BREVE RESUMO DA VISITA DUNHA REPRESENTACIÓN DO CLAUSTRO

DO CEIP SAL LENCE DE A CORUÑA A CASTRO VERDE

O pasado sábado día 12 de maio visitou o noso concello unha representación do claustro de profesores do CEIP Sal Lence de A Coruña. O motivo principal da súa visita foi ver á casa natal do fundador da súa institución, o oftalmólogo Gerónimo Sal Lence, orixinario de A Penalonga (Recesende).

A visita comenzou cunha pequena andaina desde a igrexa de Vilar de Cas, pasando polas Cambas ata Soutomerille.

A seguir, pequena parada na casa de Sal Lence onde nos agardaban as súas sobriñas-netas, Amalia e Rita, ás que logo se sumou Consuelo, tamén da familia. Con moita amabilidade foron amosando o lugar, os recunchos, as lembranzas alí albergadas, a memoria viva do grande benfeitor da institución que o honra e que busca restituír a súa figura, vencellada erroneamente ao franquismo. Foi unha visita emotiva na que se fixo patente a bondade que atravesa esta linaxe.

Antes de ir xantar, houbo ocasión para visitar a igrexa de Vilabade, sempre magnífica e sempre inesperada para o visitante que a descoñece, así como a capela do Carme e a súa contorna. Quedando tempo para amosarlles a aldea de Bolaño, con parada na ponte, quiosco da música e pequeno paseo ata o forno do cal.

Pola tarde, visita á torre, testemuña firme da Historia de Castro Verde.

Para rematar, visitando aos singulares sartegos de Recesende.

Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio