A CASA-MUSEO MANUEL MARÍA RETOMA ESTA FIN DE SEMANA A SÚA ACTIVIDADE APÓS O NADAL

A Casa-Museo vén de tirar un calendario dixital, con ilustracións de Leandro Lamas, para conmemorar os 50 anos da primeira edición do poemario Os soños na gaiola

Outeiro de Rei, 12 de xaneiro de 2018.- A Casa-Museo Manuel María retoma esta fin de semana, após o Nadal, a súa actividade e volve abrir as súas portas para poder ser visitada en horario de sábado, de 11 a 14 e de 16,30 a 19,30, e domingo, de 11 a 14 hrs.

A Casa-Museo Manuel María, casa natal do escritor, ten como propósito achegar ao pobo galego a figura e a obra de Manuel María, así como o importante legado que alí se encontra. Alén disto, o equipamento, unha casa-vivenda chairega, permite rever acontecementos da vida galega (sociais, culturais e políticos) dos últimos 70 anos do século XX a través da traxectoria vital do escritor. A Casa-Museo, encadrada en Outeiro de Rei, posibilita tamén ao visitante redescubrir a Terra Chá e os distintos espazos que o escritor levou ás súas obras.
A Casa-Museo vén de editar un calendario dixital de 2018, ilustrado por Leandro Lamas, para conmemorar os 50 anos da aparición do poemario Os soños na gaiola, obra emblemática de Manuel María que inaugurou a poesía en galego para a xente nova. Unha iniciativa esta á que se sumarán outras ao longo do ano.
O calendario pódese descargar na seguinte ligazón http://www.casamuseomanuelmaria.gal/promocions.htm, introducindo o seguinte código 8yhqdz1esxcr

Máis información: Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María: 616190349