¿Pódese pasar?

-y XX-

Novela satírica

de

Gómez Vilabella

-o0o-

¡Látet anguis in herba!

¿Na herba? ¡No Ceo que sexa, que aquel Litigueiro era capaz de enganar ao mesmísimo San Pedro! Por parte, o bieito de Don Valentín (Valentín Lamas Carvajal) xa estaba farto, exhausto e farto, daquela Revisión, daquela Auditoría anímica, tan complexa, ¡e iso que era curta en anos!, así que lles propuxo un receso aos seus anxos colaboradores:

-Fisga Nove, ti mesmo, que che cae cerca, por favor, apaga ese televexo, que esta película dese Secretario de Churiz é de tanta metraxe que eu preciso abanarme, por pouco que sexa, nesta aura celestial. ¡Abofellas que si, que me nubro, que me mareo!

-¿Con tanta frescura, e maréase, Frei Marcos? ¡Ai, logo, coas que aínda lle esperan na súa perenne escavicha da mangancha galaica!


-Meu Bendito, que cho digo de verdade, que nos meus tempos o noso caciquismo, de raíz céltico – romano – sueva, era máis suave, menos retorto; ¡menos sofisticado! Nalgún aspecto, estes paisanos retroceden, foron a peor… ¡Pero qué meticulosidade nas trapisondas dese trapalleiro, qué de cálculos, qué utilización de persoas instrumentais, interpostas, sexan físicas ou xurídicas; e logo que, de máis a máis, eses abatementos psicolóxicos, calculados, provocados; esas anfiboloxías nos contratos; esa letra miúda… Iso do sexo como mercadoría, a amizade como mercadoría, a relixión como mercadoría… Un tipo capaz de separar unha nai do fillo, ou un fillo da nai; un desfacedor de familias con tal de que outro cabrón, dos da súa reata, lle pague unha minuta, ou lle regale catro pesos… ¡En definitiva, un mestre luciferino! Esta Galicia, coa que non puideron os mouros, deveu, converteuse, a si mesma, por puro autoodio, por propia e intrínseca dexeneración, ¡nun Zoco moruno!

Neste punto das súas reflexións, das súas manifestacións, frei Marcos xuntou as mans, para que o escoitase o Creador desde o seu Trono:

-¡Oh Democracia, insigne Democracia, canto me tardas, que en España non te dan parido, e para máis magoa, con ese Franco que é franco, que non é galego, que aí o tes, encamado, pero ese tipo atiplado, ese maricón dos complexos infantís, ese acomplexado, nin pare nin deixa parir, que se pasou a vida anoando no seu propio embigo, e ti, Señor, con esa paciencia…! ¡Se non o queres contigo, mándalle unha flebite, mándao para ese Valle de los Caídos, deses que caeron precisamente por culpa súa, que non merece estar de pé!

Os anxos compadecéronse de don Valentín:

-Frei Marcos, non se esforce, que os designios do Señor son inescrutables, e cada quen ten que purga-las súas, ¡antes ou despois! No ínterim, descansemos por un intre, si, que a súa resistencia, por glorificado que fose, está tres niveis por debaixo da nosa. Mais terá que ser breve, que ese puritano de Don Pedro é capaz de volve-la flamíxera contra nós. ¡A tal hora debe estar impaciente, esperando polos nosos ditames!

-Chacho, tamén desespero eu, tamén, que isto de analizar un alma atravesada…, ¡xa é purgatorio! Mais o caso é que non aparece por ningures esa testemuña de cargo, a terceira, esa que nos falta para perfeccionar a nosa Instrución. Tódolos extras que saíron nas secuencias susoditas, maiormente nas últimas, fixéronse adictos ao Secretario. ¡Complexo de Estocolmo, probablemente! Tantísimo, que ata o propio Rancañete lle deu as grazas…, ¡por afundilo! ¡Que agravio comparativo para os que aínda seguen no averno, no seu báratro! ¿Irmáns, non teredes algunha pista, digamos que, pragmática; algo que nos abrevie este rolo tan rollento, tan rollento e tan noxento?

-Non sei aquí o Fisga Seis, que este olla desde abaixo, e daquela fita aos réptiles, do mellor; ¡serpes e afíns, por suposto, por moito que se lle escondan neses herbais galaicos!

