Desenterrar o Pasado. Un Percorrido pola Arqueoloxía de Lugo.
Os Concelleiros de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, e de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, presentaron este venres no Salón de Plenos os actos organizados este 2018 polo Concello para conmemorar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, unha programación que arrancará neste mes, o día 25, co ciclo de conferencias Desenterrar o Pasado. Un Percorrido pola Arqueoloxía de Lugo.
O obxectivo, subliñou Piñeiro, é “poñer en valor o rico patrimonio arqueolóxico da cidade e a súa importancia dende o punto de vista histórico”, así como contribuír a acadar os catro grandes obxectivos fixados para o Ano Europeo do Patrimonio Cultural: “compromiso, pois o patrimonio cultural perténcenos a todos; sostibilidade, turismo responsable e sostible entorno ao patrimonio cultural; e protección e innovación”.
O ciclo Desenterrar o Pasado. Un Percorrido pola Arqueoloxía de Lugo permitirá desenvolver un foro de análise e de diálogo entre os profesionais do sector (arqueólogos, xestores patrimoniais e guías) e a cidadanía en xeral no que se poña en valor o traballo desenvolto no referente á recuperación do importante patrimonio arqueolóxico que atesoura a cidade.
Na iniciativa participan expertos en arqueoloxía de primeiro nivel, entre eles o arqueólogo municipal Enrique González e a anterior xefa de servizo, recén xublilada, Covadonga Carreño. Consta de 9 conferencias de acceso libre e gratuíto, entre os meses de xaneiro e xuño, que terán lugar ás 20:00h, no auditorio do Vello Cárcere. A programación é a seguinte:
– 25 de xaneiro: A Arqueoloxía Lucense ata 1986, por Felipe Arias Vilas.
– 22 de febreiro: O Inicio das Escavacións Arqueolóxicas. Os Aparcadoiros Soterrados, a cargo de Antonio Rodríguez Colmenero.
– 15 de marzo: A Configuración da Cidade Romana. A Peatonalización do casco histórico, a cargo de Covadonga Carreño Gascón.
– 22 de marzo: A Casa dos Mosaicos, por Enrique González Fernández.
– 19 de abril: A Muralla de Lugo e a Arqueoloxía, a cargo deEnrique Alcorta Irastorza.
– 24 de maio. A Domus do Mitreo, por Celso Rodríguez Cao.
– 31 de maio: As Termas Romanas de Lugo, por Francisco M. HervésRaigoso.
– 7 de xuño: O Castro da Piringalla, a cargo de Roberto Bartolomé Abraira.
– 14 de xuño: A Xestión do Patrimonio Arqueolóxico na Cidade de Lugo, por Enrique González Fernández e Gonzalo Meijide Cameselle.
Calendario e exposición
O programa de actividades co que o Concello celebra o Ano Europeo do Patrimonio Cultural incluíu tamén a edición dun calendario deste ano con imaxes de pezas arqueolóxicos “que reflicten a nosa riqueza como cidade romana con máis de 2.000 anos de historia”, explicou Ana Prieto.
Incluirá tamén, como colofón, unha exposición na que se fará un repaso dos últimos 30 anos de escavacións arqueolóxicas na cidade, presentando as máis significativas e poñendo de relevo a importancia do patrimonio arqueolóxico descuberto, a súa relevancia na elaboración e coñecemento do pasado da cidade e a súa influenza na conformación da cidade dende o punto de vista urbano e social.
Deixa unha resposta