“ASOCIACIÓN POLA DEFENSA
DO PARQUE ROSALÍA”
Desde a Asociación pola defensa do Parque Rosalía, queremos darvos as grazas polo voso apoio que nos permitiu que o pasado mes de setembro, recibísemos a mellor das noticias desde que, fai máis de tres anos e medio, empezamos a nosa actividade para evitar o que case todos sabiamos que era un despropósito e un dos maiores erros urbanísticos que se podían cometer en Lugo.
É para todos unha inmensa alegría podervos enviar copia da sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso de Lugo, na que se anula o proxecto de urbanización da unidade de actuación CS-5 (Costas do Parque). Recordarvos que este polémico proxecto está tamén pendente de resolución doutro contencioso, presentado o pasado ano pola Consellería de Cultura. Nesta actuación contabamos con diversos argumentos para crer que o noso traballo ía en boa dirección, xa que resultaban contrarios ao proxecto o informe emitido pola Consellería de Cultura, o informe da Comisión de Patrimonio, o informe emitido polo perito xudicial, o informe da asesoría xurídica da Xunta, así como o Ministerio de Fomento que tamén indicaba a existencia de perímetros de protección que non foran respectados. A estes informes tamén nos gustaría engadir o sentido común, que non sempre está presente, pero é esta sentenza a que finalmente pon de manifesto a ilegalidade do proxecto.
Agradecervos como sempre a vosa colaboración e o apoio que en todo este tempo expresastes moitas persoas e colectivos que nos destes a seguridade de que, o sentir da maioría de quen vivindo ou non en Lugo, era o de que este proxecto non debía seguir adiante nin tan sequera chegar a este punto. Este proceso aínda non concluíu e en breve producirase unha nova reunión para intentar chegar a un acordo co promotor, pero con independencia do resultado da mesma, estamos seguros de que entre todos, lograremos conservar un dos lugares máis emblemáticos que ten Lugo e desde o que sempre seguiremos mirando ao Miño.
GRAZAS, un saúdo
Asociación pola defensa do Parque Rosalía
www.parquerosalia.es
+ de 12.500 firmas
A sentenza na prensa: na VOZ DE GALICIA e no PROGRESO
Deixa unha resposta