O aludido, con modestia celestial, anxelical, como lle corresponde:

-Eu pódolles contar…; contar, non, referir, en síntese, o remate daquel Madeireiro, do señor Rancaño, que casualmente lle prestei algún servizo formando parella co Fisga Oito, de orde e de parte do San Cristovo…, daquela, por aqueles tempos, en ruta cos camioneiros da Construción no Sector VI, quero dicir, na última das estradas daquel Plan, do Redia… Lémbrome que foi un día de tormenta, nunha data nefasta, desas que…

Frei Marcos tanto se arroutou con este descubrimento, que ata lle deu un metido ao cúmulo que lle servía de reclinatorio:

-¿Pero ti, meu Anxo, con iso sabido, a qué esperas; non ves que estou esgotando a miña paciencia, a pouca que teño acumulada, que incluso o Dóminus Kefas, quero dicir, Petrus, a tal intre estará peor cá min, co nervioso que é? ¡De non atoparnos no Ceo, daquela…, o dito, que esta pasada é imperdoable; e non me mires así, que me quentas o caletre!

Desculpouse Fisga Seis, humildemente:

-Mire, Don Valentín, é que me pareceu que se estaba recreando no cumprimento da súa profecía, de cando escribiu aquilo do Catecismo do Labrego, que vostede mesmo se estaba prefigurando, retratando o espírito do noso omnipotente Litis, don Aurelio para os íntimos, ¡se é que os tiña!

-Anda, Fisgán, anda, déixate de parabéns e de xustificacións, que aínda que estamos no Ceo, isto, esta función nosa, actual, é unha cuestión temporal. Conta, ou refire, ese remate. Xa sabes aquilo de, relata réfero, que despois diso, xa veremos!

-¡O caso é que…, que se di en dúas verbas! Rancaño quedárase case sen obreiros; sen obreiros, sen balances, sen débedas…, salvo as de gratitude para co Secretario, pero tan grandes, que incluso comían xuntos, por veces, e pagaba Aurelio!

Na Vila, despois de inaugurada aquela estatua do Manuel, despois de rotulada aquela Avenida da Feira co nome do Salmonte, etcétera, pensábase en facerlle outra ao Secretario, que naquela época acadara gran predicamento empresarial porque medio comezou a saberse, ¡verdades a medias!, que salvara ao Rancaño das consecuencias dunha creba fraudulenta, e por ende, do cárcere! O que non se sabía era o prezo satisfeito; ¡satisfeito, que non satisfactorio! Aquelas transferencias, dos solares, da madeira, da propia honra…

-¿Predicamento empresarial? -Retrucoulle Frei Marcos. -¡Sería polo ben que se apropiaba das economías daqueles emigrantes! ¡Caso tal, nin un cento de sambesugas, medio en cada brazo!

-En parte, si, que tódolos eles, tódolos mozos da bisbarra, e parte dos de fóra, chegaron a ter un pisiño, ¡mediocre, pero propio!, naquelas pseudourbanizacións do Triángulo, tamén chamado, oficialmente, Inmobiliaria Churiz. Aos poucos, aquela Limitada, limitado que era o mercado especulativo de Churiz, ¡quere dicirse, con respecto á súa ambición!, deu en facer hoteis en Benidorm, do máis pacotilleiro: uns rañaceos de teitos baixísimos, sen apenas aire respirable, anticipándose ás viaxes do INSERSO, ¡para que todo quedase en familia! Iso do sol mediterráneo supoño que sería por iniciativa desa frieira, da Mabel, que por algo lle chamaba ao seu Aurelio, viñese ou non viñese a conto, ¡Meu sol!

A Frei Marcos escapóuselle, daquela, un comentario un tanto escabroso, un si é non é pecaminoso:

-Máis forte e menos limitada sería aquela conta de Suíza, esa da clave numérica, ¡con tres letras, Produto Urbanístico Tradicional!, que para catro chegaba, axustaba e bastaba co calificativo daquel furor uterino, inextinguible, insaciable, pasional, da inefable paciega: Mabeliña, ¡tamén para os íntimos!

-Non sei, que diso algo máis saberá o Nove, que este ve mellor o que está máis arriba…

-En efecto, e contareino de pasada: -ofreceuse o aludido: -Eses Triangulares, os escalenos, deron en dicirlles aos emigrantes que lles ingresasen directamente en Suíza. Así, dese xeito, cando remataban de completarlles a cifra asignada, desde a propia Suíza, ou nos países do arredor, para eles, paraísos fiscais, onde queira que traballasen, viñan a España para escriturar a súa vivenda, ¡cos resgardes na man!

