ou nese franchute dos diplomáticos…! No que prefira, que eu, aquí onde me ve, antes de ir para Alemaña, estívenlle en Suíza, en varios Cantóns, e non precisamente para esconde-los cartos senón para gañalos, ¡honradamente, co meu esforzo! Nacinlle nunha parroquia deste Churiz…, ¡que non é gran cousa, pero algo máis sería se estes parasitos non mamasen dos lugareños!

Outra cousa: ¡sígolle empadroado, aquí, aquí mesmo, e as miñas leiras pagan contribución! Con isto dito, tócalle falar a vostede; e deixe de ollarme con esas laparadas, que lle estou vacinado, ¡que a min non me hipnotizan vostedes!

¿Qué; non chegan estes títulos de cidadanía, os meus, para que me reciba o propio Salmonte?

Ramón achicouse ante a dignidade daquel Simpático; en consecuencia, reencarnouse no corpo do Ramonciño, no de costume, pero só a medias:

-Mire, paisano, déixese de bravatas, que tan mal están nun súbdito. Don Manuel ten as súas funcións, e non está para recibir aos ninguéns. En canto ao Secretario, que don Aurelio se chama, ese recibirao con gusto, que recibe a tododeus, mais iso será tan pronto llo pida eu, ¡se é que llo pido! Mire, con insolencias, aquí en España, o único que vai conseguir, vostede, si, vostede, é un pasaporte…, ¡para ese Tribunal de Orden Público! ¿Sóalle?

Aquel emigrante, tan batido en tantos países, volvérase correúdo:


-¿Insolencias; que me insolento, eu? En calquera caso está ben, señorito folgazán, señorito funcionario. ¡Vale! Fareino doutra maneira, que por tres pesetas dunha póliza, desas que venden no estanco, non deixarei de dicirlle ao propio Alcalde a queixa que ten este cidadán; ¡e que conste que son honrado, que honra non é a que vostedes me dean, senón a propia, a que merezo! Vou facer unha instancia, xa mesmo, e daquela volvo, de seguida, con ela na man; unha instancia con copia, ¡na que precisarei un cuño e maila data!

Ramonzón, ou Ramonciño, ou a mestura dos dous, volveuse TNT a punto de ignición, a punto de estourar:

-¡Váiase…, a onde queira, e como queira, pero ao lonxe!, que mentres o fai, mentres fai de ventre, asegúrolle que avisarei aos Gardas; ¡de momento, aos Municipais! Cando regrese, e procure volver limpo, xa veremos se fala co Alcalde, ou se o Cabo fala con vostede, pero, ¡coa porra na man!

Despois dun breve lapso de tempo, aló dentro, na Secretaría:

-Don Aurelio, ese home non me fai caso, que xa lle expliquei o incidente, de pé a pá. ¿Que fago, que fago eu, agora? Pondere que ese emigrante quedou de volver, ¡cunha instancia na man! ¡Élle de malas pulgas!

-¡Que volva, que xa se recibirá…, iso, a instancia! Outra cuestión é contestarlla. ¿Contestar unha instancia…? Para iso terá que esperar tres campañas, desas de dous anos…; ¡ata que o xubilen nas dúas Alemanias, nas dúas á vez, quere dicirse, ad calendas graecas!

Ramonciño víase atrapado, como nunha vagada, entre dous fogos e cos lobos fuxindo polo foxo, de par súa, que tal estivera no verán último, daquela que axudou a apaga-lo lume, porque perigaba unha chousa propia, unha daquelas herdadas de seu tío, que noutro caso…, ¡un Oficial é un Oficial!

-Don Aurelio, teño que insistir, ¿que lle parece que pode pasar se non lle rexistro esa copia; coido que virá cun Notario? ¡Se vise en que plan se me puxo…!¡Lapeaba!

-¿Ramonciño, ti es un home ou un coello? Por selar que non quede; e se non se larga, á présa, daquela poslle un cuño…, ¡dous, pero no traseiro, con esas botas, coas túas, rexas, de Monforte, ! ¡Emigrantes, a min…, plin!

Momentos despois:

-…

-¿Qué; non veu ese Alcalde? -Preguntou, outra volta, aquel Simpático, de pé diante do mostrador e coa flegma dun home de mundo.

O Oficial, cun aceno significativo, engurrando o cello:

-Vir, veu, pero coma se non, que está reunido co Secretario.

-Entón esperarei; mesmo aquí, xa que non me manda pasar. Pero déixeme unha cadeira desas, que todas están dese lado do seu valado.


-Como non o faga no chan…, que estas cadeiras son da Oficina; mais aforra de sentarse, que perde o tempo, que xa lle dixen que sen cita previa aquí non se recibe aos ninguéns; ¡ningún dos dous!

-Pois, neste caso…, pon aquí eses cuños do teu Rexistro. No teu, non; aquí, na copia, na miña, que xa me contestarán, ¡pola conta que lles ten! E que me dean as grazas por non facerlles a instancia en alemán, que con este pasaporte resgárdame o país que mo fixo. ¡Auf wiedersehen!

Na Secretaría: Aurelio, sentado, e o Salmonte, en pé. Daquela entra o Oficial, mostrándolles a instancia do Simpático:

-…

-Ramonciño, ¿que di ese tunante, nesta petición?

-Pois…, reclama a reposición ao estado primitivo da finca invadida. Trátase dese camiño público que lle deixaron incorporar ao Lucas do Barreiro, ese amigo do meu compadre…

O señor da vara, algo nervioso por aquela instancia insólita:

-Aurelio, ¿lémbraste de cómo trangallamos iso, esa reparcelación do Barreiro? ¡Van tantas, que me confundo!

Tranquilizouno Aurelio. Aquel deus, aquel Xúpiter, manexaba os raios perfectamente, con boa memoria, que é a principal arma dos mentireiros; tanto para fulminar como para disolve-las chispas no seu puño ensortellado:

-¿Manuel, ti, outra vez acolloado? Este caso é un chisco de borralla, unha pabea, que todo se fixo, absolutamente todo, en boa xustiza municipal, conforme ao noso dereito, ao noso! Lémbrate de que entre a Extensión Agraria e mailo Concello argallamos aquela pista, en boa pragmática, dándolle carácter de camiño agrícola…, ¡que o é porque permite chegar cos cadáveres dos labregos directamente ao cemiterio parroquial! E para que iso quedase axeitado, de paso borrámo-la corredoira, rechea coa pedra das paredes contiguas. ¿Lémbraste agora? ¡Aquí, nós, ordenamos e mandamos, e das leis facemos regulamentos, que para iso estamos…, ámbolos dous!

O Salmonte, algo cohibido, ou menos satanizado, ¡aínda!

-¿Pero, chacho, ese camiño, o de mete-los mortos no cemiterio, é ou non é agrícola?


-¡Manolón, naturalmente que é agrícola, ao cento por cen! ¿Ou é que os mortos desa parroquia non son labregos? Ese camiño está feito, e ben feito, para cento un anos, pero fíxose con ese rapaciño ausente, que estaba na Alemaña, ¡do que ninguén lle tivo culpa! Certo é que houbo que meterse, aínda ben, no seu horto, para que non levase curvas, que o Párroco quixo que se puidese chegar ao cemiterio en liña recta, desde a propia igrexa, ¡para que non se lle esparexese antes de tempo esa xente, eses que adoitan afrouxa-los responsos! Como ves, todo é unha cuestión económica, ¡de economía pura!

-¡Sendo así…! -Manuel, ás veces, remiso á lóxica do Secretario, pero acababa entregándoselle, sempre, indefectiblemente. -¿A qué vén iso de que reclame? Se eu estivese aquí, daquela resolvíallo, de seguida: ¡Mira, ho, o que vai a Castela…, que se foda! ¡Quéreno todo: queren emigrar, forrarse coas divisas, chegar a ter un Mercedes, así sexa de segunda…, e mentres, que lles coide eu, Perito e Alcalde, todo á vez, das súas leiras; que lles mire polos propios intereses…! ¡Queren a lúa!

-A cuestión de fondo, querido Manuel, é que reclama o por qué lle consentiches ao Lucas desemparedar o camiño vello, o que non se utilizaba desde que se alcatreou esa pista. Nisto, que veu o tal Lucas, oportunamente, aproveitándose da ausencia do alemán, e daquela meteu na horta, na súa, o terreo resultante; o antigo e mailas folganzas do vial, ¡que todo se lle facía pouco!

Manuel, alterado polo incidente, bravo cos débiles e manteigoso cos audaces, pedía papas; ¡de árnica que fosen!

-Aurelio, ti estiveches conforme con todo iso, que incluso me falaras da súa legalidade; lémbrome agora, perfectamente, así que, ¡esa mosca átala ti!

-Non é fácil, que este non saíu tarugo coma os outros, que puxo na instancia que dispón dunha fotografía aérea, que lla deixaron reproducir no Catastro, pola que demostra que a súa finca foi a única prexudicada, a única diminuída, a que soportou enteiramente ese camiño, esa pista. Alega que houbo unha prevaricación, unha ocupación sen previa expropiación, e que encima diso non o foi por causa de utilidade pública. Reclama que se lle compensen esas superficies, amén dun longo etcétera. Non hai dúbidas de que ese tío é valente, coma un lobo da Serra. Ou é que está aconsellado por un bo asesor; un bo asesor, ou da parte de arriba, se cadra de moi arriba…, ¡que igual ten parentes en Madrid!

-¡Cómame nunca o diaño! ¿Secretario, daquela, qué facemos?


-Esíxenos unha certificación do Concello na que se concrete se lle demos ese camiño, o vello, definitivamente, ao Lucas; ou se, do contrario, ese Lucas se apropiou de bens municipais…; ¡todo iso para enfoca-la súa defensa! Non te vou enganar, que o dilema non é cativo. Para que o entendas: Se lle contestamos que si, que se lle deron ao Lucas esas folganzas, graciosamente, ¿qué defensa fixemos, nós, do patrimonio municipal? Daquela, contencioso ao Concello por…, por alleación indebida, malversación de caudais públicos…; ¡cousas así! Pola contra, se lle certificamos que foi un asunto privativo do Lucas, de propicia iniciativa, co leite tan agre que se gasta ese Lucas, ¿como o defendo, eu, ou cómo nos libramos da súa caxata, da do Lucas, co bruto que é, e co que lle mangamos daquela, de extranxis, para consentirlle que ampliase a súa horta á conta dese veciño? Por parte, ti non queres leas cos emigrantes, ¡que son os mellores clientes da nosa urbanización…!

Salmonte quedouse reflexivo, retendo o aire nos pulmóns e brandindo os puños, coma enfrontado a un sparring só para el visible. Desde que se serenou un tanto:

-Vai ser cousa de que me achegue ao Barreiro, eu e mailo Cabo, a ver se consigo poñe-lo Lucas en razón propoñéndolle que reparta co alemán esa adición de terras, ¡en boa veciñanza! Do que non, se temos que devolverlle aquel donativo, aquelas pesetas…, ¡máis se perdeu en Cuba!

Aurelio animouno, que se había caxatas, Manuel tiña o lombo de albarda, ancho e seboso:

-¡Debes ir, en efecto, que ti, mio caro Salmonte, cando queres sabes face-las cousas! Pero vai prevido; e mellor aínda se te fas anunciar coa parella dos Municipais…, para amolenta-lo Emigrante, que esta xentiña segue teméndolle ao qué dirán!

Manolón, a pesares daqueles alentos, co Aurelio si, pero na súa retagarda; vacilou:

-Non che quero leva-la contraria, pero…, ¡igual se encirra! Ese alemán, se é de tantas pelotas, igual nos espera coa de retratar…, ¡e llelo conta, despois, á volta, cando pase por Francia, aos da Radio Pirenaica! Lémbrate que falaron de min en certa ocasión, que me chamaron cacique, cacique cornudo…; ¡e cousas inda peores!

-Daquela leva contigo ao Cabo, que o tes de man. E que teñas sorte, meu Alcalde, que che fará falta; pero ti, impávido, sempre, que os caudillos fórxanse nas batallas, ¡pisando cadáveres! Corta e racha, por onde vexas, por onde podas, así haxa que soltarlle cartos ao Lucas, que na túa caixa, na B, ¡aínda que lle restes unha propina…!

Os da Fiscalía estaban atónitos con aquel Alcalde, tan gordo e tan lixeiro, un auténtico monicreque nas poutas do Aurelio, pero desta vez puido máis o medo que lle pillara ao Emigrante, que se fixo anunciar polos Gardas, segundo lle suxerira o seu Litis.

-¿Que, qué facedes, aquí, ao Barreiro; vídesme prender, ou queredes restaura-las lindes do meu horto? ¿Ides repoñe-las estremas? ¡Nese caso, mellor có fusil, unha legoña!

-¡Antón, que nos coñezamos desde nenos, iso non che permite faltarnos ao respecto! Defendeuse un daqueles Gardas.

-¿Respecto? O respecto perdínvolo eu, ¡desde que estades de criados, de mandados, de esbirros desa xentiña! Veña, rapaces, a emigrar, que tal fixen eu, que iso é de homes. De servir a alguén, mellor aos alemáns, que alí traballan todos; os caciques máis que ninguén, para por exemplo!

Aquel Garda, mancado na súa dignidade, revirouse:

-¡Eu non son un criado; e aquí o Aduardo, tampouco! Somos dous Municipais, ¡a moita honra!

O Simpático, Antón para os Gardas, non lles resultou tan simpático, a eles, como lles parecera aos da Fiscalía de Don Pedro. Plantado, escarranchado, retador, coas mans nas illargas:

-Rapaces, honra sería se estivésedes no papel correcto, no propio dos Gardas, pero iso non é cubrírlle-las costas a catro mangantes; a dous, neste caso; sabendo como sabedes que lles mangan aos veciños canto poden… ¡Menos a pernada, que xa non se estila; ou se cadra, si, tamén, tamén iso!

Eduardo, Aduardo para o outro Garda, rompeu a falar nun ton algo máis suave, pero que non deixaba de ser autoritario:

-Mira, Antón, déixate de lerios e date por citado para esta tarde, ¡ás cinco!, que vai vir unha Vista do Axuntamento para arranxar isto do camiño, esta pista de aquí por xunto do cemiterio…

Co Simpático daban en ferro; puntualizoulles:

-Este camiño arránxase desfacendo a parede que puxeron polo medio da horta, ¡da miña! E para vistas do Concello, chega coas da muller do Alcalde, esa tal Mabel…, ¡que ten máis ubre cá teixa do Lucas! ¡Vaca de moita ubre…, malo! Ademais, nin na terra dos cafres se cita á xente da mañá para a tarde, pero, se queren vir, aló eles, que veñan, que eu estarei aquí, na miña casa…; ou mellor aínda, aquí fóra, nesta pista, na arroubada, pero mañá, ¿eh? Ás cinco da tarde, ¡nin un segundo antes! ¿Anotádelo?

-Polo teu ben procura estar razoable, que che dou un consello de amigo, -matizoulle o chamado Eduardo, -que daquela volveremos co Xefe Local. ¡Eh; outro aviso! ¡Por un se acaso, traeremos as esposas!

Antón riuse con ganas; seguía completamente tranquilo, relaxado:

-Mentres non traiades á propia muller dese Alcalde, dese barrigudo, que así se explica que non se lle poda achegar, e que ela busque outros, máis delgados, máis flexibles, con outros empalmes… As outras, esoutras esposas, non me interesan, pero esa fulana, esa roiba do tinteiro, nin para vosoutros olla, que seguro que vos poñedes de cu cando parrafea co Secretario, que nestes lugarciños sábese todo, e non precisamente pola radio!

Eduardo, aquel Garda, non estaba acostumado ás insubmisións:

-¡Antonciño, non te porpases! Se nos provocas, a Vista vala ter ti…, ¡pero no calabozo! Daquela xa veremos o teu riso… Quedas avisado; ¡en tempo e forma!

O Emigrante fixo un estraño, como espantando nas moscas:

-¡Boh; ídevos por aí adiante…, á bragueta dos burros, que é o voso sitio, que aínda quedan máis de catro, sen ir máis lonxe, na propia bisbarra!

Ao outro día, encabezando a vista, presentouse Litis, que non o Alcalde, no lugar previsto, no mesmo daquel avasalamento expropiatorio. Sacou do seu almario o mellor dos sorrisos; quere dicirse, o máis cínico:

-¿Así que vostede é ese Antón do que me teñen falado, un home que está moito polo progreso, polas infraestruturas? Seica veu de vacacións, nun Mercedes…; ¡pois iso é posible grazas a que en España temos as pistas asfaltadas, algunhas, tal que neste rueiro, por obra e por graza de don Manuel, que é un benfeitor do Municipio! ¡A miña noraboa! ¡Vostede seica é un fillo ilustre do Concello, outro, un home comprensivo, culto…!

Antón tomoulle as medidas, de arriba-abaixo e de abaixo-arriba, caixa toráxica incluída, e por fin detivo os ollos cravándollos ao Aurelio directamente, nas pupilas, sosténdolle a mirada, cousa que desconcertou ao Secretario que non estaba afeito a esas dignidades tratándose dun campesiño, ¡por emigrante que fose! Daquela espetoulle, coma un escopetazo:

-¡Noramala, señor Secretario, que a vostede nada se lle perde neste asunto! ¿Ou si; houbo reparto? ¿Onde está o Alcalde; escóndese tras súa, como fan os nenos mecosos con súa nai…?

Talmente parecían dous galos tenteándose ás portas dun galiñeiro. Aurelio soltoulle unha finta de boa dialéctica, da súa, da habitual:

-O señor Alcalde, don Manuel, polas súas ocupacións delegou en min; ¡que por iso vin, e aquí estou, ao seu dispor!

-¿Tampouco veu…, ningún representante; digamos, un Concelleiro?

-¿Para que? Viñeron ese Cabo e mailos Gardas…, ¡por si se producen desacatos á Autoridade!

Antón, irredutible, saturado de dignidade persoal, a mais de ben asesorado:

-¿Vostede…, autoridade? ¡Non me faga rir! Tardei anos, moitos, mais agora seille distinguir as funcións dun Secretario, dun funcionario, por distinguido que sexa, das que corresponden á Corporación, á Corporación ou a cada un dos seus membros, directamente ou por delegación. Esas funcións coñézoas ben, así que o tomo por un recadeiro do Salmonte, que é a única representación que lle admito. Vaia soltando ese recado, se tal quere, que as miñas vacacións son curtas, e non coma as súas, que xa sei que ás horas de oficina tanto pode estar na Consistorial coma no Café do Centro, ou nesas obras salmonteñas, ou na casa de ben sei quen… Mais, ¿para que vou referi-los seus pecados, se os coñece perfectamente, xa que os vive; ou é que non os vive?

Aurelio, a pesares de que traía a súa estratexia ben perfilada e ben matinada, premeditada, de propia marca, investido daquela sona obtida coa complicidade, coa reciprocidade, do propio Alcalde-Xefe Local do Movemento, atopouse nunha batalla complexa, imprevista, de táctica inédita:

-Tíveno a vostede por máis listo do que está demostrando, así que, polo seu ben, suxírolle que cambie de ton. Por certo, ¿que fan eses señores que están aí, aí atrás, nese auto? ¡Non os coñezo…; nin vostede mos presentou!

-Non é preciso; son tres amigos, da Capital, que esperan por min, por se quero ir con eles…, ¡a unha cea!

-¡Ah, ben; aquí, se vostede razoa, terminamos pronto, de seguida! Como lle ía dicindo, falemos en paz e concordia, que así cómpre entre amigos…

-¿Eu; falar, eu? ¡Fale vostede, se é que trae ese recado de falar comigo!

-Ben, vale; que isto faise de contado: o señor Alcalde, sempre conciliador, servidor dos seus súbditos…

-¡Perdón, Secretario; non sei se lle oiría ben! Quixo dicir, cidadáns; ¿non si?

Aurelio tragou aquel sapo, e sen inmutarse:

-¡É unha simple cuestión semántica, pola que non imos discutir! Sigamos: Aquí o Lucas… Don Lucas, por favor, achéguese… -Aquel veciño estivera atusmando, de lonxe, entre os couceiros, pero ao verse cachado quitouse a pucha e aproximouse, con tódalas precaucións do caso, con timidez cazurra. Daquela proseguiu o Secretario: -Aquí don Lucas pediu unha concesión gracial das folganzas deste camiño, do vello, e desde a Consistorial non percibimos, na distancia, que puidese resultar lesivo para terceiros…; ¡son folganzas, e por ende, municipais, ab origine!

Lucas entendeu por onde lle doía, ao seu xeito, sen distingos conceptuais:

-De glacial, nada, meu señor; quentiña de todo, que llela paguei eu, eu mesmo, a vostedes, ben pagada! ¿Xa non se lembra daqueles billetes, ben noviños por certo, do trinque, que así mos deron no Banco? ¡Ben mo dixo Manuel, que de cheque, nada, nin falar; que fose eu, eu mesmo, por aquela cantidade da idenización, en billetes!

Aurelio, polas ganas, houbéseo fulminado cos seus ollos felinos, chispeantes; pero no seu cálculo, calculadamente conciliador, optou por facerlle un guicho:

-¡Lucas, que te confundes; o que pagaches ti, daquela…, foron…, arbitrios! Uns arbitrios atrasados; por certo que sen recargo, que nos debes ese favor, esa tolerancia. ¡Está visto que facer ben sen mirar a quen…! Xa o di ese refrán: ¡Non lles fagas dano aos labregos, que non cho merecen; nin lles fagas ben…, que non cho agradecen!

Antón, que se espelira polo mundo adiante, ademais da súa intelixencia natural, non estaba para sofismas caciquís:

-¡Un momento, Secretario; que ben se ve que vostedes ao que xogan é ao tute, ao subhastado, que iso de chisca-lo ollo dáselles mal! Non lle fai falta darlle a sinal do tres ao Lucas para que se esqueza de certos amaños, que resulta que este home, este matón, é soamente un bocazas. Testemuñas hai, ¡varias!, do que dixo, en certo lugar, sobre certo pago, ou comisión, por xe pesetas, en efectivo; ¡que quede claro! Ora ben, se teñen interese en discuti-lo tema, advírtolles que eses do coche son o meu Avogado e mais un Notario, da propia Capital, co seu Escribente, que os puxen aí, á espera, para que levanten acta, ¡do que sexa preciso! Pero como son máis honrado do que todos vostedes xuntos, daquela non lle chisco o ollo a ninguén, que lle ensino a vostede, señor Secretario, ¡de antemán!, as miñas cartas…; ¡algunha!

Aurelio baixou a voz, que os do auto apeáranse e xa paseaban polas inmediacións, atentos ao terceto:

-Mire, Antón, aquí viñemos como amigos, buscando unha solución satisfactoria; e vostede pasouse traendo esta xente da Notaría a onde non facía falta…, ¡que estamos entre iguais!

Antón, sen inmutarse:

-¡Máis se pasou vostede traendo aos Gardas, cos seus ferrollos, cando o ladrón é outro, que diso tamén se levantará acta…, se é preciso! E ti, Lucas, mira o que dis, ¡que non te enxurren estes caciquiños de terceira, da terceira rural, iso, cos pecados alleos!

Pero aquel Lucas estaba superado por tantos imprevistos; só marmexou:

-Pois…, o que é pola miña parte, este camiño non o devolvo; nin cos Gardas nin co Notario! Se non mo podiades dar, daquela é asunto voso esa idenización…, aquí ao veciño…, que tampouco teño por qué preitear con este home, ¡dúas casas que sempre se levaron! ¿Non si, Antón?

Mefistófeles seguía de parte do Secretario:

-Queridos amigos, e bos veciños, ámbolos dous, non se alporicen, que todo ten arranxo. Teño atribucións para propoñerlle, aquí ó Antón…

O aludido cortouno, en seco:

-¿Atribucións? ¡O que se di atribucións, non; nada, en absoluto! Vostede quererá dicir, recado; recado da Súa Ilustrísima, dese Salmonte, unha familia que se abaixou do castelo porque entre as xoldas e mailas obras non o daban sostido; agora mangonean un Concello, este, o noso, o mesmísimo feudo de entón, pero cunha diferenza, ¡que teñen unha pata no Pazo e outra na Consistorial, escarranchados, que é a mellor forma de mexar polos cidadáns, desde arriba, ao cirichón!

Naquelas tesituras, ante aquel arriscamento do Simpático, Aurelio flexionou, mesmo coma se fose de vimbio:

-¡Querido Antón, recado sexa; o que mande, o que vostede queira, que non imos discutir por cuestións semánticas, que aquí o que se ventila é un tego de terra; como moito, dous; ¡simplemente iso! Para tan pouco, ¡que máis dá! A miña proposta é que o Concello lle urbanice, a vostede, ese camiño que pasa por diante da casa, da súa, poñéndolle un farol, o que sexa, canto precise, ¡do alumado público! Con iso, de ben calculado, vostede aínda sae ganancioso…; ¡polo menos con respecto ao Lucas!

-¿Señor Secretario, pódolle preguntar unha cousa? -Antón, de falsete, flegmático.

-¡Adiante!

-¿Cando foi o último Pleno; cando acordaron…; iso, iso que me propón?

-Pois…, ¡o mes pasado! ¿Pero iso, a qué vén?

-Non, nada, axustes meus, que por algo son axustador, ¡na Alemaña! Só quero relacionar datas, actuacións, ¡con respecto á miña instancia!

O Secretario pasou por alto aquela puntualización; tiña présa por cerra-la súa proposta:

-A ver, Antón, e vostede tamén, señor Lucas, démonos a man, os tres, como se fose na feira, que este trato está feito, rematado, e saen con ben desta operación…; ámbolos dous, que o perdedor neste caso é o Axuntamento, tan escasos que andamos…; ¡diso, de Presuposto! O meu estilo é facer paces…; ¡xa me viron, aquí, neste asuntiño!

Antón tiña en mente certos prolegómenos:

-Secretario, espere un momento, que falta enroscar unha peza. E ti, Lucas, atende; deixa de mirar para os señores dese auto. Non che viría mal que che sacasen ese trollo que tes aí fóra, no camiño do curral; ¿non é?

O interesado aluspouse con aquela suxestión:

-¡Ai, ho, casual; estaba matinando no mesmo, que ti, neste lio, saes mellorado!

-Lucas, mira ti por onde, como tamén te aprecio, e como vives neste vilar, a cotío, é mellor que che fagan, por conta do Concello, de paso, unhas boas beiravías, que todo isto, alcatrearche o curral, empedra-los pasos, repoñe-las paredes dese horto…, con cartos públicos. ¿Tres obras da maneira sería moito pedir; ou non, señor Secretario?

Aurelio foise ao anzol, ¡que onde haxa un cazurro listo…!

-¿Tres obras en beneficio exclusivamente privado? ¡Por suposto que non; non hai capítulo…!

Antón chegara, por fin, á súa meta:

-Daquela, amigo Lucas, ti, que sempre fuches un bo canteiro, que paredas ben, volve a murar o meu horto, de propia man, por onde sempre estivo, que así o camiño vello quedará no meu, compensándome un chisco do que me quitou ese Párroco para face-la súa Avenida dos Reponsos. Deste xeito, a ti, en vez de currada, vaiche quedar unha praciña elegante, que cando as túas nenas sexan mozas daquela servirá para que os rapaces chas veñan ver, ¡en auto! Con estes pactos, coas augas devoltas ao río, o que é por min, señor Secretario, podemos dárno-la man.

Aurelio respirou; fondo, aliviado:

-¡Farase todo, absolutamente todo, segundo propón! Voume, ¡e a mandar!, que alí me teñen, no Consistorio, ¡ao seu dispor!

Antón retívolle a man:

-¡Un momento, Funcionario, que aquí falta unha función; ¡cousa de nada! -Dirixíndose ao seu Avogado: -Don Luís, ¿pode achegarse co señor Notario, que imos deixar constancia, fehaciente, ou como se diga, de que este veciño, Lucas, vaime facer, nova, a parede do meu horto, metendo coa mesma, ou sexa, para dentro, o camiño que desapareceu daquela, daquela cando a pista do cemiterio?

Aurelio tentou de largarse, sibilinamente:

-Está ben así, en efecto, pero eu voume, que isto é cousa súa, dos dous; e logo que teño présa, que me esperan no Concello…; ¡unha xuntanza oficial!

Antón reforzou a voz, imperativo:

-¡Señor Secretario, que de Actas entende, e aquí estivemos falando, ou negociando, tres partes interesadas; tres! Non me fará ese desprezo, que teño encargada unha merenda, boísima, para todos nós, para os seis, aí na taberna, no reservado. O que si, se vostede non ten medo para volver á Vila, -engadiulle, burleiro, -os que se poden ir, agora mesmo, ¡a cen!, son estes Gardas, que para eles…; ¡voullo dicir: eu non contaba con xente armada, e por iso non lles encarguei viático!

O Aurelio viuse nun compromiso, ineludible en boa diplomacia:

-¿É certo que encargou unha merenda, con antelación? ¿Vostede é adiviño, ou qué?

Antón riuse, con ganas, a fondo:

-Non; nada diso: son galego, simplemente galego; ¡a moita honra, que se di!

No Ceo, naquela revisión anímica do Secretario, non daban creto ao que estiveran oíndo: ¡unha derrota do Litis! A primeira reacción foi de Don Valentín, que coñecía as artes, as artes e mailas artimañas dos seus paisanos:

-¡A ver, Fisgas, un receso! Cortade aí, nese proxector, que a escena principal rematou. ¿Que vos parece? ¡Se nos meus tempos fosen así, así de espelidos, aqueles emigrantes non terían que irse ás Américas!

-Certo é, que ese rapaz, o Antón, non se deixou envolver polo Litis. -Comentou Fisga Seis.

Fisga Nove, asentindo:

-Ese parece máis esperto cós outros… Coido que nos pode servir para testemuña de cargo; ¡máis que esoutros, máis que eses que saíron nos outros vídeos, nos anteriores!

-¡É un esperto, a mais de experto; que os durmidos foron aqueles portugueses, aqueles que…!

-¿De qué falas, Fisga Seis? -Preguntou Frei Marcos, un tanto fóra de contexto.

-Logo…, ¿non sabe o que pasou?

-¡Afellas que non; será que fisgo pouco…; mortal, en definitiva!

Fisga Seis referiulle aquel contratempo:

-Cando volvía para Alemaña, recuperada a súa hortiña, enteira, resultou que entre Valladolid e Palencia aquel Antón cruzouse cunha furgoneta de portugueses, que os pobres durmíranse circulando, ¡coas ansias de volver pronto ao seu país! Daquela, ¡case nada, todo, definitivo, que se deron unha chucha, un chuchado fraterno, co Antón!

Frei Marcos persignouse:

-Para min, como me trouxeron ao Ceo daquela, que aínda estabamos na era bestial, na das bestas quero dicir; todo o que pase dun cabalo de potencia xa me parece cousa do diaño. Oes, agora que me fixo nesa circunstancia: ¡neste caso, felices, que xa o temos aquí, dispoñible, na propia Eternidade!

-Si que o temos, Tío Marcos, pero hai que pasarlle unha citación, que está soterrado no Campo Santo dos portugueses. Por certo, que o teñen a corpo de rei, en desagravio. ¡Para xustos, eses portugueses; con poucas excepcións!

Frei Marcos asentiu:

-¡Desde logo, desde logo; eses irmáns, eses galaicos sureños, hai qué ver cómo son, sempre tan cumpridos! Daquela, ti mesmo, Fisga Nove, que ve-las cousas de arriba-abaixo, pásalle razón, con tempo, de que igual ten que depoñer en contra do Litis. Dille, de paso, en broma por suposto, que vaia buscando outro Notario, como fixo daquela; ¡faralle graza recordar o seu episodio!

Fisga nove, con satisfacción:

-Seguro que lle presta, que xa recuperou medio horto, e agora vai recibir, aquí na Gloria, o cento por un, ¡que merece todo iso, e aínda máis!

Frei Marcos corroborou:

-¡Para máis chiste, sen pólizas na instancia, que na Eternidade non as precisamos!

Como estaban no tempo de entoar o Angelus Dómini, que en Churiz a tal intre xa repicaban as doce solares, apagaron o proxector para seguir coa Vista despois da Hora Santa. Sentíanse fatigados, fatigados e anoxados, que as malicias, de sempre e para sempre, ¡ata no Ceo causan violencia!