VISITA Á CIDADE DE LUGO
Con este roteiro, máis que roteiro foi unha visita a algúns lugares máis simbólicos da cidade de Lugo, do sábado, día 10 de xaneiro de 2009, comezamos as andainas deste ano, e deste xeito a Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, dá por iniciadas as actividades.
Saímos nesta ocasión da ponte da Chanca, nunha fría mañá, mais moi luminosa e leda. Comezamos, como dicimos na Chanca dando unhas breves explicacións da importancia que tivo esta zona en varios momentos da historia. Lugar de fábricas de curtidos de peles, muíños e abastecedor da cidade de produtos de horta e animais. Esta ponte, xunto coa ponte do Miño eran dous pasos importantes para acceder á cidade de Lugo. Desde este barrio que, aínda conserva certo sabor tradicional, subimos pola calzada da Chanca ata a corrredoira Escura (chamada así noutros momentos) ou Carril das Flores (hoxe). Na entrada deste Carril no entronque con Fontiñas, a sinalización do Camiño Primitivo, está moi mal, pedimos unha mellor sinalización nesta zona. Aproveitamos, unha vez máis, para reclamar na confluencia de Fontiñas e Carril das Flores a creación dunha praza ou algo emblemático que faga referencia ao Camiño Primitivo. Praza do Camiño Primitvo ou algo alusivo a él. Continuamos ata a Porta de San Pedro, lamentable esta subida coa pasarela e traseira dos edificios de Montero Ríos, parece unha subida terceiro mundista. E, xa na porta de San Pedro,dicir que confluían os Camiños Primitivo e o Camiño que viña de Castela e, alternativa ao Camiño que vén do Cebreiro.
Dentro de murallas, referencia ao albergue de peregrinos, na rúa Nóreas e, a seguir visita á Catedral: Porta Sur, Norte, Capelas, Xirola, Sacristía e, visita ao Museo e Claustro da Catedral con explicación de D. Xesús Guerra, a quen dámos as gracias desde aquí, gracias tamén a D. Xaime Delgado que, aínda que non puido estar con nós, por motivos familiares, a súa intención era explicarnos a catedral, mais deixounos unha reseña escrita desa explicación.
Continuamos camiño da Porta Miñá, facendo unha breve parada no Pazo de Orbán, onde fomos ben recibidos e nos deron información da rehabilitación e historia de tan singular edificio.
Saímos de murallas por esta antiga porta, baixando por diante da igrexa do Carme e camiñando por esta verea rural, sendo xa o úlitmo camiño con sabor tradicional, desde onde podemos ver a Catedral e as beiras do Miño. Lamentable o enlace que quedou deste camiño coa variante que vén desde a porta de Santiago, coa Calzada da Ponte na zona da Ronda do Carme. Non poderiamos facer algo para axeitar mellor este vello Camiño. Facemos votos para que se deixe esta verea tal como é, tal como está e pedimos aos poderes públicos ( Municipais e da Xunta) que teñan a ben reservar esta conexión da cidade co entorno do Miño,sendo xa o único que nos queda.
Rematamos a andaina da mañá na ponte romana do Miño, contemplando o seu entorno, balneario, costas do parque, San Lázaro…
Pola tarde, non continuamos camiñando, senón que volvemos ao centro de murallas para participar na clausura dos actos do 75 aniversario do Museo Provincial, onde fomos agasallados co Cartafol do Museo, calendario e marca páxinas. No acto de clausura interviron as autoridades e responsables do museo, Señores: Vicepresidente da Deputación, D. Antón Bao, Sr. Director Xeral de Patrimonio, D. Felipe Arias (socio de Amigos do Patrimonio) e o investigador e profesor, D. Nicandro Ares.
Remataron os actos coa interpretación do Himno Galego por parte do Coro “Grupo Vocal Sólo Voces”.
Finalmente, convidouse a todos os presentes a asinar no Libro do Museo.
Con este acto concluímos as actividades deste día.
Saúde e Terra.
Unha aperta.
Manolo Muñiz
Lugo – Castroverde, 10 de xaneiro, de 2009
Deixa unha resposta