VOLVENDO AO REGO, VOLVENDO AO CAMIÑO

Cando nos poñemos a andar, cando facemos Camiño cara a Compostela, cando pasamos por Castroverde, os ollos, obviamente, van cara a diante; ¡impórtanos ir, impórtanos chegar! Pero pode ocorrer que nos esquezamos de que o Camiño que estamos facendo non é precisamente o de ida senón o de volta.

¿De volta? ¡Si, de volta de Zaragoza! Lembremos que o señor Santiago, Sancte Jacobe, arraigou na Gallaecia despois, e grazas, ao seu retorno. De aquí foise decepcionado. Non aguantou aquilo de “Xa veremos”, “Teño que consultalo coa ama”, “Agarde que o pense”, “Mañá falaremos!, “¡Vaia un Deus que se deixou crucificar polos romanos; sequera aquí, no Medullius, envelenámonos antes que entregarnos!”. Aqueles celtiñas, escarmentados dos romanos, perderan a fe no descoñecido.

O Fillo do Trono non era o axeitado para Gallaecia: Impulsivo, urxente…, Fillo do Trono! ¿Ou si? ¡Por algo San Pedro o mandara á Finis Terrae: Facía falta un Jacobe para atreverse co ignoto, co remoto, tan recentes que estaban aquelas, belicosas, conquistas. Non é posible que se asustase, pero si que se desanimase á vista do trasacordo galaico. Un bo día, ¡si, si, un bo día!, pola vía romana do Norte, co seu cabalo branco, ¿sempre o tivo así?, púxose en ruta para Tarraco; en Tarraco embarcaría, retornado, para Roma…

¡Ah, pero saíulle ao Camiño de volta nada menos que María, upada nunha columna daquela Seo en construción, na Caesaraugusta!

-Santiaguiño, parece mentira en ti, tan bos que son eses galaicos; ¡desanda o Camiño, que vale a pena!

¡E desandouno! Así que agora, cando imos, cando van, a Santiago, non van, non vamos: Volven, volvemos!

Xosé María Gómez Vilabella