Daquela, a Mabel, cada vez máis redonda, pouco menos có Manuel, entre sorriso e sorriso, e con plenos poderes da Limitada, firmáballes…, ¡un pisiño internacional! Un pisiño con seis habitacións, pero…, capidiminuídas, que de dúas, ¡catro!, eran interiores, italianas; ¡incumprimento fragrante da Normativa de Vivendas Protexidas! Segundo Manuel, o que non estivese conforme con iso, que reclamase ao Maestro Armero, ¡e como en Churiz a Garda Civil non o tiña…!

Frei Marcos, tan iracundo estaba que nin puido disimular:

Vade retro, Satana! ¿E ti, meu Fisga, coñecendo todo iso que é tan importante, tan punible, tíñalo calado? ¡Cústame absolverte!

-Frei Marcos, eu non lle quería estragar a película. Ademais, como eu miro para arriba, e vostede estaba tan entretido nas cousas de embaixo, ¡non lle quixen revirar o mapa da súa Galicia!

Aquel Terrícola, resignado, asumiuno:

-Agora xa foi, pero abrevia, canto podas. ¡Prégocho!

-O meu, en catro palabras: Chegados aos idus de Maio…

-¿Brutiño, non serían os de Marzo? -Matizou o Frei.

-Nos de Marzo pasaron outras cousas, pero de ámbito municipal, á causa, e por culpa, de que os Concelleiros deron en querer máis caramelos, ¡vaixelas!, para os seus fillos. ¡Cousas que paso por alto para abreviar! En Maio, insisto, presentáronse unhas treboadas primaverais, esas que dos corgos fan ríos, e daquela, nunha desas, chamou don Litis ao señor Rancaño para que acudise á Secretaría:

-Chegou o momento de cobrar os réditos daquelas Pólizas, ¿sabe?

O Madeireiro repúxolle:

-¿Ve como non facían falla, que non tivemos desgrazas, nin persoais nin materiais?

-Aínda non, aínda non, -repúxolle o Litis, -pero tódalas ferramentas serven para algo, ¡manexadas por mans expertas, tal que as miñas! Veño observando que alí cerca do fío condutor do seu pararraios, de cando en vez queda descoidada algunha táboa, maiormente labras, serraduras, cascas…; ¡restos vexetais, e como tales, combustibles!

-¡Home, algunha si, que aínda que resta pouca madeira, como non teño apenas operarios, non hai tempo nin lugar para esas curiosidades!

-O que lle vou propoñer, ou máis exactamente, o que lle esixo, meu Rancañete, en ben dos seus propios asuntos, non é cousa de operarios, que debe facelo vostede, vostede mesmo, discreta e persoalmente. Colla unhas cintas desas, das vellas, aceiradas, desas da serra, e como por descoido, arrímeas ao cable que baixa do pararraios. Despois diso achegue, ao socairo, unha morea de labras, das máis secas, das enroscadas… ¡Xa sabe, repito: labras, serraduras, estelas…; todo iso! Diante das serras, por xunto das follas aceiradas, para que non as perciban os obreiros, arrime, tamén ao descoido, con disimulo, algunha que outra táboa; a ser posible, das secas; ¡pouco máis, que todo iso arderá perfectamente, coma a esca! A posteriori, producidos os efectos pertinentes, de tramitar a taxación, a taxación e maila subseguinte liquidación do Seguro, xa me encargarei eu; ¡eu mesmo!

Rancaño foi abrindo, con parsimonia, gradualmente, os seus ollos pitañosos, ata que se lle puxeron coma pratos, espantado, abraiado:

-¡Non serei eu quen lle faga esa trampa, semellante latrocinio, á Compañía dos meus Seguros! ¿Vostede deu en tolo, ou é que vacila comigo, que xa o ten de costume?

