¿É san terlles envexa aos veciños?


Aínda que os cregos digan que non, teño para min, ¡descubrino cos anos!, que a envexa sa, construtiva, é un dos motores da civilización; se cadra o máis eficaz. Eu mesmo, se non fose por aqueles compañeiros da escola de Maxide que se ían ao Instituto, ou ao Seminario, mentres eu só podía aspirar ao ripeiro das zocas, non houbese acadado as forzas que tiven para pasarme a vida tragando libros…; ¡pero isto é un tema subxectivo!

O que é obxectivo é que os irmáns Rielo, de Arcos dos Frades, Pol, “fundaron e montaron” un Museo Etnográfico que hoxe é a envexa dos Concellos que teñen esa carencia, máis que por falta de medios, por falta de iniciativas. Con todo ser malo non telo, é peor a circunstancia de que están desaparecendo, ou extraviándose, as cousas, os artigos, dignos de perpetua memoria; unhas, por deterioro, pero máis aínda porque hai xente, concellos e países, que queren e aprecian o que outros aborrecen.

¿Que non hai sitio? ¡Iso é un pretexto de mal pagador! Os irmáns Rielo mercaron esta casa histórica, que foi a de don Froilán, onde a resistencia ao franquismo tivo un dos seus episodios máis cruentos. E seguidamente percorreron a contorna, estimando e atesourando o que outros desprezamos. Hoxe temos que pedirlles de favor que nolo deixen ver, cousa na que nunca foron egoístas.

¿Onde está iso de Arcos dos Frades? ¡Pois nas lindes do noso Condado, raiando co de Superata! Lembremos aquilo de que na escritura de venda dos Castro aos de Altamira incluíanse as terras de “Loaces…”

Como dixo Villarino (José Enrique), nunha ocasión recente, “Sería (imprescindible) localizar os principais recursos (etnográficos) para deixárllelos en herdanza aos nosos fillos e netos, e que non se perda a memoria do patrimonio”. ¡Pois todo é cuestión de envexa, de te-la suficiente para plaxiar o que fan/fixeron os nosos veciños!

Xosé María Gómez Vilabella