Pídolle ao caro lector, se é que algún teño, ou me queda, que me acepte estas confesións subxectivas, coa promesa de non ser reincidente, pero neste caso foi tan fonda a ferida persoal que me deixou cicatrices. Iso si, tiven un bo Médico, un tal Manuel Muñiz Besteiro, Amigo do Patrimonio, pero meu tamén:
Salvando distancias cosmogónicas, pasoume algo parecido ao noso paisano Colón, que encima de descubrir as Indias Occidentais (Américo foi despois), puxérono en ridículo e incluso o castigaron polo seu descubrimento. Sabía que existía, pero non puiden ir ata o ano 1987. Interesábame Grándola, Vila Morena, pero máis aínda ese irmán, ese “Castro Verde” sureño. E fun tan ben recibido, e tanto interese puxeron no que lles referín do Castro Verde norteño, que nada máis regresar ás terras da nosa Gallaecia, escribinlle ao señor Sousa Caeiros, daquela Presidente da Cámara, suxeríndolle, ou máis ben preguntándolle, acerca das posibilidades, pola súa parte, dun recoñecemento fraterno. A súa contestación, con data 27 de Agosto do ano 1987, ¡casualmente no día do meu aniversario!, – acompañada dunha cantidade inxente de material informativo-, carta que podedes ler na fotocopia que inserto coa presente, foi o mellor agasallo dos que recibín aquel ano, PERO…, ¡o pero estivo no pasotismo do meu propio Concello, que se riron da miña proposta, e xa non fosen parar aqueles documentos, ¡tamén!, o vertedoiro habitual.
A ferida quedoume sangrante ata o día en que Muñiz asumiu o temón…, e logrou que se nos tomase en serio facendo realidade a proposta de irmandamento! O propio D. Fernando Sousa veu ao noso Castroverde para facer realidade a promesa que me fixera 21 anos antes, e que por culpas alleas estaba pendente de realizar, segundo el mesmo recordou diante dos outros Alcaldes. ¡Que razón tiñan os nosos vellos, con aquela fe de entón, cando se rexían pola crenza de que, O que está de Deus non o leva o demo! Nesta última viaxe non puiden ir cos meus amigos; fisicamente, quero dicir, pois en espírito sempre estou con eles, cos de aquí e tamén cos do Sul, aos que teño na máis alta das estimas.
Deixa unha resposta