Breve resumo

Roteiro ROGELIO REIGOSA contra a apatía

Sábado, 21 de outubro, de 2017

Neste sábado de outubro, saímos de Castro Verde camiño do Campo de Eiladrán, onde Ricardo G. Polín, a quen agradecemos desde aquí as súas explicacións, lembrounos os acontecementos da guerra civil e onde foron abatidos varios veciños de Monte Cubeiro, un perto ou na zona do campo das mámoas ou medorras, ao pé da fonte dos Burgazás. Camiño de Verducedo onde fixemos a segunda parada para ver o cruceiro de Valentín, levantado por por mor da morte que un raio provocuou a un neno; mágoa que a néboa non deixaba ver a paisaxe que desde alí poderiamos observar, terras de Castro Verde, O Corgo ata Lugo; pequena parada en Verducedo con visita á casa de Pillado, para baixar ata o Albaredo e, visitarmos a casa petrucial de D. Rogelio Reigosa, e de paso, parar diante da casa de Rómulo para comentar como foi asasinado este veciño, deixando un neno de sete anos e, despois viñeron dicirlle á viúva que fora por erro e que cuidara do neno, os seus netos indicáronnos o lugar do fatídico asasinato, a onde nos achegamos e fixemos unha foto, na lembranza destes feitos arripiantes. Seguindo coa visita ao Albaredo parada na escola que levantou D. Rogelio para que os nenos de Santadrao / Santo Adrao, Teixeda, Verducedo, Vitureiro e Albaredo puideran asistir á escola; o seu sobriño, Manuel Reigosa tivo a amabilidade de ensinárnola, a quen agradecemos o xesto, tamén vimos os restos da capela e cemiterio que quixo levantar para que os veciños destes lugares non tiveran que desprazarse case cinco quilómetros a Monte Cubeiro, (San Cibrao), para asistir aos actos relixiosos e, que non logorou por ou con desavinzas co titular párroco de Monte Cubeiro que non se quería desprazar ao lugar, e coa sunción do Sr. Bispo daquela época. Logo visitamos a ponte Esvaradoira que este home levantou para que os nenos da zona de Verducedo puidesen cruzar o río, un dos brazos importantes do río Chamoso. Logo, ao pé deste río teriamos que facer o roteiro, mais tivemos que buscar alternativa para visitar o muíño do Real ou Rial, xa que o concello non tivo a ben limpar o camiño que via ao pé do río Cahamoso ata San Martiño. Pola alternativa e con pequenas reviravoltas chegamos a San Martiño, lugar abandonado e espoliado hai anos, mais que se podería recuperar, un dos lugares máis ancestrais e significativos do noso concello. Reclamamos ás Institucións (Concello, Deputación, Xunta), desde aquí que se bote man destes vestixios, aínda que en ruína amosan a importancia deste lugar. Desde San Martiño a Bolaño para subirmos a Castro Verde.

Pola tarde.

Visita a Recesende onde D. Rogelio foi párroco, salientar a importancia deste lugar polos seus sartegos, igrexa e casa grande de Teixeiro (hoxe oculta pola vexetación desaxeitada), e que o dono acutal quere reconverter en pazo, destruíndo toda o seu significado e encanto, desta Casa.

A seguir visita ao campo santo de Monte (Outeiro) onde repousan os restos de D. Rogelio, onde lle fixemos unha pequena ofrenda floral en lembranza de quen levantou a igrexa e escola de Outeiro, para logo visitarmos, a casa reitoral, lugar onde foi atropelado hai agora 42 anos, na recta de Souto de Torres, vimos a escola de nenos que construíu tamén el, e volvermos pola estrada de Sobrado ata a igrexa de Outeiro.

En dúas palabras, un home, neste caso, un Sr. Cura que, levantou, na súa aldea natal; unha escola, unha ponte, que iniciou a construción dunha pequena capela e cemiterio que non puido rematar e, en Outeiro, levantou a actual igrexa, cemiterio e escola de nenos, á parte de escribir centos de artigos, moitos deles arredor de parroquias e lugares de Castro Verde, que recolleu Ricardo G. Polín no libro publicado neste ano que corre, que leva por título; Castro Verde nas crónicas de Rogelio Reigosa.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo