PÓR EN VALOR A TORRE DE CASTROVERDE
José Enrique Villarino Valdivielso
da
Asociación Cultural
“Amigos do Patrimonio de Castroverde”
Así leva moitos anos. Case desde sempre. Por suposto, desde que eu coñezo. Pero, a TORRE de Castroverde non pode -non debe- seguir así. Soa, baleira e inútil. Debe recuperar o papel que un monumento da súa categoría tivo, merece e merecen os que ao redor dela habitan, véndoa día tras día ergueita; reflectido nela o orgullo, a fidalguía, o señorío, gañado con suor, século tras século, gañado tras moito traballo e moitos sacrificios dos habitantes dese fermoso Vallis Viride romano, salpicado de castros onde moito antes habitaban pretéritos señores, desde as bravas terras do Monsciro e o Cuperio até onde as terras contiguas ao Chamoso case se funden co Pai Miño.
Nos tempos que corren para pór algo en valor hai que rescatar os beneficios da virtude. E virtudes para acoller variadas e boas cousas ten a nosa TORRE. Corren tempos desfavorables para todo aquilo que teña que ver cos diñeiros, e máis coas subvencións. Non podemos -non debemos- fialo todo nas axudas das institucións, sexan do Concello, a Xunta ou o Estado, aínda que teña que habelas. A sustentabilidade, hoxe de moda, non é outra cousa que a capacidade das persoas para perpetuar os recursos que os nosos devanceiros nos legaron. A TORRE debe valerse, no que poida, por si mesma e nós axudarlle a conseguilo. Como? Diso imos falar a continuación.
Deixemos aparte litixios sobre dominio, propiedade, usos do chan e demais xuricidades que lle afecten. Resóltas éstas, poñamos que as institucións, e o Concello á cabeza, deciden facer algo para garantir o seu futuro. Que facer? Pois algunha que outra idea se pode pór sobre a mesa para conversar, para falar e para debater, cousa sa onde as haxa. Ocórrenseme tres, que se resumen nunha , o xa devandito: PÓR EN VALOR A TORRE. Pór en valor a Torre é facer que ela, e por si mesma, xere os recursos que axuden a facer viables outras funcións menos comerciais e máis altruístas, xunto coas axudas permanentes que debe recibir das institucións autonómicas e nacionais, xa que as arcas do Concello non deben estar para moitas alegrías. As funcionalidades da TORRE estimo que son tres: A primeira, unha FUNCIONALIDADE COMERCIAL, de lecer e negocio, que provea de recursos a outras funcionalidades menos retribuibles. A segunda, unha FUNCIONALIDADE INSTITUCIONAL, a máis propia e identitaria, a histórica, resume do xenio das xentes da terra. Esta función é facer da TORRE un espazo de memoria e convivencia, aberto, de futuro para a comarca. A terceira FUNCIONALIDADE, FORMATIVA. Xunguir o pasado e o futuro mediante o coñecemento; aprender dos devanceiros para ser capaces de innovar, que non é outra cousa que anticiparse ao que vai vir mediante a capacidade de crear, de facer cousas novas. Todas elas poden e deben convivir nese único espazo de forma harmónica, ordenada e serena. Aquilo que non ten unha función, o que non serve para algo, acaba morrendo.
Por exemplo, o Concello, ou quen corresponda, pode habilitar unha concesión para a explotación dunha ACTIVIDADE COMERCIAL DE RESTAURACIÓN e/ou HOSTALEIRA, mellor ambas, dunha escala adecuada, preferentemente a algunha iniciativa local, mediante o correspondente “cánon”, non afogante, que debe acomodarse en contía e tempo ao desenvolvemento e éxito paulatino da iniciativa. O importe debería aplicarse integramente no financiamento parcial das outras dúas funcionalidades. En segundo lugar, a Deputación debería financiar parcialmente tamén o acondicionamento duns espazos destinados a TALLER E MUSEO ETNOGRÁFICO e DE INTERPRETACIÓN do alto CAMIÑO PRIMITIVO e dos recursos turísticos da bisbarra, para que non só sexa un espazo morto, senón que o taller lle de vixencia e actualidade ás investigacións sobre o pasado, nun marco de recursos para poder desenvolver conferencias, congresos, etc sobre a comarca e o CAMIÑO PRIMITIVO e non só sobre a comarca. O CAMIÑO debe ser un eixo esencial nesta estratexia de dar contido á TORRE e a bisbarra, sen esquecer o papel primordial de ser tamén un lugar de encontro das xentes. A terceira funcionalidade podería concretarse, en estreita conexión coa anterior, nunha ESCOLA-TALLER, financiada con recursos da Xunta e a Deputación, onde raparigos e raparigas da zona aprendan oficios e saberes xa case perdidos e cuxos coñecementos se apliquen á restauración do patrimonio local, á vez que participen na súa restauración e comercialicen empresarialmente, a particulares e terceiros, os traballos en que se plasman estes saberes. Aquí xoga un importante papel de asesoramento e xestión a URG (Universidade Rural Galega).
A pouco que boten a andar estas tres iniciativas, unha tras da outra para non coller unha enchenta, cos investimentos previos de restauración e acondicionamento a cargo dos organismos citados implicados e a axuda das institucións onde non cheguen as actividades comerciais, e de todos nós, poderemos chegar a ver unha TORRE rexuvenecida, útil e refulxente. Espello de Castroverde no que nos miremos todos, orgullosos de que, garantida a súa permanencia, vai seguir sendo parte do noso almario onde habita a memoria non só da nosa paisaxe vivida, senón tamén do interior, do máis persoal e íntimo.
Setembro, 2009
Deixa unha resposta