Litis soltou dúas gargalladas diabólicas, provocadoras, que pouco lles faltaba para cheirar a xofre:

-¡Rancañete, torpón e tacañete, un luxo! Vostede é unha acémila: ¡naceu parvo e morrerá parvo! ¿Canto leva cobrado dos Seguros, en tantísimos anos? ¡Nin un chavo! Pois ben, vai sendo hora de que empece. Con estes preparativos, cando rompa a tormenta, aínda que sexa en horas laborais, como tódolos obreiros correrán a refugarse para onde teñan a caixa de urxencias, que así non queda ninguén á vista, vostede terá preparado un bidón de gasolina, de vinte a trinta litros, máis ou menos; e daquela, que antes non, ¡para que non lles cheire aos operarios!, derrame canta poida, pero nas inmediacións do cable transmisor dese pararraios; quere dicirse, no arame, no fío descendente, no que fai terra. ¡Cousa máis fácil…; iso, dez minutos, fornicar e cobrar!

Rancaño, a voltas con aquela tentación, desesperado, comida a súa vontade; ¡a vontade, e case que a bondade!

-Os obreiros non me verán, coido que non, pero o que é Deus…! ¡Daquela, que Deus me pille confesado!

-¡Cretino, monxa da Caridade! ¿Deus, qué Deus? Esperte, Rancaño, que eu teño nos seus balances, correctamente rexistrados, uns cantos quilos, ¡millóns!, só en pino do Oregón… Lémbrese que os levou vostede mesmo á Construtora…, ¡sen que eu os dese de baixa nos seus libros! Deus, ese Xefe seu, ese Deus que din que está arriba, aínda non lle fixo ningún favor, pero eu, ¡eu si! Con este favor, outro, outro que lle brindo, que eses cartos do Seguro, esa millonada, deixámoslla quedar, enteiriña, toda para vostedes, ¡en atención á dona Ramona, que ben se merece a felicidade que lle reportarán eses cartos! ¡Palabra aureliana!

A tal momento do relato, aquel fisga preguntoulle a don Valentín:

-¿Que, qué lle parece? Lémbrese de que o dixo o propio Xesús; ¡aquilo de que os fillos das tebras son máis sagaces cós da luz!

Frei Marcos persignouse, por tres veces, ¡tres!, e preguntou, medio adiviñando a resposta:

-¿Chacho, ese Madeireiro non faría semellante temeridade; non o tentaría o diaño, nunha cousa tan absurda, rotundamente ilegal e perigosa, fóra de toda ética?

-¡Pois si! Certo é que o demo aínda non caeu tan baixo, pero o que é don Litis…, don Litis caeu!

-¡Será cabrito, a qué extremos chegou; de mal en peor, que aos soberbios vailles a penitencia no propio pecado!

-¡Natural, Tío Marcos! O raio, ou máis exactamente, unha gramalleira deles, dez ou doce alustros, apiadáronse do pobre Rancaño. Daquela mesmo, nada máis baleira-lo bidón, collérono in fraganti as primeiras treboadas do verán, e daquela mesmo…, ¡trooong!

-Entón, os do Seguro, eses Inspectores das Compañías, darían coa lata…, ¡e todo demostrado!

-¡Ai, xa! Pero non, que o Litis, a tal momento, previsoramente, andaba cerca, á espreita; por suposto, de gabardina, que o paraugas é perigoso, que fai de antena, así que recolleu a lata, escondeuna, e deu en berros dicíndolles aos operarios que ía polo Médico para o seu amiguete Lucas…, pero de primeiras quedouse a corpo, e iso que caían fungueiros de punta, para envolve-lo corpo do delito na súa gabardina; con el abeirado, disimulado, foise á casa do Salmonte, que tiñan un pozo na horta, e cumpría afonda-la lata da gasolina, gabardina incluída, no fondo dun caldeiro cheo de pedras!

Don Valentín fíxose tres veces tres cruces, que o seu pasmo íalle en aumento, en progresión xeométrica!

-Querido Fisga, por Deus remata, que isto excede, con moito, todo o imaxinable, todo o que eu esperaba dese tío, e non resisto un suspense tan seguido.

-Ese Madeireiro tivo sorte no seu Transo, que daquela Don Pedro ponderoulle as atenuantes, que entre as Misas da súa Ramona, a redención de penas polo traballo, ¡polo que levaba traballado en graza de Deus!, responsos, novenas, indulxencias…, ¡despachou cun ano, escaso, de Purgatorio! Don Valentín, se vostede non chega a estar aquí, arestora, no Ceo…, ¡daquela nin o cre!

-¿E ti, meu Fisga dilecto, con ese trunfo na man, outro máis, e tíñasnos aquí, xogando coas feas? ¡Convócote, polos meus poderes, para que localices ao Rancaño, ipso facto, que mellor testemuña non se atopa, desde Roma ás mesmísimas portas de Don Pedro!

-Ese Rancaño está fácil de atopar, que xa ascendeu a Anxo Subalterno no último Nadal, que o apadriñei eu mesmo. A tal momento téñeno polos cumes de Galicia, amparando nos Apagalumes. ¡Daquela ben milagres leva feito nesa reparación comunitaria! O único que non fixo, aínda, foi ampara-la súa Ramona…; ¡ou se cadra, si, segundo se vexa!

-¡Gardábasme outro secreto, eh pillín!

-De secreto, nada, en absoluto, meu caro Frei Marcos, que alí en Churiz ben público foi: Manuel deu en entenderse coa viúva, coa Ramona, ¡tal e como lle propiciara aquel Secretario, metido a Celestina, de propósito, para illalo da Mabel!

En canto á cónxuxe triunviral, sen divorcio pero emancipada no que ao tálamo se refire, seguiu de socia, só que agora en exclusiva, reservándolle ao seu inseparable Aurelio tódalas molladas, tódolos saltos do tigre, armario incluído. ¡Unhas tortillas interminables, de volta e media…! Aquilo de Churiz foi unha Babilonia, unha caldeira do polbo, a cachón, que nin o decrépito Salmonte se apeaba da recén viúva, galopada vai e galopada vén, deixándolles aos outros, aos socios, campo libre!

-¿Oes, agora que a lembro, aquela sobriña do Cura, aquela Saritísima tan inocente…? -Quixo saber Frei Marcos, máis ben para redondear o tema.

-Por aló anda, por Churiz, vestindo as imaxes do Cura novo, que esa é doutra madeira. En canto ao Secretario ben sabe que concluíu a súa obra mortal, nefanda, intoxicado con aqueles percebes…

-¡Quieto parado, detente aí, que iso está sabido! E agora, lárgate, de seguida, a busca-lo Madeireiro, que temos lume de sobra coa Apellatio deste Secretario, un descrédito para os do seu oficio, ¡cousa que lamento! Si, de veras, que nese Corpo, a inmensa maioría, son funcionarios probos, ¡probos e probados! O que non empece ás excepcións, que ben sei que non hai ola sen garavanzo negro. ¡Así escarmentarán os outros, os probos, en cabeza allea! O que non me pasa é o dese Aurelio, que mira ti que poñerse aquí Arriba con esas trapisondas, impasible o ademán, ¡e nada menos que nesta Porta Coeli…!

Aos poucos, noutra das Cámaras Celestes:

-¡Ola, Querubín! ¿Que, cómo vai esa garda, aquí, nesta Sala dos Lábaros?

-¡Ben; bastante ben, e iso a pesares da conmoción que tivemos! En canto a vostedes, ¿acabaron con esa Auditoría?

-¡Coido que si! Aquí traemos o Atestado, ben atestado por certo, que conseguimos as testemuñas de cargo, un trío, xente nobre e veraz; ¡nada de compadreos! O que sentimos é que non puidese ser antes, pero ese Tío saíu coa ánima máis atravesada có eixo dun carro. Deunos que facer para atopa-las probas, os indicios racionais da súa criminalidade; ¡en grado punitivo, se entende! A todo isto, ¿onde está ese Litigueiro, ese Litis? Dixéronme que tiña esa mesa dos Comunicantes, un facistol, por aquí fóra, por entre lusco e fusco, nun curro, concretamente no Adro da Perdoanza…?

Contestoulle o Alguacil:

-¡Frei Marcos, é certo que llo dixen, pero tamén o advertín da urxencia! Aquela profecía, lamentablemente, inexorablemente, cumpriuse. ¿Sabe?

-¡Que pena, tanto esforzo baldío…! ¡Que se lle vai facer, frustracións de toda Fiscalía! Pois, o que é por nós, máis á présa, imposible, que aínda nos quedou sen ver un milleiro de pecados; ¡seis ou sete Mandamentos, todos sen encetar! ¿Que foi do seu reclinatorio, da súa mesa, do seu petitorio?

-Lanzouna ao Purgatorio desde que se cansou dos seus Comunicantes. -Explicouse o Alguacil. -¡Como vedes, coa mesa das muletas atizoulles, aínda máis, ás pobres ánimas, ás que seguen aló embaixo, nese pozo das laparadas eternas, ese que ten por combustible o sebo dos ricachos…!

