AVANCE PROGRAMACIÓN ROTEIRO TRIACASTELA-SAMOS
Para o día 29 de maio de 2010 está prevista a realización do ROTEIRO TRIACASTELA-SAMOS. Recorremos uns 12 km, entre as vilas de Triacastela e Samos. O camiño entre Triacastela e San Cristovo do Real ( 4 km) vai paralelo á estrada de Pedrafita do Cebreiro a Palas de Rei, polo que nese primeiro treito hai que estremar a precaución e camiñar en ringleira, pois é estrada moi transitada polos camións que van para a cementeira do Oural, e por numerosos peregrinos.
Levando á esquerda o río Sárria pasaremos pola PENA PARTIDA e a PONTE DE ALMIRÓN para volver a cruzar o río na fermosa aldea de SAN CRISTOVO, e xa na marxe dereita do río seguiremos unha “corga” ( carreira) ata perto do Muiño de RENCHE. Despois de subir unha pequena costa chégase á igrexa de Santiago de Renche, seguen uns metros pola estrada, e cóllese outra baixada cara o río , que se atravesa na Ponte de LASTRES. Pásase por esta aldea e por zona de fermosos prados alcánzase o lugar de FREITUXE REAL ( o medieval FREITUXE DE SÁRRIA), e cruzando de novo o río na Ponte de San Martiño do Real, sóbese ata a estrada , que se atravesa por un paso soterraño, e polas cortiñas de fora da “Chousura”, deixando á dereita a alta cerca do Mosteiro, por Outeiro e o barrio do Fontao , éntrase en SAMOS, pola Ponte de a carón da Casa do Concello, tendo á vista á man dereita o conxunto do MOSTEIRO DE SAMOS.
HORARIOS:
============================
9:00.- Punto de reunión dos participantes: No MOSTEIRO DE SAMOS, para partir xuntos cara a CASA FORTE DE LUSIO ( Lugar de nacemento do matemático Vicente Vázquez Queipo) , recentemente restaurada pola Xunta para Albergue de Peregrinos e Centro Cultural.
10:00.- Saída do Campo da Feira de Triacastela, logo de facer a “foto de familia” baixo do Monumento ao Peregrino.
En SAN CRISTOVO DO REAL, RENCHE e SAN MARTIÑO DO REAL o camiño de andar e a estrada conciden, e por iso as persoas que non completen a andadura poderán subir aos autobuses. De todas maneiras en Lastres e en Freituxe tamén estarán coches para recoller a aquelas persoas que non se sintan con forzas para seguir o camiño, de maneira que cada 2 km/2,5 km haberá a posibilidade de ser recollidos.
O camiño é maiormente en descenso, agás ás subidas de Renche e San Martiño, que son levadeiras.
En Samos , pola mañán, podemos visitar a CAPELA DE SAN SALVADOR ou do CIPRÉS, e o Paseo da beira do Río Sárria.
O xantar será en Samos, no Restaurante A Veiga.
Haberá visitas ao MOSTEIRO DE SAMOS, que pola súa duración deberemos facela pola TARDE , despois do xantar. A hora de comenzo sería a das 5 . A visita permite coñecer o Claustro Grande, o Claustro Gótico, a Fonte das Nereidas, o prrimeiro andar do Claustro Grande e as súas pinturas murais, a Sacristía, O Sino e a Igrexa mosteiral.
Ademáis , xa de volta a Sárria, poderase facer unha visita guiada na zona histórica ( A Vila ), e ao Mosteiro da Madalena. Tamén nese día se poderá ver unha mostra activa de rendas ( labor de palilleiras) que reunirá a máis de 300 participantes nun dos Pavilóns de Deportes.
Para confirmar reservas para o xantar agradecemos que, por suposto como dato provisorio, nos indiquedes o número de persoas de cada Asociación que supoñedes participará na programación.
Se tedes suxestiòns que facer para o mellor desenvolvemento das actividades do día non dubidedes en facelas.
O treito que recorreremos forma parte dunha Rota que comenza en Viduedo-Triacastela , e que tendo por eixo o Río Sárria, alcanza Sárria por Samos- Pascais- Perros-Lier-Frollais de Abaixo-Pedrachantada-Rota das Aceas e O Chanto.
Ampliaremos a información.
Agardando que esta programación sexa da vosa aceptación, recibide os nosos saúdos
Xaime F. López Arias
Deixa unha resposta