RESUMO XORNADA DE DEBATE

Na tardiña do xoves 25 de febreiro asistimos á xornada de debate sobre o decreto 125/2014 que ampara a venda directa de produtos primarios nas explotacións agropecuarias de Galicia.

Este evento foi organizado pola Reserva da Biosfera Terras do Miño a petición da Asociación Terras de Lugo, da cal formamos parte como socios e representámola na vicepresidencia da súa Xunta Directiva.

Interviron no acto Antonio Ventura Figueroa Paz, o noso secretario e, ata finais do ano pasado, xerente do GDR-4, Marcelino Castro Pena en representación da Consellería de Medio Rural, Dori do SLG e Xosé Ramón Rodríguez Iglesias xerente do proxecto Vida de Aldea (o cal temos visitado en varias ocasións).

O acto contou cunha boa asistencia de público que participou activamente no debate xerado polos ponentes en canto ás posibilidades do decreto: oportunidades e deseventaxas.

De todas as intervencións puidemos obter as seguintes conclusións:

– O sentir común da falla de información que proporcionou a administración aos produtores en canto ao coñecemento deste decreto e o rexistro que se crea ao seu carón, así como tamén as ventaxas que supón tanto pra eles como pra os consumidores no trato da venda directa ou a establecementos de comercialización públicos ou de restauración.

– A actidude defensiva dos produtores perante normativas que poden redundar no seu beneficio, provocadas pola creación e aplicación xeralmente de arriba cara abaixo.

– As dificultades e contraposicións para a venda directa de distintos alimentos regulados cada ún pola súa orde ou decreto: produtos primarios, transformados, comercialización de animais vivos, etc.; e o estado de confusión e desconfianza que isto xera.

– A ambigüedade do decreto que de xeito xeral deixa abertas posibilidades de fraude, mais ao mesmo tempo de medrar en consoancia con un desenvolvemento sostíbel da venda directa ao non encorsetar, coma outras normativas, con excesivos trámites burocráticos e de control aos produtores.

– Vivir no rural é posible, se se actua sen estar pensando en actuar. A fixación e a atracción de poboadores e axentes pasa por un respeto aos valores intrínsecos ao medio: con pouco pódese facer moito, soamente hai que afinar a mirada e estar atento ás oportunidades que cada territorio pode ofrecer.

O nivel de satisfacción dos organizadores así como dos asistentes fíxose notar co prolongado e sonoro aplauso co que os asistentes agasallaron aos ponentes minutos antes de pecharen as portas do Centro de Interpretación da Casa das Ínsuas de Rábade.

Dende a nosa a Asociación, e por ende, dende Terras de Lugo, agradecer o traballo realizado pola Reserva da Biosfera nas figuras da Deputada Sonsoles Izquierdo e da técnico Andrea Macho, así como a colaboración da Asociación Galega de Custodia do Territorio na cesión do auditorio da Casa das Ínsuas.