Unha asociación de Castroverde rehabilitará 18 muíños fluviais
GALICIAE
AGN.
A Asociación de Muiñeiros Santa Lucía de Castroverde ultima a primeira fase dun ambicioso plan para recuperar 18 muíños, coa intención de crear unha ruta etnográfica, grazas ao apoio económico da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), con cargo á liña de axudas para Proxectos Dinamizadores dás Áreas Rurais de Galicia 2007-2008.
A primeira parte deste plan contempla a recuperación integral de catro muíños nese municipio lucense, para o que a citada asociación, que está formada por 18 propietarios, dispuxo un orzamento de 138.332 euros, dos que Agader achegará 80.000 euros, segundo informou o subdirector de Relacións cos Grupos de Acción Local, Fernando Veiga.
O presidente da asociación, Jesús Miguel Lamela Escobar, confirmou que a rehabilitación destes catro primeiros muíños estará finalizada antes do día 31 de decembro, para que Agader poida certificar as obras e realizar xa os primeiros pagos.
Recuperación do patrimonio
En concreto, esa primeira fase de rehabilitación afecta a catro infraestruturas fluviais situadas no arroio de Rodinso e nos ríos Chamoso, Ferradal e Tórdea. De feito, a rehabilitación dun dos muíños, o de Cabaleiros, xa está terminada, mentres que as obras xa comezaron nos outros tres. Lamela Escobar recoñeceu que a execución do proxecto atrasouse porque os permisos para executar os traballos de recuperación demorouse máis do que os promotores desta iniciativa esperaban.
As obras que está a executar esta asociación nestes muíños contemplan a rehabilitación integral das paredes e o teito dos inmobles, con pedra e madeiras nobres, para conservar o seu aspecto orixinal, así como a recuperación de todos os elementos que fan posible o funcionamento destas infraestruturas fluviais, para que poidan moer gran.
Lamela Escobar explicou que este proxecto non ”pretende que os muíños volvan producir, porque non sería rendible”, senón ”conservar un importante patrimonio do municipio de Castroverde para as próximas xeracións, porque antes eran unha parte importante do medio de vida da súa poboación”.
Ampliar o proxecto
Aínda que ao principio algúns propietarios eran remisos a realizar este investimento, as obras de recuperación dos catro primeiros muíños ”animaron moito á xente”, explicou Lamela Escobar, polo que a maioría está disposta agora a iniciar o proceso de rehabilitación deses inmobles. Por iso, avanzou que na próxima convocatoria de axudas, a asociación intentará conseguir o financiamento necesario para iniciar os traballos noutros seis, co obxectivo de que dentro de poucos anos todos estean outra vez en funcionamento.
Algúns socios barallan ata a posibilidade de pedir axuda á Xunta de Galicia para crear neste municipio un auténtico museo dos muíños, debido á proliferación destas construcións no concello de Castroverde.
Pola súa banda, Fernando Varela recoñeceu que este proxecto conta co apoio Agader porque se trata dunha iniciativa ”moi ambiciosa” e practicamente única en toda Galicia. Aínda que noutras zonas da rexión solicitáronse axudas para restaurar muíños, en moi poucos sitios expúxose ”a rehabilitación integral” de tal cantidade de infraestruturas fluviais para crear unha ruta etnográfica.
22/10/2008
Deixa unha resposta