AS MIRADAS ASOBALLADAS

Por
José Enrique Villarino Valdivielso
Para isto sr Alcalde, para isto señor Xuíz, para isto, señores políticos, para isto señores especuladores, non eran necesarias tantas miradas perdidas, alá onde o pai Miño pasa orgulloso regando o bosque da nosa memoria, o bosque das nosas raíces, o bosque sagrado do noso ser. Moitos despropósitos leva xa este val da tranquilidade, onde o río limpa as nosas almas ao seu paso, onde o río trae e leva as nosas ilusións ás augas lendarias dos atlantes. Tanta mirada, ensimismada, solitaria, acompañada, cómplice, inocente, desvalida, animosa, valente. Tanta mirada perdida dos nosos ancestros, avós, pais, irmáns e amigos, vidos a esta pérgola a pedir consello a este verde val, calmo de río, calmo de sede, vidos a pensar, vidos a amar, vidos a dicirnos confidencias, vidos a collernos da man, vidos a bicarnos furtivamente, vidos a admirar o espectáculo dun crepúsculo que tarde a tarde envolve de néboa os verdes lenzos que enlaza a ponte de tantos ollos que nos observan. Tantas retinas de papel sepia, tantos vestidos de azar, tantos noivos de amores xurados, para isto. Mala fada teñan tantos mediocres que non souberon, non quixeron, non aman, non cumpren coas súas obrigas cívicas e cidadás de protexer o único que permanece e vence á morte: a memoria das cousas, a memoria da paisaxe, a memoria das persoas, a memoria de tantas miradas que salvaron ata agora este pequeno gran tesouro dun pobo que viñamos a mirarnos a este espello belo e culto e saber que estaba aí, que aí seguía, protexendo a nosa memoria de nenos, de adolescentes, de vellos, de eidos. Mala fada teña tanto afán de poñer ao diñeiro por diante de tanta beleza cegando as nosas miradas. Mala fada teñan os que permitiron tantas miradas asoballadas.