Frei Marcos sentíase desbordado por aqueles acontecementos,insólitos, imprevisibles:

-¿Entrou aquí e franqueou a Temible Porta, de seu, sen substanciar o seu recurso? ¡Pois miúda amnistía! ¡Isto é o máis estraño que me pasou, no tempo e fóra del, desde que nacín!

O Querubín tivo a caridade de explicarse con máis precisión, matizándolle:

-¡Como se ve que vides de estar concentrados nesa Cámara Escura, aí, na Fiscalía! Para dicilo nun plis-plás: Don Litis, con esas trampas, atesourou, ¡anos!, de perdón, maiormente con iso dos seus Comunicantes. Cando presentou o baremo das grazas santificantes, saíulle categoría de Coronel, ¡dos de Tres Vitis, e sobráronlle puntos! ¡Nunca tal se vira nesta Sala das Admisións!

-¡É imposible…; algo estará errado nese Balance! -Frei Marcos, como bo Fiscal, sempre desconfiando, ¡incluso no Ceo!

O Querubín, que estaba no certo, sostivo aquela afirmación:

-¡Pois non, nada, en absoluto; nin unha décima! A causa remota é que, con iso de que segue o celibato obrigatorio, deron en escasear os Cregos, e daquela dan absolucións colectivas, ou case, ¡incluso por Internet! Con esta relaxe, con este desatado, veñen as ánimas con puntos de sobra: ¡Puntos Transferidos, Aplicados, Comunicados…! ¿Frei Marcos, é que non o entende, vostede, sempre tan…, profético?

-¡Meu Querubín, por mirar atrás, déixasme de sal, como lle pasou á muller de Lot! A este paso ata non sei se acabarán poñéndome no Pórtico da Gloria, en Santiago, de soarego!

O Anxo riuse con ganas, ao pícaro, ¡como anxo que era!

-¡Este Frei Marcos o que quere é ve-la Esther de fronte! Pois non, que lle teñen reservado outro destino, ¡e non precisamente de premio! Fíxese cómo estarán as cousas, que Don Pedro volveu a perde-las chaves, a pesares do seu Don maiúsculo…!

-¿E logo, por onde anda o meu Kefas? ¡Non o vexo nese sitial da estípite!

-A tal punto o Sacro Colexio está reunido en Alto Comité. Seica lle propoñen a Deus unha revisión do seu Código de Admisión; colléronlle a palabra niso das Delegacións; ¡xa sabe, iso de atar e desatar!

-¡Oh, qué cousa; Deus nos asista!

-¡Pois, si! Pero o caso é que o señor Santiago, tan compracente cos seus galegos, pide un Xubileu total para tódolos que acudiron a espera-lo Papa no Monte do Gozo; e tamén para os que o viron por televisión…

Frei Marcos, cos ollos estartalados:

-¿A todo iso, Don Pedro, o noso Kefas, qué di? ¡Miúda situación; case que é un conflito de competencias!

-¡Uf, está que morde! Opina que nos imos quedar sen Purgatorio, ¡antes do Xuízo Final! E polo que a vostede respecta, deixou instrucións de que o destinemos a Europa, cos Fisgas Xemelgos, para que enderece as conciencias dos seus emigrantes, pois, con iso do Mercado Común, con esa Unión Europea, rodeados de protestantes, están caendo nun materialismo ateo que dá vertixe. ¡Algún deles anda de transportista, de camelo deses narcos…!

-¿De camelo chepudo? ¿Será por iso de carrexa-los feixes na propia cabeza…?

-¿Frei Marcos, en qué século estamos? ¡Vostede quedou ancorado no XIX, que hoxe en día, con iso dos tractores, ninguén sabe, nin padece, o que é unha rodela…! Camelos sonlle os viaxantes, os representantes, deses Cartels sudacas, e/ou das Mafias xibraltareñas!

-Nese caso, rapaz, fagamos a vontade de Deus; ¡a de Deus e maila dos seus Ministros, eses abbas terráqueos que logo mandan máis cá Deus!

-¡Moderación, irmán! ¿Non se lle contaxiaría aquel maquiavelismo do Litis…, de tanta observación e de tanta análise?

Líbera me Domine! O que pasa é que sempre se me encomenda unha labor excesiva…, e…, ¡xa ves, ás veces chego tarde!

-¡Ten razón, Frei Marcos, que o Campo Santo xa non está a campo, senón a monte! Hai moita herba e poucos segadores; moitísima herba, demasiada, ¡que por aí se acochan as serpes! Con iso de que o Bo Xesús prohibiu arrinca-la nichela…, ¡despois, no intre da sega, non a damos espallado!

-Intentareino, pero deixádeme un respiro; déixame que invoque, denantes, ao Espírito Santo, que aló abaixo, por Europa adiante, hai corenta linguas, ¡e precisarei un Pentecoste para prepararme!

-Non terá ese problema, Frei, que o galego fíxose universal; tanto, que o atopará desde a Fisterra á Finlandia, ¡maiormente na cociña dos hoteis!

-Nese caso, ireime indo… ¡Ah, un momento, que non me dixeches qué pasou co Litis…; quero dicir, despois desas ocorrencias súas tan recorrentes!

-¡Uf! Estalle tan alto que se o pretende ver, no suposto de que lle perdoe a súa inquisición, daquela terá que quita-la pucha, e chamar cos cotenos; así: ¿San Aurelio, pódese pasar?

-¿San Aurelio? ¿Dixeches San Aurelio? ¿Que santificación, qué coenxía, qué cargo lle deron? ¡Hai os fillos das tebras…! ¡Curros, Curros, que Deus te bendiga, e que nunca o demo te leve, que tiñas toda a razón do mundo, fose en prosa ou en verso, e máis leváronte ao Purgatorio, ao do Índice…!

-¿Cargo? ¡Cargos! Varios; tire de caderno e vaia apuntando, a saber:

+ Secretario-Administrador-Gratificante de Funcionarios con Carné, Juppies de Grandes Empresas, Asesores de Imaxe, etcétera. ¡Para a jet set, en definitiva!

+ Secretario-Interventor do uso que se faga cos Fondos Reservados e cos Diñeiros de Opacidade Fiscal.

+ Secretario-Delegado da Asociación das Madalenas Arrepentidas.

+ Asesor de Electores Confusos e Paladín da Democracia.

+ Mantedor de Honores, Protocolos e demais Floripondios Oficiais.

Frei Marcos, esgotada a súa capacidade asombro, interrompeuno:

-¡Alto, irmán, para xa, que me está entrando un repelús do diaño! ¿Todo iso é…, con ámbito estatal?

-¡Non, Señor, que xa foi abondo! Esas competencias limítanse a súa Galicia, que por algo o illa Don Pedro en Europa, a vostede, para que se actualice, pero tamén por razóns diplomáticas, de convivencia pacífica! ¿Capisca? Vostede, como bo galego, debe saber que, Sublata causa tóllitur efectus

-¡Ah; menos mal! ¡Daquela, Laus tibi, Criste!

Don Valentín aceptaba pero non comprendía, así que, nun á parte, entre dentes, bisbou:

-¡Disto do Tráfico das Influencias, tanto dá que me reciclen como que me manden asubiar! ¡Isto, ese perdón gracial dos pillos, e maila Informática…, para min, para o meu celemín, son cousas igualitarias, irritantes! ¡Non hai que facerlle, que non as aturo, nin de pasado, nin de presente, nin de futuro; nin sequera na terra, canto máis no Ceo, pero…, o que manda, por veces, desmándase!

Daquela houbo no Ceo unha chuvia de estrelas, e eu asusteime, tanto, que incluso tiven un acto de atrición; ¡mellor me sería de contrición, pero, máis vale algo que nada! O caso é que espertei de bruces, diante do meu ordenador.

Na pantalla, por sobre destas nubes que lle serven de fondo ao meu escritorio, ¡que para algo estarán aí, digo eu!, palpexaban unhas letras grandes, negras, que poñían, e que poñen, que non as borrei, que igual é algo premonitorio, profético, do tipo daquel, Mane, thécel, phares,

FIN.

Dedicado á Democracia, pero á sutil, á inorgánica, esa lingoreteira parlamentaria, que se algunha virtude ten, é a de criticar aos homes públicos, aquí abaixo, na Terra, facilitándolles, no posible, que se arrepintan a tempo; quere dicirse, no seu tempo, en vida, para que deixen vivir en paz ao irmán Abel, que tamén é fillo de Adán, e por tanto ten os seus dereitos na torta do benestar público, xeral e xeneralizado!

Xosé María Gómez Vilabella