Andanzas, chanzas e danzas
O conto das cereixas da Ribeira
No seu tempo, nunca lle faltaban á feira de Castroverde pois as cereixas deles adiantábanse ás nosas. O seu recorrido era subir cos burros ata a Muíña; e da Muíña á Poza do Barro, en Librán; cruzaban a serra para despois, beirando a Chousa do Escribán, baixar a Vilabade.
Os rapaces de Catatrigo, que cataban e recollían trigo en abundancia, que diso lles vén o topónimo, en cuestión de cereixas adoecían cada vez que vían pasar as mozas da Ribeira. Un domingo, instruídos polo Pepín de Domínguez, que era xastre, así que non daba puntada sen fío, os mozos do lugar lastraron de verzas aquel camiño, pero torcendo a ruta da feira: da Poza do Barro, en lugar de subir, baixar, baixar en dirección a Saíme. Os burros, desde que cataron aquel rimeiro interminable de verzas, ¡burros eles!, nin a paus quixeron encarreirarse.
En Saíme un dos mozos, que imitaba aos lobos a perfección, de escondido no canoto dun castiro vello deu eu ouvear. Ao momento presentáronse os outros mozos, tres ou catro, que agarraron os burros con firmeza e dixéronlles ás mozas da Ribeira que as ían acompañar ata o Rego de Vilabade, PERO a condición de que os invitasen a cereixas, tantas como quixesen comer. ¡Que outra lles quedaba, así que, gustosas, aceptaron!
Desde aquel día, co negocio chafado, as da Ribeira optaron por asistir ás feiras de Castroverde, si, pero, nun dos coches de Trigo!
¿Era machismo? ¡Que va; era unha picaresca enxeñosa, un tanto desmedida, pero tiña a súa graza porque sabían facelas sen danos esaxerados, cousa, medida, que non teñen as gamberradas que viñeron despois, e non só en Galicia.
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta