Xullo, mes da sega. En terras de Chamoso, si; ese “Chamoso” parido, manado, xerado en Bolaño, que fecundou e fecunda aquel fecundo condado de Flammosos, despensa ubérrima dos larpeiros de Roma aos que non chegaba con larpar aquí senón que baixaron o noso trigo, e non os excedentes, asemade cos viños de Amandi, polo Miño abaixo, para embarcalo nos seus trirremes rumbo á súa Roma Cesárea, absorbente, consumista, máis ou menos como fixo España co ouro e coa prata de América, pois os tempos pasan pero os vicios, a cobiza, permanece, etcétera, etcétera. Vindo ao presente: Estes tempos de crise teñen algo de bo se nos serven para re-flexionar, para volve-los ollos ao noso patrimonio, tan desprezado que o tivemos, maiormente a finais do século XX, esas décadas mecanicistas nas que nos saturamos de maquinaria, e con ela de alimentos precociñados, sintéticos, falseados, espurios. Tiro esta idea dunha conversa que tiven estes días con outro vello desdentado, oriúndo de Mondoñedo, ao que lle comentei que, sen dentes artificiais, os únicos manxares manducables son a manteiga de Castroverde e o pantrigo de Mondoñedo. Cal non sería o meu asombro cando me preguntou qué era o “pantrigo”. ¡Deus, qué amnesia nos trouxo este modernismo finisecular, que nin os mindonienses se lembran do seu trigo de Mondoñedo! ¿E nós, do noso, do de Chamoso, qué? ¡Ídem de lenzo! Segar non era doado; era suorento, incluso provistos dun porrón daqueles de Bonxe, que non caía lonxe pois sempre nolos traían á feira das cereixas, últimos de Xuño. E para fouciños, os nosos ferreiros obtiñan un aceiro excelente, mellor có dos alemáns. En canto ás mulleres, dábanlle ao mantelo para atrás…, en previsión de que non se lles visen as canelas ao ata-los mollos. E mallar cos malles era un deporte olímpico, pero…, ¡aquel pantrigo! O de Mondoñedo só superaba ao noso porque a nosa miseria non nos permitía restarlle a mestura de centeo… ¡O que son os tempos, que hoxe pirrámonos polo integral tentando neutralizar os velenos que lle botamos ao bandullo! ¿Quen sería o maléfico que trouxo o inzo dos piñeiros ás terras cerealistas de Chamoso? Hai dous sospeitosos: O Xeneral Tella, moendo fariña de Castela, aquela do estraperlo, transportada –dicíase- nos camións da “Empresa Tella”, vulgo, “E.T. – Ejército de Tierra”; ou o Capelán de Boelle que, para non pagarlles anualmente ás cuadrillas de segadores de Montecubeiro, optou para abonarlles dunha vez aos da repoboación forestal, tan en boga daquela. Isto último non foi caritativo, nin democrático, pois aquel milleiro de habitantes desta parroquia, (¡tanta poboación hoxe parece imposible, salvo que aceptemos a prima noctis dos nosos frades!), precisaba moito dos cartos do Cura…, ¡aínda que só fose para pagar responsos! Se botamos unha ollada aos consumos da actual Gallaecia doado é decatarse de que a madeira está barata e o condumio caro: ¿Será cousa de volver ás segas, empezando por sega-los piñeiros! Pondal ben que lles cantou aos seus pinos, pero…, ¡hai unha diferenza, pois a súa chousa non valía para horta, e logo que era monte comunal indebidamente rexistrado, que iso é o que veñen afirmando os seus veciños de Ponteceso! En todo caso o noso pecado foi que situamos virtus post numnus, a virtude detrás do diñeiro, a comodidade e as especulacións antes cás virtudes patrimoniais, tradicionais, así que moito me temo que teñamos que volver ás andadas, digo, ás aradas…, ¡se queremos comer pantrigo, do bo, daquel dos fornos de leña!
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta